Sendo como é un xénero de
culto, contando mesmo con fanáticos
seareiros, a ciencia ficción ten en nómina certos produtos que, para alén do
radical amor dos frikis, marcaron fitos na historia cultural de Occidente. A
deshumanización e as consecuencias dun capitalismo despiadado alicerzaron, por
exemplo, lúcidas reflexións de celuloide, ademais de magníficas producións
visuais, en fitas memorables como Metrópolis,
de Fritz Lang (1927), ou Soylent Green
, de Richard Fleischer (1973). Pero teño para min que, de cantas tramas
futuristas ten urdido a bizarra psicoloxía de guionistas e directores, poucas calaron
tan fondo como Blade Runner, obra
mestra de Ridley Scott, que Harrison Ford e Sean Young protagonizaron en 1982,
con inesquecible banda sonora de Vangelis. Dou fe de que coñezo un tipo que
sabe os diálogos completos de memoria, o que, polo demais, converte a
experiencia de compartir con el o visionado da peli nun exercicio de
resistencia ao asasinato. 25.5.14
Me pones
Sendo como é un xénero de
culto, contando mesmo con fanáticos
seareiros, a ciencia ficción ten en nómina certos produtos que, para alén do
radical amor dos frikis, marcaron fitos na historia cultural de Occidente. A
deshumanización e as consecuencias dun capitalismo despiadado alicerzaron, por
exemplo, lúcidas reflexións de celuloide, ademais de magníficas producións
visuais, en fitas memorables como Metrópolis,
de Fritz Lang (1927), ou Soylent Green
, de Richard Fleischer (1973). Pero teño para min que, de cantas tramas
futuristas ten urdido a bizarra psicoloxía de guionistas e directores, poucas calaron
tan fondo como Blade Runner, obra
mestra de Ridley Scott, que Harrison Ford e Sean Young protagonizaron en 1982,
con inesquecible banda sonora de Vangelis. Dou fe de que coñezo un tipo que
sabe os diálogos completos de memoria, o que, polo demais, converte a
experiencia de compartir con el o visionado da peli nun exercicio de
resistencia ao asasinato.
Etiquetas:
lembranzas e reflexións,
tecnosociedade
19.5.14
Unha esperanza truncada
Luis Morillo Uña viu a luz en Berlanga,
provincia de Badaxoz, a pouco de nacer o século, en 1901, fillo de Manuel
Morillo Tena, profesor de instrución primaria, natural de Castuera, tamén en terra pacense, e María Uña Muñoz, de profesión
os seus labores, natural de Maguilla, da mesma provincia. Estudou Medicina na Universidade Central de Madrid, onde foi
dilecto pupilo do ilustre obstetra e xinecólogo Manuel Varela Radío, galego de
Compostela. En 1923, cursando aínda o cuarto ano dos seus estudos, Morillo é
nomeado, tras oposición, alumno interno da Cátedra de Obstetricia e Xinecoloxía
da Universidade de Madrid, que rexía Varela Radío, con una remuneración anual de 1000 pesetas. Froito da dedicación e dunha máis ca evidente brillantez profesional, con 34 anos, Morillo gaña por oposición, non exenta de polémica, a cátedra de Obstetricia e Xinecoloxía en Santiago e en xuño de 1936, cando
xa a sombra ominosa do cataclismo comezaba a escurecer os días primeiros do
verán, é elixido Decano da Facultade de Medicina, facultade esgrevia e dura de augafortes de Fonseca e o Hospital,
deixou dito Otero Pedrayo. Tras o golpe, don Luís é destituído do decanato e, ao pouco,
tamén separado da súa cátedra. Fundido moralmente e vítima dun insoportable
clima de vae victis, consciente de
que, probablemente, só era cuestión de tempo, Morillo quítase a vida en 4 de
xaneiro de 1937, deixando viúva, Dª. Ana Mª Navacerrada Pardo, que aínda houbo
de vivir, en 1939, o proceso de depuración política do seu home, no que
constitúe, sen dúbida, unha prístina mostra da xenerosidade e altura moral dos
sublevados.
As historias persoais son como o ceo. Visto en panorama, o ceo apenas ofrece estímulo a unha observación máis polo miúdo. Só, cando unha nube en concreto, tal vez polo capricho da súa forma, acaso polos contrastes da súa cor, reclama a nosa atención e afondamos no detalle da súa anatomía, descubrimos un pormenor que engaiola, as arestas e perfís que, nunha mirada desatenta, non eramos quen de percibir.
Cando oín por vez primeira a historia de Luis Morillo, e a intención que algunhas persoas vencelladas coa Facultade de Medicina tiñan de restituír a súa memoria académica, científica e civil a través dun libro, a editar pola Universidade, deixei de ver o ceo, torvo e hostil, que atoldou España entre 1936 e 1975, e concentreime nunha lívida nube. Hai, á parte do cerebro, outra paraxe da nosa anatomía que sabe moito de editar libros: o corazón. Hai páxinas que son unha obriga moral. Emocións que van para alén do papel, a tinta, os deseños e as técnicas. Libros militantes, rexos e duros como un trallazo, dorosos pero tépedos como a luz da esperanza. E da memoria.
As historias persoais son como o ceo. Visto en panorama, o ceo apenas ofrece estímulo a unha observación máis polo miúdo. Só, cando unha nube en concreto, tal vez polo capricho da súa forma, acaso polos contrastes da súa cor, reclama a nosa atención e afondamos no detalle da súa anatomía, descubrimos un pormenor que engaiola, as arestas e perfís que, nunha mirada desatenta, non eramos quen de percibir.
Cando oín por vez primeira a historia de Luis Morillo, e a intención que algunhas persoas vencelladas coa Facultade de Medicina tiñan de restituír a súa memoria académica, científica e civil a través dun libro, a editar pola Universidade, deixei de ver o ceo, torvo e hostil, que atoldou España entre 1936 e 1975, e concentreime nunha lívida nube. Hai, á parte do cerebro, outra paraxe da nosa anatomía que sabe moito de editar libros: o corazón. Hai páxinas que son unha obriga moral. Emocións que van para alén do papel, a tinta, os deseños e as técnicas. Libros militantes, rexos e duros como un trallazo, dorosos pero tépedos como a luz da esperanza. E da memoria.
Etiquetas:
cousas nas que anda un,
edición,
ex libris
3.5.14
Eloxio da biblioteca
Unha biblioteca é un mapa do mundo,
onde cada individuo ten unha camisa mnemónica, chea de sutís trazos, códigos
indescifrables, segredos para lubricar a alma, tónicos para a intelixencia,
máquinas da mente con que alimentar a vesania. Unha biblioteca é unha paisaxe,
chea de harmonía, onde, en ocasións, as árbores non deixan ver o bosque, e unha
floresta verde e luxuriante, inzada de perigos, que pon asombro e medo, o pánico estarrecedor e a
atracción inevitable que infunde o caos. Unha biblioteca tamén é unha
xerarquía, onde ningún individuo ten o mesmo valor, nin o mesmo peso, nin
inspira o mesmo afecto ca outro. Nunha biblioteca, o poeta, inspiradísimo, conversaba
cos difuntos e escoitaba cos ollos aos mortos, pois, ante todo, unha biblioteca
é un sancta sanctorum onde toda metáfora ten asento, toda reverencia espazo, ocasión
todo coñecemento, toda luz e toda sombra o seu momento. Hai, entre as pantasmas
e saudades do tempo, deambulando entre vellos mamotretos, papeis de trapo e volumes
estantarelados, un cativo de pelo roxo e pencas que lembra, cunha melancolía densa
como o mel de montaña, o arrecendo dunha biblioteca pública onde vivían Haddock
e Tintín, Marsupilami, Jean Valjean, o último dos mohicanos, Asurancetúrix e a
galaxia infinita da Enciclopedia Espasa. Acaso o cativo coceu o seu amor aos
libros ao lume de merendas de pan de molete e chocolate duro, nun mundo en
branco e negro onde ata o universo era municipal e escaso, malia unidades de
destino chamadas a máis grandes alcances. Unha biblioteca é, segundo se
escoite, un coro de afinadas voces, nobres e sublimes, erguidas ao ceo como
columnas de basalto, ou o pandemonio de milleiros de alaridos desgarrados, as
voces do inferno, das penas e do sufrimento. Late nunha biblioteca o consello dos
amigos, verdadeiros uns, prudentes e asisados, falsos e mentireiros outros como
un espellismo. Unha biblioteca vive espiritualmente, palpita e medra na medida
do amor de quen a alimenta, como as plantas en maceta. Non existe armadura
electrónica, nin bastidor tecnolóxico capaz de conter tanta vida nin de alentar
tanto sentimento, pois, como todo o que é único e imperfecto, unha biblioteca
está chamada a desaparecer. Como os escravos no mundo antigo, tamén as
bibliotecas se herdan e, tamén como os escravos, os seus individuos agardan
unha manumisión que tal vez nunca chegue.
Etiquetas:
ex libris,
lectura,
lembranzas e reflexións
20.4.14
Inercia, historia, política, literatura
Na nota preliminar á cuarta edición
de La Colmena, asinada en maio de
1962, opina CJC que a política é a arte de encanar a inercia da historia e a
literatura a arte de reseñar a mareira daquela inercia. Quero supoñer que o noso
esgrevio Nobel se refería á política no seu máis xeral estrato e que non pensaba,
en concreto, na política española de 1962 ou, moito menos, na de 1942, ano en
que decorre o seu inmenso relato. Entre 1939 e 1975, a arte política en España,
máis que encanala, colleu a inercia histórica polo pescozo e obrigouna a
deterse hasta nueva orden. Pasado o
xerifalte a mellor vida, e de novo os cidadáns donos (máis ou menos) do seu
presente, era tempo de botar contas coa inercia da historia, e a inercia da
historia configurou moitas das inevitables eivas que tiveron aqueles anos que
hoxe chamamos a Transición. Pero esa é outra historia, que, ao final, prendo
nunha silva, e o que quería era falar de literatura. Pois a literatura é, en
efecto, como don Camilo me ensina, a arte de reseñar a mareira da inercia
histórica. Pero, que pasa cando non hai mareira na historia senón máis ben unha
ondada túzara, tan monótona que, contrariamente á violencia do vendaval,
semella non ter fin? Observo que, independentemente do talento do creador, existe,
en efecto, en todo tempo unha relación entre o devir da historia e as calidades
da literatura que a narra. Apunta Cela, de feito, que La colmena é un libro de historia, non unha novela. O que ocorre,
claro, é que a historia era tremenda e o escritor o fedatario dun torvo
universo onde, por barba e semana, tocaban a 1 decilitro de aceite, cen gramos
de zucre, cincuenta de lentellas, trinta de café e setenta e cinco de bacallao.
Quero dicir con isto que, para a gran literatura, sexan necesarias as
cicloxéneses da historia? Deixo para o chaleque de cada quen a resposta, pero
non sei de ningún desastre histórico que, dende Simplicissimus a Guerra e Paz, dende La Chanson de Roland a As benévolas, non deixase un ronsel de narracións inesquecibles,
auténticos monumentos da literatura universal. En troques, a vulgaridade de
vidas uniformadas pola abundancia e o consumo e unha política que ten moi pouco
de arte de calquera clase constitúen hoxe en día pobre nutrimento para unha narrativa
facilona e intrascendente, que, como as tisanas de melisa, favorece a dixestión
do que se le. Por iso, eu, que abomino da cultura das novidades literarias, son un gran relector, non un gran lector.
Etiquetas:
lectura,
literatura
5.4.14
Leunos todos?
En ocasión de
instalar na casa unhas estanterías con que dar acubillo a case tres mil venerables
libracos herdados do avó por via parental, o carpinteiro que me facía a obra,
home apousado e, polas trazas, ben sabido das cousas do mundo, unha vez
rematado o labor e botando unha ollada panorámica á biblioteca, preguntoume: E ló usté, leunos todos? Gabei para ao
meu chaleque a súa elegante retranca e caín en que aquela sobreabundancia debía
causar, en efecto, asombro nun home probablemente pouco letrado, para quen, de
certo, a luxuria bibliográfica, tan cara aos amantes do libro, constitúe un
pecado ignoto. Considero lexítimo dubidar de que a descomunal capacidade de
almacenamento dun lector de ebooks
constitúa, en efecto, algunha vantaxe, pois nin en dúas vidas teriamos tempo
para ler tanto. Pero, stricto sensu,
a única novidade da tecnoloxía dixital foi reducir ao mínimo o espazo físico
dos libros: o que antes precisaba de sesenta metros de andeis, métese agora
nunha minúscula superficie electrónica. As consecuencias non son
intrascendentes: o texto dixital representa un órdago a categorías coas que
adoitamos manexar a cultura escrita e a excesiva tecnificación das prácticas (non
só da lectura senón aínda do propio feito educativo, baseado cada vez máis no
mero manexo de aplicación informáticas) pode ter, tal vez está tendo, efectos
nocivos. A pregunta é a do millón de dólares: non sería mellor retirar todo
vestixio de ordenadores e tablets das
escolas? Non estaremos, sen querelo, fomentando unha sociedade de iletrados, expertos,
porén, na interacción con máquinas, na interpretación de ideogramas dixitais e
mensaxes curtas e textos por natureza efémeros e inconsistentes? Cada vez resulta
máis difícil inocular nos rapaces o docísimo virus da lectura. É un
feito comprobado que en Europa en xeral (pois, malia o Informe Pisa, en todas
partes cocen as fabas) dende os anos oitenta do século XX cada xeración vai
entrando na idade adulta cun nivel de lectura inferior ao nivel da xeración
anterior. Cal será, ao cabo, o último
chanzo desta perversa evolución? Non o sei. Como inmigrante dixital, saltei a
valla en 1985, cando por primeira vez sentei diante dun ordenador. Vinte anos
antes, aprendera a escribir cunha pizarra e un pizarrín. E agora… agora, comezo
a sufrir de nostalxia polos libros, os de toda a vida, sentindo que, tal vez, a
biblioteca do avó, tristeira como can sen dono, non vale o que un chip de silicio.
Etiquetas:
edición,
ex libris,
lectura,
tecnosociedade
Suscribirse a:
Entradas (Atom)


