23.12.13

San Google



Hai uns días sorprendinme a min mesmo tecleando o título de dúas obras dun mesmo autor na ventanilla única de Google para deducir se unha delas era máis «importante» (as aspas son aquí necesarias) ca a outra. A primeira devolvía 600.000 resultados, a segunda 2.400.000. Nin que dicir ten cal foi a miña conclusión. O que me sorprendeu foi a capacidade canonizadora que, de xeito practicamente inconsciente e automático, concedín ao veredito de Google, sen determe a matinar un pouco sobre a calidade e fondura das coincidencias que o máxico algoritmo do buscador é quen de atopar en décimas de segundo. Que importa? O caso é o número, unha cifra que establece un ranquin universalmente recoñecido. Hai unha web moi divertida chamada Googlefight, onde pode vostede introducir dous criterios de procura para ver quen gaña. Algúns «clásicos» son Steve Jobs /vs/ Mark Zuckerberg; Google /vs/ Microsoft; Luke Skywalker /vs/ Darth Vader ou MacDonalds /vs/ Burger King. A xente pasa o rato metendo cousas como Rajoy /vs/ Zapatero, Celta /vs/ Depor,  Beiras /vs/ Feijoo e por aí, o que, entre outras cousas, ademais de evidenciar o pouco que teñen que facer algúns, demostra a tendencia basalmente binaria do seu humano. Eu lembro aínda próximos os tempos nos que existía a profesión do documentalista, un señor ou señora a quen se lle encargaba información circunstanciada sobre un asunto e, pasados uns días, enviaba un dossier impreso, relativo ao particular que motivara a consulta, algo inconcibible en tempos nos que a interfaz de comunicación coa información se basea na absoluta inmediatez e na ausencia do máis mínimo esforzo. Persoalmente superei hai moito a superflua dialéctica ‘papel-dixital’ ou, máis amplamente, ‘tecnofilia-tecnofobia’, entre outras cousas porque, en punto a tecnoloxías da comunicación, a miña profesión de editor obrígame a estar sempre un chisco máis alá ca o común dos mortais. Pero, poñendo unha vela a Google, non son quen de non poñerlla a Gutenbeg. Penso, precisamente, na indeleble pegada que unha cultura (¿) adquirida baixo demanda e desprovista da beneficiosa «xerarquía» que proporcionaba o papel (non é o mesmo un manual ca un libro de texto nin unha enciclopedia ca unha monografía) está deixando cada vez con máis intensidade en xa varias xeracións. Hai unhas semanas reflexionaba neste mesmo furancho sobre o desprezo ao pensamento complexo, case unha característica dos denominados nativos dixitais. Ata certo punto, Google quintaesencia esa ausencia de crítica. Anque, polo demais, San Google serve para todo. A viñeta gráfica é elocuente: «María, ti sabes onde teño os calzoncillos?» «Eu que carallo sei, busca en Google!».

No hay comentarios: