Hai uns anos, antes de que a tele
fose o esterqueiro que é hoxe, eran
acostumados os documentais sobre a vida salvaxe e animal en hora tan deleitosa
como a sobremesa. Deste xeito, un podía, aproveitando o sopor post-prandium e comodamente instalado no
sofá, ir caendo docemente nos dominios de Pedro Chosco, mentres entrevía, cos
ollos semipechados e a conciencia en stand
by, programas tan suxestivos como a parada nupcial do pingüíno juanito ou a
migración anual do búfalo almiscreiro. Do limiar, pois, dunha destas sonecas,
lembro unha excelente reportaxe da BBC sobre os hábitos de vida dos leóns da
sabana. As imaxes, opotunamente comentadas pola voz do narrador, amosaban as
rechamantes diferenzas de comportamento social entre os cachorros machos e
femias. Mentres estas, con parsimonia, se dirixían, entre si e cos
adultos, maullidos, lametóns, leves contactos coas patas e delicados
revolcóns, os machos ruxían, bradaban, choutaban, trabábanse e agredíanse violentamente
coas gadoupas en horrísono balbordo, que importunaba os adultos e descompoñía a
harmonía do grupo. Eis a condición xenética do macho de calquera especie de
mamíferos superiores. Incluído, claro, o homo
sapiens. Eu non teño nova, por exemplo, de que una señora ao volante sinta
como unha afrenta imperdoable que outra señora a adiante co seu vehículo.
Percibo, por outra parte, que, en reunións, foros e outras catacumbas, o
individuo encantado de coñecerse (e de oírse) é un especime que
sobrancea máis na súa variante macho ca na variante femia. Unha boa amiga dicíame hai pouco, con brillante metáfora, que certo departamento da súa
empresa resulta moi pouco operativo porque nel hai moito macho alfa competindo entre si por impoñer a súa autoridade.
Que douscentos antropomorfos conveñan
nunha quedada vía guasap darse de
trancazos antes dun partido de fútbol, ademais de poñer en valor os beneficios
incontestables das redes sociais, é un feito que reivindica esta dimensión
basal do macho, inzada de testosterona, axilas suadas e alaridos rociados de
cuspe. Un anuncio de desodorante masculino, que acaso vostede lembre, sobre a
imaxe dun fulano que, con pelo a lo Henry Colomer, deixaba emparafuxada a unha
señorita co seu irresistible engado masculino, tiña como lema: Vuelve el hombre. O home nunca marchou.
Dende o Circo Máximo de Roma ao Estadio Vicente Calderón de Madrid, o macho
deambula pola historia do mundo sometendo o seu cerebro ao imperio dos seus
testículos e sementando toneladas de sangue estúpida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario