Iñaki Gabilondo, ademais de 71 anos
magnificamente levados, ten unha lucidez de xuízo que brilla estrelecente nun firmamento
público atoldado de botarates e mamarrachos, endemicamente incapacitados para
algunha idea ou destello de autenticidade que vaia para alén dunha ducia de
tópicos mal fiados. Nunha interviú que lle vin o outro día, afirmaba o
xornalista que, contra a recentísima especie de que a nosa Transición foi unha
epoca estéril na que ficaron moitas contas pendentes co franquismo, naqueles
anos había algo que no presente deixa sentir a súa falta cada vez máis violenta
e teimudamente: había un proxecto de país. Entendo eu, que vivín con
intensidade aqueles tempos, que tal proxecto era, en efecto, colectivamente
percibido e colectivamente executado nunha dobre dirección: unha clase política
que soubo estar á altura de circunstancias tan difíciles e unha sociedade que
respondeu con serenidade e ilusión aos
moitos espellismos que provocaba o deserto da recente ditadura. Hoxe fartámonos
de endosar a unha caste de políticos, na verdade dificilmente empeorables,
todos os males do século, como se os nosos políticos fosen extraterrestres
chegados a esta vella pel de touro co designio de facernos a puñeta, roubar e
vivir regaladamente á nosa costa. Os políticos, en España hoxe pero tamén nas
polis gregas e na Alemaña nacionalsocialista, son o directo reflexo da
sociedade que os propicia, eventualmente elixe e, ao cabo, tolera. A miña
opinión é que o corpo civil que, cada vez con menor propiedade, chamamos
sociedade española, é apenas de mellor calidade ca a clase política que,
teoricamente, a representa. Tal vez, como no símil valleincllaniano, o país
leve moito, demasiado tempo espellándose no Callejón del Gato e o esperpento
non dea para máis. Fronte ao sebastianismo dalgúns, convencidos de que un
político auténtico nos sacará desta postración a base do discurso da sinceridade,
da volta ao servizo público e a honradez, eu creo que o mal é de todos e non vale botar balóns fóra: España non ten proxecto e, como nave sen
rumbo, bandea nun océano de desilusión e valores esquecidos, enarborando a
bandeira do sálvese quen poida. Xa non hai ofertas, nin discursos posibles, nin
sequera ideoloxías, porque, por riba destas, unha escura capa de corrupción
iguálao todo. Isto é o que sinto, pero non me fagan moito caso. Serán os anos.
9.3.14
1.3.14
Espiritismo, flema e festa jolgorrio
Un bo amigo, que acaso estea agora lendo
esta columna, agasalloume co relato dun delicioso sucedido, que, á súa vez, lle
participou un colega seu, profesor nos Estados Unidos. É o caso que a alumna dunha
prestixiosa universidade propuxo a certo catedrático senior redactar, baixo a tutela académica deste, a súa memoria
doutoral sobre a vida e obra dun personaxe moi pouco coñecido do século XIX, arredor
do cal as fontes eran especialmente inexpresivas. Na primeira reunión que
mestre e pupila mantiveron para pulsar os avances da investigación, o vello
profesor ficou pampo perante a avalancha de datos biográficos despregados pola
doutoranda. Cando esta, vendo o grato asombro do seu titor, confesou que todo o
obtivera directamente do seu biografado, aquel non puido menos que
preguntar, no colmo da estrañeza, como
podía ser iso, tendo en conta que o fulano levaba cento cincuenta anos dando
malvas. A moza, con absoluta seriedade, confesoulle que establecera contacto co
personaxe nunha sesión de espiritismo, manifestándose a pantasma reservada ao
principio e remisa a falar de si, pero ao pouco disposta a colaborar no
inquérito da súa vida. A reacción, polo visto, do profesor foi serena e, con
toda delicadeza, animou a súa discípula a seguir transitando un procedemento
investigador que, malia a súa evidente heterodoxia, semellaba estar rendendo
tan ricos froitos. O que, para o seu chaleque, o bo do home pensaría de verdade
é algo que a crónica do meu amigo non completa, pero que, na verdade, resulta
indiferente. Imaxinan un profesor universitario español no mesmo caso?
Teño para min que a contención expresiva tan característica dos pobos anglosaxóns é un trazo social de máis fondo calado ca o que poida semellar a primeira vista. Malia o deostada que resulta a ollos mediterráneos, a flema das xentes boreais induce máis ao pensamento cá emoción e neutraliza, ou cando menos atempera, o aguillón do estímulo primitivo co xuízo e a reflexión, todo o cal contribúe, sen dúbida, a alicerzar o seu éxito como culturas preponderantes do mundo. En compensación, por estes pagos consolámonos crendo que a festa jolgorrio é un patrimonio que xa quixeran americanos, suecos ou holandeses e venerando como xenios a provectos políticos de pelo branco aos que se lle vai toda a forza pola boca, xesticulando como histrións, berrando e insultando. Dando exemplo, vamos.
Teño para min que a contención expresiva tan característica dos pobos anglosaxóns é un trazo social de máis fondo calado ca o que poida semellar a primeira vista. Malia o deostada que resulta a ollos mediterráneos, a flema das xentes boreais induce máis ao pensamento cá emoción e neutraliza, ou cando menos atempera, o aguillón do estímulo primitivo co xuízo e a reflexión, todo o cal contribúe, sen dúbida, a alicerzar o seu éxito como culturas preponderantes do mundo. En compensación, por estes pagos consolámonos crendo que a festa jolgorrio é un patrimonio que xa quixeran americanos, suecos ou holandeses e venerando como xenios a provectos políticos de pelo branco aos que se lle vai toda a forza pola boca, xesticulando como histrións, berrando e insultando. Dando exemplo, vamos.
22.2.14
Unha anécdota
Comprometín toda a tarde dun sábado
a esperar o tractor de leña que un empresario (¿) do ramo me prometera para as
tres da tarde. Chamei ás tres e media. Díxome que ás catro e media. Ás cinco e
media volvín chamar e xa nin me colleu o teléfono. O inaudito é que eu lle ía
pagar, claro, e que o fulano dedícase a iso, a vender leña. Unha anécdota?
Pode. Todo na vida, se ben o pensamos, son anécdotas.
14.2.14
Rosa, rosae
Axudando ao meu fillo Juanpe co
latín da secundaria (no seu colexio, cousa rara, é obrigatorio), rememoro
sufrimentos escolares, hoxe entrañables malia teren influído amargamente no seu
momento, ao punto de facerme case desistir de seguir coa carreira. Suspendín
latín en segundo ano da miña licenciatura en Filoloxía Hispánica, pois daquela
consagraba eu a miña condición de estudante en Compostela a unha existencia
noctívaga, na que Tácito e as Metamorfoses ovidianas se conciliaban pouco coa
ofrenda dos meus dezanove anos a musas, digamos, máis mundanas. O verán
subseguinte ao patinazo, e xa reposto do trauma (era o primeiro suspenso da
miña vida), adiqueino a traducir De
amicitia, de Cicerón, un sublime tratado de humanidade, que evidencia o herdo
incalculable de Roma ao mundo occidental. O que comezou sendo unha obriga por
demais molesta, e directamente imposta pola necesidade de render contas no
exame de setembro, foi mudando paseniño nun labor feito, ao cabo, máis por pracer
ca por compromiso. No silencio nocturnal do estío e baixo a luz pálida do
flexo, eu ía montando as pezas da sintaxe ciceroniana e adquirindo aos poucos a
visión dunha paisaxe lúcida e coherente, cando penetraba o sentido final dun
período que comezara cinco liñas máis arrriba. Xa aprobada a asignatura, seguín
durante meses traducindo, por puro gusto, outras obras e autores. Hoxe teño a
absoluta certeza do moito que a miña pobre intelixencia debe á extraordinaria ximnasia
mental que é o latín e ao acervo cultural que me proporcionaron os clásicos. Na
sempre imprescindible incitación ao pensamento complexo, o abandono de materias
como o latín ou a filosofía supón unha lamentable depauperación intelectual. Actualmente,
cando tanto se bota man dunha artillaría terminolóxica que inclúe produtividade, transferencia
de tecnoloxía, excelencia ou rendibilidade, ata o
punto de mesturárense alarmantemente as lindes da universidade e da empresa, un
profesor que ensina os verbos polirrizos gregos, as fontes medievais de Lutero
ou o positivismo hegeliano, pregúntase, con moita razón, o valor que as súas
ensinanzas teñen en termos de transferencia de tecnoloxía ou produtividade. Sospeito
que Sócrates tería serias dificultades hoxe para acreditarse como catedrático
universitario de Filosofía.
Etiquetas:
Da artesa da memoria,
lectura,
personalia,
sociedade,
universidade
5.2.14
Un niño de pombo
Os temporais deste terrible inverno derruban edificios,
levantan tellados, derraman bosques e xeran vagas xigantes, capaces de mover
coches e mesmo de engulir vidas humanas, as vidas de quen ignoran a virulencia
do perfecto asasino que pode ser o océano. Pero, como nunca choveu que non
escampara, tras o trebón vén a calma, malia que, no país, a calma sexa, ben de
veces, o torvo heraldo de novos vendavais. Cando isto escribo, contemplo o val
da Amaía baixo o palio dun ceo de inverno, azul e pálido, sutilmente mechado de
nubes branquigrises, a imaxe amable dunha natureza materna e tépeda. Atopo na
contemplación da paisaxe, no mudo estupor perante a súa serenidade elementos de
reflexión. Eu penso, por exemplo, que a estupidez e a maldade humanas foron incrementándose,
en canto pautas de conduta social, na mesma medida en que se foron esquecendo
os ritmos eternos, sabios e pausados de Nai Natura, torpemente substuídos polos
aberrantes elementos constitutivos diso que chamamos vida moderna: comer lixo ás présas, beber máis lixo, durmir de día
a causa do insomnio nocturno, padecer angustia cando nada nos falta e todo nos
sobra, someterse á tensión permanente, da competitividade, da produtividade, da
rendibilidade, do alimento da autoestima, da envexa do éxito alleo, da inexplicable
ignorancia allea acerca da nosa evidentísima valía… é dicir, do estrés. Non quero dicir que o home paleolítico
non fose tamén, ao seu xeito, vítima do estrés. Pero malíciome que entre arriscar
o pelexo diante dun mamut de sete mil quilos e non acadar o nivel de
produtividade da empresa, media unha medida do estrés definida por 50000 anos
de evolución. Aí seguimos. Temos máis saúde e estiramos o noso programa
biolóxico, dominamos as forzas cegas de bacterias e virus, inventamos milleiros
de leis e normas, todo para alicerzar a nosa existencia no benestar, pero o
suicidio é en Occidente a primeira causa de morte traumática, máis que os
accidentes de coche. Entre tanto paradoxo, eu adoro as leccións, caladas pero
sublimes, con que a natureza humilla a nosa vaidade. O temporal levou andamios
e edificios, derramou piñeiros, arrincou tellados e vidas inocentes, pero,
nunha nogueira que coñezo, hai un niño de pombo que sobreviviu a tanta
turbulencia. Cada vez que o vexo, suspiro reconfortado
Suscribirse a:
Entradas (Atom)



