Os mass-media e as it-girl (se
non me entende, é que non vive Vde. no mundo) teñen a curiosa capacidade de
poñer de moda calquera cousa: o día que Olivia Palermo se pasee pola Gran Mazá cunha
boina de badana e unhas katiuskas desas de ir a muxir as vacas, o Corte Inglés terá
que facer extras para ataviar con tan prosaicas prendas a un exército de mozas
ávidas de fardarse de lo last, a
imitacion dunha señora universalmente
coñecida non se sabe moi ben por que. Do mesmo xeito, con que os titulares de
catro rotativos, de cinco boletíns da radio ou de seis telexornais exhiban ao
Sr. Rajoy pedindo perdón, xa podemos darnos por j… en fin, que xa podemos aceptar
que pedir perdón ten carta de natureza na vida política e agardar unha
vaga de políticos que, en días sucesivos, de certo seducidos polo efecto
mediático de tan nobre actitud, se sumarán á nova moda. De feito, ao pouco do
pedimento do noso premier, tamén a Sra. Aguirre (Dª Esperanza) sumouse ao trending topic do momento, e, con cara
de moi arrepesa e compunxida, dixo que parecía mentira, hom, que vaia por Dios
tamén este Granados, mira que me saíu ra. Pero, ah, os cidadáns que non somos
ningúns babecas, non lle aceptamos o perdón, non señor, ata aí podiamos chegar,
e, con moita teima e riqueza de argumentos, en debates, tertulias, cenáculos,
foros e outras xuntanzas, se conclúe que non abonda con pedir perdón. Algo así
como o código yakuza: machiño, de pedir
perdón nada: a cortar o dedo, que o que fai a paga.
Non sei, a verdade, como encaixar
iso de que os políticos pidan perdón, pois o dicionario é implacable e non dá
moito lugar a medias tintas: pedir perdón será solicitar «remisión dunha culpa,
débeda ou pena»?
Home, isto sería tanto como atribuír ao Sr. Rajoy unha «culpa, débeda ou pena» por ter o seu partido como a cova de Alí Babá (anque,
ben mirado, pena dá bastante, si…). Pedir perdón será instar á «indulxencia
cun comportamento determinado»?
Esta, creo, é a acepción que encaixa no caso, pois non hai outra no dicionario.
Indulxencia. E aquí chego eu ao meu razoar: cando eu no traballo meto o zoco, de
pouco vale pedir perdón (é dicir, indulxencia) pois esta nin exime das
consecuencias do erro nin o edulcora ou disimula. Depuro a cadea para detectar
o fallo, asumo a miña parte alícuota de responsabilidade e fago firme propósito
da emenda, pero non pido perdón, e non por ser un maleducado (que por tal,
modestamente, non me teño), senón por que non ha lugar. A vítima do erro ten o dereito
e o deber morais de lembrarme que solicitar perdón pode resultar indigno e que, polo mesmo, non se trata de pedir perdón senón de facer
as cousas ben. Pero escorrer o vulto e agardar a ver si cuela son as leccións 1 e 2 do Manual do Político Contemporáneo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario