28.6.11

O crocodilo chora con motivo

O xoves 18 de novembro de 2010 aparecía a miña primeira colaboración na contra de Galicia Hoxe, que hoxe (valla a redundancia) sae ao público por última vez. Sen dúbida, unha páxina do xornalismo galego contemporáneo que se pecha, ou, mellor, que rompe malamente. Aquela colaboración outonal chamábase Árbores e referíase a moitos bos amigos vexetais que coñezo de hai anos, a amizade dos cales cultivo nos meus deleitosos paseos polo verxel que é A Amaía. A última é do 23 de San Xoán pasado e falaba da fenda dixital da nosa sociedade. Entre as dúas colaboracións median 33 semanas e 33 reflexións, impresións, puntos de vista, pareceres, impresións, emocións, sentimentos, calafríos, calentóns e estremecementos variados que tiven a ben bautizar Bágoas de crocodilo, título que, creo eu, acaía ben á cousa, pois a columna recollía benevolamente as paparruchas dalguén que non ten moito motivo claro para andar por aí metendo o narís en todo. Literatura, sociedade, tecnoloxía, natureza, poesía, política, cine, universidade, edición... Onte, cando recibín a, digamos, airada carta do director Caetano Díaz, que hoxe reproduce o xornal na contra, fun présa dun sentimento agridoce: por unha banda, remataba para min o peso dun compromiso semanal que, fóra o benéfico cultivo do desinterese e a levísima vaidade de ver as miñas bágoas en letra impresa, non me reportaba maldito o proveito; por outra -rutineiro que é o ser humano-, estaba case acomododado ao agradable tópico hebdomadario de me enfrontar ao "artigo do xoves". Semella, en fin, que a miña carreira como xornalista cultural non está chamada a perdurar. Como París para Rick, sempre me quedará este recuncho, cada vez máis desolado. Non importa. O caso é estarmos ben connosco.
De por parte, non quero entrar a valorar as causas que levaron á desparición final de GH. Supoño que para os seus responsables o máis lóxico é buscar as culpas fóra e reivindicar a bandeira da lingua. Para moitos cidadáns a interpretación é, en troques, doada: cada pau que ature da súa vela, que xa está ben de tanta cultura subvencionada e de tanta cultura da suvbención. A nosa é unha sociedade complexa, con claves, autoimplicacións e imaxinarios que, aos meus 51, me seguen escapando. Eu, para min teño que calquera empresa xornalística agocha un risco altísimo: non conectar ou, tal vez, deixar de conectar co público, que é, como ben saben actores, políticos e fisioterapeutas, o tirano máis grande que existe baixo o sol do mundo. Pero ninguén (nin eu, que xa é dicir) coñece a fin de todos os camiños. Deploro fondamente a situación na que fican os 19 traballadores do medio e agradezo con toda a sinceridade e calor dos que son capaz a inmerecida confianza que os meus amigos Henrique Neira e Miguel Seoane, e tamén o director Caetano Díaz e o subidrector Xavier Cea -dos cales recibín constantes mostras de xentileza e bondade- depositaron en min ao consagrarme un espazo tan privilexiado como a contra, onde puiden sacar os nenos, que normalmente viven zarrapechados neste furancho dixital, de paseo polo mundo adiante.
Hoxe o crocodilo chora con motivo.

22.6.11

Godot

Eu non vivín máis épocas ca a miña (intelixentísima constatación, por Xúpiter!). E, como non vivín máis épocas ca a miña, teño que botar man desa señora que por veces se pon tan seria e que todos coñecemos como Historia. Pero nin a Historia é quen de elucidar unha dúbida que hai tempo me ronda pola chola e que se relaciona co recente movemento de indignación popular, que, polo visto, periclita sen remedio. A miña hesitación formula ata que punto os diferentes sistemas políticos e socioeconómicos polos que o mundo veu transitando foron quen de fagocitar os movementos alternativos que, como reacción ás maldades daqueles, se desenvolveron xa con máis xa con menos intensidade. De certo que un historiador solvente ou un sociológo listo podería argumentar con moita más autoridade ca este impertinente curioso. Pero, sen que os meus escrúpulos queiran ser unha chamada ao derrotismo nin un alegato a prol do desánimo, non podo desfacerme de certas sospeitas nin do desexo impostergable de botar o meu cuarto a espadas. Non rematou EE.UU por facer o que lle veu en gana en Vietnam? Levantouse alguén en armas tras o asasinato de Osama Bin Laden lembrando aos americanos que, por moito que semellante esperpento tivese ben merecido o castigo, non poden facer o que lles pete? Onde estan hoxe os hippies? Supoño que os que sobreviven son honrados pais ou nais de familia que, por toda manifestación de inconformismo, perfúmanse con pachulí, queiman sándalo na salita e escoitan a Ravi Shankar, Janis Joplin ou o mago Hendrix. Que foi do milagro comunista? Pois que aos alemáns do Leste, que hoxe conducen un BMW, lles parece incrible que os seus pais conduciran algunha vez un Trabant, que semellaba un coche de tiovivo. E os heroes do 68? No mellor dos casos, melancólicos crónicos dun pasado que, como todos os pasados, se nos aparece tinxido dunha gloria e brillo incomparables coa mediocridade presente. E entón voltamos, coa salmodiante monotonía do tópico, a aquilo dos vellos tempos, época arcádica que, normalmente, a ninguén lle interesa o máis mínimo. Por veces xorden espíritos sinceros que son quen de chamar as cousas polo seu nome e percibir o frío que segue ás festas, cando xa non queda ninguén e o escenario de tanto exceso se viste de patético baldeiro. Así, un dos Panero chamou o desencanto aos anos que seguiron a euforia da transición, these wonderful years nos que -ao lume espeso dos Ducados primeiro e dos porros despois, á luz escasa dos flexos que remataban por poñernos a cara da cor do leite fervido- vivimos intensamente a ilusión de mudar o mundo. E mudou? Home, si, mudar mudou. Había partidos políticos, saían tías en bolas en Interviu, Supertramp tocou en Pontevedra, despareceu a censura e no país respirábase un aire de calidade, digamos, normal, non aquel gas deletéreo da ditadura, que fedía a incenso e mexo seco. E pouco máis. Ao cabo, os socialistas deviron sociatas adosatas, descubriron o pracer da ducha daria, o coche oficial e o despacho de deseño, e os comunistas, acomplexados e incapaces de adaptarse aos novos tempos, houberon de refundar, entre as cinzas cun pasado sublime, un partidillo marxinal. E daqueles ventos estes lodos. Sic transit gloria mundi. Que será dos indignados de hoxe, que, inasequibles ao desalento, seguen esperando a Godot? Pois apostaría a cobertura do meu móbil a que en oito de cada dez casos, ou moito muda o mundo ou en vinte anos estarán satisfacendo relixiosamente unha hipoteca, terán un golden retriever que atende por Strauss, un 4x4 coreano a prazos e serán adictos ás ofertas de Mercadona e Halcón Viajes. E, mentres, esperan a Godot, sen se decataren, tal vez pola ofusación do desespero, tal vez pola vehemencia da indignación, tal vez por seren mozos afoutos con gana de comer o mundo, que Godot non se presenta xamais, e que, contra toda esperanza de cambio, no mellor dos casos, tras a festa vén o frío do baldeiro, unha lixeira cefalea e un certo malestar de estómago, como de fartura innecesaria da que mesmo nos arrepentimos un pouco. Ese silencio cando marchan os invitados.
A min a crise estame servindo para reformularme moitas cousas, desbotar absurdas inercias ás que, como todos supoño, estaba afeito e a destilarme diariamente nun novo crisol de escaseza e
apreturas. Hai catro anos tería vaticinado unha convocatoria masiva á masacre perante unha rebaixa de emolumentos como a que sufriu o sector público español. E non pasou nada. Aturamos e seguimos cara a adiante, de novo confiados en que, tarde ou cedo, Godot chegará e nunca choveu que non escampara. Pásmame a capacidade de adaptación colectiva que temos perante a adversidade e aprecio de veras no país seguirmos arrimando o ombreiro, acaso convencidos de que a mal tempo boa cara. No que a min fai, moito ten que virar e torcerse a cousa para desposuírme do entusiasmo, da imaxinación e das ganas de seguir facendo ben as cousas. En fin, o mellor que sei.

11.6.11

Lo que queda del día

Nunca se sentiu vostede como pouca manteiga sobre demasiado pan? O día morre sobre o val da Amaía. Unha fenda branca ábrese nas nubes grisazul e deita unha última raiola, escuálida e feble, na urdime verde dos bosques. A terra, as casas e a xente que as habita,recóllense tépedas, quedas. Prepáranse para cruzar a Estixia da noite. Parece todo inmóbil e en silencio. De lonxe chéganme os risos dos nenos no parque. Ladra un can. Eu escoito Islands de Scott Cossu e os meus dedos baten con dozura e paseniño nas teclas e van compoñendo esta xorda reflexión. Os meus dedos parécenme gordechos. A alianza no mediano aprétame, e, cando a saco, deixa a marca. Son as 21:50. Nada máis. Lembro ter escrito un poema que di así:
Ahora me veo, cercado y pálido,
interpretando los augurios
del silencio repentino.
Los gritos ahogados de los niños suenan
abajo a quien se va y odia las despedidas:
las copas manoseadas, el tufo denso del tabaco,
la ligera cefalea o el malestar de estómago.
Sola la soledad me queda,
para apurarla con la avidez del usurero
y subir de lo lejano.
Hasta saciarme
de la levedad involuntaria que se agita
en el rescoldo del día.

31.5.11

Política

Disque o tigre, unha vez que cata carne de cristián, logo non quere doutra. Será polo mol e tenra, tan regalada. Eu, para min que algo así debe ser a política, e digo debe ser porque non gozo do beneficio da experiencia: a diferenza do tigre papahomes, nunca tiven eu interese ―e ao mellor tampouco oportunidade, certo é― de probar tan, polas trazas, rico manxar. Si desempeñei, coa entrega e entusiasmo dos que fun capaz, algún carguiño máis académico ca outra cousa, que algo conlevaba de política, porque, de seu e entendida como a arte ou xeito de conducir un asunto ao seu mellor fin, política haina en todo na vida: nas relacións cos amigos, cos familiares, cos colegas, superiores e subalternos, cando facemos a compra, cando viaxamos ou estudamos Coñecemento do Medio cos nosos fillos. Así, usamos o adxectivo político para aplicalo, nunha dimensión claramente positiva, a aquela persoa que, tal vez sen excesivas luces noutros respectos, sabe navegar con ventos adversos, saír airoso en situacións comprometidas e aínda conciliar vontades en principio encontradas. O que, con fonda ironía e claridade meridiana, se di «ser parvo para os polinomios pero listo para os recados». Pero hoxe a política, como é universalmente sabido, representa outra cousa, moito menos positiva e dotada dunha semántica social virulenta, relacionada popularmente con soldos desmedidos, vidas glamurosas e corruptelas sen conto, que mesmo provoca unha agresividade a duras penas contida, como se está vendo estes días nos innúmeros campamentos urbanos, na xénese dos cales, a dicir verdade, se mesturan grandes doses de carallada ―que, por certo, nada ten de estraño aos vintetantos anos, e dou fe― cunha certa, mínima, cantidade de auténtico compromiso. En fin, este é outro cantar, propio dun país onde os poderes públicos fan vergoñenta deixación das súas responsabilidades. Polo visto, o alcalde electo de Vigo ata puxo wifi aos descontentos, persuadido sen dúbida da rendibilidade de ser, ou parecer, tan «enrollao». Noutras catacumbas veño predicando que a democracia moderna, como os bens funxibles, está tal vez a piques de se consumir a base de tanto desgaste, e que a humanidade ―e nisto a historia é altamente ilustrativa― precisa reinventarse e renacer das cinzas dun sistema de partidos no que cada vez menos xente cre, un sistema que, ben entendido e na teoría é ideal e tanto ben leva producido, pero que no pé de obra é actualmente porta franca para solucionarlle a vida (e, como en todo, hai honrosísimas execpcións) a unha morea de ambiciosos e oportunistas, dotados dun sospeitoso código ético, que acaban collendo o «tranquillo» ao asunto e, como o meu tigre metafórico, logo xa non saben reacomodarse á vida común dos mortais. Sempre lembrarei unha interviú que lin nunha viaxe a non sei onde, na revista que os avións de Iberia levan no respaldo do asento, unha interviú que significou para min unha paradigmática e consoladora mostra de honesta sinceridade. Na entrevista, certo exministro dun dos gobernos de Felipe González aseguraba que, tras longos anos de tráfago permanente, despacho de deseño, aparicións constantes nos medios de comunicación, coche oficial, secretarias, viaxes, xantares, ceas, inauguracións e unha vaidade sistematicamente cultivada, perder as eleccións e voltar da noite para a mañán a un despacho universitario a preparar aulas, corrixir exames e dirixir algunha tese de doutoramento fora unha experiencia realmente dura, case insoportable por momentos, sincerábase o íntegro exministro. E aínda bo é, se un ten onde dar cos seus ósos. Son os riscos da política profesional, unha das actividades contemporáneas máis desexadas e que máis frustra deixar de desempeñar pero para a que, paradoxalmente, non fai falta nin se esixe ningún tipo de cualificación. José Ángel Valente preguntábase retoricamente nun discurso: Para qué serve un poeta? Eu supoño que, como as alarmas dos coches cando soan ás catro da mañán ou os comprimidos contra a acidez de estómago, os políticos son un mal necesario e alguén terá que coutar da «cousa pública». Pero, mirando o patio, non podo evitar preguntarme: Para qué serve un político?

28.5.11

Reflexión sobre unha foto

Nun acto no que recentemente coincidimos, o infatigable erudito Xesús Ferro Ruibal comentoume que, en razón de certos vencellos familiares e persoais, lembraba un curioso exemplar do fondo fotográfico da guerra civil do finado de meu pai. Porque é o caso que meu pai, mobilizado en 1937 con apenas vinte anos, formou parte do Gabinete Fotográfico do Corpo de Exército de Galicia, baixo o comando do xeneral Antonio Aranda, e durante dous anos, cos seus compañeiros do gabinete ―entre outros os grandes fotógrafos Ángel Llanos e Jaime Pacheco―, perpetuou a través do obxectivo da súa Leica momentos estarrecedores, cotiáns, íntimos, alegres, tráxicos, pavorosos… da fronte de Asturias, León, Aragón e da «liberación» de Valencia e Castellón. En dous enormes álbumes hoxe repousan máis de seiscentas fotos, memoria e testemuño directo daqueles días terribles, daquelas vivencias hoxe esvaídas no abismo do tempo. Durante a miña nenez aqueles dous mamotretos eran obxectos de culto; a irreflexividade propia dos poucos anos cedía perante o influxo turbador daquelas fotos de mortos, de «paseados», de corpos calcinados dentro dos tanques, de vilas e cidades arrasadas, de prisioneiros rojos, de soldados mouros, de enfermeiras e rapazas da sección femenina, de Francisco Franco —que sabiamos era quen mandaba en España— comendo dunha escudilla metálica en campaña, xunto co seu cuñado Ramón Serrano Suñer e o seu irmán Ramón, e alí estaban nunha foto feita por papá. Cando as miraba, fascinado, de neno non sabía que algún día poñería distancia entre eu e elas, a distancia que impón esa señora tan seria que se chama Historia, con maiúscula. Pero esta é outra historia, esta con minúscula, que ben pode ficar para a columna doutro día. Ao que ía, que eu prendo nunha silva. O curioso exemplar fotográfico ao que se refería o incisivo recordo do amigo Ferro Ruibal é unha instantánea tirada en 1939 na praza de touros de Castellón co gallo dunha corrida ofrecida polos artilleiros galegos á patroa do corpo―Santa Bárbara celébrase, que eu saiba, o 4 de decembro―. A foto, que ilustra esta columna para satisfacción do curioso lector malia que nin o plano nin a calidade son os óptimos, amosa a area da praza na que, mercé a procedemento gráfico ignoto para min pero de calidade abonda, pode lerse, arrodeando a figura dunha boneca ataviada con traxe típico galego, unha mensaxe inequívoca; unha mensaxe redactada en lingua galega que, non polo seu contido nomeadamente populacheiro, e secomasí inocuo, deixa de resultar emocionante, e creo que insólito, no contexto no que aparece. Na fundamentada opinión de Xesús Ferro trátase acaso do único rexistro en lingua galega nun medio tan hostil como o exército nacional en plena contenda, razón pola cal aconselloume o bo amigo a súa exhumación cun breve comentario do seu contido, encomenda a que hoxe este post dá gustoso cumprimento. A fermosa letra de papá di no reverso da foto: «Dibujo pintado en la plaza de toros de Castellón el día de la corrida de toros ofrecida por los artilleros el día de la patrona. Una gallega bailando, y alrededor la leyenda, el grito de guerra gallego: Ei carballeira: A quen me de un pau doulle un peso». Traspasando a congostra do tempo, tan virada e fodida, chégame aínda vertical e limpo o grito de guerra daqueles mozos que, no alborozo de teren salvado a vida, erguían sobre a area de Levante, sen pararse demasiado a pensar nada, o orgullo da lingua dos seus, mentres alá na Terra caían os inocentes por defendela. Ocórreseme que á nosa lingua, entre as trancas e as barrancas, entre a acción e a reacción, entre mesas pola normalización e galiciabilingües, pásalle o que aos anciáns cando nas familias a responsabilidade de coidalos vai dunha man a outra como unha pataca quente que ninguén quere. Mentres é cuestionado por todos, xógase a facer como se o vello esivese fóra do mundo e parece que ninguén percibe a imperdoable desconsideración de ignorar o que el realmente foi e significou nas nosas vidas.

23.5.11

Unha parábola


O último domingo España lle dixo a un dos dous partidos que a gobernan alternativamente, o pretendidamente progresista, que xa lles vale; que ata aquí podiamos chegar; en fin, que xa está ben de componendas e caralladas e que vaian pensando en deixar o sitio. O que hai que ver agora é que vai facer o outro principal partido, o pretendidamente conservador. Moita xente, perante un resultado tan contundente (e nalgúns casos sorprendente), pregúntase pola relación entre o veredito das urnas e o movemento do 15M. Eu non son sociólogo (arrenégote!) nin politólogo nin sequera afeccionado a falar de política, son un simple e curioso impertinente que, por veces, e non tendo cousa de máis vitola en que empregar o tempo, pensa. E penso que esa relación, de existir algunha, é complexa. Pero do que non cabe dúbida é de que a indignación se dirixe sempre (claro está) contra o poder. Seica a capital do reino andaba inzada estes días de atrás de carteis nos que a vera effigies de Zapatero e o candidato Gómez rindo a cachón recurtábanse contra un fondo vermello e, no pé, líase: «Cinco millones de parados». Ao mellor foiche iso, non sei. Sobre o 15M e unha iniciativa que (por fin!) é capaz de mobilizar os rapaces de hoxe por unha causa, hai varias posibles lecturas, semánticas, esexeses e hermenéuticas. A tal respecto, a escena protagonizada por unha nai indignada de verdade perante a reiterada insolencia do seu fillo adolescente, da que fun recentemente involuntaria testemuña, púxome sobre certas pistas que hoxe quixera someter á reflexión do prudente lector. A filípica materna desenvolveuse, aproximadamente pois cito de memoria, nos seguintes termos (hai no texto unha tendencia máis ca notable á aliteración e unha relativa desorde sintáctica, que non son trazos estilísticos: débense, máis ben, ao estado de excitación nerviosa da alporizada emisora):
O problema teu e da túa xeración é que vos credes con dereito a todo, co puto dereito a todo. Sodes os fillos da opulencia, da sobreabundancia e nós, como pais, non soubemos educarvos no esforzo, no valor inestimable de saber o que é a escaseza, na importancia do deber fronte á permanente esixencia do dereito. E, claro, non tolerades a negativa. Non se vos pode negar nada porque estades afeitos a conseguir todo o que queredes: porque, claro, non é unha solicitude nin unha petición o que formulades, é unha esixencia, unha esixencia que non admite espera, que é o formato habitual da vosa relación connosco, cos profesores, coa sociedade. Unha boa parte dos teus colegas acampados no Obradoiro, que esixen das autoridades aseos e esixen poder ficar alí sen que os desaloxen, son os que todas as semanas emporcan no botellón a alameda e o campus da universidade con toneladas de botellas de plástico e cristais rompidos, papeis e vomitonas, sen molestarse, por suposto, en recoller absolutamente nada, porque, claro, para iso está a sociedade, eles non saben moi ben quen, nin lles importa: a sociedade, o puto sistema; e o puto sistema neste caso son os barrendeiros, que non chegan a mil euros ao mes, que están para sacarlle a merda a tal colección de insolentes. Calquera lles di que non hai botellón! Porque, claro, a xuventude é hoxe intocable, está mitificada socialmente, e a culpa é, de novo, nosa: antes os nenos viñan, agora imos por eles, e vos temos durante anos nunha especie de altar, adorándovos, facendo de vós o centro das nosas vidas, cumpríndovos toda clase de caprichos, satisfacendo permanentemente unhas ansias de consumo que van de máis a máis, e, de novo, voltamos ao principio: xa non sabemos dicir que non, é unha práctica que temos esquecida. E sabes o que che digo? Que non vos mobilizades por nada, porque, no fondo, sodes unha xeración ultraconservadora, claro, porque o que queredes é conservar un sistema de vida no que non vos falta de nada e non tedes ningunha revolución que facer nin credes en nada que vaia alén do día a día e as putas máquinas ás que vivides enganchados. Pero, claro, agora vos tocan onde máis vos doe, e, por fin, lle vedes os dentes ao lobo: a crise non é un rollo macabeo dos vosos pais e do sistema, que xa solucionarán, non, a crise vos afecta directamente, e nin a sociedade nin o sistema saben como solucionala e cometen o pecado imperdoable, por primeira vez, de negarvos algo, para a vosa grandísimam indignación: nin máis nin menos que o traballo, é dicir, o que vos permite acceder ao consumo. Agora si que vos mobilizades, non? Xa non é só para pasalo ben nos concertos e nos macroconcertos de cinco días. Pois sabes o que? Que o tedes ben fodido, e xa podedes ir pensando en mobilizarvos máis, xa tedes unha revolución que facer, xa se vos rematou o letargo: a crise chegou para quedar, é unha cousa vosa, porque entre vós están os políticos do futuro e o mundo que vos queda é ben difícil, ou sexa que xa podes ti e a túa xeración ir cambiando o chip. E a próxima vez que me contestes así, nin que sexas case un home nin farrapo de gaita, crúzoche a cara, oíches?
Eu pensei que se podía dicir máis alto (pouco máis, porque o ton xa era abondo elevado) pero non máis claro.

17.5.11

Universidad 2.0


O outro día mencionaba meu irmán Roberto, no seu artigo semanal de La Voz de Galicia, unha cita de Clemenceau, que ―para alén de situar no seu sitio, por comparación, o nivel dos políticos actuais― váleme a min tamén para dar contexto ao acontecemento que hoxe quero comentar. Sentenciaba o vello raposo francés que a guerra é asunto demasiado serio para deixalo en mans dos xenerais. Penso eu, do mesmo xeito, que a educación é asunto abondo transcendente como para deixala en mans de pedagogos, e, moito menos aínda, de informáticos, pois, como é perfectamente sabido, unha entente de tan peculiares corpos profesionais non pode ter máis ca funestas consecuencias. Vale. Que non se me alporice o galiñeiro, que era broma. Está ben, broma non, digamos «ironía». A ver (conector de uso estendidísimo). Creo, no fondo ―e fago esta crenza extensible, cando menos, a boa parte das ciencias humanas e sociais ― que a especialización excesiva conduce inevitablemente a unha paulatina artificialidade dos argumentos, os cales , nun momento dado, comezan a afastarse imperceptiblemente da realidade e a orientarse máis en termos do que pode facerse ca en termos de para que facelo. Constitúe este un risco que se verifica, con especial claridade ao meu modo de ver, cando é posible aplicar solucións tecnolóxicas a actividades que se levan desenvolvendo convencionalmente durante séculos sen tales solucións. Non me entenda Vde. mal: eu non son un tecnófobo, pois de selo estaría en contra do teléfono, a lámpada incandescente, o bolígrafo e o fotomatón, solucións tecnolóxicas ―xa máis subimes, xa máis modestas― que nos fan a vida máis doada e agradable, e viviría nunha cova do Pico Sacro cun taparrabos ao estilo Ted Nugent cuspíndolle á civilización o meu infinito desprezo. Non: os avances técnicos son, de seu, bos e sempre desexables. O malo é cando a tecnoloxía mesma se impón sobre a necesidade. Existe, en rigor, a necesidade de dixitalizar todo o patrimonio escrito da humanidade e ubicalo na nube cibernética para universal disfrute? (a respecto desta universalidade permítame o benévolo lector lembrarlle que, a día de hoxe, Galicia está na cola de penetración de internet de España). Existe a necesidade de meter nas tripas dun chintófano unha cantidade de libros que nin en catro vidas teriamos tempo para lermos? Existe a necesidade de dotar ao docente dunha tecnoloxía supersofisticada que, en definitiva, non vai ser quen de suplir nin disfrazar carencias que o mesmo docente poida ter? Existe a necesidade dunha máquina capaz de escanear 15000 páxinas por hora (esta máquina, por certo, existe: chámase IEEE Spectrum, está dotada dun chip de supervisión e foi desenvolvida pola Universidade de Tokyo)? Conste que eu non teño as respostas. Limítome a formular dúbidas e, por suposto, a pinchar ás partes implicadas. Isto, formular dúbidas e pinchar as partes implicadas, foi o que fixen o pasado día 12 de maio na xornada Universidad 2.0. Na procura da innovación educativa, que grazas ao entusiasmo do seu inspirador orixinal, o profesor na escola de telecos da Univerdidade de Vigo Miguel Merino, e a brillante organización de Patricia Ibarra, directora de Gestievent, tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Evento de enorme altura, dada a categoría das empresas e persoas participantes, pero que, paradoxalmente, tivo un escaso eco nos medios de comunicación, feito para o cal eu teño varias hipóteses, a cal máis deplorable, que prefiro deixar para o meu chaleque: Oracle, Netex, Microsoft Iberica, Intel, Springer, Elsevier, Pearson Education, Google, Smart Technologies, Meubook, Netbiblo… se deron cita nun interesante encontro no que se debateron boa parte da cuestións que arriba eu suscitei. Pero o país semella non dar valor a estas cousas. Dállo a outras, de todos coñecidas... En fin. No que a min toca, moderei unha mesa redonda na que participaban o meu bo amigo Luis Collado, responsable de Google Books para España e Portugal; Jesús Muñoz, Licensing Manager para a mesma área de Springer; Lucila Ventoso, responsable da área de universidade de Meubook, e Saúl Torrecilla, do deppartamento de licenzas de CEDRO. En pouco máís dunha hora puxemos sobre o tapete, creo, «cuestións palpitantes» (con permiso de dona Emilia): os límites e eventuais monopolios da dixitalización; os riscos do acceso aberto para lexítimos intereses comerciais; a evolución da taxa de conversión do lector convencional ao dixital; a xestión dos dereitos e sistemas de blindaxe e protección da obra dixital… Moi difícil sería resumir tantas ideas e impresións. Quero ficar, provisionalmente, con dúas conclusións contundentes:
a) non é a tecnoloxía: é a actitude.
b) é indiferente sobre qué se lea; o caso é que se lea. Porque ler, simplemente, fai mellores as persoas.

10.5.11

Unha pequena homenaxe a Compostela

Lembran aquela sorte de eslogans do franquismo? La Coruña, ciudad donde nadie es forastero. Santiago de Compostela, donde la lluvia es arte, e por aí. Non sei se tamén habería frasecilla para Ourense, Lugo, Vigo, Ferrol... pero eu non as recordo, cando menos. A nós, os picheleiros (sexa de berce ou adopción), tócanos a consabida chuvia, que, poeticamente, inmortalizou Federico granadino en fermoso verso, levado á música con grande sucesso por Luar Na Lubre (sucesso aínda acrecentado por dar melodía ao recente spot Galicia. Gárdasme o segredo?): Chove en Santiago, meu doce amor, camelia branca do ar, &c. Entre parénteses, e con todos os respectos para don Fede (en bendita gloria estea a súa alma branquísima), ao gilipollas que inventou o eslogan da chuvia artística, amarrábao eu a un poste en novembro no medio do Obradoiro e o deixaba alí á intemperie ata marzo para que aprendera o que é arte... Pero, en fin, unha cousa é a poesía e outra a climatoloxía, como aquilo do chourizo e a velocidade, ou a magnesia e a ximnasia. Ó que ía, que logo me lío: descubro alborozado nun pequeno poemario -publicado, coa pulcritude característica da edición modernista dos anos dez e vinte da pasada centuria (o tempora, o mores!) por Renacimiento- unha composición titulada "Cita en Santiago". O poemario é Resplandor (2011), a súa autora Raquel Rico (Málaga, 1948), unha veterana e sonora voz poética, que nesta pequena floresta xoga, entre outras cousas, a evocar e facer seus algúns dos sonetos de Shakespeare. O poema consagrado a Santiago ten algúns elementos tópicos, pero son precisamente aqueles que a min me parecen máis poéticos da cidade. É un poema que non me importaría nada ter escrito. Di así:
Era entonces la lluvia
un repiqueteo de campanas
,
una bandada de paraguas
que abrían

y cerraban las horas,
el breve tiempo del amor.
No eran grises las nubes

ni tristes
los jardines verdísimos.
Gris, gris, era el regreso,
la distancia,
las cartas.
Pero cuando el otoño

deshoja calendarios
los mapas se han llenado
de ciudades
que nos pertenecieron,

castillos encantados
que hoy son incienso
y humo.

Palabras enchoupadas de outono e ausencia. Melancolía de lousas na soidade das rúas. Alguén que foi. Alguén que estivo, castillos encantados que hoy son incienso y humo.

8.5.11

Arrautada de domingo

As cousas son por veces tan complicadas que un se sente como un polbo nun garaxe ou unha monxa nun cabaré, que se dicía hai anos. A crise, algo que leva soando meses a titular de telexornal pero que, máis solapada, máis arteiramente, se vai metendo na vida de todos, enchoupando o ánimo de frouxidade; a cada vez máis intensa e inquietante sensación de que, se comparamos os incentivos e os soldos dos executivos das mesmas empresas ás que pagamos recibos e hipotecas coas nosas enormes dificultades para chegar a fin de mes, estamos facendo o gilipollas; o conflito libio e o soliviantado que anda o mundo árabe; o lío das listas electorais en Euskadi; o convencemento de que tal vez o sistema socio-político-económico que coñecemos anda nas últimas… todo contribúe a un cóctel que a min, entre outras moitas consecuencias e sentimentos, me fai sentir, pois iso, desprazado, insignificante, como o o polbo ou a monxa dos que falaba aí arriba. Realmente, como me ocorreu xa algunha outra vez, estou escribindo de que non sei de que escribir, motivo máis que suficiente para "liberar" dunha vez este furancho, no que pouco e pouco vou ficando só. Para que opinar? Sobre que reflexionar? Que é o que lle interesa ao lector medio? Vivimos hiperinformados, abafados pola babilónica cantidade de posibilidades informativas que día a día se nos ofrecen: centos de canles de televisión; milleiros de revistas, xornais de pago e suplementos destes xornais; mesmo xornais gratuítos; xornais dixitais; internet; wikis; google; libros impresos; libros dixitais… De que serve este blog, entre miles de millóns de blogs? De que serven estas palabras entre centos de miles de millóns de palabras que a diario se escriben? Comprobo, con magoante certeza (pero sen ningún sentimento de humillación, que conste) que os meus artigos de opinión nas contras de Galicia Hoxe e Xornal de Galicia ―moitos deles nacidos no cálido berce desta bitácora― arrancan no mellor dos casos quince ou vinte votos. As colaboracións doutros opinadores e opinadoras que xiran sobre a aburridísima politiquilla do día, sobre todo as referidas ás falcatruadas do PP e Feijoo coa lingua, levantan paixóns.Fóra outras consideracións de índole persoal e subxectiva, pregúntome sobre a nosa propia capacidade de reflexionar como sociedade alén dos catro topicazos que os medios ―segundo a cor e a bandeiría― sitúan cada día no altar da opinión pública para favorecer o sacrificio ritual. E sinto, ao tempo, un certo complexo de inutilidade: de que vale crer nun sistema de valores que a ninguén importa? Só o poder, a eterna tendencia a dominarmos uns aos outros, secretas redes de operacións financeiras inimaxinables, decisións como a de matar a Bin Laden, adoptadas saiba Deus onde e por quen, instancias de control político a anos luz das nosas meras capacidades como cidadáns semellan estar nas bambalinas dun mundo confuso, hipertecnolóxico pero incerto, sobreinformado pero en crise, obsesionado co curto prazo e o día a día.
Non me teñan en conta o pesimismo. É domingo; chove; dóeme un chisco o lombo… Mañán será outro día e nunca choveu que non escampara.

1.5.11

Escepticismo

Hai unha certa maneira de parecer (ou ser) un reaccionario que se me antolla cómica. Porque no sistemático rexeitamento do evoluír natural das cousas existe unha cerna de ironía: a que destila quen, enfrontado ao mundo, detesta todo o que é moderno, dinámico ou luminoso e atopa consolo en deplorar que as cousas cambien pois, na súa opinión, todo o que cambia cambia para mal. Hai na literatura iliustrísimos reaccionarios -hilarantes pero patéticos, desternillantes pero tráxicos- como meu adorado Ignatius Reilly, de New Orleans, Louis., para quen a última Thule da humanidade está no estoicismo de Boecio e no bo conformar da monxa Rosvita. Un elemento consubstancial do reaccionario é o escepticismo, que proporciona o pouso imprescindible para iren asentando progresivamente os estratos de sistemática negativa á máis mínima modificación dunha orde monolítica. Pero o escepticismo pode revestir vestir tamén traxes menos contundentes e, sen caer na reacción por sistema, proporcionar ao xuízo unha moi conveniente frialdade da que está desprovisto o entusiasta, que moitas veces resulta inxenua e cruelmente enganado polo seu propio entusiasmo cando comproba que este debuxoulle unhas expectativas falsas e a moita distancia de cumprírense. Tamén na literatura hai soberbios exemplos de intelixentes escépticos. Baroja paréceme un deles. Hai na imago mundi da súa literatura un descrimento basal sobre as bondades do ser humano e un convencemento profundo da súa maldade e estupidez, forma moi persoal de escepticismo que modela un estilo literario -tan críticado- directo, case coloquial e exento de sofisticaciones. Ao mellor é un trazo familiar, pois descubro o mesmo pouso de irónico, pero positivo, escepticismo no seu sobriño, o grande etnólogo e erudito folklorista, Julio Caro Baroja, a quen a antropoloxía cultural hispana debe tanto. No magnífico prólogo de don Julio (q.e.p.d.) á edición en Alianza Editorial (a primeira é de 1970) do Manuscrito achado en Zaragoza do conde Potocki -ese tremendo templo da máis desbocada novela gótica- leo un fragmento que me resulta enternecedor e dá a medida dun xuízo sensible, equilibrado e, no fondo, un chisco escéptico. Contrapoñendo, nos tempos de Potocki (os comezos do século XIX), unha intelectualidade ilustrada inimiga de toda crenza en espectros e bruxas cun movemento estético -o románticismo- que ía a enfatizar con intensidade e enorme éxito o engado do sobrenatural, di Caro referíndose a o conde polaco:
Habló Nietzsche de lo que es "humano, demasiado humano". Ahora podemos hablar de lo que está "claro, demasiado claro". No habría en 1791 cabalistas descendientes de los abencerrajes, judías voluptuosas, etc., sobre esta piel de toro. Pero un hombre imaginativo al contacto con el pueblo español y la naturaleza meridional, podía pensar que los había, o imaginarse un mundo en que fueran posibles... Ahora no hay más porvenir que el de las novelas "socioeconómicas", "psicoanalíticas": incluso con un apéndice estadístico. ¡Adiós España romántica y misteriosa!
Adeus, en efecto, a tantas cousas! Vivimos instalados no máis compracente e brando confort, arrodeados de máquinas que nolo fan todo. Pero se unha noite de trebón o coche nos deixa tirados na estrada ás catro da mañán, seguramente co paso dos anos lembraremos esa noite tinguida de excitante (e romántica) aventura!

21.4.11

Calidade? Calidade

Un amigo púxome en certa ocasión sobre a pista dun costume tan deplorable como inveterado nesta vella pel de touro, na que a maledicencia e a envexa son parte substancial do produto nacional bruto. Trátase de que se un fuma en pipa acaba sendo o pipas; se, porque ten frío ata en verán adoita abrigar o colo cunha bufanda, o bufandas; se gasta pelo longo, o melenas; se mostacho, o bigotes. Nun brillante relato de terror, Joseph Sheridan le Fanu que agasallou á posteridade coa figura estarrecedora e sensual dunha muller vampira con nome de mercería―, afirma que «la fama de una casa, lo mismo que la de una mujer, una vez que se ha disparado, nunca puede recuperarse» ("El huésped misterioso", en Dickon el diablo y otros relatos extraordinarios, Valdemar: 2009). A versión carpetovetónica da opinión do magnífico escritor irlandés sería cría fama y échate a dormir. Ao igual que fumar en pipa, gastar bufanda, guedellas ou mostacho, adquirir aos ollos dos demais un estatuto determinado ―sexa valioso ou abominable― é o camiño certo para ser recoñecido baixo esa vitola por moito que se faga para conxurala e convencer de que resulta inxusta. A diferenza co pipas, o bufandas, o melenas ou o bigotes, que reciben o alcume por causas evidentes , moitas veces a fama ―especialmente a mala― non se gaña por culpas propias senón por herdos alleos. E aínda máis veces, quen apón a mala fama aos outros é aquel a quen as nubes impiden ver o ceo. Cando eu me acheguei á edición universitaria por vez primeira, mediando os oitenta do século pasado, esta era unha actividade subdesenvolvida e cunha atrofia crónica, derivada da propia natureza da universidade franquista. Un coñecido intelectual, pródigo en edicións populares que seguro lle rentan bos cartos, afirmou que a actividade editorial da universidade española vivía unha existencia catacumbática. En efecto, o sistemático dispendio de fondos públicos en produtos feos, delirantes e absolutamente carentes de interese; a completa falta de profesionalidade dos seus xestores e de criterios racionais e minimamente comerciais nas decisións; o máis escandaloso compadreo e amiguismo, coa ausencia absoluta de filtros de calidade, para a aprobación de orixinais, todo isto era a norma de conduta da totalidade dos servizos editoriais das universidades españolas, sumidos na ignota catacumba da acción editorial. Hoxe, trinta e pico anos despois, a paisaxe é radicalmentre distinta, eu diría irrecoñecible: os editores universitarios fiamos moi fino en que investimos os nosos sempre escasos orzamentos e transitamos innovadoras vías de financiamento; organizamos másteres, cursos e seminarios sobre edición para aprender aos demais o que sabemos; editamos tan esmeradamente que recibimos premios e galardóns e os nosos libros se exhiben en pe de igualdade nos andeis das librarías cos das máis prestixiosas editoriais privadas; intentamos por todos os medios que non nos venza o desincentivo que, arteiramente, agocha iso de non perseguirmos ánimo de lucro, porque se, en efecto, cobramos igual a fin de mes vendamos cinco que cinco mil libros, non perseguir ánimo de lucro non debe equivaler a unha patente de corso para dispendiar diñeiros que non son nosos; sometemos os nosos orixinais a peneiras de calidade a través de procedementos peer review, que xa quixeran a media das editoriais comerciais. Pero, como as casas embruxadas e as mulleres de mala vida, seguimos tendo mala fama. Tan mala que as axencias de acreditación e avaliación da actividade científica seguen considerándonos sospeitosos permanentes do mesmo compadreo e amiguismo de hai trinta anos. Recentemente, houbemos de loitar duro para que certa comisión de ámbito nacional derrogara unha bochornosa disposición que outorgaba maior valoración ás obras dun investigador se non estaban editadas pola súa propia universidade. Traslade Vde. isto á universidade de Oxford, Berkeley o Harvard e adquirirá a dimensión correcta de tal atrocidade, que non agocha máis ca a pobre e lamentable visión que ten sobre a universidade española quen decidiu poñela en práctica. Ao final, e tras un emocionante movemento de solidariedade (que oportunamente recolleu en 2009 o manifesto a prol da edición universitaria) os editores universtarios asistimos á supresión desa medida. Pero a verdade do proverbio segue agobiándonos. A nosa é unha sociedade miope e, no fondo, carca, en boa medida liderada por políticos mentecatos que se rexen máis polas inercias do prexuízo que por una observación dinámica e unha análise intelixente da realidade. Cría fama y échate a dormir, di o proverbio funesto e pesimista. Calquera cousa menos durmir é o que estamos facendo na edición universitaria de hoxe. No pouco que a min toca, aceptei co maior entusiasmo e esperanza ser membro da Comisión de Calidade da Unión de Editoriais Universitarias Españolas, dende a que creo podermos levar adiante un labor de dignificación e recoñecemento da calidade e eficiencia do que facemos. Algo que, se cabe, adquire aínda máis importancia e alcance en tempos tan escuros en que o desánimo e a indiferenza semellan ir enchoupando todo.