26.5.15

Non é país para vellos



Se un puidese ollar fixamente para as flores dun testo durante meses, non apreciaría ningún cambio sensible, pois as mudanzas debidas ao tempo verifícanse tan de vagar que resultan imperceptibles no momento de producírense. Pero verifícanse, de certo, e tan invisibles semellan no curto prazo como evidentes (e, en ocasións, catastróficas) se manifestan no longo. Cantas veces non terá vostede reprimido unha expresión de sorpresa ao comprobar os estragos do tempo nunha amiga ou amigo que hai anos que non ve! O tempo transcorre, pasan os días, voan as semanas, os meses e, ao cabo, a amnesia dos anos comeza a esvaer os feitos, as persoas, os momentos, pois, como dixo alguén, o pasado é un país estranxeiro onde as cousas se fan doutro xeito. 
Eu, que estou a piques de clavar no merengue cincuenta e cinco velas (que son máis velas ca as que leva un bergantín); eu, que escoitaba a canción do Cola-Cao e vía  as pelis de Maciste nun cine onde olía a zotal; eu, que fun flecha da OJE e militante da Xuventú Comunista de Galicia; eu, que cando o Generalísimo pasaba a mellor vida cumprín quince primaveras, adquiro, case como un xarrón Ming, o valor simbólico dunha peza de museo, representativa dunha xeración, herdeira, por unha banda, dunha longa posguerra que rematou en 1975 e, por outra, dunha Transición que, cando menos emocionalmente, rematou para min o pasado domingo 24 de maio.  
Acaso non me decatei, acaso non nos decatamos, porque as grandes mudanzas operan paseniño, pero os síntomas son os da arribada doutras voces, doutras caras,  doutros nomes, para os cales  a canción do Cola-Cao, as pelis de Maciste, a OJE, a Xuventú Comunista de Galicia, Su Excelencia el Generalísimo e a Transición son zonas desenfocadas dunha vella foto sepia cos cantos roídos polos anos. Hai sombras alongadas que teiman en manter os órganos rectores da acción política nas vísceras: Madrid e Barcelona en mans da esqueda radical non é un titular do 36 senón a portada dun coñecido rotativo nacional do 25 de maio de 2015. Pero seguro que é mera anécdota, non pasa nada. Como calquera, resístome a ceder a miña xuventude ao transcorrer inexorable dos días. Con todo, percibo con serenidade e esperanza ventos de cambio e creo que o mellor é que me bote a un lado. Veñen aires novos que piden tomar o relevo. Non serei eu quen o impida.

3.5.15

Henok



O meu nome non importa, creo que o meu nome non lle importa a ninguén, é un nome como o de calquera, nada máis ca un nome. De neno quería ser novelista e pensaba que, cando chegase a ser un gran novelista, a posteridade lembraríame, como a Melville, polo comezo dunha gran novela que lin de cativo, unha novela na que o protagonista o primeiro que fai é declarar o seu nome: Chamádeme Ismael. Pero agora sei que nunca serei un gran novelista e que o meu nome non lle importará nunca a ninguén, entre outras cousas porque vai ser moi difícil individualizalo entre os milleiros de nomes como o meu, que para a maior parte do mundo son difíciles de pronunciar e, polo mesmo, imposibles de lembrar. 
Teño unhas ganas enormes de facer cousas, de coñecer xente distinta, de viaxar, de sentirme libre e de ampliar a miña perspectiva do mundo, bastante limitada por razóns que non veñen ao caso. Os meus pais fixeron o que puideron, non lles boto nada en cara: déronme o que consideraron xusto darme, aprendéronme o que a eles lle aprenderan os meus avós, sacrificaron a súa vida para que na casa nunca faltara pan e alegría, que xa é bastante, máis do que teñen outros. Rezaban consonte as súas crenzas e morreron en paz co seu deus, que é o meu.  
Reflexiono adoito sobre o destino. Sei que moita xente non cre nel e eu, a verdade, non sei que crer. Ás veces penso no distinta que sería a miña vida pasada e a miña vida futura se o destino dispuxese ter nacido eu noutro lugar do ancho mundo, noutra familia, noutro tempo. Pero é de parvos pensar así. O meu destino trazouse entre os berros de parto de miña nai e estaba escrito cando dela mamei o primeiro leite, branco e doce como o de toda femia.

Quérolle os meus irmáns e irmás, tal vez máis numerosos do que conviña; quérolles co amor calado de quen sabe que, tarde ou cedo, ímonos separar para sempre, sen idea de se algún día poderemos atoparnos de novo. O mundo é grande, o norte é lonxe. Máis ca area, queima a tristura; máis ca o medo, pode a esperanza. 
Nacín en Eritrea, nunha aldea pobre e calcinada, preto de Nakfa, e dentro de tres días atravesarei Sudán e Libia para embarcar con duascentas persoas máis cara á ilusión dunha vida máis feliz. Acaso afogue no Mediterráneo e non pasará nada: nacín reconciliado coa miña insignificancia. Pero, agora que remato estas liñas, a pouco de verlle a cara ao meu destino, encontro algunha razón para reivindicarme a min mesmo: chámome Henok e teño dezaoito anos.

26.4.15

Hanami



Os xaponeses chaman hanami á contemplación das flores, un exercicio sen dúbida moi recomendable, pois a beleza e harmonía destas destila, no complexo matraz das emocións, unha paliativa serenidade, de balsámico efecto contra as tensións, angueiras e artificios da vida. O hanami ten, como é lóxico, na primavera un punto de máxima expresión: trátase do sakura-senzen, ou, a fronte dos cereixos en flor, tan enraizada na cultura nipona que é anunciada puntualmente cada ano polo propia axencia meteorolóxica do país. Sen chegar, como no caso do Xapón, a unha tradición secular, tamén en España temos o noso sakura-senzen no val do Jerte cacereño, que anualmente recibe en abril a visita de milleiros de persoas, intensamente seducidas pola violenta fermosura dun océano de cerdeiras floridas, que por San Xoán darán o famoso froito vermello, tan delicioso e apreciado.

Un pensador  (oficio, por certo, hoxe desaparecido) dixo que cunha gran biblioteca, un pequeno xardín e un/ha cónxuxe compracente calquera pode ser feliz. Eu, como usuario paradigmático de chalé acaroado na periferia da cidade, teño un pequeno xardín  (e o demais, grazas sexan dadas, tamén). Nese pequeno xardín , que é pupila dos meus ollos, conviven arces, un laranxeiro, un rododendro, azaleas, hebes, adelfas, gardenias, e, por temporada, alegrías, surfinias, fucsias..., compoñendo en primavera unha paleta de cores, que, en xogo permanente coa luz, dan ocasión ao máis sedativo hanami. O máis emocionante para min (que sempre fun un pouco dado ao animismo) é a comuñón emocional que son quen de establecer coas miñas plantas, ata o punto de sentir o seu agradecemento, a súa alegría, a súa melancolía ou preocupación. Tiña eu un camelio tristeiro e feúcho, sen dúbida por non plantalo en sitio axeitado, que, como reacción a un transplante de urxencia a lugar máis conveniente, me testemuña a súa humilde gratitude co verdor renovado das súas follas e o incremento dos seus gromos. Todo o cal, ben pensado, non ten nada de particular pois falamos de seres vivos, malia desprovistos (ou iso cremos…) de emocións. A min sempre me fascinou aquel elepé, verde como un chícharo, de Stevie Wonder, que se chamaba The Secret Life of Plants, ¿lembra?, e coqueteaba coa idea dun mundo vexetal intelixente. De por parte, nos meus paseos por esta terra da Amaía, tan bendecida, eu sempre saudo as árbores con cortesía.  Non vaia ser.

22.4.15

Asuntos particulares



Eu sosteño que falar e escribir ben (e por ben entendo correctamente, o talento é outra cousa) son dúas manifestacións dunha única magnitude: pensar ben (e por ben entendo coherentemente, o xenio é outra cousa). Claro é que se pode ser un tribuno na oratoria e escribir de pena ou falar que dá noxo e escribir como Cervantes, pois para toda regra existe unha excepcion, pero, de costume, a calidade de pensamento sae ao exterior, como o magma do volcán, en forma de agradable discurso ou de texto cumprido.
En ocasión de enviar un escrito a certo colaborador, este mo devolveu argumentando que lle parecía afectado. Co natural cabreo, e a piques de mentarlle a súa nai, contei ata dez e reflexionei un chisco, concluíndo que por boca do meu colaborador falaba unha xeración de iletrados, ou letrados epidérmicos, que, en efecto, toman por artificio o estilo e por afectación a estética, sen dúbida por manteren unha escasa, ou nula, relación coa literatura de verdade. 
Que alguén cometa trinta faltas de ortografía, puntuación e sintaxe en dezanove liñas de texto non ten nada de particular se o escribinte é un neno de primaria, que está alicerzando a corrección futura na infracción presente, tal e como ocorre con todo proceso de aprendizaxe. Pero se resulta que a escribinte é a concelleira de cultura da cidade de Valencia, a cousa comeza a ser, cando menos, preocupante, e, cando máis, abertamente chusca. Sería algo así como que o mecánico ao que confiamos o arranxo do coche non distinguise o carburador da batería. Pero, tratándose de políticos, en fin, como que hai outra tolerancia… que lles vou contar. O mellor do caso é que a boa señora xustifica o seu atraco á ortografia argumentando que se trataba dun texto privado (unha nota de Facebook), escrito máis co corazón que coa cabeza, eximindo, polo visto, a certos órganos de cumpriren os preceptos de doña Gramática. A ortografía é como a gravidez das señoras: ou se cumpre ou non se cumpre, do mesmo xeito que non se está un chisco embarazada, e non vale atribuír as présas ou á pouca ergonomía do teclado, o que é, sempre e en toda ocasión (palabra de editor), puro desleixo, intolerable en quen profesa ser a adaíl da cultura pública.  
Polo demais, semella que isto do cortalumes informativo está de moda no pepé: a ortografía da Sra. Beneyto é un asunto particular; as trangalladas de Rato son un asunto particular, e  non chegarmos a fin de mes tamén será… un asunto particular.

14.4.15

Lindes



Se algo teñen de mérito os artigos desta bitácora é a súa sinceridade, unha prenda á que, por certo, se acollen como última Thule todos os malos escritores (unha vez máis, lembremos a Wilde: todo poema malo é sincero). Estes fragmentos da galaxia, xa que logo tan sinceros, queren ser trasunto de moitos españolitos de a pé que, non podendo entender de todas as materias, xulgan de todas elas cando menos con sinceridade, punto xa deostado como vicio españolísimo por Fígaro: ignorar lo suficiente de ciencias y letras para poder hablar de todo ello con maestría. 
Vaia, así pois, por diante que eu non son xornalista nin profeso de tal, malia dar cada tanto o meu cuarto a espadas nas páxinas deste melancólico furancho sobre os máis diversos asuntos. Teño o xornalismo por unha profesión moi seria, dun grao de especialización moi elevado e, pola súa altísima responsabilidade nunha sociedade mediática e global, provista dun código deontolóxico especialmente sensible e complexo. A realidade é perceptible e, polo mesmo, interpretable de seu en función do perceptor, o cal, sen entrarmos a indixestas fonduras metafísicas, condensa con mestría a sabedoría popular: cada un fala da feira segundo lle vai nela. Por iso, as lindes do xornalista fronte á pulsión da noticia ou os matices da realidade están moitas veces nesa fina raia vermella que resulta doado ultrapasar. O balbordo e a estridencia son elementos que, malia desventuradamente consubstanciais á verbena informativa que hoxe é España, conveñen pouco a un periodismo rigoroso. Secomasí, un xornalista pode ser incisivo sen agresividade; agudo, sen impertinencia; enxeñoso, sen afán de protagonismo; mordaz, sen ofender; contundente pero non sectario.

Nunha recente entrevista que o ministro García-Margallo concedeu á xornalista Ana Pastor na Sexta, tiven un magnífico exemplo de todo o contrario: unha celeb, encantada co seu estrellato, que non dubida en sacrificar o eventual interese das opinións do xefe da diplomacia española (que algo interesante terá no miolo, digo eu) en aras de seguir demostrando á audiencia que o seu é dar caña a quen se lle poña por diante e usando para iso dunha estratexia, que polo visto arrasa, alicerzada máis en ver por onde pode aturdir o entrevistado que no que este poida dicir, unha estratexia que ten algo de interrogatorio policial. 
Sinto saudades de Balbín e a súa pipa. Cousas de facerse maior.