Se
un puidese ollar fixamente para as flores dun testo durante meses, non
apreciaría ningún cambio sensible, pois as mudanzas debidas ao tempo
verifícanse tan de vagar que resultan imperceptibles no momento de
producírense. Pero verifícanse, de certo, e tan invisibles semellan no curto prazo como evidentes (e, en ocasións,
catastróficas) se manifestan no longo. Cantas veces non terá vostede reprimido unha
expresión de sorpresa ao comprobar os estragos do tempo nunha amiga ou amigo
que hai anos que non ve! O tempo transcorre, pasan os días, voan as semanas, os
meses e, ao cabo, a amnesia dos anos comeza a esvaer os feitos, as persoas, os momentos, pois, como dixo alguén, o
pasado é un país estranxeiro onde as cousas se fan doutro xeito.
Eu,
que estou a piques de clavar no merengue cincuenta e cinco velas (que son máis
velas ca as que leva un bergantín); eu, que escoitaba a canción do Cola-Cao e
vía as pelis de Maciste nun cine onde
olía a zotal; eu, que fun flecha da
OJE e militante da Xuventú Comunista de Galicia; eu, que cando o Generalísimo
pasaba a mellor vida cumprín quince primaveras, adquiro, case como un xarrón
Ming, o valor simbólico dunha peza de museo, representativa dunha xeración,
herdeira, por unha banda, dunha longa posguerra que rematou en 1975 e, por
outra, dunha Transición que, cando menos emocionalmente, rematou para min o
pasado domingo 24 de maio.
Acaso
non me decatei, acaso non nos decatamos, porque as grandes mudanzas operan
paseniño, pero os síntomas son os da arribada doutras voces, doutras caras, doutros nomes, para os cales a canción do Cola-Cao, as pelis de Maciste, a
OJE, a Xuventú Comunista de Galicia, Su Excelencia el Generalísimo e a
Transición son zonas desenfocadas dunha vella foto sepia cos cantos roídos
polos anos. Hai sombras alongadas que teiman en manter os órganos
rectores da acción política nas vísceras: Madrid
e Barcelona en mans da esqueda radical non é un titular do 36 senón a
portada dun coñecido rotativo nacional do 25 de maio de 2015. Pero seguro que é mera
anécdota, non pasa nada. Como calquera, resístome a ceder a miña xuventude ao
transcorrer inexorable dos días. Con todo, percibo con serenidade e esperanza ventos
de cambio e creo que o mellor é que me bote a un lado. Veñen aires novos que piden
tomar o relevo. Non serei eu quen o impida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario