29.12.07

Embotados co curto prazo

Sobre a horizontalidade na oferta/demanda editorial —á que me refería hai días como unha das características do panorama actual da edición mundial— non hai máis ca pasearse estes días polas librarías das grandes superficies comerciais e pulsar ata qué punto a saída ao mercado dun libro pode converterse nun agresivo hit mediático, á altura do megagrupo Random House Mondadori, arrodeado de cifras absolutamente descomunais e records propios da máis pura industria do entertainment: 525000 exemplares (récord de tiraxe na historia do libro en España, ¡por riba de Harry Potter!); 80000 cajas de libros; 2000 puntos de venta; 300 persoas implicadas no operativo… A cousa lembra as abrumadoras enumeracións no comezo das superproducións de Cecil B. de Mille, recordan?
En fin. O libro en cuestión, Un mundo sin fin de Ken Follet é a segunda parte (segundas partes nunca…) de Los pilares de la tierra, unha torpe recreación dun inverosímil mundo medieval, anacrónico no menos perceptible —é dicir, os propios personaxes—, pero dotado de todos os elementos do best-seller, capaz de encandilar, en consecuencia, a lectores pouco habituais (de aí, como todos os best-sellers, as cifras de consumo que xeran): ritmo cinematográfico, profusión de diálogos, ausencia de profundización nos personaxes, acción trepidante, elementos máxicos, esotéricos, lexendarios, míticos, épicos… habelenciosamente trenzados e… pouco máis. Eu, presa do aburrimento, non fun capaz de rematala. Trátase dun deses libros que teñen na entusiasta recomendación de certas persoas a peor carta de presentación.
Créase o éxito, un éxito con pés de barro, a golpe dunha agresividade comercial e un rodillo mediático ilimitado, crecente e sen precedentes, e que, caso de errar e a fin de contas non contar co veredicto favorable do público, suporá, sen dúbida, unha débacle que custará máis dunha cabeza de executivos do grupo. O libro sométese así á tensión propia do produto efémero, do mero obxecto de consumo de calidade suposta sobre as bondades da anterior entrega -ao estilo de Shrek I, Shrek II, Shrek III...-, un obxecto feble por natureza, feito para usar e tirar, nunca para pervivir. A edición sen editores.
Cando Allen & Unwin publicaron entre 1954 e 1955 The Lord of the Rings manifestaron a Tolkien a súa preocupación e desconfianza no éxito do libro, tras a magnífica acollida de The Hobbit (1937), unha novela lixeira e breve, divertida, de personaxes, mesmo os máis malvados, edulcorados por unha inxenuidade moi infantil. Fronte a O Hobbit, o novo manuscrito tiña máis de mil páxinas e un carácter escuro, de larvada violencia, inquietante, moi pouco para nenos, dixeron. Con todo, arriscaron e apostaron pola obra. No mundo precario da posguerra, a carestía de papel obrigou a facer unha edición en tres volumes, de tiraxe modesta e espaciada, pulsando a eventual aceptación do público de cada un dos volumes. Hoxe, tras a Biblia e o Quixote, O señor dos aneis é o libro máis traducido, editado e lido do mundo.
O carro, como mellor vai, é poñendo os bois diante. De toda a vida.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Atópome lendo:"Entre dos aguas" de Rosa Ribas, pareceme (¡Seguro!),moito mais interesante..podemos conecer o mundo que pasaron os nosos emigrantes en Alemania, o mesmo tempo que leer entretenidamente. Remateí "MENTRAS A HERBA MEDRA", algunhas palabras eranme dificiles pero disfrutei a súa lectura.
Teño que ir elixindo as lecturas polo meu gusto e informandome aquí e ala , malamente : Pois ¿Quen pensa no lector interesado en ..ademaias de leer ilustrarse?
Os do Marketin das ventas non!
Como se podería mellorar?, non o sei, pero agradezo encontrar espazos como este Blog... pena que quizas sexamos poucos os que pensamos así.
Gracias por acoller esta pequena reflexión.

juan l. blanco valdés dijo...

Amiga/o anónima/o:
Unha honra para min a súa visita e comentario. Un dos obxectivos principais desta bitácora adicada ás letras, a cultura e a reflexión, é precisamente servir de convite, suxestión, iniciativa... Tomo nota tamén da súa suxerencia de Entre dos aguas de Rosa Ribas. Polo tema (eu pasei moitas tempadas en Alemaña, aínda que non coma emigrante) paréceme moi interesante.
Un saúdo moi cordial. Ademais, é vostede o primeiro comentarista de 2008!

Anónimo dijo...

Lendo este artículo seu,lembro entrevista de Juan Cruz EL PAIS, a Ian Michael que con seúdonimo de DAVID SERAFÍN escribiu 6 deliciosas
novelas ,que reflexan a España posguerra ata transición. Hoxe solo escribe como Medievalista,e renega deses libros que tan mal van par a verdadeira HISTORIA.

juan l. blanco valdés dijo...

A pregunta, ás veces, debe ser: que é a verdadeira historia? Que é a verdade histórica? Preguntas de moi difícil resposta.
Grazas polo seu punto de vista e visita. Unha aperta.