30.7.08

Alcumes

Son inescrutables os camiños polos que a «alma do pobo» (o Volksgeist dos románticos alemáns, de que falabamos hai uns días) se manifesta nas máis variadas formas da creatividade, entre estas, nomeadamente, as formas da creatividade lingüística. Humboldt deixou moi ben establecido o principio de que a lingua é ante todo energeia, capacidade dinámica e ilimitada de creación (principio que, nun movemento sen solución de continuidade, logo aproveitaría Noam Chomsky para dar alicerce á súa gramática xenerativa e transformacional), sendo así que algúns movementos posteriores —como o grupo alemán denominado Wörter und Sachen ("Palabras e cousas")— tiraban susbtanciosas conclusións antropo-culturais dos datos fornecidos polo potencial lingüístico dos colectivos humanos.
Así pois, se a esta creatividade ilimitada —que podemos considerar algo así coma un universal lingüístico— engadimos as características propias de cada nación, o destilado pode ser sorprendente. No caso do país, a retranca e a nosa irrefrenable capacidade de rir de nós mesmos aplicada á antroponimia popular produce o que chamamos alcumes, especimes extraordinarios, merecentes de estudos rigorosos destinados a patentizar, por este través, calidades etnográficas e culturais que van para alén do dato estritamente lingüístico.
En punto a alcumes, creo que todo casal, rueiro, aldea ou pobo ten unha historia propia e característica. Lembro as referencias paternas a un de Cuntis, propietario, polo visto, do primeiro coche —un renault— que se viu na vila, de mal nome José de Merda Fresca. Porque debe saberse que cando o alcume non é aceptado de grao polo destinatario non é alcume, é mal nome. Unha señora, grande, fea e tangaleirá, que tiña un quiosquillo en certa vila mariñeira era de mal nome a Cascola. A coña local da rapazada era ir ao establecemento de tal señora e preguntar, como variante do coñecido refresco de laranxa e limón, se tiña Kas Cola, co que a caraja da vella se daba ao demo e á puta madre do solicitante, mentres este, entre as gargalladas, corría a máis non dar. De mal nome son tamén unha familia doutra vila costeira, os de Cu Queimado, surnome de orixe máis ben brutal, pois resulta que, nos vapores dunha bebedela monumental e, polo visto, por unha aposta, a un devanceiro da tal familia marcárono cun ferro candente do gando en sitio obvio. En Compostela foi famoso aquel Pitobebendo, insgine docente que camiñaba cun curioso balanceo de adiante atrás.
A miña natal Estrada, e a súa volta, foi de sempre proclive á produción espontánea deste tipo de exemplares. Un que tiña unha moblería era Camitas. A outro, bon vivant, elegante, ben parecido e xogantín, quedoulle o precioso alcume de Capricho. Un señor que tiña almacén de cementos, moi afeccionado el á caza e consecuente propietario dunha boa jauría, era Perrillos. Aínda estou vendo a Gustoume, a quen chamaban así polo seu inveterado conformismo e bo parecer en todo. Papuxa era un ornitolóxico villeu, pailán e boa xente, a quen de nenos faciamos a vida imposible agochándonos na alameda e voceando o alcume dende puntos diferentes: cando o bo do home corría cara a uns mirtos, pois de alí saíra a voz, de detrás dun plátano a cincuenta metros saía outro oubeo: Papuuuuuuuuuxa. O tipo volvíase tolo. O saúdo que con carácter fixo empregaba certo señor foi vía certa para o seu sobrenome: Holapollos. A un que era pequeno, forte e con rasgos orientais, quedoulle Chato Mongol. Outro, propietario dun bazar, corría por Cacharrín Buján, híbrido curioso da profesión e o apelido.
Alcumes: creatividade en estado puro. En cada un unha ironía, un apuntamento ao natural, a metonimia dun trazo que define a alguén e o resume no mundo.

27.7.08

Oops!


A sabedoría popular é vasta e fonda. Existe ―estou convencido― unha sentenza ou proverbio para cada situación, por moi rara ou extravagante que a situación pareza.
Recibo un mail dunha certa remitente. O mail contén un erro flagrante. Ao día seguinte recibo outro mail da mesma remitente. No recadro do subject pode lerse: rectificacación. Penso: cando o día está de pulgas, non vale cambiar a camisa.

24.7.08

Edición e corrección no século XVI

Definición de editor: Un editor é un individuo do que a xente só se acorda se as cousas van mal. Innúmeras son as veces que o pobre e anónimo editor salva un orixinal da categoría de «simplemente impublicable» a base dun ímprobo e ingrato labor de puído, ímprobo pola cantidade e calidade de traballo que supón, ingrato porque a priori sabe que todo o mérito dunhas bondades textuais a duras penas conseguidas van ser loxicamente imputadas polo lector ao autor. Ora, pobre editor e pobre da súa cabeza se, no medio de tan áridas angueiras, lle escapa un gazapo ou se lle desliza un só erro. Entón todas as furias do averno caeran implacables sobre el sen que ninguén lle lembre os méritos de tan excelente labor textoestético. Isto leva, claro, a un tema espiñento e sempre candente na práctica diaria desta sufrida profesión, cal é o dos límites nas mutuas responsabilidades de autor-editor/corrector, tema que, na súa formulación máis elemental (digamos: de quen cojones é a culpa?), parece ter nacido co propio libro. Na excelente investigación de Benito Rial Costas da que daba conta no meu post anterior, atopo un texto delicioso, redactado polo impresor e libreiro itinerante Agustín de Paz —a mediados do século XVI instalado en Compostela— como introito aos Coloquios satíricos de Antonio de Torquemada (Mondoñedo, 1553), texto que non resisto a tentación de ofrecer hoxe aos eruditos ollos dos asiduos desta bitácora tanto pola súa rabiosa modernidade e vixencia canto pola inxenuidade exquisita do español clásico en que está redactado.
É un pouco longo pero a reflexión, feita hai catrocentos cincuenta anos, paga a pena.

Es costumbre tan usada en qualquiera que lee un libro si halla algunos defetos o mentiras o letras mal puestas o unas por otras que luego hechan la culpa al impresor que lo imprimió sin saber si aciertan o si no, que como ya tiene esta rama no avrá nadie que se la quite y para desengañarlos que assí hechan la culpa a los impresores determiné de avisarles declarándoles la manera que se tiene en las correciones, y aveys de saber que en qualquier emplenta ay un corretor asalariado para que corrija todos los libros que se imprimen y este a de tener cuydado de corregir todas las faltas que halla en el original y que se hazen en la emplenta y asi si algunos defetos se hazen son a cargo del corretor y no del impresor y asi ninguno se debe de marabillar por las faltas que halla porque por si mesmo puede juzgar a los corretores: estays escribiendo una carta a donde teneys todo vuestro juyzio y memoria y entendimiento, a donde no teneys mas con quien entender sino con el papel y la pluma y tinta y después de escripta tornándola a leer halláis en ella harto que tornar a enmendar y aun tornarla a trasladar, quanto mas donde ay tantas menudencias de letras que no basta juyzio vmano para hazer que en lo que se imprime no llebe defetos porque por mi lo he visto passar dos y tres vezes y aun guardo una prueba y si me tomas en juramento juraría que no ay en ella que corregir y tornarla a leer y hallar en ella algunas mentiras o letras mal puestas y aun algunos que me han dado obras ha imprimir y ellos mesmos ser corretores de sus obras y dezirme que sus obras no han de llebar sola una mentira y al cabo de impresa la obra tornarla a passar el autor y hallar tantas que estaban espantados asi que se pasan los ojos y no basta nadie ha hazer que no llebe defetos aun que mas mirar y diligencia tengan.

Ben certo é, xa o dixo o latino: Nihil novum sub sole!

15.7.08

De arte tipográfica e frustracións

Eu, que non son historiador pero lle dou moito ao caletre, vivín durante algún tempo coa vaga intuición—probablemente alicerzada no descoñecemento de certas claves que só co tempo se me foron revelando— de que para o atraso socio-económico e cultural da vella pel de toro, e consecuente e nomeadamente deste recanto verde e periférico da mesma onde habitamos, foron determinantes dous acontecementos cataclísmicos: a Contrarreforma e o franquismo, acontecementos ambos que, en épocas moi distintas si, pero viñeron significativamente ao mesmo: reforzar con fortísimos vencellos as relacións do poder cunha xerarquía católica farisaica, implacable e reaccionaria implicada ata a médula en controlar teocraticamente un pobo por tal vía amolecido e dócil. Nas dúas conxunturas —comezos do século XVI e 1936— a Igrexa xogou unha delicada baza e puido perder; de ambas saíu non só vitoriosa senón aínda refrendada. O poder do tirano viuse así admirablemente sancionado polo mandamento divino representado polo papa e os seus bispos. Caudillo de España por la Gracia de Dios, dicían as pesetas.
Con todo, admitindo a directa consecuencia destes retromovementos no secular e ibérico aillamento de tebras e cegueira, hai significativas mostras de que a cousa vén de atrás e antes. Supoño que o carácter periférico da península en sí, a linde natural dunha fronteira coma os Pireneos, condicións climáticas e orográficas, a idiosincrasia dos nativos… foron decidindo aos poucos sobre a natureza das nosas comunicacións e a ausencia dun tecido socioeconómico abondo para soster desenvolvementos que no resto de Europa, máis intercomunicada e, por tanto, constituínte dunha comunidade de intereses, comezan a agromar en épocas ben temperás. Resúltame, neste sentido, altamente reveladora a lectura dun magnífico texto, que a piques estivemos de publicar na Universidade pero que, ao cabo, deron ás prensas o Consorcio de Santiago e a editorial Calambur. Refírome a Producción y comercio del libro impreso en Santiago (1501-1553), editado en 2007, o seu autor Benito Rial Costas. Dos liminares históricos do libro, necesariamente referidos aos primeiros anos da imprenta en Europa, España, Galicia e Compostela, extraio os seguintes treitos, o xuízo dos cales deixo sen máis comentario ao lector:

El libro en Castilla durante el siglo XVI, tanto en número de talleres como en la capacidad de producción de éstos, está lejos de los niveles de otros reinos europeos. El escaso desarrollo industrial, tanto técnico como inversor, y las deficientes comunicaciones hacen que el mercado impresor castellano esté disperso geográficamente, que sus talleres sean escasos y sus medios escasos. Mientras que ciudades como París y Lyon concentran el mayor número de imprentas francesas, en España están desperdigadas por toda la geografía. Frente a los 150 talleres de Venecia o los 60 de Lyon, ciudades como Sevilla o Salamanca cuentan con tan sólo dos. Y ante las 24 prensas que al inicio del siglo forman la imprenta de Anton Koberger en Nuremberg, el taller de los Cromberger o el de los Junta en Salamanca, a pesar de estar entre las imprentas más grandes de la península, cuentan con tan sólo cuatro […] Galicia, periferia del periférico reino de Castilla, poco puede ofrecer a la industria del libro. La escasa entidad de sus núcleos de población, una economía eminentemente rural y la lejanía de los principales centros del libro en la península impiden la impresión en nuestras tierrras de cualquier obra con pretensiones de distribución nacional. Sólo la Iglesia con sus Manuales, Misales y Brevarios pretridentinos, pueden encargar trabajo, aunque sea escaso, a los nuevos artesanos del libro impreso […] Santiago de Compostela, a pesar de haber sabido del arte de hacer libros en fecha tan temprana como es la de 1483 […] reduce su relación con la imprenta durante la primera mitad del siglo XVI casi exclusivamente al paso ocasional de algunos impresores que ofrecen sin éxito sus servicios en la ciudad […] entre 1530 y 1553 son sólo cuatro los impresores de los que tenemos noticia.

É a nosa, toquemos onde toquemos, a historia dunha permanente frustración?
Bueno. Sempre nos quedarán Casillas e Fernando Torres (oriúndo de Boqueixón, eh!, que todo hai que dicilo).
[Nota final: seguirei dando novas da excelente investigación e apaixoante libro de Rial Costas].

10.7.08

Northern Exposure

As lecturas de perruquería son algo digno de estudo. Nestes establecementos, e mentres agardamos a que nos chegue a vez para o trasquilado das guedellas, accedemos a impresos hemerolóxicos da máis diversa caste, pero que reúnen para min dúas curiosas características:
a) é alí o único sitio onde accedo a eles, e
b) o fondo de títulos é sospeitosamente parecido dunha perruquería a outra.
Deste xeito, eu, que de costume non son usuario de Tuning Radical, Qué me dices, Moto GP, Hola, Diez Minutos, Muy Interesante ou Man, enfráscome en lecturas lúdicas, das que, de certo, disfruto moito —para que enganarnos—, penetrando indiscriminadamente nos arcanos dunha concentración tuning en Seseña, provincia de Toledo; nos proximos esponsais dun triunfito cunha tía buenísima; nunha soirée na que o home de Alaska ―un tipo bastante grimoso― aparece especialmente desmelenado, ou na última produción de Monica Belluci de prota, report ao que acompañan unhas fotos da susodicha que… en fin, corramos un tupido velo.
Nun destes especimes, e no entanto lle arranxan a perrera ao meu pequeno —vítima da previa desfeita dun inexperto fígaro— leo unhas declaracións de certa solista oriúnda das Illas Afortunadas, que me chaman a atención. Perante a perspectiva dun cambio de domicilio a Suíza, dende as súas natais Canarias, a xornalista pregunta á cantante se non lle dá medo non se afacer ao clima helvético, ao que a artista resposta que non, porque, como viviu en Asturias cinco anos, xa está moi afeita á chuvia e escuridade do norte (sic).
Vista dende fóra —que é como hai que ver as cousas— é indubidable que tal é a imaxe característica destes pagos atlánticos e nordesíos. Ata que punto as condicións climáticas dun país inflúen na súa Volksgeist (como diciamos o outro día) é algo sobre o que, ademais de teorizar con alicerce claramente científico, podemos coquetear, máis ou menos frivolamente, destilando divagacións da máis variada pelaxe. Déixenme coquetear un chisco, sen ánimo excesivamente crítico.
Fole
. Si, si, Ánxel Fole. Fole é un dos escritores de nós do que máis gusto. Ao igual que Baroja, home e autor se explican só no contexto dun norte húmido, escuro, rudo de ventos e borraxeiras, mesto de afalagos misteriosos, de horizontes sempre esvaídos e aires permanentemente salgados pola mar. Baroja e Fole chegan a unha valoración conveniente cando enchoupados ata a médula da cerna física do país. Atopo curiosas coincidencias entre don Pío e don Ánxel. En ambos a pretensión dunha elevada estética literaria cede fronte ao pulo dunha transmisión sincera e clara da realidade que pretenden describir. En ambos o home imponse ao escritor, mesmo na súa fasquía externa: se Baroja nunca renunciou a semellar un mariñeiro de Santurtzi —txapela, xersei de grosa la, selvática barba— Fole parece un labrador enfundado en traxe de señor, sempre cun engaiolante aquel de desastrado adán, soñador e boa xente.
Shanti Andía
—un dos meus libros de cabeceira, do que xa teño falado— é unha epopea do mar do norte, ese que aquí tan ben coñecemos e que acada a súa máxima expresión de violenta e crúa beleza nun serán de vendaval nunha praia da Costa da Morte.
A obra de Fole (Terra Brava, Á lus do candil, Contos que ninguén cre…) dá forma a un universo de terra adentro, bravo e montañés, de belísima toponimia (Lóuzara, Incio, Courel, Ferramulín, Laiosa, Rugando, Piapáxaro...), marcado pola noite, o inverno, a superstición e o medo a aquilo que non podemos controlar. O adubío, ollo, é o do bon vivant cun aprecio basal polos agasallos desta vida: a boa mesa, o charuto e a coñá despois dun bo xantar, a conversa repousada, o canto á paisaxe e unha característica preocupación por cuestións lingüísticas que non reflicten senón un amor infinito á fala coa que o autor vestía o mundo.
Quen non coñece as delicias dunha velada de historias de lobos, aparecidos e salteadores de camiños contadas de vagar nunha noite de tronos e ballón, arredor da cheminea tras unha boa cea, non sabe o que se perde. Experimente. É unha suxestión para unha noite do vindeiro outono feita un día de xullo acojonantemente disfrazado dun día de outono. Isto é precisamente vivir exposto ao Norte.
[Comentario que eu faría de non ser o autor deste post: o seu, amigo Blanco, ten delito. Comeza Vde. falando das revistas da perruquería e remata con Fole e o clima do páis. Fágase mirar.]

7.7.08

Volksgeist

Os nazis, propietarios do copyright de moitos disparates, crían que o Volksgeist, a alma dun pobo, manifestábase nas máis sublimes obras, nas máis elevadas producións do espírito. Así é que, cando Himmler escoitaba a obertura de Tannhäuser, miraba as pinturas de Friedrich ou visitaba a estatua de Gauss en Braunschweig chegaba a éxtases probablemente inacadables por outros procedementos, alimentando con ricos nutrientes a parvada de que os arios estaban, en efecto, chamados a ser os amos do mundo por dereito.
Eu sosteño exactamente o contrario. Son os feitos máis cotiáns, con seguridade os máis prosaicos, vulgares e aínda pedestres e toscos os que con maior elocuencia falan da alma dun pobo. Qué maior expresión de españolidade ca a deliciosa resposta No le está. Salió al café cando se demandan os servizos dun funcionario público? Qué máis deliciosa declaración de galeguidade que ese le representante sintáctico do noso queridísimo" dativo ético o de interés"?
Hai, creo, certas expresións ligadas indisolublemente ao Volksgeist dunha nación, dun país, dun pobo, dunha vila. Por seguir con exemplos especialmente senlleiros, reputo que non existe manifestación máis prístina de compostelanidade que certo argumento propio do comercio, que terá vostede escoitado máis dunha vez. Poñamos que, nunha mercería da zona vella de Santiago (desas que, nas rúas ou na Algalia, seguen chamándose, paradoxalmente, «Novedades»: «Novedades Carmiña», ou así), pedimos un botón co que repoñer unha maltreita "blazier", por meses esquecida na recámara da roupa estival. Cando me espetan:
-Ay, no -e, tras chascar a lingua-: Yo es que este tipo de botón no lo trabajo.
teño que resistir a duras penas a tentación de botarme ao pescozo da mercera e non lle propinar dous besos, por facerme partícipe de tan fastuoso sentimento de pertenza a unha colectividade. Se engade, como colofón:
...no lo trabajo, mi rey.
entón o goce elévase a niveis de bomba de palenque. Iso é Volksgeist e non Wagner.
N.B
.: Hoxe teño apuro e non me dá para máis o caletre. Outro día seguimos coas manifestacións da alma popular. Para isto, a miña vila natal, A Estrada, é unha especialidade. Abur (de présa)!!!

3.7.08

Libro-lixo

A edición vive hoxe tiranizada por unha feroz competitividade e a permanente obsesión polas cifras de negocio, o que, como se ten sinalado por plumas máis conspicuas ca a deste humilde blogger, de xeito inevitable socava o seu alicerce basicamente cultural. Dentro dun panorama tal, son cada vez máis frecuentes os esforzos por invadir o terreo da edición co que, facendo un calco de tele-lixo, podemos bautizar como libro-lixo. Eu xa me referín hai tempo á actitude serea, sincera e ausente de prexuízos coa que me armei para iniciar a lectura de Villa Diamante, finalista do premio Planeta 2007, o seu autor Boris Izaguirre. Ben. Lin o outro día no suplemento "Culturas" de La Voz de Galicia, unha crítica que comezaba recollendo a cita famosa do máis famoso dos Marx Brothers (non, non é Karl): a TV é un forte elemento culturizador. En canto a encendo, busco un libro e a apago. Co libro de Izaguirre, e por moito tele-lixo que boten, paga a pega seguir coa TV acesa.
O caso de Eros, Thánatos y su puta madre do gurú do tele-lixo Javier Sardá (Planeta, 2008) está exactamente no mesmo caso. Trátase dunha unha desafortunada —esperemos que a primeira e a última— incursión de Sardá nun oficio, o de escritor, que debera respectar un pouco máis. É a cultura editorial do pelotazo; o cameo levado ao mundo do libro; unha subliteratura destinada a un público que no fondo, o propio autor e os editores desprezan, lobotomizado polos medios e disposto a tragar o que lle boten, con tal de que o márquetin funcione e os elementos sexan os esperables: unha procacidade ilimitada e unha absoluta falta de desprezo por todo (cfr. o mesmo título do libro) disfrazada de desenfadada iconoclastia. Na presentación do libro participou Carlos Latre imitando a non sei quen. Poden vostedes imaxinalo…
De por parte, eu son un extraterrestre, un friki, un inadaptado, un tío raro, un selenita. Con dicirlles que estou lendo o Teatro escogido de Schiller! Deleiteime con Xoana de Arco. Agora estou con Tell. É con textos así como un entende, no seu pleno e sublime sentido, o adxectivo inmortal. Con libros como os de Sardá, tamén.

29.6.08

O extraordinario mérito de moitas cousas que ninguén recorda

Nun clima sociolingüísitco como o que no día se vive neste verde recanto ―clima moi parecido ao das clínicas para insáns e orates (remítome ás probas)― o malo de celebracións como o Día das Letras Galegas ­que, por mor da inercia e unha tendencia inevitable ao reiteramento, cada vez máis ten menos cousas boas e máis malas­, é que converten á figura do homenaxeado nunha sorte de intransixente adaíl do lume sagrado da lingua, facéndoo incontestable partícipe das opinións do sorprendente batallón de críticos e especialistas que nun par de meses xorden de non se sabe onde e que, nun contexto radicalmente diferente ao orixinal que viviu o galardoado e mercé a unha curiosa transferencia, non se paran en barras á hora de atribuírlle a este opinións, pareceres e, aínda, estatutos ideolóxicos completos propios do crítico ou estudoso en cuestión. Claro, isto é posible, entre outras cousas, porque, dadas as bases para a elección do homenaxeado, malamente vai poder este respostar.
Nun acto de presentación sobre un dos innúmeros libros adicados este ano á figura de Álvarez Blázquez, certo especialista en uso da palabra, tras os encomios e panexíricos de rigor, lamentaba a frecuencia con que nos últimos anos as Letras foron recaendo en autores bilingües, inferíndose implicitamente de tal razoamento que don Xosé María fora un cultivador monolítico da doce lingua de Rosalía. Ignoro que falaría no seu círculo privado. Pero si sei que foi un extraordinario cultivador literario do castelán, tendo acadado significativos niveis de excelsitude e clasicismo. Para mostra un botón. É o prólogo a un libro:

La curiosa misiva que hoy damos a la estampa estaba destinada a ser pasto de las llamas, si se hubiese cumplido el deseo de su autor, expreso el hoja preliminar. Pero era tal el encanto de su vívido relato, tan donosa la historia, tan aguda la sátira, que el destinatario tuvo el buen acuerdo de desoír su ruego, rechazando el sacrificio.

Fue así cómo, pasados más de doscientos años, vino la carta a parar a nuestras manos, si bien lo que el fuego no había osado lo intentara después un taimado felino, arañando y mutilando los folios de tal modo, que se diría del gato en cuestión «émulo de la llama», y no por el color precisamente. Estas mutilaciones y desgarraduras nos privan de conocer en su integridad el nervioso relato de una aventura, pintoresca, acaecida en aguas de la ría de Vigo, allá por el estío de 1727.


O texto, como dixen, un limiar, é a presentación da exquisita edición ―de 151 exemplares numerados [o meu é o 77] e compostos a man en tipo elzeviriano― dunha historia bizarra e dezaoitesca da que, por non ser prolixo, outro día falaremos: a de don Jacinto de la Peña y Vázquez, mozo barbián de hidalga estirpe gallega, flamante licenciado en Teoloxía que rematou dedicándose a contrabandista de pólvora, historia que, en forma epistolar, Álvarez Blázquez recolle en Carta de las Gandumbas (Vigo: A Roda dos Cento Cincoenta e Un, MCMLXVI).
Toda visión excluínte e unilateral é, de seu, mala, do que hai manifestacións abundantes. Na miña opinión, exaltar nun día concreto a condición gay inclúe implicitamente unha certa dose de desprezo á condición het. Reunirse en monstruosas festas moteiras ten un pouco de recoñecer o especial que resulta ter unha moto, mentres que non tela sume ao individuo nun océano de mediocridade.
É magoa que, neste ano, ninguén teña lembrado La carta de las gandumbas. Por algo será.

24.6.08

24 de xuño

Malia o laicismo galopante do século, o día da onomástica é para cada quen un día especial. O noso nome, sexa literal e simple (Isabel), composto (Isabel María), acrónimo (Isma), truncado (Isa), afectivo (Isabelita), mixto truncado-afectivo (Beli) ou hipocorístico (Chavela), é ―malia unha propiedade en ocasións (Pepe, Quico, Paco, Moncho, Manolo, Carmen…) tan universalmente compartida ― parte integrante de nós, e o levamos xa con orgullo (eu son Ramón coma meu pai), xa con certa tendencia explicable ao disimulo (no meu pueblo coñecín eu de neno unha rapaza que atendía por Yeni: resulta que tan exótico hipocorístico respondía ao Generosa orixinal). Algo debe haber de importante no asunto, cando os pais, como parte moi notable dos rituais da longa e ilusionante espera da xestación, botan tantas horas en decidir o rótulo baixo o que o seu vástago será coñecido no periplo da súa existencia. Acerca do particular, nunca deixa de chamarme a atención ―signo dos tempos e dun pobo con pes de barro― a curiosa diferenza entre as columnas de defuncións e natalicios que adoitan publicar certos xornais. Naquelas, os nomes dos infortunados chamados pola inexorable Parca acostuman ser do estilo de Manuel, Nicanor, Perfecto, Gumersindo, Maximino, Purificación, Ludivina, Asunción ou Felicitas; nestas, son Borja, Vanessa, Íñigo, Tania, Jessica, Yeneli (e cousas aínda peores: Sue Ellen, Demelza e Poldark son exemplos dos que, pola miña honra, dou fe).
No meu caso (Juan pola miña avoa materna Juana e Luis polo correspondente masculino), en poucos sitios me chaman Juan Luis (miña nai cando se enfadaba e moitos dos meus colegas da UNED). A maior parte da peña recorre ao neutro Juan ou ―cousa curiosa que algún día me pararei a analizar― a diminutivos afectivos como Juanito, Juancito/Juansito, Juanillo, Juanín, Juani, Juanillas, Juanola/Juanolas… O certo é que a vitola onomástica que me identifica é un deses nomes que, por razóns diversas, ten pasado ao imaxinario popular de todos os países (Jean, Jan, Hans, Hänschen, Ivan, Johann, Jon, Ian, John, Johnny…; cfr. ser un xan en galego) baixo as formas máis variopintas, curiosas e, supoño, social e etnográficamente significativas. A tal punto chega a variedade e riqueza juaneril que en 2000 a Universidade de Salamanca publicou un delicioso onomastikón, o seus autores José Luis Alonso Hernández y Javier Huerta Calvo, intitulado Historia de mil y un Juanes (onomástica, literatura y folklore), que antoloxiza, con rigor e erudición non exentos de fino humor, a inmensa riqueza de Juanes nos eidos referidos, con espécimes populares merecentes de nota: Juan Pedorreras, Juan Boñiga, Juan Berrinches, Juan Tonto…, ao lado de dignos e aínda dignísimos Juanes como Juan de Mena ou Juan de Austria. Un engado especial debe ter o nome cando o maior e máis depravado sedutor da literatura é un Juan.
Por certo que Juan Blanco, consonte o onomasticón citado, é en xermanía ‘inocente o ingenuo’, por atribución irónica aos negros no sentido de que «los negros son todo lo contrario de los ladinos y, en consecuencia, alguien a quien se puede engañar con facilidad». Xa ven que cousas. Polo demais, en ocasión de chamar hai xa uns anos a certa editorial da cidade olívica, a señora ou señorita que me atendeu ao teléfono fixo, á miña presentación (Son Juan Blanco. Podería falar con…?), o seguinte comentario:
-Vostede é moi coñecido en Vigo.
Ala vai, carallo -pensei- saiba Dios que escura débeda do pasado se me vai cobrar de contado!
A boa da muller tranquilizoume:
-É que hai unha cadea de tendas de roupa que se chama como Vde.
Cando, en fin, a combinación do meu nome é co segundo apelido, axiña xorde a lembranza daquel venerable Juan Valdez que foi paradigma do Café de Colombia.
Ou sexa, que non hai quen fuxa. Miserias e grandezas de portar un nome tan ¿vulgar?

20.6.08

Clocks

Moi arriscado, por non dicir imposible, resulta facer unha anticipación dos camiños por onde nos vindeiros anos nos vai levar a tecnoloxía. Vendo o que levamos visto nos últimos dez anos, pode ser calquera cousa; as prestacións do pequeno celular que me deron hai uns días fan palidecer como unha sorte de obxecto neolítico ao que adquirín non hai ben tres anos. Como afirmaba no meu comunicado anterior, o malo desta voráxine hipertecnolóxica na que habitamos é a crenza de termos vivido sempre así. Contan que, tras moitas horas contemplando o filamento milagroso que despedía luz, un dos acompañantes de Thomas A. Edison, case vencido polo sono, afirmou: Dende hoxe nada será igual no mundo. Sequera propoñerse avaliar as consecuencias socio-culturais da luz eléctrica na humanidade dá dor de cabeza. Algo así ocorre con internet ou a telefonía móbil. Están en todas partes, omnipresentes nas nosas rutinas, e resulta intolerable a idea de prescindir delas. Algúns efectos individuais son especialmente importantes, á hora de imaxinar proxectalos en efectos sociais. De repente, un descobre que leva almacenadas no celular fotos de hai tres, catro anos e o trebello devén automaticamente unha máquina de melancolías, un álbum de momentos inopinadamente captados, coa nonchalance non de quen fai uso dun cacharro especificamente deseñado para facer fotos senón de quen conxela un instante por non ter mellor cousa que facer valéndose dun cacharro que, de entrada, serve para falar a distancia.
Google, pola súa parte, é unha trituradora de mitos. Estou escoitando, non sei, a Focus ou Deep Purple, mitos construídos na idade na que se se fan esas cousas e un ten virxe e co depósito a tope a capacidade de gozar das cousas. Escoito a guitarra exquisita ou desgarradora de Jan Akkerman ou Ritchie Blackmore; deléitome ata o estremecemento coas teclas sublimes e a sublime harmonía de Thijs van Leer. Google, terrible big brother, omnisciente oráculo que dirixe o seu ollo escrutador a toda parte, excítame a volver terra, sangre e carne o mito. Tecleo thijs van leer e pincho en imaxes. Contemplo cen, duascentas fotos dun tipo gordo, pequeño, vello. Ritchie Blackmore, a quen lembro saltando coma un pura sangre pegado á súa enerxética Stratocaster nos impagables concertos de Xapón, é un xubileta con cara de mala ostia. Akkerman está calvo, fondón.
O meu móbil e Google son clepsidras nas que un pon a cantidade de area que quere. Son medidas do tempo. Por se non o tivesemos xa abondo medido.

19.6.08

Pedeéfe

A primeira vez que sentín falar de .pdf (ou pedeéfe) foi na feira LIBER en Barcelona nos principios dos noventa, nunha mesa redonda moi internacional na que participaban informáticos, editores e distribuidores. Había unha señora británica, con obvias capacidades proféticas, que afirmou que o innovador documento de formato portátil de Adobe estaba chamado a converterse no estándar natural para a edición dixital, tanto tanxible coma en liña, en harmoniosa competencia con .html. Case vinte anos despois, cabe preguntarse que sería do mundo da comunicación cultural e científica e da edición sen .pdf. Nun concurso sobre qué palabra é a que un grupo de editores de hoxe pronuncia máis ao cabo do día de certo que o alfónimo pedeéfe ía ter moitas papeletas para gañar. Facemos pedeéfes con probas de maqueta, e mesmo hai autores que as corrixen usando das potencialidades do propio .pdf (nunca o acepte: ao final terá que pasar as correccións da pantalla a unha copia impresa; ergo, dobre traballo!); facemos .pdfs coas sucesivas probas de cuberta ata pecharmos a definitiva; facemos pedeéfes para cetepé (.pdf’s para CTP) co cal axilizamos os procesos de produción do libro a un punto máximo. Se a un impresor tradicional lle contasen que un ordenador rasteriza un pedeéfe para envialo directamente á confección de pranchas de offset abofé que afirmaría algo como pobre profesión!
A tecnoloxía, de seu, non é boa nin mala. A fisión atómica e o tubo de raios catódicos son cousas neutras; Little Boy e a televisión non. Un efecto bastante perverso da tecnoloxía, creo, é o rápido que nos afacemos a ela e a paulatina instalación na crenza de que o mundo sempre funcionou así. Non están moi lonxe na miña lembranza os tempos nos que un documentalista botaba cinco días de traballo acopiando unha información que hoxe Google devolve en 0,058 segundos. Pedeéfe é unha tecnoloxía bárbara —que diría un arxentino—, que dúbida cabe, pero a súa contribución á fuxida cara adiante que hoxe é a edición —a edición compulsiva poderiamos dicir— foi e é definitiva. A facilidade técnica tradúcese directamente nunha produción incontrolada: autoedición+pdf+ctp / autoedición+pdf+impresión dixital=facer libros como churros.
Editar compulsivamente? A pregunta que todos nos facemos é: para quen?

16.6.08

Indixestión

Tiña eu un gato que se lle enchía moito o comedeiro do pienso que comía, desganábase e o aborrecía. Supoño que se trata do mesmo efecto que na psicoloxía de xentes máis ben sobrias, coma quen subscribe, produce a babilónica oferta de certos banquetes nupciais de estirpe máis ben rural desenvolvidos en restaurantes obviamente coaligados cos fabricantes de bicarbonato e tisanas dixestivas: perante o abismo da bouffe que agarda aos circunstantes, eu deixo de ter fame aos dez minutos de sentar, e sen ter sequera engulido o aperitivo (dito entre parénteses, hoxe xa saben que o se leva hoxe entre gente fina é pasar fame a base de reducións, volováns, caramelizacións e sopletes servidos en platos cunha relación de continente a contido de 10 a 1, pero este é outro cantar).
Entrar hoxe nunha libraría media, que vaia para alén da mera papelería ou quiosco, é un exercicio de hartazgo semellante. Ben se sabe que os extremos se tocan. A sobreabundancia produce o paradoxal efecto da escaseza: diante dunha oferta tan desmedida, e a non ser que vaïamos a tiro fixo, sentimos tenderse sobre nós unha pátina de horizontalidade e ausencia de matices, unha desazón semellante á de quen entra nun gran museo e apenas ten dúas horas para visitalo, o desasosego de quen non ten tempo nin, probablemente, coñecementos abondos para catalogar, clasificar, avaliar, etiquetar e preparase a dixerir nin a décima parte do que os andeis do establecemento, abusóns e chulescos, nos ofrecen. Sempre, por outra parte, achei algo de indigno en ir a tiro fixo a unha libraría, coma quen vai mercar zapatos ou unha bolsa de deporte. A emisión do humilde pedido dun libro concreto diante do libreiro devén unha sorte de insulto a tanta riqueza, a tanta cultura, a tanta inmensidade como acumulan as súas estanterías, unha autoinculpación de indefendible limitación e desinterese fronte ao inatinguible coñecemento atrapado en tantos milleiros de páxinas desexoso de se inocular nun novo hóspede.
Non saben qué frustrante me resulta, tras corenta e cinco minutos, saír coas mans baldeiras dunha libraría. Ao mellor son moi esixente. Ou máis ben raro. Tamén, cada vez teño menos sitio para libros. Se cadra, coa que está caendo, voume facendo máis remiso a destinar cartos para libros. E iso que, como me lembran os meus fillos (cando lles convén, claro, e teñen algo in mente), na miña opinión comprar libros non é gastar, é investir.

13.6.08

Un goberno de avestruces













Desaceleración? Non lles digo que non, pero eu ao persoal véxoo acelerado de carallo...
(Foto: Mani en Vigo. El Correo Gallego)

11.6.08

Un momento

É verdade que, segundo contan, son as pequenas cousas as que fan deste val de bágoas do que somos a ou infortunados íncolas un sitio máis ou menos habitable: unha pequena herencia, un pequeno iate, un pequeno ferrari, unha pequena viaxe ás Seychelles… Indo ao serio, si creo que, consonte estableceu o pensador (non sei cal, pero un), as claves dun benestar razoable son un pequeno xardín, unha gran biblioteca e un cónxuxe compracente, tríada da que son venturoso propietario (quizais isto de propietario artibuído ao cónxuxe soa un chisco forte, non?). En fin, amigos prezados, que canto máis recrúa o ambiente socio-político-económico, máis sinto a necesidade de reflexionar alén da preocupación cotiá, de estender as ás do pensamento por riba da tensión tremenda na que, de costume, discorre a nosa existencia. Coller un xornal, ver o parte televisivo, ou discutir no café de cómo vai a cousa coa parroquia é un exercicio de carraxe e paciencia. A cousa vai… Ben saben vostedes como vai. A cousa vai coma o carallo. O mesmo feito de achar consolo en crermos que iso de non ter puta forma de chegar a fin de mes, desaceleración ou anomalía estrutural en termos macroeconómicos, é mal de moitos é testemuño fiel de cómo vai a cousa. Lémbrame aquel que, cando lle preguntas, cómo che vai, resposta: Ben, ou cóntoche?
Por iso, creo que un blog, dócil depositario do que o seu dono considera oportuno transmitirlle, é unha terapia moi axeitada para tempos revoltos, un relanzo de trascendencia en días de anécdota, se así se pode dicir. A vida segue, e. como cantaba Serrat, hoy puede ser un gran día, depende en parte de ti. Polo que a min fai, acho por veces momentos tan perfectos no seu deseño externo que, sequera momentanea e efemeramente, fan trocar o pesimismo ao que induce a terca realidade co convencemento de que, e lembro o poema de Aleixandre, el mundo está bien hecho. Con ocasión, hai uns días, dun paseo contra a tardiña coa miña pequena cadela, Linda, por volta da igrexa dos Ánxeles de Brión, todo semellaba cantar as delicias de nai Natura: o silencio do campo, apenas quebrado polo rechouchío deleitoso dos paxaros; a temperatura, cálida pero suave, que facía do aire un bálsamo; a luz do solpor, xogando coas sombras e tinxindo de ouro a vida… Nada parecía poder engadir un trazo máis a un deseño tan perfecto. E…, como por sorpresa, ao que pasaba eu por diante dun local social do Concello próximo ao campo da festa, situado de par do templo, xurdiu do interior do edificio a tépeda melodía dun nocturno de Chopin, magnificamente interpretado ao piano, supoño que por algún avantaxado alumno da escola municipal de música. Permanecín fincado, inmóbil, deleitándome con tan insólita urdime de elementos externos que facían daquel intre un intre inesquecible, e pensei: Crisis? What crisis?

9.6.08

Jardiel

Na historia recente diso cada vez máis indefinido, que antes chamabamos, sen que nos provocase erisipela, letras hispánicas hai poucos exemplos de desproporción entre esquecemento popular e volume da obra comparables ao caso de Enrique Jardiel Poncela, e iso malia ter acadado algún dos seus títulos, cando menos coma meros títulos, o nivel case da frase feita: Eloisa está debajo de un almendro ou Usted tiene ojos de mujer fatal.
Cultivador impenitente da comedia, a novela, a novela e o relato curto e o pensamento condesando en forma de pequenas pílulas de uso discrecional, Jardiel é, creo, unha boa mostra dun humor hispánico de base certamente conservadora e, no fondo, respectuosa coa orde establecida e pouco rupturista. Se non fose polo risco de ser mal interpretado (tal como está o patio, case seguro que vou ser mal interpretado, pero aí vai), eu postularía a existencia dunha caste de humorista español de dereitas, que nunha medida máis ca perceptible, adopta como elementos integrantes da ironía percepcións da sociedade vedadas, proscritas ou moi limitadas á tradición da esquerda. Deste xeito, a ignorancia e zafiedade das clases populares, o desprecio ou desconfianza cara aos avances culturais e científicos, a necesaria inmutabilidade dun sistema de xerarquía social, a defensa implícita da superioridade masculina basada na frivolidade inevitable da muller… están na base dun tipo de humor característico que, con diferenzas respecto aos tintes ideolóxicos, abrangue, no recente, a escritores, xornalistas, humoristas gráficos, de Muñoz Seca, Mihura, Arniches ou Jardiel á xeración de posguerra (Álvaro de la Iglesia e La Codorniz) e os máis novos, ao estilo de Chumi Chúmez ou Mingote, algúns deles por veces levemente enfrontados ao Régimen pero, no fondo, tolerados por este pois ben sabían onde estaban os límites que non podían ultrapasarse.
Dentro dese devandito catálogo un pouco apresurado, Jardiel constitúe para min un autor á parte. Mercé a un libro venerable, en exemplar practicamente ao borde do estantarelamento total a causa do intenso uso ao que foi sometido, recupero estes días a gratificante lectura dun texto jardielano que non podo menos de recomendar, cando menos nunha boa parte. Para leer mientras sube el ascensor. Selección de escritos breves (Aguilar, 1950, eu a teño nunha reedición de 1968, para mostra un botón) poutpourrí de textos curtos e variados en temas, formas e inspiracións, se non erro o último libro editado en vida do autor, que falecería dous anos máis tarde. Creo que cando lin por vez primeira as "Siete novísimas aventuras de Sherlock Holmes", contidas na obra, debía andar polos doce ou trece anos. Xa daquela farteime de recomendalas entre o círculo dos meus amigos en quen intuía que a parodia da flema sherlockholmiana e, por ende, británica ía resultar tan hilarante coma a min.
Recoñezo que o tempo é unha peneira fodida que nos muda a percepción de (case) todo, e supoño que en moitos aspectos a obra de Jardiel terá resisitido mal o paso de factor tan poderoso. Pero percibo no autor unha chispa de xenialidade ―mestura tal vez de humor intelectual, corrosivo absurdo e unha irónica reiteración da obviedade― do que gusto moi espcialmente e que dalgún xeito o fai intemporal.

4.6.08

Caninos puntiagudos e literatura

Poucos exemplos de (re)fundición literaria a partir de mitos etnográficos debe haber na historia literaria de Occidente comparables, no seu impacto e nivel de reeelaboración, ás historias de vampiros, que, dende o seu orientalismo eslavo orixinario, foron enchoupando cunha auréola de morboso misterio e siniestro engado a conciencia e sensibilidade dos cultivados cidadáns da snob e estirada Inglaterra victoriana. Atopo sumo gusto na evocación romántica do verán de 1816 no que o estraño conglomerado sistematizador do xénero gótico, perfectamente británico na súa extravagancia, formado por Mary Wollstonecraft filla (Shelley nas nupcias), o seu home Percy B. Shelley, Byron e John H. Polidori atoparon en Villa Diodati, a carón do lago de Xenebra, o marco paisaxístico e o fondo climático —noites de fortes trebóns, ventos e chuvieiras violentas— necesarios para daren renda solta ao exercicio de imaxinación e pulo estético que conduciron á creación do primeiro relato literario de vampiros (The vampire. A Tale, de Polidori editado en 1816) e a unha das elaboracións cimeiras do goticismo (e, de paso, da literatura inglesa da época): Frankenstein, or the Modern Prometheus, de Mary Shelley, que viu a luz en 1818, obra profundamente inquietante que reflicte, creo, un radical ateísmo —no que o seu home militaba—, tan virulento que conduce ao Dr. Frankenstein a desafiar ao mesmo Deus. A nai de Mary Shelley, Mary Wollstonecraft primeira, por certo, tivo un breve romance co pintor Henry Fuseli (nacido Johann Heinrich Füssli, 1724-1825), autor de fantasmagorías, horrores e escuros pesadelos (na imaxe, Os íncubos), que houbo de influír decididamente no romanticismo británico, e ao que fai referencia o xenio Poe en The Fall of the House of Usher.
Entre O vampiro de Polidori e a aparición do «código» definitivo e canónico do vampirismo, Dracula, 1897, novela na que o predicador irlandés Bram Stoker quintaesencia con suma habelencia todos os seus antecedentes, sitúase unha das producións para min favoritas do xénero: Carmilla (In the Glass Darkly, 1872) do tamén irlandés, tamén extravagante e tamén victoriano, John Sheridan le Fanu. Carmilla é un paradigma de intelixente administración narrativa e de elegancia no tratamento dunha condición de partida ―o erotismo lésbico que emana a relación das protagonistas―, que podería ter conducido ao seu autor a un auténtico fiasco. A mesura e equilibrio cos que se Le Fanu dosifica, a pequenas gotas para non empachar, un orixinal repertorio de elementos sobrenaturais, van definindo unha trama de intenso horror e repulsión, en perfecto, malia paradoxal, contraste coa beleza, enfatizada ata a esaxeración, do monstruo, da loba con pel de año, Carmilla. Sen dúbida, unha das obras mestras do xénero. Moi recomendable se é Vde. un lector tan rariño coma este menda. O día menos pensado me fago psicanalizar, a ver qué é o que me pasa.

3.6.08

O DLLC

En punto a lecturas, un, que é raro de narices (por non dicir outra cousa que ía soar mal alén de equívoca), ademais de absolutamente caótico (ao mellor para compensar o rigor e inevitable orde que esixen as lecturas profesionais), ten a súa hora meiga na extremaunción do día, ese momento en que silandeira, imperceptible, subrepticiamente Pedro Chosco acode a nos pechar os ollos como piadosa paréntese para afrontarmos a nova xornada que nos agarda. Nese momento de nos render o sono, e como durmir é un algo como morrer (cojones coa metáfora), ao igual que disque os mortos rexistran na rétina a última imaxe que en vida viron, así creo eu que un dorme cruzando a Estixia da vixilia co regusto do último que leu.
Ou sexa, nunha palabra, que son lector de cúbito supino e última hora. Mesmo, como experto en tal actividade que con fartísima experiencia ten sufrido o engorro de conciliar a relaxante horizontalidade co imprescindible sostemento físico do libro, teño imaxinado un invento moi rendible e acaído, consistente nun brazo articulado, xa empotrado no teito da habitación (non se me escapa que con obvias repercusións estéticas), xa con disposición parabólica, máis móbil e menos agresiva coa decoración, dotado dun atril e destinado a presentar aos especialistas en lectura de cama ―entre os cales tal vez se atope Vde.― o volume en cuestión con toda comodidade e podendo o suxeito dispoñer as extremidades superiores como lle pete, venturosamente liberadas da tiranía imposta pola suxeición do libro, e preocupado só de acomodar a cabeza ao seu antollo entre a molicie voluptuosa das almofadas. Un dispositivo adicional, tal vez dirixido pola propia voz, podería mesmo ir pasando as páxinas, co cal a disipación de enerxía do individuo sería nula concentrándose toda ela na eficiencia e rendibilidade da lectura, que podería acadar así cotas ignoradas ata o momento.
A suxestión fica feita. Eu sonlles de letras ―Niemand ist Vollkommen― e pouco dado a bricolaxes e moito menos proclive a enxeñerías que vaian para alén de cambiar unha bombilla. Pero me pregunto como é que, no medio de tanta quincalla tecnolóxica inútil, o DLLC (dispensador de libros para lectura en cama) ―ata vai bautizado o chintófano― aínda non se inventou.

31.5.08

Parad el mundo que yo me apeo

Nun intervalo de apenas dez páxinas dun xornal gratuíto dos que tanto menudean, leo tres titulares:

-Barcelona. Xulgado por gravar a súa sogra no lavabo mentres realizaba as necesidades fisiolóxicas.

-Unha muller alemá mete o bebé no conxelador ao crer que estaba morto.

-Navratilova dedícase a pintar cadros abstractos lanzando pelotas de tenis nos lenzos.

Doulle todo o seu sentido a unha pintada que hai a carón dun caixeiro no que acostumo quitar cartos (cando os hai, claro): Reset the world.

29.5.08

Unha mesa redonda

Hai uns días moderei unha mesa redonda (que, por certo, era rectangular) sobre Saídas profesionais da edición na compostelá Facultade de Filoloxía destinada a dinamizar a matrícula no vindeiro Programa Oficial de Posgrao en Edición que convocan xuntamente as universidades de Vigo e Santiago, como reconversión do noso Máster en Edición (que este curso cumpriu a súa terceira —valla a redundancia— edición). Na mesa, composta por editores de pelaxes varias (creación e edición de banda deseñada, unha pequena editora de libros góticos e de terror, a coordinación dunha liña de traballo dunha grande editorial e unha empresa de servizos editoriais), suscitáronse temas diversos que eu, como moderador, tentei levar ao pé de obra da profesión que, supuxen, sería o que debera interesar a rapaces e rapazas a piques de se licenciar en titulacións de Humanidades e decidir qué facer coa súa vida, expostos, xa que logo, a sucumbir ao doce virus da edición.
Digo que intentei levar ao pé de obra o debate porque demasiado ben coñezo a propensión dos editores aos transportes de entusiasmo profesional cando se reúnen, e corriamos o risco evidente de botarnos a falar de cousas que nós podemos considerar interesantísimas pero pouco ou nada os destinatarios do evento.
De entre o fluído intercambio de puntos de vista, que se estendeu dúas horas, difícil sería resumir o inventario de temas que foron tratados e as conclusións —sempre provisionais— da mesa. Con todo, aventúrome a sintetizar algunhas:
1) un dos problemas, por non dicir o problema, da edición independente é a distribución. Os grandes grupos editoriais teñen as súas propias canles e os distribuidores convencionais, nin aínda cos beneficios en porcentaxe e prerrogativas da devolución cos que traballan, queren asumir os riscos de distribuír un novo selo. O período de devolución, ademais, estase acurtando consonte medra a oferta editorial (68.930 títulos editados en 2006) e se reduce drasticamente a vida media do libro (hoxe atopamos libros editados en 2006 nas feiras do libro antigo e de ocasión). A distribución de contidos dixitais e as megalibrarías virtuais xeran, neste sentido, novas incertidumes pero, tamén, novas esperanzas e vías de traballo.
2) a única alternativa á horizontalidade da oferta editorial —representada pola cultura do best-seller, as megalibrarías e a oferta apabullante e indiscriminada dos malls e áreas comerciais— é voltar ao concepto tradicional de libreiro, que sempre foi un profesional con escasísimos coñecementos de márquetin e dotado dun entusiasmo e amor dos libros que non lle ía a la zaga aos editores. Hoxe non hai, de media, libreiros senón comerciantes que o mesmo venden libros ca trafican en cervexas ou vestidos de noiva. Alguén falaba na mesa do moito que, cando entra nunha libraría, lle molesta unha destas dúas cousas: que non lle deixen tocar os libros ou que lle pregunten ¿Puedo ayudarle? (no meu caso, máis dunha vez teño respostado a esta pregunta escuetamente Non na absoluta certeza de que, en efecto, non pode axudarme).
3) o concepto de lector ten mudado de xeito radical nos últimos anos. Se nos suxeitamos aos barómetros oficiais de hábitos de lectura, que se centran no consumo de libros, obteremos unha percepción perversa da realidade. Hoxe lese sobre moitos soportes: lense unha imensa variedade de revistas —dea Vde. unha volta polo quiosco máis próximo— (a título anecdótico: a revista semanal Pronto tira 1.000.000 de exemplares); lense manuais de autoaxuda; lense xornais e publicacións dixitais, lense blogs... Que é, en 2008, un lector? Por que limitar as posibilidades de comunicación cultural ao libro impreso?
4) en calquera caso, o mercado editorial, e con el as posibilidades laborais que ofrece, vai seguir sendo unha aposta firme: nunca se editou tanto nin tan ben, nunca como agora se mimou tanto produto ata os seus últimos detalles; é posible que sigan mudando as formas, mesmo máis do que o fixeron ata agora, que emerxan novas redes e xeitos de edición, de distribución e comercialización dixital, de almacenamento e transmisión da cultura escrita, unha profunda reorientación do mercado libreiro internacional, … pero, de certo, sempre seguirán sendo precisos homes e mulleres que propicien e protagonicen todo iso. O futuro é xa.
P.S. Hai que dicir que a audiencia da nosa mesa redonda compoñíase apenas dunha vintena de alumnos (ao mellor, son os chamados á mesa do Señor). Pero esta é outra cantiga.

27.5.08

Un R.I.P. por vía de urxencia

A Sidney Pollack débolle unha das máis grandes alegrías cinematográficas da miña vida: As aventuras de Jeremiah Johnson, da que —entre Memorias de África, Tootsie, Michael Clayton e demais— hai pouca recordación popular (en liñas xerais, o que se recorda popularmente sempre é, do meu punto de vista, o peor, velaí a vivaz raigame do meu elitismo cultural, e pense cada quén o que queira).
O filme, de 1972, baseado na novela Mountain Man (1965) dun autor pouco coñecido por estes pagos, Vardis Fisher, interpretado por un inmenso Robert Redford, cunha música envolvente e cálida e rodado nas impresionantes paraxes naturais de Alaska, desenvolve unha inesquecible historia —en clave iniciatica para algúns— no que un ser humano, farto das vaidades da vida urbana, non só se reencontra a si propio senón que, aínda máis, se reinterpreta a partir de valores que, ata o momento do seu contacto coa natureza en estado puro, ignoraba: a comuñón permanente coa lei natural, o escaso sentido do concepto raza, a solidaridade, o honor… Entre outras moitas secuencias inmortais, a escena na que o pawnee, no medio da neve, sabendo que vai morrer, réndese, e, axeonllado, entoa, como despedida da existencia, un cántico espiritual na súa eufónica lingua é, para min, do mellor da historia do cine.
Unha película eterna, de culto, intelixente, e dunha extraordinaria clarividencia en moitos temas de actualidade (a ecoloxía e o crecemento sostible, a tolerancia e comprensión entre razas…). Velaí a miña modesta homenaxe a Sidney Pollack. Levouno a Parca sendo ben novo. Vaia en paz.