En ocasión de
instalar na casa unhas estanterías con que dar acubillo a case tres mil venerables
libracos herdados do avó por via parental, o carpinteiro que me facía a obra,
home apousado e, polas trazas, ben sabido das cousas do mundo, unha vez
rematado o labor e botando unha ollada panorámica á biblioteca, preguntoume: E ló usté, leunos todos? Gabei para ao
meu chaleque a súa elegante retranca e caín en que aquela sobreabundancia debía
causar, en efecto, asombro nun home probablemente pouco letrado, para quen, de
certo, a luxuria bibliográfica, tan cara aos amantes do libro, constitúe un
pecado ignoto. Considero lexítimo dubidar de que a descomunal capacidade de
almacenamento dun lector de ebooks
constitúa, en efecto, algunha vantaxe, pois nin en dúas vidas teriamos tempo
para ler tanto. Pero, stricto sensu,
a única novidade da tecnoloxía dixital foi reducir ao mínimo o espazo físico
dos libros: o que antes precisaba de sesenta metros de andeis, métese agora
nunha minúscula superficie electrónica. As consecuencias non son
intrascendentes: o texto dixital representa un órdago a categorías coas que
adoitamos manexar a cultura escrita e a excesiva tecnificación das prácticas (non
só da lectura senón aínda do propio feito educativo, baseado cada vez máis no
mero manexo de aplicación informáticas) pode ter, tal vez está tendo, efectos
nocivos. A pregunta é a do millón de dólares: non sería mellor retirar todo
vestixio de ordenadores e tablets das
escolas? Non estaremos, sen querelo, fomentando unha sociedade de iletrados, expertos,
porén, na interacción con máquinas, na interpretación de ideogramas dixitais e
mensaxes curtas e textos por natureza efémeros e inconsistentes? Cada vez resulta
máis difícil inocular nos rapaces o docísimo virus da lectura. É un
feito comprobado que en Europa en xeral (pois, malia o Informe Pisa, en todas
partes cocen as fabas) dende os anos oitenta do século XX cada xeración vai
entrando na idade adulta cun nivel de lectura inferior ao nivel da xeración
anterior. Cal será, ao cabo, o último
chanzo desta perversa evolución? Non o sei. Como inmigrante dixital, saltei a
valla en 1985, cando por primeira vez sentei diante dun ordenador. Vinte anos
antes, aprendera a escribir cunha pizarra e un pizarrín. E agora… agora, comezo
a sufrir de nostalxia polos libros, os de toda a vida, sentindo que, tal vez, a
biblioteca do avó, tristeira como can sen dono, non vale o que un chip de silicio. 5.4.14
Leunos todos?

biblioteca do avó, tristeira como can sen dono, non vale o que un chip de silicio.
Etiquetas:
edición,
ex libris,
lectura,
tecnosociedade
30.3.14
Gutenberg 0 - Kindle 1
En punto a tecnoloxía, o tempo ten
medidas específicas. Sete anos poden non semellar un período moi extenso, pero,
de mensurármolos en relación á evolución das apps e dispostivos electrónicos cos que de cotío convivimos, poden
ser unha eternidade. En 2007, escribín un post no que me refería á presentación do
lector de ebooks Kindle, chamado,
segundo Jeff Bezos, o fundador de Amazon, a xubilar definitivamente o libro impreso.
Imaxinaba eu a Bezos pegando saltos no acto de presentación do chintófano,
presa de louca ledicia por poder, por fin, apuntarse o raro mérito de cargarse
o libro, e berrando (descúlpeme Vde. a palabrota) Jódete,Gutenberg! O que probablemente os executivos de Amazon subestimaban, máis atentos
ás cifras de negocio do seu trebello que
a sutilezas de retórico, é un feito que se vén reiterando dende hai dous mil
anos: as mutacións na orde das prácticas son moitísimo máis lentas que as
revolucións técnicas. Malia o sismo con que a imprenta de Gutenberg socavou os
alicerces culturais de Occidente (pois provocaba unha aceleración sen
precedentes na reprodución dos exemplares), os modos de lectura dos códices medievais
non mudaron de contado. Lembro que, en ocasión de verse sometido pola a súa nai
a un severo castigo, certo nativo dixital, moi próximo e querido, axoenllouse
perante a súa proxenitora, exclamando: Vale,
mamá, quítame o móbil, a play e o ordenador, pero, por favor, déixame os
Tintíns!
Persoalmente, e sobre o
convencemento de que o importa é ler, pois a lectura é a trabe mestra da
intelixencia, superei hai moito esa dialéctica absurda que parece levar á xente
a decantar as súas predileccións, nunha sorte de elección excluínte, polo libro
impreso ou dixital. A miña tablet ten
sido unha compañeira fiel nas incomodísimas sillas dos aeroportos, proporcionándome horas de lectura,
con que compensar o tedio dos tempos mortos. Pero, como empedernido lector de
cúbito supino, neses momentos previos á
chegada de Pedro Chosco, prefiro o arrecendo inconfundible dos venerables
volumes da biblioteca do avó. No entanto, certas saudades resúltanme curiosas:
sabía vostede que, dende a emerxencia do .pdf, a produción de papel
quintuplicouse? E é que, fronte a babilonia informe de mails, carpetas,
directorios e subdirectorios que agochan as tripas do ordenador, non hai nada
que dea máis seguridade que un montón, aínda máis informe e caótico, de papeis.
Sóalle?
15.3.14
Corrupción
Meu pai, en gloria estea, foi
alcalde da Estrada entre 1959 e 1970. Nunha etiqueta propia de mentes simples,
un alcalde franquista (na mesma medida en que eu fun un neno franquista).
Viviamos daquela nunha casiña típica da posguerra, na que os nenos durmiamos con
tías e avoas, había un brasero con badila baixo a mesa camilla e aos
interruptores das lámpadas, de escura baquelita, se lles chamaba peras. Cando
chegaba o Nadal, tiñamos que habilitar a despensa para dar acubillo aos presentes
con que era agasallado o señor alcalde. Os agasallos, non se vaian crer, eran
unha garrafa de sidra nova ou de viño do país; un saco de patacas; as súas
botellas de augardente, un polo grande, un par de coellos, e, xa máis
raramente, unhas tabletas de turrón chocolate ou unha bolsa de peladillas. Papá
era un home simpático e accesible, serio nos seus compromisos e traballador
infatigable, e eu supoñía que aqueles humildes dons eran en obsequio desas
galas, que el gastaba o mesmo co gobernador civil ca co máis pobre labrador,
agradecido por poder dispoñer por fin da traída de auga ou de luz eléctrica no
seu lugarexo. Papá mercou o seu primeiro coche, un Dyane 6, seis ou sete anos
despois de deixar a alcaldía e morreu, con 83, nun piso de alugueiro. Igualiño
que agora. Claro que el era un alcalde franquista e os de hoxe son alcaldes de
corporacións democráticas, onde vai parar. Imaxino que su señoría, Pila de
Lara, non tería o máis mínimo titubeo en imputalo por sospeitar, con todo
fundamento, que tras aquel capón ou aquela garrafiña de viño da Ulla se
agochaba un escuro entramado de corruptelas e influencias persoais na procura
de inconfesables beneficios. Intúo que dona Pilar de Lara, reverenciada neste
país de papanatas como unha semideusa de moralidade incólume e inmune á máis
mínima tentación humana, nunca cruzou a delgada líña vermella e saben moi ben
onde está. Ben por ela, porque eu non o sei. Tal vez, ter aceptado que un
empresario me convidase algunha vez, en horario de traballo, a un café (mesmo cun
cruasán) me coloca do lado escuro da forza. Non, isto é pouca cousa. Un xantar
de porco celta co arroz sería suficiente? Acaso dúas botellas de tinto
pesquera? Que dilema! Serei eu tamén un corrupto? Toda caza de bruxas é sempre
produto da insensatez, un patrimonio no que España é unha potencia
internacional.
Etiquetas:
Da artesa da memoria,
política,
sociedade
9.3.14
A ilusión perdida
Iñaki Gabilondo, ademais de 71 anos
magnificamente levados, ten unha lucidez de xuízo que brilla estrelecente nun firmamento
público atoldado de botarates e mamarrachos, endemicamente incapacitados para
algunha idea ou destello de autenticidade que vaia para alén dunha ducia de
tópicos mal fiados. Nunha interviú que lle vin o outro día, afirmaba o
xornalista que, contra a recentísima especie de que a nosa Transición foi unha
epoca estéril na que ficaron moitas contas pendentes co franquismo, naqueles
anos había algo que no presente deixa sentir a súa falta cada vez máis violenta
e teimudamente: había un proxecto de país. Entendo eu, que vivín con
intensidade aqueles tempos, que tal proxecto era, en efecto, colectivamente
percibido e colectivamente executado nunha dobre dirección: unha clase política
que soubo estar á altura de circunstancias tan difíciles e unha sociedade que
respondeu con serenidade e ilusión aos
moitos espellismos que provocaba o deserto da recente ditadura. Hoxe fartámonos
de endosar a unha caste de políticos, na verdade dificilmente empeorables,
todos os males do século, como se os nosos políticos fosen extraterrestres
chegados a esta vella pel de touro co designio de facernos a puñeta, roubar e
vivir regaladamente á nosa costa. Os políticos, en España hoxe pero tamén nas
polis gregas e na Alemaña nacionalsocialista, son o directo reflexo da
sociedade que os propicia, eventualmente elixe e, ao cabo, tolera. A miña
opinión é que o corpo civil que, cada vez con menor propiedade, chamamos
sociedade española, é apenas de mellor calidade ca a clase política que,
teoricamente, a representa. Tal vez, como no símil valleincllaniano, o país
leve moito, demasiado tempo espellándose no Callejón del Gato e o esperpento
non dea para máis. Fronte ao sebastianismo dalgúns, convencidos de que un
político auténtico nos sacará desta postración a base do discurso da sinceridade,
da volta ao servizo público e a honradez, eu creo que o mal é de todos e non vale botar balóns fóra: España non ten proxecto e, como nave sen
rumbo, bandea nun océano de desilusión e valores esquecidos, enarborando a
bandeira do sálvese quen poida. Xa non hai ofertas, nin discursos posibles, nin
sequera ideoloxías, porque, por riba destas, unha escura capa de corrupción
iguálao todo. Isto é o que sinto, pero non me fagan moito caso. Serán os anos.
1.3.14
Espiritismo, flema e festa jolgorrio
Un bo amigo, que acaso estea agora lendo
esta columna, agasalloume co relato dun delicioso sucedido, que, á súa vez, lle
participou un colega seu, profesor nos Estados Unidos. É o caso que a alumna dunha
prestixiosa universidade propuxo a certo catedrático senior redactar, baixo a tutela académica deste, a súa memoria
doutoral sobre a vida e obra dun personaxe moi pouco coñecido do século XIX, arredor
do cal as fontes eran especialmente inexpresivas. Na primeira reunión que
mestre e pupila mantiveron para pulsar os avances da investigación, o vello
profesor ficou pampo perante a avalancha de datos biográficos despregados pola
doutoranda. Cando esta, vendo o grato asombro do seu titor, confesou que todo o
obtivera directamente do seu biografado, aquel non puido menos que
preguntar, no colmo da estrañeza, como
podía ser iso, tendo en conta que o fulano levaba cento cincuenta anos dando
malvas. A moza, con absoluta seriedade, confesoulle que establecera contacto co
personaxe nunha sesión de espiritismo, manifestándose a pantasma reservada ao
principio e remisa a falar de si, pero ao pouco disposta a colaborar no
inquérito da súa vida. A reacción, polo visto, do profesor foi serena e, con
toda delicadeza, animou a súa discípula a seguir transitando un procedemento
investigador que, malia a súa evidente heterodoxia, semellaba estar rendendo
tan ricos froitos. O que, para o seu chaleque, o bo do home pensaría de verdade
é algo que a crónica do meu amigo non completa, pero que, na verdade, resulta
indiferente. Imaxinan un profesor universitario español no mesmo caso?
Teño para min que a contención expresiva tan característica dos pobos anglosaxóns é un trazo social de máis fondo calado ca o que poida semellar a primeira vista. Malia o deostada que resulta a ollos mediterráneos, a flema das xentes boreais induce máis ao pensamento cá emoción e neutraliza, ou cando menos atempera, o aguillón do estímulo primitivo co xuízo e a reflexión, todo o cal contribúe, sen dúbida, a alicerzar o seu éxito como culturas preponderantes do mundo. En compensación, por estes pagos consolámonos crendo que a festa jolgorrio é un patrimonio que xa quixeran americanos, suecos ou holandeses e venerando como xenios a provectos políticos de pelo branco aos que se lle vai toda a forza pola boca, xesticulando como histrións, berrando e insultando. Dando exemplo, vamos.

Suscribirse a:
Entradas (Atom)