29.11.09

A honradés científica

Na presentación da laudatio de certo científico paisano meu, que imos publicar no volume 12 de A Estrada. Miscelánea histórica cultural -de saída inminente-, permitinme emitir un breve, e por forza subxectivo, ditame analítico sobre o devir cultural do país. Velaí vai:
Sir Winston Churchill ―de quen pasaron á posteridade mostras dun humor acedo, intelixente e moi próximo á máis fina retranca do país― dixo dun parlamentario laborista inimigo seu que era un home modesto con moitos motivos para ser modesto. En revanche, por fortuna para o xénero humano, tan nutrido de superflua e improdutiva vaidade, existen homes modestos con moi poucos motivos para ser modestos. Non é, de certo, a humildade unha categoría ética, nin ten por que ser prenda de integridade, que si o é. Pero, tras moitos anos en contacto co medio universitario, podo dar fe de que a xente de máis valía é invariablemente modesta, asequible e normalmente inimiga de honras e ouropeis. Tendemos a crer, neste mundo tan sensibilizado cara aos medios de comunicación e o candelero, que a transcendencia dunha persoa se mide pola súa proxección nos xornais e pola súa presenza, ás veces sospeitosamente habitual, en actos públicos organizados, as máis das veces, non polo seu interese colectivo intrínseco senón precisamente para seren reflectidos nos xornais. Xérase, así, unha sorte de circuíto retroalimentado no que resulta xa complicado decidir se é primeiro o ovo ou a galiña, circuíto no que certos nomes comezan a soar con teimosía tal que un remata por convencerse de que, en efecto, deben corresponder a verdadeiras personalidades, responsables de achegas imprescindibles para o ben social. O tempo, ao cabo, pon todo no seu sitio. Outro xénero de xentes, como o frade Mendel pechado na cela cos seus chícharos, traballan recluídos nos seus despachos, aulas e laboratorios, afastados dos reflexos enganosos das mundanas vaidades, e nos seus despachos, aulas e laboratorios van desenvolvendo un contributo que, non por anónimo e descoñecido, deixa de ter un alcance social, este sí, de gran vitola. Pero, en virtude de non se sabe que estraño proceso, outorgamos infinita máis importancia á morea de parvadas da "cultura" (as aspas son miñas) que os mass media, por así dicir, oficializan.
Esta reflexión miña veume á cabeza curioseando estes días entre as páxinas da reedición, moi oportuna e meritoria, duns textos galegos que, debo confesar, descoñecía. Os textos dun sabio, moi sabio e moi humilde, que deben ser pioneiros na expresión científica stricto sensu na lingua de nós. Entre 1931 e 1934, o presbítero lalinense Ramón María Aller dába ao prelo un total de oito artigos de divulgación sobre temas de astrofísica e matemática que viron a luz na revista Logos. Boletín Católico Mensual, que fundaran en Pontevedra Filgueira Valverde e Iglesias Vilarelle, e que se editou ata o 36. Estes traballiños, malia o tempo transcorrido, están para un lector curioso cheos de interese e translocen unha alma limpa e honesta, mesmo cando -o que ocorre no primeiro artigo Unha falla de honradés científica- o investigador enfronta a verdade científica implacable á verdade revelada polo Deus no que xurdiamente cría. Os artigos habían de ser xermolo para unha obra máis ampla de divulgación da astronomía en galego, pero o fluír dos tempos vedou tal posibilidade, cando menos no que atinxe ao soporte idiomático xenuíno, pois a obra viu a luz, en efecto, en 1948 pero en castelán: Astronomía a simple vista (que nós reeditamos facsimilarmente en 1998). A Deputación de Pontevedra, con limiar do propio Filgueira, recompilounos en 1989 baixo o título Os ensaios en galego, e agora, vinte anos despois, co gallo do Ano Internacional da Astronomía, foron reeditados en facsímile non venal polo Observatorio Astronómico da USC e a delegación galega do CSIC.
No curso das conversas e consultas técnicas pertinentes, o promotor da publicación preguntoume se, ao meu xuízo, a pouquidade destes traballos faría merecente ao bo crego do Día das letras galegas. Dinlle a miña opinión co rogo do maior segredo e discreción, que despois todo se sabe.

25.11.09

María Rosa, a Loba

En poucos repertorios léxicos actuais da lingua atopo o precioso especime tangaleirán. Recólleo don Eladio na variante tangaleirón, tangaleirona, valendo 'grandullón, persona desproporcionadamente alta y desgarbada'. De por parte, eu só coñecía (de usalo e oílo) tangaleirán, e tangaleirana ou tangaleirá na forma feminina. Lembro eu unha mullerona do meu pueblo que era o paradigma da tangaleirá: fea, machuna, membruda, de falar roufeño e bruto, palabroteira e de andares engruñados e simiescos. Chamábanlle Generosa, coa gh aspirada tan bonita da gheada da Ulla. Generosa poñía medo. Ela sabíao e rabeaba, e incrementaba a súa xenreira contra o mundo, volvéndose máis intratable. O curioso do caso é que disque lle gustaban moito os homes e que andaba detrás súa como unha gata.
Eu sempre sentín unha simpatía grande e entrañable polas mulleres brutas e fundamentalmente inmunes ao papel de seres subxugados que en tempos pasados se lle atribuía á súa condición sexual. Unha testemuña da escena contábanme dunha señora que coñezo de certa vila, con fama de meiga, que, na súa crise conxugal definitiva, despediu a Antonio, o seu home, con estas agarimosas palabras: Váiteme de diante que che arremango un ostión que vas a rolos polas escaleiras. Isto fixo subir puntos á señora na miña estima. Un claro caso de violencia de xénero.
Disfruto estes días como un parvo cun lápis coa lectura dun delicioso volume en oitavo -coidada edición de magnífica cuberta art déco- de título La loba, o seu autor Antonio Rey Soto, Madrid. -Librería de la Viuda de Pueyo.- Arenal, 6, 1918, vida novelada en característica prosa decimonónica da soada bandoleira galega Pepa a Loba, figura que, como outros tantos esgrevios representantes da heterodoxía ou a marxinalidade, recepcionouse sempre, mesmo coetaneamente, cunha engaiolante mestura de realidade e bretemosa lenda. Apenas (porque non quero liarme) si quero reter a idea de que, lonxe se ser unha tangaleirá, contan que María Rosa (pois tal foi na pila) era fermosa e ardente, malia brava e destemida. Tanto que, con tricornio, o uniforme de reglamento e mostacho de pega, entrou como Perico por su casa no vello cenobio de Armenteira, en Terra de Montes, enganando ao vello abade e liberándoo do feo pecado da avaricia ao baleirarlle a bolsa.
O alcume da nosa heroína, claro, non podía ser outro ca o símbolo antropolóxico do máis temido no país, o lobo, pero volto ao seu xénero feminino (como na raíña Lupa ou no significativo substantivo lupanar), o que intensifica o tabú da agresividade feminina e a inconcibible idea da ruptura de valores establecidos. Un alcume que lle puxo, por suposto, un home.

22.11.09

Unha intrahistoria

Apaixóname a intrahistoria das cousas. Agora, á intrahistoria das cousas se lle chama making of, pero é igual. Daquelas superproducións de Cecil B. de Mille, que eu vía no cine da Estrada de neno, non recordo con especial lucidez as pelis en si senón as relacións que, tras as letras do reparto e os créditos, especificaban o número de metros rodados; a cantidade apabullante de extras; os milleiros de horas empregados na rodaxe ou cantos dromedarios participaron. A intrahistoria dos personaxes históricos interésame moito máis ca a súa historia convencional, e é mágoa que nunca se dedique a aquela máis tempo e folgos por parte dos investigadores. Os versos iconoclastas e surrealistas do Zeca, Nefertite nao tinha papeira, Tutankamon apetite, sempre me expandiron a alma. Saber se Asurbanípal tiña flato, Alexandre Magno dor de riles (digo, de tanto cabalo), halitose Cleopatra (algo tería malo) ou cando lle comezaron os problemas de próstata e incontinencia ao carcamal de Tiberio son coñecementos que me semellan ben máis estimulantes que a estrutura social da Asiria antiga, a expansión helénica ou o ocaso do imperio cos Claudios.
Todo ten a súa intrahistoria. Tamén os libros, que, por veces, mesmo teñen unha intrahistoria bonita, ou cando menos merecente de algún comentario. Sendo que é domingo pola tarde, chove, síntome especialmente ennui e non teño mellor cousa que facer, alá vai a pequena intrahistoria da cuberta que ilustra este post.
O libro é O darwinismo e Galicia, coordinado por Francisco Díaz-Fierros, unha boa idea editorial para coroar con guinda vermella o ano consagrado a don Carlos evolucionista, co gallo dos 150 anos da publicación de On the Origin of Species by Means of Natural Selection, or the Preservation of Favoured Races in the Struggle for Life (fermosísimo título, por certo, que na súa propia fermosura e complexidade expresaba toda a forza do xenio).
No proceso de xestación do volume, cando, tras mediar as fases máis ou menos finais da revisión de probas de maqueta, enfronteime á necesidade, imperiosa e insoslaiable, de fixar o deseño da cuberta, pensei, claro, na solución máis doada: encargala a un deseñador. Un pouco porque cada vez gusto máis de poñer a proba a miña propia creatividade como editor; outro pouco porque, no cadro de persoal de Publicacións, hai un excelente executor técnico das miñas propostas; e un bastante máis porque así aforro en deseñadores uns centos de euros a un orzamento sempre exigüo, púxenme a cismar na cuberta do libro de marras; un libro dedicado, fundamentalmente, á recepción das heterodoxas ideas de don Darwin na esquina verde do último cuarto do XIX, tempos nos que o naturalista inglés debeu ser visto pola rancia curia compostelá coma un heresiarca con rabo. A cousa non era fácil nin debía caer en tópicos; xa saben o anís del Mono, e tal. Tampouco cabía vestir a don Carlos británico de polainas, monteira e poñerlle unha gaita baixo o brazo nin facer aportar o Beagle no Berbés.
Unha tarde de verán, gris e sufocante como moitas no verán do país, e cando ía así adurmiñándome nunha hamaca no pequeno xardín da casa, espabileime présa dunha revelación. Lembrei que na nosa edición galega de A orixe das especies, reproduciamos a carta que Darwin dirixe ao investigador galego López Seoane e na que se le con claridade a fórmula de despedida: I remain, yours faithfully, Charles Darwin. Vale, pensei: podo esvaer a carta cunha especie de efecto de cristal mollado (cousa tamén moi propia do país), non tan esvaído que non se lea, especialmente, a sinatura, e por riba sobrepoñer unha imaxe. Pensei que esta debía reflectir algo caracteristicamente galego e caracteristicamente decimonónico. A imaxe que me viña a cabeza, aquela tarde estival gris e pesada, era a dunha mesa nun xardín pacego, a mesa dun fidalgo adiantado e moderno, a quen os corresponsais lle ían enviando fragmentarias novas sobre un libro que soliviantaba os alicerces da ciencia occidental. Que habería nesa mesa? Libros, mapas, unha lupa... Símbolos do coñecemento; da exploración; da observación... recurtados sobre o verde do reino vexetal. Tiña, máis ou menos, todos os elementos: o xardín, unha vella mesa de té restaurada, de bordos retorneados, que se non é decimonónica, ben o disimula; libros antigos a moreas; vellos mapas; unha lupa que imita antigo... Aí está a foto, artisiticamente recurtada sobre a carta de Darwin. O resto era "cociña": elixir as cores; unhas tipografías de corte clásico (trajan e bodoni) e un grafismo equilibrado. O engarce entre o D e o G (que enfatiza a relación 'Darwin e Galicia' do título) foi unha inspiración de última hora.
Para gustos píntanse cores e non digo eu que sexa a máis fermosa cuberta do mundo. Pero, modestia á parte, teño para min que o ambiente que recrea cumpre coa fórmula conceptual que os contidos do libro implican. En calquera caso, e conectando o xeral co particular, o colectivo co íntimo, sempre que vexa este libro lembrarei unha tarde de verán, pesada, sufocante e gris, unha tarde como aquela do século XIX na que o fidalgo que por un anaco eu imaxinei ser lía no xardín do seu pazo un dos máis impresionantes monumentos da ciencia.

17.11.09

Sons

Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras. Non o discuto. Os neurólogos son quen saben das nosas funcións directoras, en canto que seres racionais, e das súas prelacións en orde ao xeito de percibirmos o mundo. Pero intúo que, consonte o proverbio, somos seres fundamentalmente audiovisuais. A comida lixo, as présas, os acidulantes, caramelizantes, potenciadores do sabor e carraxenatos, os E-381, E-296, E-576, E-90, o boro do peixe, o tabaco, os perfumes excesivos, a cervexa de barril, o viño de Lidl, o güiski e os cubatas, a fritanga, o café malo e moito, a bollería industrial e as bebidas de lata e tetra-brik -todos compoñentes insignes do que en termos técnicos podemos denominar boa vida- teñen confinado o noso olfato e gusto aos redutos da marxinalidade sensorial máis absoluta, que faría horrorizar a un Jean-Baptiste Grenouille. O tacto contemporáneo, pola súa parte, é basto, falto de sensibilidade e prosaicamente destinado a un sexo de baratillo, propio da internet e o porno gratuíto, pero desprovisto da sublimidade que lle consagraban un Vivaldi, un Cagliostro ou un Sade. Coñecín eu un magnífico impresor da vella escola que me ensinou que o papel non hai que velo, hai que tocalo. El facíao cos ollos pechos, para que a vista non estorbase a fina percepción dos dedos, coa delectación do xemólogo que aloumiña as arestas dun brillante. Hoxe, sería un friki.
Somos, así pois, membros dunha cultura que ten no audiovisual o seu alicerce, e nunca, por certo, máis ca agora. Creo que, de vérmonos sometidos á terrible disxuntiva de elexir qué sentido perder, a maioría optaría por calquera deles, menos, por esta orde, a vista e o oído. Oímos moito e vemos aínda máis. Cousa diferente é que o fagamos ben e tirando destas percepcións todo o seu zume. Daí que o léxico, que, como a lingua en xeral, é un dispositivo moi sabio e prudente, acerte a diferenciar entre ver e mirar (menos en Vigo onde estes verbos sofren neutralización a prol do último) e oír e escoitar. Vemos e oímos constantemente pero teño para min que cada vez máis perdemos as habelencias de mirar e escoitar. Eu son un gran escoitador e non falo da música (a miña calidade de melómano é universalmente coñecida e non voltarei sobre ela). Non; eu son un gran escoitador de sons e levo feito un suxestivo e íntimo catálogo de sons especialmente suxerentes, alegres ou tristeiros, inquietantes, abismais, melancólicos, estimulantes... Nos Ancares oín por vez primeira oubear o lobo en liberdade. Non lembro ter percibido nunca un son máis nocturnal e enchoupado de lonxanía. As baleas, barritando na mar escura, compoñen un son abisal, a queixa atávica das augas profundas e as simas insondables, que músicos como Michael Gettel ou Andreas Vollenweider teñen incorporado ás súas creacións. O metodismo do ladrido dun can na noite, lonxe de enervarme a min prodúceme un efecto balsámico e relaxante. Por contra, o rechouchío alboral dos melros indúceme unha levedade un chisco depresiva, tal vez a da anticipación do mundo que, inexorable, latexa aí, fóra do ovo. Na primavera, cando o paseo matinal é un exercicio especialmente delicioso, máis ca os olores e as paisaxes, aprecio o son, a acompasada sinfonía da inmensa e maternal natureza, que combina, con mestría incomparable, o canto lonxano do galo e o primor dos paporrubios coa voz pueril dos años e o doce arrumaco da bris. Todo o que don Ludwig van -natural de Bonn, adán e moi mala ostia- decantou no primeiro movemento da súa sublime Pastoral. E iso que era xordo.

14.11.09

Ten que haber de todo


Nun agradable xantar de traballo, recentemente celebrado no seo dunha reunión nacional de editores universitarios, unha periodista profesional -a rigorosa e comprometida responsable de comunicación e relacións cos medios da Unión de Editores Universitarios española- comentábame o escepticismo, cando non franco desprezo, cos que dende a profesión xornalística se ve o "intrusismo" dos blogs pretendidamente periodísticos ou de actualidade sociopolítica, en referencia, claro está, ás bitácoras non dos profesionais que, ademais do medio convencional, explotan tamén a frescura, cercanía e inmediatez do blog, senón aos locais de tanto falabarato como no mundo hai (de entre os cales, por certo, non vexo razón algunha para excluírme; no meu descargo direi que a actualidade sociopolítica, de costume, me la refanfinfla). Non sei se o símil será valido pero penso no curandeiro e no médico. Mentres este se entrega á nobilísima arte de sandar o próximo ou aliviar as súas dores só despois dun lustro de áridos estudos e escuras angueiras, aquel bótase ao monte coa exclusiva bagaxe dunha experiencia non sempre ben contrastada e unha palabrería capaz de convencer ao máis pintado. Deixemos sentado que de todo hai na viña do señor, e existen especimes da profesión periodística, algúns ben consagrados e coñecidos, que son boa mostra de que quod natura non dat, Helmantica non praestat. Non digo eu que non estudaran ética e dereito moral pero, polas mostras, ben pouco lles aproveitou. Non fagamos, en calquera caso, regra da excepción e concedamos, en efecto, ao periodista formado, coa súa licenciatura tras cinco anos de estudos especializados, a confianza e rango que a calquera outra formación universitaria se lle atribúe. Fronte, polo tanto, a uns límites conscientes, a unhas estratexias sistemáticas de documentación, a uns procedementos establecidos e moi perfilados de expresión, que imprimen o rigor e a contención propios dos xornalistas con maiúscula -e non dos mercachifles que luxan tan digna profesión-, un blog é... pois un blog é que o seu dono queira, saiba ou poida: límites, documentación, estética expresiva fican ao albur das intencións, formación, mala ou boa leite, autoestima, nivel de felicidade, vida sexual, ética e estética do seu propietario barra a.
E é que hai blogs que, como tantas outras cousas, están no mundo porque ten que haber de todo.

11.11.09

Moderno

Qué é a modernidade? É tal vez un acto de vontade e un pode ser moderno botando man dun atavío especial, dunha fala especial, dun xeito de vivir especial? Que quere dicirse cando se di que Pedro Almodóvar é a icona [quen cojones decidiu que fose feminino??] da modenidade española? Por que un tío ou tía que anda de lo last nos parece moderno? Ou a cuberta dun libro (é un caso real) que imita o papel pintado das películas de Esperanza Roy é moderna? Sub voce moderno declara o dicionario: aplícase a unha cousa que é propia do tempo actual ou a unha persoa que adopta os novos usos, gustos ou avances máis recentes. Non parece dable, consonte o lexicógrafo, atribuír modernidade a algo antigo. Creo, en revanche, que si. Cando, en definitiva, convive o fisicamente antigo co inmanentemente moderno falamos de intemporal, ou clásico. E case todo o intemporal ou clásico ten o vinco do xenio. Así é que -recompoñendo as liñas- o clásico é intemporal, o intemporal antigo, e o antigo cando é moderno é xenial.
Poñamos por caso:
La miseria del pueblo español, la gran miseria moral, está en su chabacana sensibilidad ante los enigmas de la vida y la muerte. La vida es un magro puchero. La muerte es una carantoña ensabanada que enseña los dientes. El infierno un calderón de aceite albando donde los pecadores se achicharran como boquerones. El cielo una kermés sin obscenidades a donde, con permiso del párroco, pueden asistir las Hijas de María. Este pueblo miserable transforma todos los grandes conceptos en un cuento de beatas costureras. Su religión es unha chochez de viejas que disecan el gato cuando se les muere.
Foi escrito antes de 1920. Pode un texto ser máis intemporal? Máis clásico? Máis xenial? Máis... moderno?





9.11.09

In memoriam


Na escena cuarta do esperpento bohemio, Dorio de Gádex, modernista e botarate, tilda unha mamarrachada, que el e os seus compinches de bebedela representan diante os ollos dipsómanos e alucinados do xenio Max Estrella, de jefe de obra:
Maestro, ¿usted conoce los Nuevos Gozos del Enano de la Venta? ¡Un jefe de obra! ¡El éxito de la temporada!
Poucos hoxe -tempos de cultura escasa, sempe efémera e inmediata- atribuirían, creo, correctamente tal expresión ao seu recto significado. Trátase dun falso amigo (é dicir, unha tradución literal e incorrecta), que Valle, conscientemente por suposto, fai do francés chef d'oeuvre, 'obra mestra'. Curiosamente, sen que de certo saiba moi ben por que, esa expresión vénme á boca cada vez que quero cualificar calquera manifestación excepcional da arte, causando non pouca sorpresa no meu interlocutor, a quen de costume teño que explicar a orixe da mesma.
Atraco a las tres de José María Forqué é un xefe de obra, probablemente unha das mellores películas do cine español: trama e desenvolvemento dramático; escenografía; perfil dos personaxes; ambiente; actores principais e secundarios; unha dirección maxistral... poucas veces se concitan todas as circunstancias que converten un filme nun auténtico, nun soberbio xefe de obra. Teño esta cinta entre as máis vistas e podo recitar de memoria treitos ben extensos de diálogos da mesma.
Como pequeno homenaxe deste recanto da galaxia ao gran, ao grandísimo, ao querido, entrañable, inesquecible José Luis López Vázquez, quero reter unha imaxe, un personaxe e unhas palabras. A imaxe dun pringao sen futuro nin ilusións, nunha España gris, sen futuro nin ilusións, que ve como pasan millóns polas súas hispánicas narices sen que lle dean tempo de os saborear; un pobre infeliz, apenas máis infeliz ca a comparsa de humanísimos inútiles cos que planea un absurdo golpe, que naceu para rico e quere veranear en la costa azul y pasar el invierno en chamonís alternando con las campeonas del eslalon gigante. Sempre gardarei, amigo José Luis, onde queira que o teu espírito more, esa imaxe, ese personaxe e esas palabras, dirixidas a un bombón que, para remate, acabará aproveitándose de mala maneira da túa elemental e subdesarollada boa fe: Fernando Galindo: un admirador, un esclavo, un amigo, un siervo.

3.11.09

Un post perburor e un pouco untriewa

O bo bieito Adso de Melk, cando xa cáncamo e retirado ao seu xermánico convento, relembra a lingua franca, babélica e estrafalaria, do irmán lego Salvatore, afirma (a versión galega é miña): toda lingua humana ten regras e cada termo significa ad placitum unha cousa, conforme unha lei que non muda, porque o home non pode chamar ao can unha vez can e outra gato, nin pronunciar sons aos que o acordo das xentes non atribuíra un senso definido, como sucedería se alguén pronunciase a palabra blitiri. Sen querer eu meterme a discutir o rectísimo criterio dun gran semiótico metido a mellor novelista, permítanme un divertimento filolóxico, a partir dun sabroso comentario dun visitante anónimo. Queixándome eu (que son un roñas) recentemente do duro que é isto de manter un blog na máis procelosa soidade, alentábame o meu afectuoso visitante indicando, ad pedem litterae:
A min gústame entrar aquí e ver cousas novas, pero comprendo que é perburor.
Estrañado, inquiro se tras ese perburor non haberá unha errata. Velaí a enxeñosa resposta do meu visitante:
Perburor? Nada. Era a palabra de verificación. O que pasa é que sabía o que quería dicir pero non sabía cómo. Como non me quería enrollar (raro, raro) pois dixen: vou poñer unha palabra que non signifique nada e así significa todo. Algo así como aquelar pero en absurdo. Xa sei que resulta algo untriewa, pero é que cada un é como é.
Superbe! Resulta extraordinariamente untriewa, por Xúpiter! Esta querencia por inventar palabras non é nova, pero indubidablemente as combinacións de letras para verificación nas aplicacións informáticas, que así conxuran a posibilidade de que sexan outras máquinas as que anden tocando a paletilla, ofrecen renovado campo á curiosidade e reflexión sobre a caprichosa semántica das linguas, que outorgan un certo significado a calquera combinación fónica só polo feito de creala: estedgey, ernife, remgu, orabro, cernit ou traumso son algúns especimes recollidos
ad hoc. Realmente levo unha tempada tan cernit que vou pedir un traumso na empresa e irme de remgu con un ernife meu, que é curmán dun orabro que coñecín no estedgey.
Aquel impagable inventor de palabras celiano (lembran? Bizcotur: dícese del que, sobre ser bisojo, mira con aviesa intención) continuaba, creo, unha senda magnificamente aberta por aqueloutro xenio da inventiva e o humor que foi Jardiel Poncela. O que segue é un treito de Las dulzuras de Escajolia, un "momeciclo", estrambótico xénero que o propio Jardiel define como
género literario de mi exclusiva invención, en el que se incluyen algunas palabras poco usadas en castellano:
Mil palacios de garraceno esplendor forman la capital del reino, y en ellos, como brifio y cosmas, resaltan los mármoles y pórfidos en que fueron construidos. Verlos desnutre; contemplarlos, cachena.

Un treito máis adiante, un diálogo:

-¿Quién sois? –dijo.

-Machuca –repuso el caballero sin nombre.

-¿Espardifáis?

-Siempre.

-¿En parfuletes? –insistió el conde.

-De dos filas, señor –repuso el visitante.

El non serán as palabras de verificación estas dos ordenadores unha lingua arcana que as máquinas están perfeccionando para o día apocalíptico en que se rebelen?

2.11.09

To read or not to read

Hoxe presentouse en Compostela o Libro de estilo do Clúster do Produto Gráfico e Libro Galego, acto ao que fun xentilmente convidado. Un fermoso obxecto editorial que reflicte, toda a potencialidade e madureza dun sector -gráfico e editorial- que, dende moitos puntos de vista, está en condicións de competir co máis selecto de Europa, e ao que me honro en pertencer. Como en actos desta natureza, saúdase a xentes da profesión das que había meses que non sabiamos, retómanse interesantes contactos e compártese café con persoas que sempre teñen algo novo ou suxestivo que contar. No momento de saudar ao xerente do clúster, o meu tocaio Juan Penas, e rexoubando de xeito un pouco epidérmico, xusto antes de dar comezo o acto, sobre as urxencias que o e-book semella estar metendo en todo o sector editorial, comentábame Juan que, ao cabo, a base do problema é que a xente le pouco ou moi pouco, e poñíame un exemplo que me pareceu moi significativo. Eu mesmo podo dar fe de que teño un fillo de once anos que le pouco ou moi pouco. E non se poderá dicir que a causa está en non ter un estímulo lector na casa. De feito, se sobrepoño o ambiente absolutamente privilexiado deste neno para chegar a ser un lector empedernido cos resultados reais empáñame unha sensación de pesimismo sobre o futuro da lectura. Penso, claro, nos centos de miles de fogares onde o máis parecido que hai a un libro é o listín dos teléfonos. Disney Channel, internet, nintendo, PS, wii, móbiles... unha monstruosa oferta de lecer a base da consabida artillaría tecnolóxica.
Isto é o que hai: o 31,4% dos españolitos non len nunca; o 14% case nunca, o cal dá unha porcentaxe de non lectores para 2008 do 45,4% (47,4% en Galicia). A utilización de internet para ler libros ou descargar literatura apenas chegar ao 10'5% (fronte ao 56,7% de utilización para ler xornais ou revistas dixitais). Fronte a esta indixencia lectora, a máis paradoxal indixestión editorial: en 2007 editáronse 70.520 títulos, que, cunha media de tiraxe superior aos 5000 exemplares, arroxa unha cifra total de exemplares producidos abafante: 357.560.000, dos cales, por certo, 107.300.000 exemplares non vendidos no mesmo ano de edición teñen moi boas perspectivas de se converteren, no mellor dos casos, en carne de feira do libro antigo e de ocasión (nalgunha destas teño eu visto libros editados por min hai dous ou tres anos) e, no peor, en papelote para reciclar.
É xusto neste contexto cando un, con todos os ases na man, se pregunta qué carallo é que vai resolver un cachivache como o lector de e-book, que serve exclusivamente para algo tan -vistos os datos- apaixonante como ler.
Consulte: Barómetro 2008 sobre hábitos de lectura; Informe 2007 sobre o sector editorial español.

30.10.09

El alcoyano

Cando digo que me enfronto a unha páxina en branco, minto. Ou, cando menos, non digo toda a verdade. Ou digo unha verdade acomodada a un concepto non estrito de páxina. O que teño diante de min é un espazo branco encadrado nunha estrutura rectangular, á súa vez embutida no bastidor negro dos límites físicos do monitor, e presidida na parte superior por uns signos gráficos convencionais, cada un dos cales quere significar un valor que eu recoñezo xa familiar e rutineiro. Insertar hipervínculo parece un mandato sacado dunha peli serie B de science fiction dos anos sesenta, do estilo de Forbidden Planet (unha das miñas favoritas, na que había un robot chamado Robbie, que cantaba a tipo dentro que botaba para atrás). E, sen embargo, insertar hipervínculo é un procedemento tan familiar como meter o dedo no narís (aínda que probablemente menos pracenteiro). O que teño diante de min, agora, xa non é unha páxina metafórica en branco, pois, como no soneto de Lope, burla burlando xa van alá unha ducia de liñas, na verdade ben pouco dotadas de susbtancia.
Cando, como me ocorre agora -cada vez menos adoecido polo proído de escribir dun xeito incontinente-, debo recoñecer que non sei como seguir nutrindo este minúsculo recanto do proceloso ciberocéano (id est, que non sei de que puñetas escribir) me consolo en pensar que é a infinita maleabilidade do texto, favorecida pola tecnoloxía informática, a que descompensa o doado que é crear tecnicamente texto e o difícil que resulta facer sobrevivir o texto polos seus valores de contido. No complexo feedback entre emisor e receptor das mensaxes, non sai ata que punto paga a pena acomodar estas ao que o emisor supón que o receptor quere ler ou oír. Se fose así, eu escribiría sobre o AVE, as autoestradas, o calote do neno en globo de Denver, a Facultade de Medicina da Coruña, a oportunidade de meter un segurita no Alacrana, o soldo de Leire Pajín ou a negativa do goberno a facer autoridades civís aos profesores. Pero, facendo unha adición de factores, como sobran opinadores con moito máis criterio, estilo e documentación que este pobrecito curioso; como os responsables de blogger.com aínda non fixeron unha ERE con tanto falabarato como pulula polo blogomillo (entre os que, por suposto, me inclúo); como o texto é fantástica e infinitamente maleable (é incríble o que se pode facer con vintetantas letras que ten o alfabeto!); como a escrita é unha liberación, e, finalmente, como esta bitácoora me serve de práctica para cando me presente ao Pulitzer (que, soño noite tras noite, vou gañar no 2017), eu vou seguir parindo. Aínda que mingüen os folgos; aínda que a toalla turre ás veces cara ao chan de xeito irresistible; aínda que os visitantes e comentarios se reduzan día a día de maneira alarmante; aínda que, como hoxe, non ter de que escribir sexa o Leitmotiv do post.
Impórtalle ben ao Pontevedra!

24.10.09

Sinamos canichalós

Curro, currelar ('traballo', 'traballar'), estaribel ('cadalso'), chaval, pureta ('persoa de idade'), chipén, gachó, jamar ('comer'), diñar ('morrer', orixinalmente 'dar')... son voces habituais do español que chegaron dende o dialecto caló ou xitano, o que, de paso, determina o seu uso nun rexistro vulgar e inicialmente marxinal. Por un curioso volumen en oitavo, dado ás prensas en Sevilla, Imprenta del Conciliador, Calle del Lagar, número, 6, no ano de 1853 -o seu autor D. Augusto Jiménez e o seu título Vocabulario del dialecto jitano, con cerca de 3000 palabras y una relación esacta del carácter, procedencia, usos, costumbres y modo de vivir de esta jente en la mayor parte de las provincias de España- fágome sabedor de que 'gallego' en caló dise canichaló ou galilé. Está ben. A la cama no te irás sin saber una cosa más. Canichaló. Soa ben, nonsí? O digno autor, señor Jiménez, en tempos nos que o politicamente correcto era un concepto do que non había noticia, afirma sen empacho: En el modo de tratar y mirar, aparentan los jitanos humildad y afecto pero son todos embusteros, en sus tratos y conversaciones ponderativos, y entre ellos se habla mal y odia a la demás gente, a la que llaman gachés. Aunque robustos, no son nada fuertes y se ocupan solamente en hacer y deshacer canastas, esquilar burros, chalanear y traginar. Sobre o reparto dos fillos de Exipto enriba da pel de toro, e tras referise in extenso aos xitanos do sur, especifica: Donde menos se ven es en Asturias y Galicia, pues que los mismos vecinos los echan de la población, por el temor de que les hurten, aunque aparecen pocos, así como en la provincia de Santander, cuyos moradores los odian.
A marxinalidade secular, e, ao que parece, inherente á raza xitana -entendo que un dos grupos étnicos europeos máis puramente conservados-, conduciu sempre aos seus membros a unha percepción literaria que explotou sistematicamente a truculencia anexada ao seu atezado aspecto, a súa vida errabunda, inadaptación e unha proximidade permanente ao delito, pero, sobre todo, ás prácticas máxicas e adivinatorias a que o imaxinario popular os fai tan afectos, en boa parte por una relixiosidade absolutamente equívoca nun país intransixente e fanaticamente católico. Di o señor Jiménez no suxestivo opúsculo que hoxe comento: No debe omitirse aquí que los jitanos en nada se cuidan de cumplir con los deberes religiosos, y tal es su corrupción, que los vagabundos que circulan por los campos y pueblos, dejan algunos de bautizar a sus hijos, y será muy raro al que se haya visto entrar en los templos á no ser que sea bajo un fin particular de hurto ó por reconocer el terreno para ese objeto.
En dúas obras especialmente predilectas deste menda -A Biblia en España, de George Borrow, e O manuscrito achado en Zaragoza, de Jan Potocki- asumen os xitanos esa dimensión de misterio e heterodoxia, tan cara a boa parte da literatura europea decimonónica, como máxicos administradores de incógnitos arcanos, perigosos e descoñecidos para os payos.

21.10.09

E-book: unha última reflexión

O bo de ler moito é que sempre se ten a posibilidade -e o conforto- de atopar xente tan intuitivamente intelixente como un mesmo. O cal, como vostede, amiga ou amigo seareiro desta bitácora, debe xa saber ben, é difícil. Ocorre pouco, pero ocorre ao cabo.
Comparen estes dous comentarios sobre o e-book:
Un trebello dixital máis atractivo polas súas potencialidades técnicas ca polos seus contidos. (Juan L. Blanco Valdés, Mouteiras no vento, Fragmentos da Galaxia, , 12.10.09).
Un receptor-continente facilitador del consumo de nuestros contenidos que se acerca a perfiles cuya motivación de acceso no es necesariamente la lectora sino la exploración de las potencialidades tecnológicas del dispositivo (Ana Rubín, Felipe Romero, De cómo la digitalización ayudará al sector editorial a llegar al territorio del gran consumo, Trama & Texturas, 9, 2009, p. 60).
Bueno, e despois desta simpática demostración de que este menda está desprovisto, e vai xa para moito, de avoa, xa anoxa tanto e-book. Prometo, para tranquilidade da minúscula pero selecta parroquia desta humilde casa de comidas, virar o terzo. Aínda non sei cara ónde. Algo sairá.

18.10.09

A camisola mnemónica


Conciliar tradición e innovación, creo eu, pode resultar extremadamente positivo en circunstancias como as actuais, cando todo semella estar preparado para o asalto final da tecnoloxía dixital á produción editorial en masa. Ben se ve polos últimos posts deste local que o seu patrón anda preocupado co tema. Por iso, para non perderme no escuro marasmo da permanente hesitación, facendo virtude da desexable equidistancia entre a Biblia de 42 liñas e o estándar Epub, doulle unha a Deus e outra ao demo. Vexan, se non, unha escolma das miñas lecturas dos últimos días.
Fronte á produción en masa, emocióname a énfase que hai cento setenta anos os historiadores do libro facían sobre o prohibitivo da adquisición de libros antes da imprenta. Aí teñen, por exemplo, á condesa de Anjou, no século XV, que dió por una copia de las homilías del obispo Hayman, 200 carneros, 20 fanegas de trigo, 20 de mijo y otras tantas de cebada. É de supoñer que o vendedor das homilias do bo clérigo non tería intolerancia aos cereais. No texto de onde entresaco o admirable amor librorum da devandita patricia, Historia de la imprenta. Trata de su invención, historia primitiva é introduccion en Europa (Barcelona, 1831), o seu autor D. A. Bergnes achega, a respecto da invención da arte de imprimir, un argumento que moi ben puidera aplicarse -ou así o penso eu- ao momento actual de (ao que parece) inminente eclosión do e-book: Es la suerte común de todo descubrimiento prematuro, y de toda invención que se hace bajo circunstancias inoportunas, ya de perecer en el instante mismo de su nacimiento, ya de sobrevivir por algún tiempo luchando con una ecsistencia efímera y precaria. Si el arte de imprimir se hubiera inventado durante las tinieblas más oscuras de los siglos bárbaros, se habría apreciado muy poco su valor é importancia, y hubiera llegado al fin a escarnecerse y olvidarse.
Joaquín Rodríguez, autor de Los futuros del libro, cita o contributo de Patrick Bazin e Bruno Latour Le livre face à l'écran, un objet irremplaçable, presentado ao coloquio O futuro do libro, convocado en febreiro de 2007 polo Centro Nacional do Livro francés. Hai un parágrafo deste traballo que me parece simplemente soberbio: Los libros en papel son un lugar privilegiado de la memoria, un lugar de memoria que permite crear en el imaginario del lector un espacio de representación, un teatro interior; que permite desarrollar el pensamiento del lector como un pensamiento teatral, como un espacio mental en el que se representa lo que el autor ha escrito y que se representa a sí mismo a través de lo que el autor ha escrito. Y eso es así porque los libros poseen unos límites físicos dentro de los cuales la memoria queda fijada: poseen una camisola mnemónica que les dota de estabilidad diacrónica, que delimita su principio y su final; poseen un final o un desenlace que, como un vector que atraviesa el libro, estructura su contenido y lo dota de sentido, como una columna vertebral; poseen una personalidad tipográfica, una personalidad estructural única.
Personalidade única /vs/ estandarización. Un obxecto con límites físicos que coinciden cos límites dos seus contidos /vs/ un obxecto con límites físicos pero ilimitado nos seus contidos. Unha camisola mnemónica (como me gusta a expresión!) /vs/ a asepsia fría dos robots.

12.10.09

Mouteiras no vento

Para o libro electrónico e a edición dixital, os tempos son chegados. Independentemente das opinións e escrúpulos de cada quen, xa non cabe inhibirse dun proceso imparable e no mundo editorial todos teremos que decidir. Esta é a impresión que trouxen da última edición de LIBER e dunha interesante entrevista con persoal de Google Books.
Luces e sombras. Iso é o que vexo nun futuro inmediato.
Luces. A técnica permite, e aínda estimula, o último asalto: a estandarización dun formato universal, epub, da man, como non, de Adobe, que, consciente da súa enorme responsabilidade, pon ao dispor de todos os interesados unha guía de boas prácticas do formato. Epub representa a evolución dos tempos: un estándar baseado en .pdf pero moito máis versátil e agradable que o seu antecesor, e moito mellor adaptado aos dispositivos finais aos que se dirixe: por que limitar a posibilidade de descarga e lectura a un dispositivo específico (iRex, Iliad, Kindle, Sony Reader...)? Ler nun iPoD ou nun iPhone xa é posible. Evadirse, polo tanto, dun proceso de convivencia entre formatos non parece o máis intelixente e, xa máis tarde, xa máis cedo, os editores terán, teremos, que optar.
Sombras. Como influirá na lectura, entendida como interactividade entre lector-soporte, a interacción cun cacharro que acubilla nas súas tripas miles de libros? Imaxinan que o e-book inflúa na lectura como os chats e messengers na escrita? A facilidade e ausencia de esforzo no cambio entre libros non facilitará, de seu, un permanente cambio, unha sorte de botoneo constante que acabe por converter o cachivache nun trebello dixital máis atractivo polas súas potencialidades técnicas ca polos seus contidos?
Non teño resposta. Alá veremos. Eu non son un "nativo dixital", madia a leva. Comecei o meu proceso escolar cunha pizarra e un pizarrín. Pero, de por parte, estimo que, a estas alturas da peli, o vello argumento de antepoñer as vantaxes e bondades da edición tradicional ás da e-ink e e-paper é algo así como poñerlle mouteiras ao vento.

4.10.09

Dersu. Shagua.

Hoxe hai especialistas para todo. Apenas si fica algún recanto na inmensidade do coñecemento humano que non sexa sistematicamente explotado polo ollo incisivo do experto. Un podería pensar, por exemplo, que as relacións entre a literatura e o cine -esa cousa que, coloquialmente, se expresa en opinións banais do estilo de pois a min gustoume máis a novela ca a película (ou viceversa)- constitúen un terreo transitado só polo ditame, subxectivo e profano, do espectador-lector ou lector-espectador. Ca! Hai na universidade compostelá, para que teñan vostedes unha idea, un centro de estudos multidisciplinar especializado nas interrelacións sistémicas entre a linguaxe narrativa e a cinematográfica. Nós mesmos temos editado varios interesantes tratados monográficos acerca do particular, particular que, en realidade, constitúe unha liña de traballo perfectamente definida e ben traballada dentro da teoría literaria e os polisistemas narrativos (que é o que, no fondo, constitúen literatura e cine, novela e film).
Cantas veces non terá visto vostede unha peli baseada nunha novela! Xorde, inevitable, a comparación e a avaliación, máis ou menos crítica, das bondades da adaptación. O nome da rosa, dirixida e producida polo frutífero tándem Jean-Jacques Annaud-Bernd Eichinger en 1986, é, para min, un paradigma de respecto á obra orixinal, dentro dun universo cinematográfico que transmite -apretando en noventa minutos un exercicio de lectura extensible a semanas- a atmosfera que impregna todo o libro. E iso, creo, é o difícil: a transposición a imaxes e diálogos o que, na súa forma textual, configura unha atmosfera -luz, olor, cor, tacto, ambiente, clima, tensión...- concreta. Penso tamén en La colmena (Camus-Dibildos, 1982), outra magnífica, e moi arriscada, adaptación.
Noutras ocasións chégase á novela dende o cine. É o que me ocorreu con Dersu Uzala. Tras ver o film de Kurosawa -simplemente, unha obra de arte- lin, nunha edición de batalla que reproducía na cuberta un fotograma da peli, a novela de Vladimir Arseniev. O candoroso animismo do trampero siberiano constitúe, xa na súa forma cinematográfica, xa na raíz narrativa, toda unha reflexión sobre a condición humana e as majaderías anexas ao que chamamos "desenvolvemento cultural".
Nas antípodas literarias do autor ruso, atopo un personaxe que me trouxo inmediatamente á memoria ao vello Dersu. Nunha marabillosa novela, prodixio de horizontalidade, limpeza narrativa e anticlericalismo, El cura de Monleón, fala Baroja dun tipo viejo, raro y abandonado que vivía con una sobrina viuda en un caserío solitario y lejano. Era hombre de unos setenta años, tipo fantástico, que se llamaba Martín y de apodo Shagua ('ratón'). Martín Shagua gastaba melenas blancas, vestía muy andrajoso y dormía en una cama de hierba seca.
-¿No coméis carne?
-No, nunca.
-¿Y por qué no se pueda matar a los animales?
-Porque a mí me parece que todo lo que vive tiene que ser respetado. Los animales son como nosotros.
-¿Pero entonces hablarían?
-Y hablan a veces.
-¿Tú les has oído?
-Sí.
-¿Qué dicen?
-Se quejan cuando les hacen daño. También hablan los árboles y las plantas cuando las mueve el viento y se lamentan se se les rompe las ramas, Yo a veces los entiendo. Si corto un árbol con el hacha le pido perdón.
Velaí como, ao conxuro dunha evocación persoal, se mesturan universos literarios tan, en principio, dispares. Maxia dos textos e os camiños a que os conducen os seus lectores!

30.9.09

Cuando ya nada personalmente se espera

Eu creo que o paso do tempo vainos despoxando de tonterías e inútil lastre e, se temos ocasión para contalo (que hai quen non), teimamos naquel pensamento de Voltaire, que era un vello raposo: à force de s'occuper des choses urgentes, on oublie les choses essentielles. Teño a sensación de vivir arrodeado por xente persuadida de que dos negocios e angueiras nos que andan metidos depende o futuro da civilización occidental. Non perciben que, se despareceran, e, con eles, os seus importantes asuntos, ninguén os lembraría nin botaría en falta. A min, deste mundo de tráfagos, présas, compromisos, ambicións, vaidades, triglicéridos, síndromes de toda laia, enfermidades cardiovasculares e almorranas crónicas, quédame un kit máis ben exiguo: os meus amigos (poucos, pero gardados no recanto que, na adega, destino aos gran reserva); a miña familia (a quen, por boa fortuna, quero cada día máis -que hai quen non); a miña música; o meu xardín; este insignificante recuncho de internet onde me atopa quen me busca; os meus libros; os libros que fago e a ilusión que poño en cada un deles, como se cada un deles fose o primeiro; ver sorrir os meus; o milagro de ver este solpor de outono... pouca cousa.
Non me fagan demasiado caso. Hai días, así, tontos, que un se pon sentimental e o corazón se lle quebra por nada.

21.9.09

O mundo en octosílabos

En Peñaranda del Campo
el día diez de febrero
de mil novecientos veinte
día terrible y funesto,
cerca del arbol del Cuco
hallaron en el paseo
el cuerpo de una mujer
convertido en esqueleto.
El Juzgado las pesquisas
las hizo con gran empeño
y supo que una doncella,
la nieta del tío Penco,
había desaparecido
de su casa de este pueblo.
Días despúes del hallazgo
de aquellos mortales restos
se supo que un muchachito
muy marchoso y jaranero
llamado Pedro García
y del mal nombre el Canelo
se gastaba las pesetas
en un tupi muy flamenco.
Un amigo le pregunta
como tiene aquel dinero
y García le contesta
que es un terrible misterio.
La Policía interviene
con su acreditado celo
y hace confesar al mozo
su brutal crimen horrendo.
A Sinforosa ha forzado
el sátiro deshonesto.
Y como un tigre de Hircania
le quita la vida luego
metiéndole una navaja
por las vértebras del cuello.
La desangra y descuartiza
con arte de carnicero.
Da los pellejos a un gato,
el morcillo da a los perros
y vende los entresijos
a un industrial choricero.

Eu gardo nun recanto remoto da lembranza a un cego recitando romances, un cego que acompañaba a unha compañía de Barrigaverde -nunca se dixo guiñol en Galicia-, un cego que, supoño, debeu para a época un superviviente, o último mohicano do seu xénero. Os barrigaverde actuaban contra a noitiña nunha praza da vila e a xente tiña que levar o asento, quen unha caixa, quen un tallo, quen unha banqueta, quen unha silla, que aínda hai clases. O cego ía declamando, nos seus ripiosos, castrapeiros e mal medidos versos, crimes truculentos, que tiñan grande sucesso entre o respectable. Agora non hai romances de cego porque, entre outras cousas, os cegos son discapacitados visuais que gañan dignamente a vida e maldita a necesidade que teñen de andar como vagamundos facendo de cagarraches a gavillas de moinantes. Onde vai comparar. Agora o cego, que ve de puta madre, actúa nun escenario de dimensións ciclópeas arrodeado da máis sofisiticada tecnoloxía audiovisual para facer crer a quince mil seareiros enlouquecidos que é unha estrela baixada do ceo, tocada de propiedades semidivinas.
Hai perdas irreparables. E por irreparable entendo non teren substituto. E no proceso da perda fica -desaproveitada, maltreita, prostituída- moita inxenua humanidade, ou moita humana inxenuidade, que, segundo se mire, vén a ser máis ou menos o mesmo.

15.9.09

Un maduro atractivo

Nun dominical lin hai non moito un artigo que, baixo o título Maduros atractivos, referíase ao corte de idade -os cincuenta- no que se deixa definitivamente atrás a mocidade e se entra nunha fase que segundo se mire. Naturalmente, para o artigo -que remataba cun catálogo certamente extenso de potingues, exfoliantes, cicatrizantes, cremas de noite, antienrugas e reafirmantes para varóns de tal idade, a cincuentena é unha idade acojonante na se ten chegado á plenitude persoal e profesional e, a pouco que se acuda ao Gym, nos apliquemos as cremitas de marras e comamos e bebamos, maiormente, brécol e vichy catalán, un de cincuenta que non sexa plenamente feliz é un auténtico imbécil. Cousas do papel, xa saben, que terma do que lle poñen enriba.
Pero hoxe quería eu lembrar un maduro atractivo, metaforicamente falando. Para min xuño (o mes no que nacín) é un neno, sorrinte e cheo de vida coma un carneiro. Novembro é un ancián serio e adusto. E setembro? Setembro é un maduro atractivo. O mundo desprendeuse da luz excesiva e un pouco hortera de agosto. Setembro suxire a sabedoría dun pasado rico en vivencias, é un pouco como sentarse á luz da tardiña fronte ao mar a recordar vellos amores e praceres. Contra a satanización que o pobre setembro sofre por ser o mes no que coincide a tan temida síndrome posvacacional, eu adoro setembro. Nai natura está en agraz, unha vella matrona que ofrece a exuberancia dos seus froitos. A luz declina aos poucos, docemente, aínda viste setembro as galas do pasado estío, pero sen estridencias, como humildemente e sen trompeta. Un maduro, malia súa propia modestia, indubidablemente atractivo.