María naceu na aldea e viviu de nena
a vida humilde da aldea. Foi á escola o necesario para aprender a ler e
escribir, pois había que atender a facenda, ir á touza por leña, lavar a roupa,
guisar para os homes da casa. Aos dezasete botouse de noiva dun garañón da
aldea veciña que, na noite da festa de agosto, deixouna preñada. Casaron e
marcharon para Alemaña onda un tío do home que xa traballaba aló. Aló, en Hannover,
María tivo o primeiro neno, que lle chamaron Gumersindo, como o pai. Aínda sen repousar
bastante do parto, María púxose a traballar na Telefunken, mentres o seu home
andaba de albañil. Malvivían nun piso frío e pequeno, nun bloque suburbial no que
había moito turco, grego, e, tamén, moitos galegos. Nin Sindo nin María falaban
alemán, por suposto, e sentían arreo, mesto como a auga do orballo, o desprezo
larvado dunha xente, grande e loira, que os miraba como ilotas. Tras quince
anos en Hannover, traballando como as bestas, cun petiño pequeno conseguido a
base de moitas privacións, e con dous fillos máis que lles naceron aló, María e
Sindo voltaron para o país. Puxeron un bar, que lle chamaron Bar Hannover.
Pero, os nenos, xa medio grandes, non se adaptaron ben ao cambio e o Sindo
comezou a beber moito e perderse con baldreus de pouco pelo. A violencia
instalouse no Bar Hannover e na trastenda, onde vivía a familia. María rematou por
botar o home e, ao pouco, divorciáronse e liquidaron o bareto. O home,
alcolizado e practicamente insolvente, pouco podía contribuír ao benestar de
María e os nenos, así que esta alugou un pisiño e meteuse a traballar no que
lle daban para botar os nenos adiante e facelos homes de proveito. Traballou
limpando unhas oficinas, logo limpando nun área comercial; traballou, cando a
chamaban, repartindo correo pola vila e cosendo para unha multinacional, pois
sempre fora boa costureira. Xa maior, soa, privándose de todo, ausente da
vida dos demais, náufraga do mundo, sen unha idea demasiado definida da felicidade
nin do infortunio, María fixo o que puido, que foi moito, axudada por uns nenos
que lle saíron bos e guiados.
Hoxe, todos tres teñen o seu traballo, visitan a nai de cando e vez, e lle levan os netos, que María cobre de beixos e aloumiños. O outro día, cenando, o telexornal regaloulle a María este títular: Cayetana de Alba, unha muller admirable feita a si mesma. A María deulle gana de chorar e sentiu que o mundo é unha merda.
Hoxe, todos tres teñen o seu traballo, visitan a nai de cando e vez, e lle levan os netos, que María cobre de beixos e aloumiños. O outro día, cenando, o telexornal regaloulle a María este títular: Cayetana de Alba, unha muller admirable feita a si mesma. A María deulle gana de chorar e sentiu que o mundo é unha merda.
1 comentario:
O mundo é inxusto, si.
Publicar un comentario