Comprometín toda a tarde dun sábado
a esperar o tractor de leña que un empresario (¿) do ramo me prometera para as
tres da tarde. Chamei ás tres e media. Díxome que ás catro e media. Ás cinco e
media volvín chamar e xa nin me colleu o teléfono. O inaudito é que eu lle ía
pagar, claro, e que o fulano dedícase a iso, a vender leña. Unha anécdota?
Pode. Todo na vida, se ben o pensamos, son anécdotas.
22.2.14
Unha anécdota
14.2.14
Rosa, rosae
Axudando ao meu fillo Juanpe co
latín da secundaria (no seu colexio, cousa rara, é obrigatorio), rememoro
sufrimentos escolares, hoxe entrañables malia teren influído amargamente no seu
momento, ao punto de facerme case desistir de seguir coa carreira. Suspendín
latín en segundo ano da miña licenciatura en Filoloxía Hispánica, pois daquela
consagraba eu a miña condición de estudante en Compostela a unha existencia
noctívaga, na que Tácito e as Metamorfoses ovidianas se conciliaban pouco coa
ofrenda dos meus dezanove anos a musas, digamos, máis mundanas. O verán
subseguinte ao patinazo, e xa reposto do trauma (era o primeiro suspenso da
miña vida), adiqueino a traducir De
amicitia, de Cicerón, un sublime tratado de humanidade, que evidencia o herdo
incalculable de Roma ao mundo occidental. O que comezou sendo unha obriga por
demais molesta, e directamente imposta pola necesidade de render contas no
exame de setembro, foi mudando paseniño nun labor feito, ao cabo, máis por pracer
ca por compromiso. No silencio nocturnal do estío e baixo a luz pálida do
flexo, eu ía montando as pezas da sintaxe ciceroniana e adquirindo aos poucos a
visión dunha paisaxe lúcida e coherente, cando penetraba o sentido final dun
período que comezara cinco liñas máis arrriba. Xa aprobada a asignatura, seguín
durante meses traducindo, por puro gusto, outras obras e autores. Hoxe teño a
absoluta certeza do moito que a miña pobre intelixencia debe á extraordinaria ximnasia
mental que é o latín e ao acervo cultural que me proporcionaron os clásicos. Na
sempre imprescindible incitación ao pensamento complexo, o abandono de materias
como o latín ou a filosofía supón unha lamentable depauperación intelectual. Actualmente,
cando tanto se bota man dunha artillaría terminolóxica que inclúe produtividade, transferencia
de tecnoloxía, excelencia ou rendibilidade, ata o
punto de mesturárense alarmantemente as lindes da universidade e da empresa, un
profesor que ensina os verbos polirrizos gregos, as fontes medievais de Lutero
ou o positivismo hegeliano, pregúntase, con moita razón, o valor que as súas
ensinanzas teñen en termos de transferencia de tecnoloxía ou produtividade. Sospeito
que Sócrates tería serias dificultades hoxe para acreditarse como catedrático
universitario de Filosofía.
Etiquetas:
Da artesa da memoria,
lectura,
personalia,
sociedade,
universidade
5.2.14
Un niño de pombo
Os temporais deste terrible inverno derruban edificios,
levantan tellados, derraman bosques e xeran vagas xigantes, capaces de mover
coches e mesmo de engulir vidas humanas, as vidas de quen ignoran a virulencia
do perfecto asasino que pode ser o océano. Pero, como nunca choveu que non
escampara, tras o trebón vén a calma, malia que, no país, a calma sexa, ben de
veces, o torvo heraldo de novos vendavais. Cando isto escribo, contemplo o val
da Amaía baixo o palio dun ceo de inverno, azul e pálido, sutilmente mechado de
nubes branquigrises, a imaxe amable dunha natureza materna e tépeda. Atopo na
contemplación da paisaxe, no mudo estupor perante a súa serenidade elementos de
reflexión. Eu penso, por exemplo, que a estupidez e a maldade humanas foron incrementándose,
en canto pautas de conduta social, na mesma medida en que se foron esquecendo
os ritmos eternos, sabios e pausados de Nai Natura, torpemente substuídos polos
aberrantes elementos constitutivos diso que chamamos vida moderna: comer lixo ás présas, beber máis lixo, durmir de día
a causa do insomnio nocturno, padecer angustia cando nada nos falta e todo nos
sobra, someterse á tensión permanente, da competitividade, da produtividade, da
rendibilidade, do alimento da autoestima, da envexa do éxito alleo, da inexplicable
ignorancia allea acerca da nosa evidentísima valía… é dicir, do estrés. Non quero dicir que o home paleolítico
non fose tamén, ao seu xeito, vítima do estrés. Pero malíciome que entre arriscar
o pelexo diante dun mamut de sete mil quilos e non acadar o nivel de
produtividade da empresa, media unha medida do estrés definida por 50000 anos
de evolución. Aí seguimos. Temos máis saúde e estiramos o noso programa
biolóxico, dominamos as forzas cegas de bacterias e virus, inventamos milleiros
de leis e normas, todo para alicerzar a nosa existencia no benestar, pero o
suicidio é en Occidente a primeira causa de morte traumática, máis que os
accidentes de coche. Entre tanto paradoxo, eu adoro as leccións, caladas pero
sublimes, con que a natureza humilla a nosa vaidade. O temporal levou andamios
e edificios, derramou piñeiros, arrincou tellados e vidas inocentes, pero,
nunha nogueira que coñezo, hai un niño de pombo que sobreviviu a tanta
turbulencia. Cada vez que o vexo, suspiro reconfortado
15.1.14
Semellan boa xente
O outro día alguén postou en FB un
pensamento tan chocalleiro como fondo de matices e rico de inferencias: hoxe caeume Internet e botei o día coa
familia. Semellan boa xente. O certo é que, para alén de chispeantes
hipérboles, a servidume á que as redes sociais someten a un cada vez máis
crecido número de seres humanos é algo rechamante e que paga a pena ponderar
con certo detemento. Que fascinio engaiolante agocha a máquina para mediatizar
ao seu través as nosas relacións cos demais? É Facebook unha sorte de parapeto
ou peneira que filtra os elementos ao noso xuízo máis suxestivos de nós mesmos
no entanto nos permite subtraer os menos atractivos? Será a xeito de cómodo escaparate
ou feira das vaidades onde exhibimos partes de nós que non ousamos compartir tête à tête por timidez, vergoña, anticipación
do ridículo…? Dicía Ramón Pérez de Ayala que o ridículo é a diferenza entre o
propósito e o logro. Ese é, precisamente, o risco cando un, no mundo real e
perante persoas de verdade (e non os seus trasuntos cibernéticos), se desfai de
molestas amarrallas morais e convencionalismos ditados pola conciencia das nosas
limitacións ou defectos e, baixo o influxo de vaia vostede a saber que (o alcol,
a euforia ou a tontuna repentina), perde os papeis, é dicir, maniféstase
espido, como o mono de Desmond Morris. Ninguén é feo, antipático, insociable ou
aburrido en Facebook, non existe a halitose nin o olor corporal, razón pola cal
alguén afirmou que non só é o país máis grande do mundo, senón que é dos poucos
sitios onde un é como lle dá a gana ser. A propia expresión mundo real para definir o que facemos
cando desligamos o ordenador, a tablet ou o móbil, non deixa de ser
inquietante. Porque, que é hoxe máis real
ca miles de millóns de seres humanos unidos pola fractura definitiva e total da
distancia física? Cando vexo o gústame
dun curmán meu que vive en Dubai nun post meu de Facebook ou o comentario dunha
vella amiga de Boston a unha foto da mocidade, penso que nunca as nosas vidas
foron menos nosas. Non teño, porén, ningunha razón para crer que compartir cun
nivel tan alucinante de transparencia e inmediatez os nosos días, tráfagos,
angueiras e ledicias sexa malo. Ao cabo, as redes sociais están
quintaesenciando o último elo dun mundo global, que comezou hai séculos co
trebello dun tal Gutenberg. O malo é que, se marcha a luz, fica un sen amigos.
23.12.13
San Google
Hai uns días sorprendinme a min
mesmo tecleando o título de dúas obras dun mesmo autor na ventanilla única de Google para deducir se unha delas era máis
«importante» (as aspas son aquí necesarias) ca a outra. A primeira devolvía
600.000 resultados, a segunda 2.400.000. Nin que dicir ten cal foi a miña
conclusión. O que me sorprendeu foi a capacidade canonizadora que, de xeito
practicamente inconsciente e automático, concedín ao veredito de Google, sen
determe a matinar un pouco sobre a calidade e fondura das coincidencias que o
máxico algoritmo do buscador é quen de atopar en décimas de segundo. Que
importa? O caso é o número, unha cifra que establece un ranquin universalmente
recoñecido. Hai unha web moi divertida chamada Googlefight,
onde pode vostede introducir dous criterios de procura para ver quen gaña. Algúns «clásicos» son Steve Jobs /vs/
Mark Zuckerberg; Google /vs/ Microsoft; Luke Skywalker /vs/ Darth Vader ou
MacDonalds /vs/ Burger King. A xente pasa o rato metendo cousas como
Rajoy /vs/ Zapatero, Celta /vs/ Depor, Beiras
/vs/ Feijoo e por aí, o que, entre outras cousas, ademais de evidenciar o pouco
que teñen que facer algúns, demostra a tendencia basalmente binaria do seu
humano. Eu lembro aínda próximos os tempos nos que existía a profesión do
documentalista, un señor ou señora a quen se lle encargaba información
circunstanciada sobre un asunto e, pasados uns días, enviaba un dossier
impreso, relativo ao particular que motivara a consulta, algo inconcibible en
tempos nos que a interfaz de comunicación coa información se basea na absoluta
inmediatez e na ausencia do máis mínimo esforzo. Persoalmente superei hai moito
a superflua dialéctica ‘papel-dixital’ ou, máis amplamente,
‘tecnofilia-tecnofobia’, entre outras cousas porque, en punto a tecnoloxías da
comunicación, a miña profesión de editor obrígame a estar sempre un chisco máis
alá ca o común dos mortais. Pero, poñendo unha vela a Google, non son quen de
non poñerlla a Gutenbeg. Penso, precisamente, na indeleble pegada que unha
cultura (¿) adquirida baixo demanda e desprovista da beneficiosa «xerarquía»
que proporcionaba o papel (non é o mesmo un manual ca un libro de texto nin
unha enciclopedia ca unha monografía) está deixando cada vez con máis
intensidade en xa varias xeracións. Hai unhas semanas reflexionaba neste mesmo furancho sobre o desprezo ao pensamento complexo, case unha característica dos
denominados nativos dixitais. Ata certo punto, Google quintaesencia esa
ausencia de crítica. Anque, polo demais, San Google serve para todo. A viñeta
gráfica é elocuente: «María, ti sabes onde teño os calzoncillos?» «Eu que
carallo sei, busca en Google!».
Suscribirse a:
Entradas (Atom)


.jpg)