O coordinador de certo programa de posgrao co que andamos a voltas pídeme o que, na miña opinión, sería o guión inicial para un módulo do mesmo titulado Panorama mundial da edición. Penso: recio me lo levantáis, e tamén: a bo sitio viñeches, pero, como se trata de colaborar no que se poida, e escudado naquilo de que se non che gusta tira con el, alá vamos. Tras a consulta dalgúns textos imprescindibles para ordenar ideas (A edición sin editores de André Schiffrin, 2000; o monográfico Editar en tiempos de gigantes de Archipiélago, núm. 51, 2002, e Editar la vida de Michael Korda, 2005) e dunha reflexión previa e bastantes borradores e inspiracións, isto é o que saiu, o que dalgún xeito debe constituír unha sorte de decálogo persoal e necesariamente sinóptico dos topics relativos aos predecentes, actualidade e prospectivas da edición.1) Panorama socio-histórico do mundo occidental na segunda metade do século XX. Da eclosión á hipetrofia da galaxia Gutenberg.
2) Cultura e/ou negocio: edición artesanal e produción en masa. A pervivencia da pequena libraría no tempo das áreas comerciais.
3) Erasmo e Dan Brown: edición de fondo e literatura de mostrador. A cultura do best-seller.
4) No leito de Procusto: a entrada da edición na industria do entertainment.
5) Edición e lectura: indixestión editorial e indixencia lectora. A lectura e os seus competidores.
6) Do offset á autoedición. Postscript. A estandarización dos procesos técnicos.
7) As novas formas de interacción cos soportes da información e a cultura: a revolución dixital. Presente e futuro do libro impreso.
8) Libros, e-books, a biblioteca absoluta: Internet e Google.
9) A edición sen editores: o modelo industrial da edición na era da globalización e os grandes grupos editoriais.
10) A reacción necesaria: o retorno ao modelo cultural. Experiencias e exemplos. Perspectivas de futuro.
Admítense, claro é, suxestións e pareceres. Saúde.



Dicía o outro día que un editor é un fulano que atende simultaneamente doce asuntos. Esta mañá non foron doce, senón vintecatro. Segundo se achega agosto, as campás da desconexión tocan a rebato, e todo son présas e agobios para deixar cantos máis asuntos pechados e non incrementar a temida síndrome posvacacional con líos pendentes, que xa bastante feo é setembro (no laboral, porque no demais é un mes precioso, cunha luz máxica e unha serenidade, tal vez, que non ten o verán rigoroso, un chisco chabacano e hortera). Isto en edición, e nunha universidade de case 2000 profesores e investigadores, pode ser terrible.





Non sei quen dixo, pero tiña moita razón, aquilo de que eu nunca me presento a premios literarios para non correr o risco de que non mos concedan. Coquetéase dese xeito coa posibilidade permanentemente alimentada, e nunca desmentida ―claro― de que un non ten máis premios polo simple feito de que non se presenta a eles, que se non… Ese é probablemente o convencemento de moito autor que por aí respira para suxestionarse da truculencia, amiguismo e arbitrariedade da maior parte dos galardóns cando, en realidade, devecería polo ouropel (e o europel ―o xogo de palabras saiume así, espontaneamente) anexados ao momento de gloria dun premio xa non grande grande, senón o dun concelliño por aí, que dera o pase para unha plana dos xornais (con foto, por suposto) e un talonciño ao portador de catro cifras. Fun xurado dun premio de narrativa moi consolidado no país e podo asegurar que ao lado dun par de cousas dignas, o resto (sobre dez ou doce orixinais, previamente peneirados) farían xutísimo inquilinato no corbe dos papeis. O malo destas cousas é que ao final non se sabe se vai primeiro o ovo ou a galiña, ou sexa se é un sistema de premios o que consolida unha oferta de orixinais permanentemente sobredimensionada ou aqueles responden con mesura e ponderación ás demandas de recoñecemento social que toda creación estética de calidade precisa. Que o premio Nadal correspondeu historicamente a esta última categoría é indubidable. Que a maior parte dos actuais premios de narrativa dos concellos galegos encaixan na primeira tamén é, ou a min mo parece, indudidable. Pero, en fin, de gustibus non disputandum: as vías da canonización social da creación literaria, e en xeral estética, son, coma os camiños do Señor, inescrutables.
O 20 de novembro de 1975 eu tiña quince aniños, estreados o 15 de xuño anterior. Facía sexto de bacharelato por letras, A primeira hora da mañá, as nove, tiña clase de latín cunha profesora que pertencía a unha coñecida familia de dereitas da vila. Entrou a profesora chorosa, contristada, e entre saloucos acertou a anunciarnos o que todos sabiamos: el Caudillo ha muerto y hoy no va a haber clase. Os quince anos son unha idade cimarrona, que nin arre nin xo, e a ledicia miña e dos meus compañeiros viña máis da folganza derivada da morte do ditador ca da morte en si do ditador, o que era motivo de albricia e regodeo de todo o progresismo do país. Cada español con idade abonda para facelo lembrará, supoño, o momento no que foi sabedor dunha nova tan trascendente. Creo que hai momentos na historia de todo o mundo nos que vida privada e acontecementos públicos fican indisolublemente ligados polo especial impacto destes. Recordo, por exemplo, todos os detalles (espaciais, temporais, de contexto) dun día de decembro de 1974 no que meu pai, visiblemente acojonado, chegou á hora de comer e anunciounos que mataran a Carrero Blanco. Lembra que facía vostede cando mataron ao pobre Blanco Garrido? Ou a tarde do 11 de setembro de 2001? Ou a mañá do 11 de marzo de 2003? É moi probable que si.

Para que nos vamos a enganar. Un chega ao tajo por veces desganado, sentindo que o peso dos problemas e cuestións persoais estimulan unha sensación de afastamento dos espiñentos problemas e complicadas cuestións laborais, aos que, ao cabo, temos que enfrontarnos non por gusto senón porque dalgún xeito hai que gañar a vida. Como parte das rutinas cotiás, abres o mail e ollas a columna subject das, digamos, 48 mensaxes acumuladas dende o día anterior. Hai dous mails dirixidos realmente a ti. No resto les algo así:
Nestas páxinas reflexionei unha vez
