25.11.12

Edith & Patricia: Back to Compostela



Cito textualmente: «Un dos mellores relatos de fantasmas que teña eu nunca lido é Día de difuntos (All Souls, 1937) da autora norteamericana Edith Wharton, unha peza breve, no que a condensación do tempo, o silencio, a soidade e a sensación de abandono da protagonista chegan a converterse a ollos do lector en algo case físico, opresivo, mesto como as tebras na noite escura. Un deses contos nos que o lector non alenta ata o final. Wharton foi no seu tempo (1862-1937) unha adiantada da máis rabiosa modernidade. Déase Vde. unha volta pola súa biografía e descrubrirá unha muller culta, refinada, rompedora, progresista e encantada de vivir e experimentar. Viaxeira infatigable, Ms Wharton visitou España mediando a década dos vinte e fixo o camiño de Santiago. Agora, a curiosidade e entusiasmo da miña prezada amiga e magnífica especialista en literatura norteamericana Patricia Fra, que atopou na universidade de Yale os diarios manuscritos da viaxe, vanme facer o agasallo de publicalos nas prensas da Universidade de Santiago. O libro levará, ademais da reprodución facsimilar dos manuscrito e a súa transcrición inglesa, a tradución anotada en castelán e galego, unha introdución da propia Patricia e unha morea de material fotográfico da época. Froita en doce para calquera editor. O libro aínda non é. A partir de agora, imaxinándoo, imaxinado o libro que a Ms Wharton lle gustaría ―clásico pero moderno, canónico pero atrevido, sobrio pero vivo―, o libro empeza a ser. É a parte máis fermosa e excitante da aventura editorial: pensar o libro. Meter na túrmix todos os criterios que ao noso xuízo deben intervir en destilar un contedor final á altura do contido. O máis apaxionante do proxecto é que non o vou facer eu: pensar o libro e poñer tal pensamento por obra ata a edición final será o traballo de fin de mestrado dunha alumna do noso Mestrado en Edición, Paula Cantero, que o realizará baixo a miña titorización. De certo que eu vou aprender máis ca ela. Porque, cando un quere, nunca deixa de aprender». Fin da cita textual. Postei este artigo o 27 de marzo de 2011.  Hai hoxe unha semana, o xurado dos Premios da Crítica encargado de premiar a mellor investigación publicada en Galicia en 2011 estimou que o libro merecía tal galardón. É o momento da fría conclusión: crer honestamente no valor do que facemos. Así de simple (ou de complicado).

10.11.12

Un acordo razoable



Ao meu modo de ver, unha das máis perversas consecuencias de vivirmos nun mundo tan artificial-artificioso e tan subxugado ao positivismo do permanente progreso cara a un ideal, é que adoito nos sentimos insatisfeitos e, dun xeito case masoquista, antepoñemos os defectos e fealdades das cousas ás súas virtudes e eventuais belezas. Reaccionar perante unha visión tan negativa das cousas é o que moitos chaman «entusiasmo», actitude vital da cal eu me manifesto devoto seareiro, o cal non é pouco coa que está caendo. Penso, en efecto, ―e tal vez esta sexa unha boa lección que podemos tirar da crise―, que resulta moito máis produtivo o entusiasmo e as ideas con recursos limitados ca a abundancia de recursos en mans de mediocres. «If you can't be with the one you love,  love the one you're with», cantaban nos setenta Crosby, Stills & Nash, en memorable tonada. Conste que de ningún xeito quero eu facer un canto ao conformismo, pois nunca os conformistas moveron o mundo, pero, entre a pasividade do nugallán e o agravio constante do insatisfeito patolóxico debe haber, como en todo, un termo medio. Se, por exemplo, penso no país ―«miña terra galega onde o ceo é sempre gris»― moléstanme moitas cousas: anóxame o feísmo da construción; o sistemático desleixo na conservación do medio natural; a invasión de «alcolitos», uralita e cemento; os depósitos incontrolados do lixo máis inmundo aldraxando as máis fermosas paraxes; os somieres pechando as leiras; o abandono de todo aquilo de que bo tiña un sistema tradicional de vida en beneficio dunha innobre mestura de elementos rururbanos; a miseria mental que subxace a un escasísimo cultivo do espírito. Pero todo ten o seu contrapeso e, de certo, non se consola o que non quere. A quince minutos en coche desde o Brión que habito, hai un pequeno paraíso, nun recanto de bosque da ría de Noia: valoro como un privilexio ter tan a man esta Broceliande case privada, que para unha chea de xente da ruda estepa sería «un finde no campo», tras catro horas de  viaxe e abonar, claro, un pastizal. Confeso que amo Galicia, esta vella esquina verde, sen maximalismos pero tamén sen fendas, sen crer que sexa a última Thule, sen facer do meu amor ideoloxía nin levarme o traballo a casa; algo así como amar alguén a quen coñeces de toda a vida e a quen, alcanzando os dous un punto de sabedoría, transíxenselle os defectos a cambio de seguir gozando as súas virtudes.

1.11.12

Poesía e bricolaxe



Hai disto ben anos, na miña Estrada natal, que sempre foi vila de espíritos chocalleiros, a un que tiña un ultramarinos ocorréuselle vender puntas de piso e expoñelas na porta do establecemento. Ao dono da ferretaría de enfronte faltoulle tempo para dependurar do seu escaparate unhas follas de bacallao, argumentando, con toda sensatez, que el non fora o primeiro en ultrapasar as competencias comerciais do ultramarinos, pero que, se lle tocaban as narices, tiña todo o dereito a reaxir. En evitación destes conflitos aconsella, en efecto, o bo proverbio que  atenda o zapateiro aos seus zapatos, e, eu ao abeiro desta sabia sentenza, en ocasión das inevitables, e por demais molestas, avarías domésticas ou perante a necesidade dunha obra pequena no fogar, opto pola man perita dun profesional, asumindo a miña absoluta incapacidade, e aínda intución, para tales mesteres. Cando me afean esta ineptitude para as obras manuais, e que, en punto a habilidades domésticas, mal sei desmontar unha persiana, opoño que tampouco tocar a batería e a guitarra e, ademais, escribir poemas é gran de anís. Non sei por que se lle ha de atribuír máis mérito a montar un armario de Ikea que a interpertar o fermoso madrigal de Steve Howe "Mood for a day". Pero así é. A arte e o traballo intelectual están moi devaluados, acantoados tal vez por unha sociedade na que, tras anos de sobreestimación social das dotes do intelecto, hoxe hai universitarios a dar co pé, mentres con moitas dicifultades se atopan electricistas, fontaneiros ou albaneis que non sexan uns chafulleiros de mala morte. Porque a intelixencia é selectiva e, como lembro sempre que me deixan, un pode ser moi listo para os polinomios e un parvo para os recados. De por parte, recoñezo que as miñas calidades bricolaxísticas acadan o seu límite en cambiar unha bombilla. Manteño, por exemplo, unha curiosa relación co pegamento superglú: os meus dedos acaban sistematicamente embadurnados de dura costra mentres o obxecto a pegar remata por dobregar o meu designio e manter túzaro a súa independencia. En fin, que agradezo ao destino terme evitado formar perante os oficiais nazis que seleccionaban os cidadáns indispensables, en función dos seus coñecementos e habelencias, pois non teño dúbida da ringleira na que, cando dixera que son editor, toco a guitarra e escribo poemas, ía rematar. Pois, como ben preguntaba en certa ocasión un poeta,  à quoi sert un poète?

6.10.12

Dous días, algunhas ideas e unha clasificación

Dous días intensos en LIBER, este ano celebrado en Barcelona. Ademais dunha morea de entrevistas e encontros, asistín a ponencias e mesas redondas sobre novidades na xestión do ISBN; novas formas de distribución dixital; novas formas de cooperación dixital; novas conceptuacións legais nos contratos de edición dixital... Todo leva o adxectivo novo, pois, o que ata agora eran as prácticas e procedementos tradicionais no mundo do libro, é xa vello. Isto, e outras incitacións e observacións, estímulame a reflexión de que os actuais factores do libro son de catro pelaxes diferentes:
a) os que, por idade, se senten, xa máis, xa menos, desligados dunha contorna profesional altamente tecnoloxizada que non entenden nin queren entender;
b) os que coñecen as formas (de creación, editoriais, de relación, comerciais, produtivas) tradicionais do mundo do libro pero, tamén por idade, foron parte da revolución tecnolóxica de mediados dos oitenta en diante e viven o momento actual con ansiedades, si, pero tamén co mesmo entusiasmo e espírito creativo que sempre caracterizaron os editores;
c) os que, pertencendo ao grupo b, actúan coma se fosen do grupo a);
d) os que, de novo igualmente por idade, naceron e se desenvolveron profesionalmente no caldo de cultivo hipertecnolóxico, é dicir, os "nativos dixitais" de Prensky.
Unha análise máis simplista unificaría estes grupos en dous: tecnófobos e tecnófilos. Vale, toda análise simple é panoramicamente certa. Nun grato encontro, café incluído, Luis Collado, de Google Books, e eu conviñamos en pertencermos, por idade e experiencia formativa, ao grupo b, o grupo, creo, capaz hoxe de liderar en mellores condicións os eventuais traumas, efectos colaterais e secuelas da complexa transición que estamos vivindo. Estimo, polo demais, que moitos dos comportamentos (non digo todos), actitudes e prepotencias dos integrantes do grupo d -os nativos dixitais tecnófilos à outrance- están na xénese de centos de iniciativas máis ou menos "empresariais" que rematan en nada, convocadas pola urxente voráxine tecnolóxica do momento, e que deron forma nos últimos anos a iso que o libro clásico de André Schiffrin definiu tan xenuinamente: a edición sen editores. En calquera caso, e despois de tanto intercambio de ideas, retorno de LIBER cun pensamento alentador: se para todos os elementos da actual transición dixital (cando menos en Europa) existisen xa liñas de actuación perfectamente definidas, simplemente non me chegaría a camisa ao colo, pois estaría botando contas obsesivamente de ata que punto estou actuando cerca ou lonxe desa liña. O bonito do asunto é que, en materia dixital, non semella existir unha liña definida nin estable en nada (creación, edición, produción, distribución, propiedade intelectual...) alén de dez ou doce comportamentos, ditados máis pola sensatez ca magnitude tecnolóxica das circunstancias por onde hoxe transita a edición internacional. Tal vez, tanto entre os elegantes stands dos megagrupos como nas barracas máis modestas dos editores pequenos e independentes circule, calada, arteiramente, un gratificante intercambio de miserias. Porque, quen que queira ser millonario se adicaría a editar libros?


28.9.12

Inercias, exigencias. Del pasado, del futuro.

En otras catacumbas, he definido irónicamente al editor y, más concretamente, al editor universitario. Hoy se me ocurre que un editor universitario es un tipo que comienza su jornada hablando de Karl Popper, la intermedia explicando a un evaluador la diferencia que, a su juicio, existe entre una edición académica y un ensayo, y la remata ideando el diseño para la cubierta de un libro sobre el cribado metabólico. Claro, cuando llega a comer a su casa, el tipo está desfondado mentalmente y su familia comprueba, con dolorosa certeza no exenta de coraje, que ha olvidado comprar las pechugas en el mercadona, con lo que puede establecerse una inferencia inevitable, aunque en principio pudiera parecer que en extremo circunstancial, entre unos huevos fritos a prisa y de mala leche y la calidad de la edición universitaria. Otra definición: un editor universitario es un tipo del que los usuarios sólo se acuerdan si las cosas van mal, quiero decir, a la hora de repartir las ostias, si me permiten el venablo. Así, cuando toca tomar decisiones difíciles (y, con la que está cayendo, tan ingrata actividad es casi una rutina diaria), la cabeza del editor universitario aparece en la picota del royo público, para escarnio de su crueldad e incomprensión. En mi universidad -la compostelana de Fonsecas, vítores de San Jerónimo y tunos afónicos por la húmedad y el vino ruín- hemos decidido migrar la veintena de revistas que editamos (algunas germinadas en la posguerra) a una plataforma digital bajo Open Journal System. La versión beta puede consultarse aquí, aunque su alojamiento y bautizo oficial es inminente. El proyecto es técnicamente muy complejo, pero, por lo mismo, cautivador y altamente estimulante. En cualquier caso, no está exento de reluctancias, resistencias e incomprensiones. Mi argumento de oro es que, a) sólo se equivoca quien acomete los proyectos y hace cosas; y b) se hace camino al andar (gracias, don Antonio). Hace unos días, una buena amiga y colega me invitó a trasladar mi pobre prédica a cierto evento subtropical. Le interesaba, me dijo, que yo, para compartirla con los asistentes y así incitar un enriquecedor debate, contase mi experiencia sobre este proyecto de migración digital de revistas, algunas tan venerables. Debía, además, para incluirlo en el programa tentativo del simposio, proporcionarle un adelanto de título de mi intervención. Se me ocurrió de inmediato: Inercias del pasado, exigencias del futuro. El proyecto digital de revistas de la USC. Hace unos meses, un diario nacional definía, de modo expresivamente exacto, la difícil coyuntura actual del libro: La tormenta perfecta. Acceso abierto, embate digital, crisis de presupuestos, caída de las ventas, reducción ad absurdum de una producción en masa para un público indigente en materia lectora... Eso: inercias del pasado, exigencias del futuro. O, en términos técnicos: de éxito en éxito hasta el batacazo final.

25.9.12

Algo que só certos obxectos conseguen

Referíame hai tempo á envoltura mnemónica dos libros impresos, unha estrutura e características físicas que os fan únicos, obxectos que unimos á nosa propia e intransferible experiencia. Os meus amigos de mocidade -en homenaxe ás miñas intensas relacións sentimentais en Alemaña- regaláronme a finais do oitenta unha xoia, Germania. Dous mil anos de historia alemá, Montaner e Simón Editores, Barcelona, 1882. Os gravados que contén son simplemente soberbios. Este, belísimo, transmite a deliciosa sensibilidade do artesán e o casticismo tipográfico coaligados indisolublemente ao soporte: a súa antigüidade, o seu arrecedendo, o seu tacto, o seu... duende.

10.9.12

Un lector opina sobre a obra do autor

Direino de xeito contundente, sen miramentos e que pense cada quen o que queira: Vaidade? Solipsismo? Arelas de autopromoción? Para min, máis ben, trátase do gusto por facer público o diálogo entre un autor e un lector. O que segue é a crítica de lectura do meu poemario Álbum de días, recentemente editado, dun amigo, tan culto e sensible como, de certo, benevolente:
He leído de un tirón tu  neonato poemario. Bien es cierto que para emitir un juicio bien fundado -sobre todo tratándose de lírica- se precisan varias lecturas demoradas. No es esa, por supuesto, mi intención, sino transmitirte, junto con mi gratitud por el regalo y la hermosa dedicatoria, mi humilde opinión a vuelapluma. Aprecio más soltura y oficio que en anteriores poemarios. Has limado, quizás, un poco un cierto exceso de trascendencia que lastraba alguno de tus anteriores poemas. Atiendes más a lo cotidiano, y te secas con frecuencia el sudor del artesano de la palabra, que escoges, mimas y acaricias. Trasciende, es inevitable, tu buen conocimiento del léxico y de la literatura: son patentes algunas alusiones a la Biblia, a los clásicos, a la mitología a los  poetas del renacimiento (Garcilaso sobre todo) y se respira a veces el  aroma antañón y delicado del ¿ubi sunt? Me pareció percibir también el aroma de Rilke (La escritura del dios) y del bueno de Machado. Utilizas brillantemente los recurso y licencias literarias logrando versos refulgentes. Veo que cuidas el ritmo interno del poema; yo aprecio muy especialmente esta valiosísima cualidad literaria que permite al lector deslizarse con plácida y suave musicalidad por cada uno de los renglones del poema. Y desconfío (y no lo leo) del poeta que quiebra a cada paso la cadencia del poema creyéndose así más rompedor, original y nuevo [...]  El libro es muy bueno. Exige, eso sí, lectura atenta y no poco acervo de cultura, sobre todo para descifrar pasajes tan hermosos como herméticos: negando la evidencia de ser al despertarme/el élitro de un Samsa nuevo y aún más triste. O del otro lado estaban/Caronte y su moneda. Vale. 

O contrato que o autor de poesía establece coa súa obra é ben diferente do que impón calquera outra modalidade da creación textual. A reinterpretación -e consecuente reescritura- do texto poético pode devir un proceso ad infinitum. Tras anos de puír, corrixir, retomar, borrar e reformar palabras pensadas e escritas nalgún caso hai moito tempo e baixo estados anímicos moi variados,  a opinión do meu crtítico amigo pareceume simplemente emocionante.

7.9.12

A pureza do ADN

Este texto paréceme soberbio, fermoso, emocionante:
Los libros en papel son un lugar privilegiado de la memoria, un lugar de memoria que permite crear en el imaginario del lector un espacio de representación, un teatro interior; que permi
te desarrollar el pensamiento del lector como un pensamiento teatral, como un espacio mental en el que se representa lo que el autor ha escrito y que se representa a sí mismo a través de lo que el autor ha escrito. Y eso es así porque los libros poseen unos límites físicos dentro de los cuales la memoria queda fijada: poseen una camisola mnemónica que les dota de estabilidad diacrónica, que delimita su principio y su final; poseen un final o un desenlace que, como un vector que atraviesa el libro, estructura su contenido y lo dota de sentido, como una columna vertebral; poseen una personalidad tipográfica, una personalidad estructural única [Patrick Bazin, Bruno Latour «Le livre face à l'écran, un objet irremplaçable?» (2007); tomado de aquí]. 
FOTO: o meu smartphone-LIBRO; a miña tablet-LIBRO, o meu ereader-LIBRO e mais un... LIBRO (Emily Brontë: Cumbres borrascosas, Barcelona: Destino, 1943), herdo dunha miña tía xa falecida.

5.9.12

Unha de politica exprés


A este vello crocodilo, que chora por tantas cousas, non lle gusta facelo por política. Non; este crocodilo, comprobando que, como dicía Daniel, a política será fea pero moitos tolean por ela, prefire chorar por outras moitas cousas da vida, porque, aínda que pareza incrible cada vez que un abre un xornal ou liga a caixa tonta para ver o parte, hai outro mundo para alén da política e do tsunami diario de analistas, opinadores, expertos, politólogos, comentaristas, eséxetas e interpretadores de toda laia. Porque se, en efecto, todos temos a sensación de que a xestión da cousa pública se profesionalizou ata extremos deplorables, non é menor, cando menos para min, a convición de que se precisa dunha especialización case erudita para esmiuzar as claves dun exercicio que, en tanto que alicerce do funcionamento social, resulta de feito moito máis simple, pois a xente non é parva. Na miña calidade, por tanto, de mero cidadán que apela (privilexios da independencia) ao seu dereito a interpretar o que lle pete, dentro do escrupoloso respecto ás persoas e dende a súa deleitosa áurea medianía, vou ensaiar unha visión exprés da situación política do país. 
Un elemento que me parece sublime é que, dende as máis variadas instancias, se apele á fin do goberno de Feijoo como condición sine qua non para solucionar todos os males do país, cando hai menos de catro anos Feijoo apareceu, con contundente obviedade, como a sorpresiva ―máis ca sorprendente― alternativa a un goberno bipartito de infame recordación, ao que unha enormidade de votantes nunca lle perdonará que, tendo por vez primeira a chave histórica dunha alternativa real ao goberno da dereita, se esforzase en facer bos os peores tópicos sobre a política nepotista, clientelar e chiringuiteira. Menos de tres anos despois, planea sobre un atónito electorado a sombra dunha nova edición daquela bochornosa entente, con algúns extras que, como o dobre de mozzarella na masa, fai unha pizza irrepetible: un candidato perfectamente coñecido na súa casa á hora de xantar e tan encantado coa perspectiva de subir á gestatoria de San Caetano que se fuma todo principio democrático na súa elección (¿?) e os residuos dunha coalición contra natura que resistiu como puido os embates intestinos da secesión ata que o atroz veredito das urnas esixiu cabezas e responsabilidades. No entanto, supoño que o espírito do inefable don Manuel seguirá, como a pantasma do Louvre, deambulando polos pasillos e salas de San Caetano, susurrando nos oídos de don Alberto que tire proveito mentres poida, pois, como en Dinamarca, tamén na verde terra de Breogán algo cheira a podre.