10.11.14

O lexicólogo paranoide

Non sei se documentadamente ou de xeito apócrifo, atribúese ao político conservador Franz Josef Strauss (que tan insistentemente foi comparado co noso nunca ben ponderado Fraja) unha recomendación que, de ser auténtica a atribución, o afouto bávaro dedicaba aos seus colegas de profesión: pensar de xeito complexo e falar de xeito simple. Persoalmente, e con contadísimas excepcións, acho que a media do político español contemporáneo  (sexa de caste ou palleiro, teña coleta ou bigotillo de lan de rato) fai diametralmente o contrario: pensar de forma bochornosamente charramangueira e intentar ocultar tanta vacuidade cunha artillaría terminolóxica, troncal de dereita á esquerda e  moi nutrida de “recorridos”,  “follas de ruta”, “mire usté”, “desarrollar políticas”, “sostibilidade”, “eficiencia”…, que atormenta os sentidos e dorme as ovellas. A dialéctica da descualificación na que deveu o exercicio da política contemporánea define unha estratexia verbal compulsivamente dominada por dous movementos complementarios, ataque e defensa, unha cousa que, na atmosfera irrespirable dun país afundido na lameira da corrupción, debe resultar extremadamente cansativa e deixar moi pouco espazo á solidez do discurso, á riqueza da expresión, á elegancia da invectiva e mesmo a un trazo de enxeño sempre gratificante. Cando Mr Churchill se refería a un parlamentario laborista como un home humilde con moitos motivos para ser humilde, estaba formulando un ataque directo ao rival, pero coa intelixente cortesía do sarcasmo, non coa vulgaridade, violencia ou pura vileza que hoxe campan en parlamentos, mítins e atrís informativos. Nunhas aulas para profesores universitarios que impartía, eu aventuraba como elemento inicial de reflexión que falar e escribir on corrección (correctamente, digo, o talento é outra cousa) son manifestacións dunha única magnitude: pensar ben, e eu creo que a media de calidade do pensamento en España (de novo con honrrosísimas excepcións) é moi baixa. Ligue o TV, busque un debate na canle que queira e poderá Vde. comprobalo. Como, moi atinadamente, un ácrata rotulou na parede de certa facultade Pensar non doe.
Os últimos meses foron especialmente pródigos en novos troqueis que farán época, seguro: brotes verdes, contratación en diferido, referéndum non vincunlante, simulacro de participación, consulta soberanista… As piruetas semánticas dos nosos benqueridos políticos están construíndo un novo arquetipo: o lexicólogo paranoide.

No hay comentarios: