15.1.12

Crónicas de guerra e vida

Debo á bondade e xentileza do meu amigo e colega universitario Lourenzo Fernández Prieto, director do proxecto Nomes e Voces, e á exquisita sensibilidade e intelixente xestión da súa colaboradora Chus Martínez, a xenerosa oferta de organizar unha exposición, e editar o catálogo correspondente, co inxente material fotográfico que meu pai, Mario, comezou a reunir en 1937 cando ingresou no Gabinete Fotográfico do Corpo de Exército de Galicia e seguiu acumulando durante os sesenta e pico anos que viviu tras o remate da guerra civil. Cando isto escribo aínda non sei se a Lourenzo e a Chus lles vai gustar o título que propoño para a exposición: Mario Blanco. Crónicas de guerra e vida. O meu argumento é que nin a vocación fotográfica nin a vida de meu pai finaron en 1939. Antes ben, tal e como foi cronista gráfico da guerra seguiuno sendo da vida, capturando primeiro o horror dun país, despois a felicidade dun grupo que ía debuxando o seu mapa do mundo. Copio aquí algúns parágrafos das reflexións que incorporei á memoria xustificativa da exposición:
Pero a vocación fotográfica de Blanco Fuentes non fixo senón estimularse coa experiencia bélica, fixando nel unha afección que o ía acompañar durante toda a vida empuxándoo, de xeito case obsesivo, a retratar múltiples aspectos, profesionais, oficiais pero tamén íntimos e persoais, de toda a súa singradura vital posterior á contenda. O título da exposición, Crónicas de guerra e vida, quere integrar, como complemento da vivencia bélica do protagonista a súa singradura vital posterior, para reflectir, precisamente, cómo a experiencia colectiva española se incardina de xeito especialmente elocuente na experiencia individual de Blanco Fuentes, un home de vinteún anos que, tras a marca a ferro dunha guerra civil vivida na distancia curta e en primeira persoa, debe deseñar un proxecto de vida. Neste sentido, a deriva ideolóxica case paradigmática, que, en boa medida, explica ―ou, mellor dito, exemplifica― a evolución sociopolítica de España dende os remates da guerra civil ata o comezo do Transición [...] Así pois, un mozo afouto que en 1939, fardado co uniforme militar, se sente partícipe dunha eufórica sensación de vitoria evolúe cos anos cara a unha posición progresista e crítica, que xermolou, de feito, nun herdo familiar de convicións civís e democráticas. Esta deriva explica, mutatis mutandis, a complexa evolución que dun país onde se daban vivas ao ditador na praza de Oriente en 1974 e se votaba masivamente nunhas eleccións democráticas tres anos máis tarde. A Transición foi posible, e non máis cruenta, pois a gran masa do continxente demográfico da España de 1975 compartía, xa en maior, xa en menor medida, esta evolución. Na esfera privada, íntima e familiar, dende os comezos e mediados da década dos 40 até os remates dos sesenta, Blanco Fuentes foi coleccionando, saídas das venerables tripas dunha Leica primeiro, que aínda se conserva, unha xoia, e nos últimos tempos dunha Petri (unha das primeiras xeracións, segundo creo, da tecnoloxía Reflex) as imaxes da vida cotiá dunha familia española calquera. Son fotos que dan fe da historia ―probablemente sublime na súa sinxeleza― dun grupo de persoas a quen uniu o amor e a ilusión por tirar para diante, a fe en asegurar un futuro de felicidade para os novos integrantes do grupo, e iso que vivían sobre ruínas, feridas, bágoas e ausencias e lidiaban cun universo en que todo era escaso e o silencio imposto a lei.
En tempos confusos, onde o dereito semella subxugarse á ambición desmedida de sinvergonzas de toda laia, algúns de luva branca, non parece decabelada unha exposición que testemuñe a integridade, esforzo e vocación de servizo de toda unha xeración. Trátase dun novo proxecto que, de certo, me restará tempo, enerxías e darame, abofe, máis dunha angueira. Pero, non é certo que a convición no que se fai é o motor de toda obra honesta? Alá veremos. Xa irei contando.
Na foto: meu pai, Mario, e miña nai, Carmen, contra 1964.

12.1.12

O que debe ser cultivado

Deberon ser os alemáns os que instituíron o bo costume académico de festexar o xubileo intelectual dun cientifico de altura reunindo nun volume traballos orixinais ofrecidos ao mestre polos seus colegas e discípulos. Un produto editorial tipicamente universitario. No eido da miña formación superior, lembro algún Festschrift -que é a verba tedesca que vale 'homenaxe'- con colaboracións de altísimo nivel, que, mesmo chegaron a converterse en traballos canónicos en certos temas. Nomes como os de Rafael Lapesa, Kurt Baldinger ou Germán de Granda acoden ao recordo en forma de vellas fotocopias viradas en sepia por arte do tempo.
Son estes libros de homenaxe obxectos cheos de emoción, de afecto. Arroupar un intelectual, un investigador que chega ao cénit dunha carreira consagrada a desenvolver unha ciencia ou un modelo de pensamento co agasallo dun libro redactado e creado ad hoc é un dos traballos que, non por reiterados, deixan de ser máis gratos ao editor. Teñen estes libros algo de atávico: os guerreros da antigüidade eran inhumados cos obxectos do seu sacro oficio. Armas, ornatos da súa bélica condición, ata os cabalos se ofrecían á eternidade xunto co seu posuidor. Do mesmo xeito, que mellor recoñecemento, que mellor prenda de gratitude ca un libro para aquel que retirado en la paz de estos desiertos, con pocos, pero doctos libros juntos, leva consagrando a súa existencia a fiar o delicado fío da transmisión perpetua do coñecemento? Cultura: literalmente, o que debe ser cultivado. Hoxe lembroumo, nun discurso de retórico clásico, un vello mestre.

8.1.12

Tabletas

Noutro lugar, titulei Da pizarra ao monitor, ou algo así, un artigo no que -mercé ao símil entre as vellas pizarras escolares coas que eu aprendín a escribir e os monitores de ordenador de última xeración- ilustraba catro décadas de evolución tecnolóxica da comunicación sen precedentes na historia da humanidade. Sen precedentes? Nese mesmo artigo aludía eu ao demoníaco ars artificialiter scribendi de maese Gutenbeg como o piar doutra ruptura na continuidade cultural da humanidade. Aínda que o argumento agocha o seu aquel de esoterismo, semella que a fundición en chumbo dos caracteres tipográficos foi un feito necesario como complemento do renacer da cultura clásica, da expansión do cisma luterano, do albor cultural das linguas vulgares e do descubrimento, luminoso e feliz, da ledicia de vivir. Creo que interrogarnos acerca de se o Humanismo, con todo o que supuxo, tería sido o que foi sen a imprenta constitúe un intelixente exercicio de reflexión tanxencial sobre o presente e o futuro da comunicación, pois, en efecto, nihil novum sub sole e todo, ao cabo, se suxeita a unha permanente e sublime recapitulación dos logros dos nosos antergos. Hai días manifestaba en FB que os reis magos, como recompensa a ser un neno tan guiado, deixáranme unha tableta dixital. Conste que o feito de ser un profesional da edición (e por tanto da comunicación) fai que a miña actitude fronte a fenómenos susceptibles de percepcións digamos máis frívolas, como as redes sociais ou este xénero de sofisticados cachivaches tecnolóxicos, sexa fría e distante. Quero dicir que eu consumo teconoloxía en virtude do que entendo me resulta profesionalmente necesario ou aínda imprescindible. Valla como exemplo que o meu móbil é un venerable Nokia de hai cinco anos co que estou francamente encantado. Así, o acceso á tecnoloxía das tabletas xustíficase, non por superflua tecnofilia, senón por curiosidade e imperativo puramente profesional. Con todo, non podo disimular o meu entusiasmo. Hai algo de poesía, de emoción subxectiva en ser protagonista dun proceso que se iniciou hai case medio século cun pizarrillo e unha pizarra da que dependuraba un cachiño de esponxa e que, de momento, remata nunha basáltica superficie táctil tras a que se agocha Babilonia. Chatear para meu pai era compartir charla e amizade á calor do viño malo que servían nas tascas locais. Ata hai nada, a min o substantivo tableta retrotraíame ás merendas dun cativo pelirroxo con pan e chocolate La Campana de Elgorriaga. Ben. Todo flúe; non existe nada máis plastico ca a experiencia, contra o que cren os pesimistas e os reaccionarios . Camarón que se duerme, se lo lleva la corriente.

5.1.12

Díaz Pardo: a miña íntima homenaxe

En certa ocasión, Sir Winston Churchill, que era can vello, ridiculizou con toda fineza un deputado laborista inimigo seu dicindo que era un home modesto con moitas razóns para ser modesto. Nunha sociedade mediática, onde sobrancean os pacientes de EPO crónica (Enfermidade de Protagonismo Obsesivo) e os xenios incomprendidos e inxustamente ignorados, o continxente de vaidosos patolóxicos con moitísimas razóns para ser modestos fai lexión. Díaz Pardo, don Isaac, Isaac para os amigos -e tiña moitos, pois nunca coñecín a ninguén con menos motivos para ter inimigos- era, no seo dunha sociedade enferma de frivolidade conxénita, unha anomalía, unha illa de desprendimento nun océano de efémera soberbia. A súa modestia -propia dos varóns bíblicos- só estaba en consonancia coa súa valía humana, intelixencia, altura estética, creatividade e capacidade de innovación e emprendemento (factores que semella non teren exisitido nunca e que hoxe están tan à la mode embutidos en observatorios, xornadas, congresos e cursos impartidos por indocumentados provistos dunha artillaría terminolóxica tan complexa como inútil). Tiven o privilexio de tratar a Isaac en diferentes iniciativas e proxectos. A última vez que o vin, co gallo da presentación dun libro, tras a miña intervención, susurroume ao oído, ensaiando un sorriso pícaro: Moito sabes! Creo que fica todo dito.
Se existe ou non un Alén para os xustos é cuestión de imposible elucidación e vai nas crenzas de cada quen. Ora, se existe, de certo que alá andará Isaac acomodándose para a eternidade.

3.1.12

Dobrar películas, editar libros, arbitrar partidos


Nada hai más evocador ca a voz. Unha muller fermosa ou un home atractivo cunha voz fea revisten algo de anomalía que repugna os sentidos: é moi guapo/a, pero a voz lle axuda ben pouco. Cantos chascos levamos vendo por primeira vez unha persoa da que só coñeciamos a súa voz tras anos de relación telefónica!
Como os olores, lembrar as voces ten algo de fantasmal pois non é doado actualizar mentalmente sensacións físicas. Inténteo: peche os ollos e lembre as voces de The Joker (Batman), o padriño Corleone, o encantador galopín "Shaw" Gondorf (O golpe) ou o axente John Preston en O cuarto protocolo. A voz española de Nicholson, Brando, Newman e Caine apagouse para sempre. O dobrador Rogelio Hernández faleceu hoxe con 81 anos, o tipo de noticia na que pouca xente repara. O oficio de dobrador imítalle algo ao de editor. Nunha entrevista de 2008, o deseñador editorial Jorge de Buen declaraba: O deseñador de libros ten que ser invisible, como unha copa de cristal. Tal é o que lle acontece aos dobradores, unha profesión paradoxal: voces de extremada popularidad (pense en Homer, Marge, Bart ou Lisa Simpson) que pertencen a persoas por completo descoñecidas... mentres non abren a boca, supoño. Recentemente o dobrador Hernández recoñecía: el público va al cine a divertirse, a distraerse, a reírse, a pasar miedo, a emocionarse y estoy convencido de que muy pocos comentarán al salir de la sala de exhibición ''¡qué bien doblada está la película que hemos visto'', sino, ''qué buena película o qué mala o regular, o en fin, nos hemos distraído''. Paralelamente, se ao remate dunha magnífica novela, o lector exclama só que magnífica novela, é moi probable que o soporte de tanta excelencia literaria sexa un libro ben ou moi ben editado. Un bo labor editorial, por seguir cos símiles, é como o bo traballo dun árbitro de fútbol: o mellor é que non se fale del.
Por máis de mil películas e tantos milleiros de horas de bo cine, amigo Rogelio Hernández, repousa en paz.

2.1.12

A vida das linguas

Nunha conversa recente, o meu interlocutor -defendendo o incalculable valor das linguas como o maior patrimonio cultural dos pobos e o sacrosanto deber dos poderes públicos en defendelas- inquiría, de xeito evidentemente retórico, se deixariamos ir abaixo a catedral de Santiago sen movermos un dedo. Digo que a pregunta era retórica pois non creo que sexamos precisamente un pobo que poida gabarse da conservación do seu patrimonio arquitectónico: mosteiros románicos de onde os bos labradores tiraban pedra para os alpendres ou igrexas convertidas en cortes son trazos tan enxebres como a empanada de xoubas. Pero, en fin, ao que ía, que prendo nunha silva: o exemplo do meu amigo non era, creo, afortunado, pois unha catedral é unha obra sublime, pero morta, que, coma un fósil ou un cadro fermoso nun museo, se amosa para admiración de propios e alleos. Unha lingua é outra cousa; unha lingua é un organismo vivo, por completo independente dos designios que conscientemente poida tender a humana vontade sobre o seu presente e futuro. Vou intentar unha comparación (a ver se non me meto nun terreo en exceso espiñento). Os nacionalsocialistas puxeron por obra o que se deu en chamar darwinismo social (en si propio un concepto perverso que poñería as barbas de punta ao mesmo don Carlos): segundo o seu tenebroso concepto, a natureza marcou os xudeus para a súa aniquilación como elementos máis febles e espurios á raza superior, e o Reich foi só o brazo executor dunha vía natural de depuración étnica. Ben se ve que era todo bellaquería e ganas de amolar: sobre un poder tiránico e totalitario, ninguén era quen de discutir que a pretendida marcaxe biolóxica para a desaparición dos hebreos era un acto meramente volitivo. Ora ben, se socialmente unha lingua enferma e está marcada para morrer, morrerá, non caiba dúbida, por moito que se faga por revitalizala, e aquí non hai vontades radicais, malvadas nin maquiavelicamente conscientes. As razóns polas que as linguas enferman son variopintas pero historicamente sobrancea unha sobre todas as demais: que hai outras linguas en contacto moito máis poderosas -e aquí si hai algo de inevitable recurso á supremacía do mais forte na loita pola vida-que rematarán por abafala. Un caso recente, se non erro, é o do sardo.
Persoalmente, tal vez polo contacto coa lingüística como unha disciplina dotada do frío rigor das materias do intelecto, ou mesmo pola descrenza que van dando os anos, non creo que a desaparición ou a permanente transformación dunhas linguas noutras represente unha calamidade, pois responden ao normal desenvolvemento das cousas humanas, sempre tan imperfectas. Nos remates da alta Idade Media, en moitas partes do vello imperio Romano, os curas consagraban In nomine patri et filiae non porque fosen heresiarcas persuadidos dunha revolucionaria feminidade de Xesús senón porque, usuarios da súa lingua romance, simplemente ignoraban o latín. A min as cafradas lingüísticas contemporáneas máis que ofenderme nun purismo do que, por certo me declaro alleo, fanme sorrir coa mesma tolerancia do pai que, malia que todos cren que o seu fillo é un caribe e un sinvergonza, non fondo ve que as falcatruadas do neno non son para tanto. Unha amiga profesora me contaba que unha alumna de último curso de filoloxía declaraba , en referencia ao argumento de certa novela, que el matrimonio no fue consumido. Nun exame escrito, outro alumno no comentario dun roman courtois circunstanciaba a actitude do amante cabaleiro indicando que, malia o ardor dos seus sentimentos, no se atreve a entrarle a la doncella.
Foi Humboldt quen estableceu que a lingua é sobre todo energéia, enerxía creativa. Magníficos exemplos de enerxía, by Jove! E, pensen: a enerxía non se crea nin se destrúe, só se transforma.

1.1.12

Unha recomendación para san Manuel

Para comezar o ano. Di o poeta: traten otros del gobierno/del mundo y sus monarquías/mientras gobiernan mis días/mantequillas y pan tierno.
Paso da crise, de Urdangarín, do mal momento da monarquia, do goberno de Rajoy e do que gana Castellano. Bufffffffffffff. Suba o volume do cacharro e déase un respiro. Feliz 2012.


30.12.11

Os meus amigos de Facebook

Onte tiña 197 amigos en Facebook. Hoxe, tras unha campaña navideña de captación orientada a superar a barreira sicolóxica dos douscentos, teño 204. Todo un récord. Andar pedindo amigos en Nadal para subir o share de contactos nunha rede social antóllaseme un trasunto tecnolóxico daquilo de convidar a cear un pobre en Noiteboa, situación da que fixo un clásico Luis García Berlanga en Plácido (1961), un fito do grotesco humor negro hispano. Voces hai que proclaman un paradigma novo nas relacións humanas baseadas no constante contacto cibernético. Non serei eu quen discuta o xuízo de mentes "previlegiadas", máis pensantes ca a miña. De por parte, coincido en que se marcha a luz ficamos sen amigos. Item máis. Oficiando de avogado do demo: non será a tecnoloxía, a mera tecnoloxía, quen estimula a crermos que é un amigo un tipo a quen non coñecemos absolutamente de nada, que, á súa vez, é coñecido dunha tipa coa que falamos nunha ocasión hai vintetrés anos? Se iso é un amigo, eu son Mickey Mouse. A min, ver na ringleira vertical do FB a listaxe dos meus "amigos", na que coinciden seguidas persoas absolutamente alleas en todo (incluído o nivel de relación comigo mesmo), evócame esas sensación tan estraña dos soños nos que unha persoa que hai decenas de anos que non vemos nin pensamos sequera nela, aparécesenos de repente próxima e cumprindo un papel totalmente extemporáneo.
En fin. Non sei. Tampouco quixera poñerme en plan jaimito como remate do ano. Tal vez como consecuencia da lumbalxia da que falaba no post de antes, ando frouxo, medio abatido e nun estado de especial sensibilidade. Na última entrega da nosa Miscelánea estradense lin que os poetas paisanos meus (da Vilancosta, aldea de San Vicente de Berres) Avelina e Marcial Valladares, unha vez casados os irmáns e irmás, ficaram a conviver sozinhos e solteiros na casa. Nessa altura, a vida em Vilancosta até a morte de ambos deveu ser muito solitaria (Isabel Rei Samartim: "Um cancioneiro estradense", A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural, vol. 14 (2011), 251-259). Avelina escribe:
Voai, voai ilusións
que no meu delirio forjei

cando en doces emocións

soños de amor arelei.
Voai... e ao ben que aínda adoro
con ardente frenesí,
dizei que en continuo choro
paso os meus días aquí.
Debo recoñecer que imaxinar os dous irmáns sos, envellecendo, tolerándose mutuamente as pequenas miserias da vellice, no caseirón da Vilancosta, nunha Galicia antiga, escura, sen luz nin as comodidades da vida moderna foi unha escena que me superou e a piques estiven de ceibar o moco. Nese momento, liguei o ordenador e vin que en FB xa tiña 204 amigos. Pensei: a vida sorrime. Teño 204 amigos. E iso só en FB.
Feliz 2012.

29.12.11

Dor

En 1820 o Honrado Estado Luterano Ortodoxo de Hannover aínda practicaba a tortura como procedemento penal normal. Lembro que, revisando a tradución que hai meses publicamos de Dos delitos e das penas (Dei delitti e delle pene, 1764) do extravagante ilustrado marqués de Beccaria, chamoume a atención que aínda mediando o Século das Luces houbera que adicar un capítulo enteiro a xustificar a barbaridade que era pretender achar verdade nos toldóns destrozados dun home. Só existe, en efecto, unha cousa que excite máis o home ca o pracer: a dor. A diferenza, como ben sinala frei William de Baskerville, reside en que, mentres o vencello que une o home coa éxtase beatífica é divino, o lazo do torturado co torturador é un cingulus diaboli, no que -unha sorte de síndrome de Estocolmo- aquel só busca a satisfacción deste, a custa do que sexa.
A dor representa un estado de anomalía, no que nada é como adoita ser: vítimas da dor, o mundo coñecido, as pequenas cousas que nos fan felices deveñen un territorio torvo e hostil. Unha recente lumbalxia, tan intensa como importuna, conduciume a un repouso forzado no que tiven tempo para máis dunha reflexión. A nosa é unha sociedade analxésica e damos por perdidas en absoluto as habelencias para convivir coa dor. O único que queremos en canto se instala, é que a dor desapareza. Os nenos, en canto lles doe algo, inquiren alarmados: Papi, cando me vai pasar? Postrado no sofá, vendo de mala gana, unha peli medieval de moita batalla, sangue a gogó, membros brutalmente esnaquizados e centenares de mortos por escena, pensaba: Que tíos. Isto eran homes e non as melindradas de hoxe. Ía jodido eu coa miña lumbalxia na Idade Media. Imaxinan chamar a William Wallace para lle dicir: Oe, William, que xa sei que temos batalla o luns, pero mira, case vou pedir o día, que che ando cunha dor de lombo que non me rexo.
Non son ningún heroe, por suposto; tanpouco creo que a forxa dos homes tivera que levar aparalleadas a privación, a enfermidade e a bravura de botar o día batendo uns nos outros. En realidade, tras varios días de sufrimento, recupero a luz coa saúde e bendigo os analxésicos, antiinflamatorios e relaxantes musculares e a nai que os abatanou. Pero todo ten a súa lección, e, cando toca apouchar cun lombo que renega de se poñer dereito, aprender da dor ten o seu aquel de sabedoría.

21.12.11

Matemáticas e astronomía en Galicia


Mañán presentamos o libro As matemáticas e a astronomía en Galicia, de autoría dos investigadores e astrónomos da nosa universidade Iván Fernández Pérez e José Ángel Docobo (este último, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da universidade), un pequeno libro divulgativo da nosa colección de peto que recupera a memoria de meritorios científicos. Hoxe estamos persuadidos de que innovación, calidade da investigación, impacto, planos estratéxicos, internacionalización, excelencia curricular e demais artillaría terminolóxica son conceptos radicalmente modernos e directa ou indirectamente relacionados cunha posición de "segunda" no concerto de nacións cientificamente "de primeira". A inferencia implícita non deixa de resultar inquietante: se a universidade e a sociedade civil se autoesixen tan obsesivamente innovación, calidade e excelencia será porque, de partida, teñen a conciencia de careceren de tales prendas, e, o que é peor, que nunca gozamos delas. É un discurso que, por demais, me anoxa bastante: eu non coñezo máis plano estratéxico ca traballar con entusiasmo e crendo no que se fai, nin preciso de máis estímulo á innovación ca renunciar a inoperantes inercias e botarlle imaxinación, arrostrando con criterio as miñas decisións. E, mire vostede por onde, cada quen no seu pero creo que o máximo nivel de competitividade se consegue por esta vía.
De entre a extensa nómina de magníficos matemáticos e astrofísicos que inclúe o libro, permítanme ficar coa do presbítero dezán Ramón María Aller. En 1917 aloxou en dúas casetas de madeira un anteollo e un teodolito que lle regalaran para a observación do universo. Logo, en 1924, conseguiu erguer un pequeno observatorio, o Observatorio Astronómico de Lalín, xa mellor dotado. Dende alí, na España dos trinta, un curiña sen formación superior, nin graos, nin másteres en nada, publicou, ademais de catro libros e infinidade máis de artigos noutras revistas, dezaseis colaboracións en Astronimische Nachrichten, revista fundada en 1820 polo físico e astrónomo alemán-danés Hans Christian Schumacher, que, dende entón, se edita ininterrompidamente.
De Aller fixen no ano 2006 unha evocación que, co gallo do libro sobre a astronomía en Galicia que mañán bautizamos, quero recuperar. Velaí vai, tal como saíu ao mundo en decembro do devandito ano:
Hoxe, un sabio da consideración internacional de Aller sería con toda probabilidade un petulante de vaidade ecuménica. É o signo dos tempos. Vivimos reodeados de xenios incomprendidos. Aller era, no persoal, un curiña de Lalín que, ademais, e case pedindo perdón polo seu atrevimento, publicaba, por exemplo, nas Astronomische Nachrichten de Kiel. Meu pai tratou a don Ramón. Del conservo unha foto, ao lado de don Enrique Vidal Abascal, no xantar tras un acto, non sei cal, que tivo lugar na Estrada nos comezos dos anos 60. Desa foto reteño un comentario de meu pai: -Fíxate en como colle don Ramón o codelo de pan. É a maneira en que o collería un labrador.
Tiña razón. Un dos artigos de don Ramón, o referido ao observatorio de Lalín (no vol. IV dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Nós- Pubriacións Galegas e ImprentaSant-Iago de Compostela MCMXXXII ) contén treitos que translucen unha fina ironía e un espírito de modestia e humanidade emocionantes: Un amigo, cuya personalidad científica es destacada, opi­na que no deben pasar inadvertidos en el «Seminario de Estudos Galegos» los trabajos científicos realizados en Galicia. Aunque los míos se perdieran, cierto es que poco habría que lamentar; pero, esto no obstante, también es verdad que en España es­casean los de observaciones astronómicas, y aunque nuestra tierra no pueda gloriarse mucho por este concepto, ni menos ponerse en parangón con lo que se produce en los Observatorios del Ebro, del Tibidabo, de Madrid, de San Fernando…, estas notas darán el consuelo de que, desde Lalín, se mira siquiera al Cielo, cuando son tantas las provincias de España en las que no se sabe si se contempla el Firmamento bajo algún aspecto distinto del poético.

Hoxe, ao mellor, negábanlle un sexenio ao bo de don Ramón por non dar as clases usando power point...

20.12.11

Vello e antigo

Nun documental da 2, vin unha vez o actor Dennis Hopper manchar de pintura, cuspe, lama e papeis pegados unha tea. E, ollando para a cámara, dixo (en inglés coa vez en castelán por riba): isto é unha merda. Despois engadiu: Pero se o asina Andy Warhol vale unha fortuna. Moitas veces teño eu matinado no relativo que é o valor das cousas. Tanto que seica o tolo do pelo bermello, don Vicente holandés, vivía pouca menos ca da esmola e non vendeu un cadro en toda a a vida (ou, cando menos, é o mito que anda por aí), e co andar dos anos unha das súas pinturas (Os xirasois) foi o cadro más caro da historia. Tamén é coñecido que Kafka ordenou ao seu albacea testamentario destruír toda a súa obra pois tiña escrúpulos sobre a calidade dos seus contos e novelas.
Non hai nada, por outra parte, como o tempo para dotar de mérito ás cousas. Ata os máis prosaicos obxectos, que no seu día eran apenas nonnadas sen valor, acadan co paso dos séculos a valía do invalorable: unha mísera e mal feita estatuilla de arxila que un día modelaron en minutos as mans dun sumerio devoto da deusa da fertilidade devén catro mil anos despois unha peza pola que poxan os máis reputados museos. Un cabaliño que, no século VI a. C., un escita tallou ás presas coa navalla para o seu fillo exponse no Ermitage provocando universal admiración. Ora, isto non foi sempre así. De feito, os museos e a sensibilidade para co antigo son finezas relativamente recentes. O cataclismo que, para a arte e a libraría sacras, supuxo no século XIX a Desamortización dos bens da Igrexa, alén de consideracións de índole sociohistórica que non estou en condicións de avaliar, asentou, creo, en boa medida na ausencia da sensibilidade que conduce a distinguir vello de antigo, atribuíndo a este adxectivo unha nobreza ou sublimidade da que aquel carece. Así, os bens desamortizados (igrexas, mosteiros, pinturas, tapices, esculturas, códices, libros...) -simplemente vellos para a percepcion dunha sociedade fanatizada e brutal- foron condeados á súa ruína ao ficaren sen man que mirase por eles. Valla como mostra que boa parte dos tesouros que agocha a Biblioteca Universitaria compostelá (como o Libro de Horas de Fernando I, do século XI) proceden da desamortización dos bens de San Martín Pinario. Outras xoias correron desigual fortuna. A respecto da enorme cantidade de códices gregos e hebreos que o cardeal Cisneros e o seu equipo de humanistas houberon de usar para a redacción da Biblia Políglota Complutense (1520), o filólogo, anticuario e numismático ilustrado, D. Francisco Pérez Bayer (1711-1794), relata algo simplemente horroroso para un bibliófilo de hoxe: se vendieron hara como treinta años cantidad de códigos [sic] manuscritos griegos y hebreos que eran los mismos que el cardenal Cisneros había hecho buscar por toda Europa y comprado a precio de oro, para que sirviesen de originales en la edición de su famosa Biblia complutense, a cierto polvorista de Alcalá llamado Torija, padre del que hoy vive en la misma ciudad y ejercicio, como pergaminos viejos e inútiles sino para cohetes en que se emplearon. Outra erudita e espeluznante noticia relata que o Codex Justiniani (gran folio a dúas columnas, copiado no seculo XIV, procedente da Catedral de Girona), foi mercado en 1857 pola Universidade de Barcelona a un trapeiro que, xunto con outros códices, ía destinalo a colas y otras operaciones de industria.
E logo hai pesimistas que pensan que o mundo non evolúe e vai para atrás!

9.12.11

Ad pedem litterae

Observo nas novas xeracións unha notable limitación para a percepción das sutilezas da retórica, o senso figurado ou a ironía na linguaxe. Nas miñas aulas do mestrado en edición, lembro que en certa ocasión, tratando sobre os prazos de devolución das probas de imprenta, comentaba a existencia de verdadeiros profesionais do retraso na entrega das mesmas -cos conseguintes problemas e disfuncións-, perante o cal ofrecía eu aos alumnos unha solución doada para o seu futuro como editores: enviarlles una parella da garda civil. Ficaron ollando para min tan serios, sen esbozar un sorriso (home, recoñezo que o chiste tampouco é para partirse, pero ten o seu aquel, non?); mesmo, algún tomou por apuntes tan disparatada opción. Pido aos deuses que non se lle ocorre poñela por obra, atribuíndome a min a suxestión!
Ao mellor, esta certa limitación ou modulación restritiva de formas de humor que, eu lembro, na miña quinta eran moi comúns, ten que ver co descenso da lectura como exercicio lúdico, a consecuente redución do inventario léxico individual e das habelencias conversacionias e, tal vez de xeito máis importante, coa permanente interacción con máquinas de sobria exactitude e matemática frialdade.
Hai uns días, e co acompañamento da imprescindible mise en scéne, eu recoñecía perante o meu maior (17 anos, oh arcádica adolescencia!) que estudar é una tarefa dura, ingrata, desagradable, árida, que a ninguén gusta; que o exercicio memorístico é feo e provoca moitos momentos de desánimo. Roberto respondeume tan fresco:
-Estoy completamente de acuerdo. Por eso no soy capaz de estudiar.
Confeso que me sentín confuso e desarmado. De nada valeu o intento de defender a índole retórica do meu introito (ao que debera ter seguido a antítese dos grandes réditos que se obteñen en troques do esforzo), e, momentaneamente vencido, rendín o campo ao meu sagaz opoñente, á espera de mellor ocasión.
O meu argumento, en calquera caso, era sincero. Quen non recorda o negro desespero de ver achegarse aos poucos, cal data para a execución da pena forte et dura, o día dun temido exame debaténdonos entre a conciencia de non ter puta idea e o esforzo insuperable de chapar dúas semanas coma un condenado, renunciando a actividades moito más substanciosas en termos hedonísticos? Esa terrible sensación de afogo sopesando o mazo de folios que contiñan os apuntes dun parcial é algo simplemente inesquecible. Unha vez, esa angustia púxome nunha situación rocambolesca. Cruelmente constrinxido a meterme entre peito e lombo un artigo en fotocopia, de infame recordación, intitulado El artículo en español. Una lanza por Bello (agardo que o seu autor, Deus me perdoe, estea gozando dun longo inquilinato nas caldeiras de Pedro Botero), debatíame eu entre aquela angueira e o desexo irreprimible de mandar o artículo en español e o ínclito don Andrés venezolano a faceren puñetas. Nun certo momento de clímax non puiden conterme e, arrabeado, esnaquicei o mazuco de fotocopias, que caíron cal níveas folerpas á alfombra. Cando cederon os vapores da arroutada, dixen para min: "Agora si que a fixen boa, hai que ser parvo". Acontecía isto en tempos nos que a internet non existía nin en soños. Gradúe vostede a cruel natureza do meu dilema: o exame de lingüística era o luns e o episodio descrito acontecía un venres. Para máis inri, eu estaba na Estrada, cas de meus pais a onde acudía de estudante na procura dun sosego que me era imposible acadar en Compostela. Se aseguro que perdín media tarde en coller o coche de liña para ir a Santiago a buscar unha copia renovada do maldito texto e voltar ao punto de partida, está todo dito (e concedo a vostede licenza de pensar de min o que lle pete, que gañado o ten, e eu outro tanto).
Con todo, neste long and winding road que é a carreira estudantil xorden bos amigos e benéficos auxilios, por veces en forma de libros que edulcoran tanto sufrimento. Pero diso falamos outro día, que xa vai post abondo. Aburiño.

8.12.11

Humanidade

Volvendo recentemente dunha viaxe, no transcurso do vóo cara a Compostela, a azafata ofrecía, co carriño característico, bebidas e refrescos. Eu ocupaba o asento de pasillo e ao meu carón ía un home do país, un home forte, de avantaxada idade, aseado, pelo cano e cara franca, un home con toda a traza de vivir sanamente unha vida plena de honrados afectos e vivencias sensatas, unha desas persoas que -malia o risco de trabucármonos de pleno na nosa intuición- inspira confianza e simpatía. Fardado nun pulcro xersé e camisa inmaculada, o meu home expresaba o seu mapa do mundo cruzando as mans sobre o ventre, unhas mans grandes e fermosas, de labrador que se ergue co sol, mans que o mesmo serven para deitar o legón na terra dura que para apreixar os netos coa tenrura dunha fada. A azafata, moza nova e feita onde as haxa, dirixiu ao señor a mirada calculadamente afable e calculadamente distante típica das chicas monísimas afeitas a levaren a tixola polo mango e preguntoulle se quería café. O home, digo eu que pouco afeito a un trato impostado, que probablemente atribúe a un mundo urbano e complexo que non sente como seu, tivo a exquisita elegancia de avermellarse un chisco, e, nun castelán que na súa boca soaba finxido, respostoulle "No, muchas gracias". Pasado o sarandón, e xa a hospedera na seguinte fila, o home sorriume e implorando solicitamente a miña complicidade díxome
-Xa o tomamos na casa.
Ao que eu repliquei:
-Si, ho, que lojo chejamos.
Foi un rápido e cordial intercambio, rexido por unha educación social fonda e compartida, un breve encontro dialéctico cunha persoa que probablemente no volva nunca a ver. Rasgos enchoupados de humanidade, que avivan o meu orgullo de pertencer a unha comunidade de persoas que cren que non hai como o café da casa, que desbotan o artificio e veneran o auténtico, e que, coa primeira persoa do plural, me fan partícipe da proximidade do fogar e de que todo foi ben na viaxe. Unha admirable filosofía de vida que paga a pena mantermos. Remataría cunha coñecida frase publicitaria, pero paréceme feo facer propaganda a unha cadea de supermercados.

1.12.11

Normalización idiomática por vía necrolóxica

Os gardiáns do sacro lume da lingua son como os inimigos de supermán: non acougan. Sen darse repouso, consagran as súas múltiples e puxantes enerxías a vigorizar o noso fermoso idioma con complementos vitamínicos do máis amplo espectro. Xa referín nestas páxinas como unha película porno foi presentada como vía firme -malia o esbaradío das inevitables humidades derivadas da acción- para a normalización do galego tamén no sempre gustoso terreo do erotismo. Lembro, a este respecto, un a xeito de exiguo fanzine que nas mans caeu hai un tempo no que un grupo de afoutos mozos independentistas propoñían un bizarro kit léxico para estimular unhas relacións sexuais máis comprometidas coa causa da lingua (tomada, aquí , como sinónimo de idioma, non me sexan mal pensados). A cousa era deste estilo: como me gustaria lamberche a crica; ai que rabo máis riquinho; come a minha cona, e por aí. Algo como para rematar picando uns ferrero rocher con Isabel Preisler.
Maior alborozo prodúceme aínda unha iniciativa dalgúns paisanos meus da Estrada que promoven o uso do galego nas honras memoriais dos nosos difuntos o día de Santos. Home, digo eu que, como mostra de respecto, ao finado se lle falará ou lembrará na lingua que falou toda a vida, ou? É, en calquera caso, extremadamente improbable que, se elixa a lingua que se elixa, o bo do difunto chegue a queixarse nin dar o seu parecer. Anque, xa que o digo, imaxinen a escena: arredor do panteón, os deudos e amigos lembran emocionados o petrucio, que tanto quixeron e que viviu alá na aldea unha vida longa e plena. O crego palica a recordación en castejano e, niso, unha voz roufeña, profunda e ultratumbática retumba dende tres metros baixo a terra :
-FÁLAME BEN, CARALLO, QUE NON CHE ENTENDO!!

27.11.11

No net

As linguas, ou, por dicilo en singular xenérico e universal, a linguaxe, cumpren os tres requisitos fundamentais dos organismos vivos: a nutrición, a reprodución e a morte. No proceso nutritivo das linguas -a permanente deglución e dixestión dos compoñentes precisos para a súa supervivencia- está o xermolo da súa continua evolución e cambio; como a cabeza, a linguaxe non para. Que as linguas se reproducen, teñen nais, irmáns e curmáns é un feito tan palmario como que o latín deu a luz toda a rica familia románica ou a boreal Ursprache -a ignota lingua nai da árbore xermánica-, ambas as dúas, latín e Ursprache, fillas á súa vez dunha poderosa nodriza indoeuropea que, en estratos antiquísimos, nos emparenta co sánscrito e as linguas do lonxano Indo. Que as linguas, ao cabo, finan e deixan sitio aos seus descendentes está na súa propia natureza. O latín deixou de ser latín para, a xeito de ave fénix, revestirse noutra cousa que, segundo a localización e as condicións dos substrato lingüístico, demos en chamar romances. Por todas estas razóns, tan fría e bioloxicamente consideradas, non ten moito sentido observar as linguas como unha sorte de tesouros pechados que debemos conservar intactos para non se corromperen, como lles ocorre aos metais finos expostos á violencia das intemperies. Facer bandeira e política coa lingua é algo trasnoitado e absurdo. As linguas rompen, sobardan as canles ás que quixeramos sometelas, intercámbianse, mudan, pervértense e son, madia levamos, absolutamente independentes dos designios de partidos políticos, lexislacións e secretarías xerais.
Chatear
era hai uns anos un extraordinario exercicio de relación social, no que a conversa, distendida e sempre chispeante, xiraba e evoluía ao ritmo das diferentes tascas que se visitaban (que fermosísima palabra!) e a calidade das tapas e caldos que nestas se servían. Chateábase ao remate do labor -antes do xantar e antes da cea- e a tal punto era un costume respectable que en certa vila fixose famosa a Confraría da Unha, pois a esa hora do mediodía xuntábase durante anos un grupo fixo de amigotes que chegou a acadar o rango dunha verdadeira institución. Hoxe -capricho das linguas que fan concluir no mesmo vocábulo termos tan distintos como o inglés chat e o enxebre chato- chatear é, curiosamente tamén, unha forma de relación, pero acaso máis fría, aséptica e mesmo perigosa que a charla inocua arredor dunhas cuncas de viño malo. Se invoco a verba navegar de certo que en primeira instancia non pensa vostede en chalanas, jamelas nin nos mares do mundo, a que non? Xa ven, mensaxe é unha cousa e mail outra, porque todo mail é unha mensaxe pero non toda mensaxe é un mail. Pois ben, nun recente mail, unha xornalista amiga asegurábame o outro día, a respecto do pantasma terrible do desemprego, que ela, como autónoma que é, traballa sen rede. Parvo de min, botei aínda un bo rato para chegar a entender que a miña amiga non se refería á posibilidade de traballar sen acceso a internet -herexía inconcibible, pestífero anatema, blasfemia horrendísima!!- senón á imaxe metafórica da rede, física e tanxible, coa que traballan para non arrriscaren a vida nunha eventual caída, trapecistas e obreiros da construción, valendo a metáfora o risco permanente, cal espada damóclica, de ficar sen traballo cando menos un o espera.
As linguas cambian, seguirán cambiando, e a vida segue nos seus tráfagos e axetreos. De por parte, quixera compartir a rede, unha gran rede de forte adibal, que contivera a caída de tanta boa xente como no mundo é, magníficos profesionais como a miña amiga Rosa, e que, en troques, deixara caer polos buratos entre os nos a canto inútil e indocumentado nos perdoa a vida diariamente. Nunca choveu que non escampara.

24.11.11

Irreverencias na camisa mnemónica

Creo que foi o meu colega editor e profesor Joaquín Rodríguez quen, fronte á frieza do ebook, atribuíu ao libro impreso o que el chama a camisa mnemónica. Este caparazón, creo eu, individualiza cada libro entre os demais libros polas súas potencialidades sensoriais (o seu olor, o tacto, o son do papel) e, tamén, pola súa capacidade de personalizalo a través de intervencións persoais de diferente natureza: poéticas, afectuosas, extravagantes, irrespectuosas ou, mesmo, francamente irreverentes. Hai unha cousa que persoalmente adoro: meter follas ou flores entre as páxinas dun libro (se é un mamotreto antigo e con tapa dura aínda mellor). Co paso do tempo, reecontrámonos coa folla dunha cerdeira xapónica ou dun arce, que adquiriron, en apretada conversa coas páxinas do libro, unha pátina de brillo, nobreza e fraxilidade que fan que algo tan inane -unha folla concreta de entre os milleiros de follas que a cerdeira ou o liquidámbar perderon aquel outono- reclame algo así como un certo pedigrí. Outras intervencións no libro poden ser, como dicía, menos respectuosas. Quen non suliñou por razóns puramente pragmáticas un libro? Quen non pintou cucamonas nas marxes dun manual en tardes de estudo nas que o tedio adquire proporcións ciclópeas? Quen, cando Pedro Chosco nos pecha o ollo e por non surtir do leito a buscar un marcapáxinas ou equivalente, non dobrou o canto da páxina nun pequeno triángulo? Quen non derramou café, leite, té sobre un inocente volume? Tiven eu un gato siamés, fermoso animal que atendía por Jorgito, que a escuso papoume os bordes de certo soporífero tratado que, por riba, non era meu. Un erudito felino afeccionado á celulosa. En punto a intervencións directas na sufrida estrutura física do libro impreso, creo que nada ten acadado os límites da sublimidade aos que se chegaba atentando co boli contra os retratos que traían as inefables Enciclopedias Álvarez, de tran grata lembranza escolar: Luis de Góngora aparecía cun ollo a la birulé, uns colmillos de vampiro asomaban na dignísima efixie de don Tomás de Iriarte, unhas melenas de rockero ornaban a testa de Azorín ou un fumeante cigarro de monstruosa talla aparecía espetado na boca de Hartzenbusch. Un serán dos comezos deste outono, descubrín por acaso os pétalos dunha rosa entre as páxinas 164 e 165 dun venerable exemplar da Enciclopedia Álvarez. Intuitiva, sintética e práctica. Tercer Grado (Miñón, S.A., 1966, Valladolid). Son xa, amnesia dos anos, incapaz de lembrar o momento concreto en que os agora momificados fragmentos vexetais foron dar a tan preclara localización. Supoño que as deberon poñer alí os dedos dun neno, pois a miña afección vén de vello. O máis curioso do asunto é que, alén de proporcionar os naturais fluídos dos pétalos despois de tanto tempo un tinxido característico ás páxinas, coincidiron con outra intervención, esta infinitamente máis prosaica, da miña man: o retrato de don Amado Nervo, célebre vate de nación azteca, aparece (direino, para o meu oprobio agardando a indulxencia do benévolo lector) arrodeado de moscas e despendido esas ondas verticais que, na banda deseñada, significan xeralmente o fedor de algo ou alguén; para máis inri, o poeta leva gafas de sol e loce unha ostentosa cicatriz no carrelo dereito (véxase a imaxe, que, como en certos anuncios de contactos eróticos, é real). Hai en todo isto un magoante paradoxo: no escenario de tantos desatres, a poesía que ao bo de don Antonio Álvarez se lle ocorreu escolmar para glosar as calidades de Nervo é, simplemente, deliciosa, un verdadeiro descubrimento de serena expresión lírica ou de exercicio de sinxelo e cotián existencialismo, palabras que volven nobre metal a nosa mísera rutina e poñen no seu sitio tanto poetastro contemporáneo e tanta mamarrachada. Non resisto a tentación de copiala:
El alba, con luz incierta,
en el espacio fulgura,

y parece que murmura

besando mi faz: ¡Despierta!

Rompe la nívea mortaja

de la fuente el sol ufano,

y su fulgor soberano

me dice: ¡Lucha, trabaja!

Muere el sol, quietud inmensa

se adueña de cuanto existe...

entonces, una voz triste
susurra en mi oído: ¡Piensa!
Por fin, la noche, vestida
de luto, llena de encanto,

me cobija con su manto,

suspirando: ¡Duerme, olvida!
Dende hai días, no canto de maldicir, xurar e bufar cando ás 7:00 h soa Jack o Despertador, dígome: ¡Lucha, trabaja! Home, non digo que sexa a purga de Benito pero algo consola.

20.11.11

Emoción

Que é a expresión do clásico? Escoito os primeiros compases da Tocata e fuga en r m "Dórica" de JS Bach, en inspirada interpretación de Wolfgang Rübsam, e a miña alma chora de emoción, exuda a toxicidade do pensamento. Podería teorizar sobre a expresión do clásico, sobre a plasticidade senfín do xenio, pero prefiro dar renda ao meu corazón pois, sendo como somos corazón e cabeza, hai cousas, en efecto, que cómpre deixárenas sentir, simplemente polo goce de as sentir. Así me ocorre neste arrautado ímpeto de amor pola pureza sonora do basalto, polo tacto de ágata e ónice da melodía que me aturde, pola textura fractal de milleiros de notas que xorden do metal e do seu nervio palpitante. Hai momentos de falar e momentos de rir; hainos de pensar e doer, de calar e ficar pampos; hai momentos de aprender e outros de dar o que temos; pero acho que hai tamén momentos de sentir, puros apuntamentos do natural, nos que decorre tal vez a máis profunda cerna de nós entre os xogos de luz que, en días de sol, practicamos pechando os ollos ao cruzarmos correndo entre as árbores.

12.11.11

1970

Disque o que garda sempre ten. A miña colección de elepés non deixa de depararme agradables sorpresas, reencontros e redescubrimentos emocionantes, que, nun leve exercicio de nostalxia da boa (non esa melancolía negra que nos tinxe a alma de abismo), me leva á relembranza de persoas, vivencias e ambientes do pasado. Se vostede non coñece un excelente grupo de jazz-rock sueco chamado Made in Sweden debera coñecelo. Eu teño un vinilo titulado Made in England (1970) no que cada corte é unha obra mestra: agresividade, dozura, potentísimas bases rítmicas, harmonías de incrible modernidade, sorprendentes e bruscos cambios de rexistro, o virtuosismo instrumental dos tres compoñentes (guitarra, batería e baixo) mestúranse nun aglomerado melódico dunha calidade extraordinaria, dunha sinceridade e pureza pouco común. Todo o disco é un memorable momento musical, unha parada obrigada no mellor da música europea dos setenta. E por seguir cos marabillosos setenta, en 1972 Pink Floyd puxo música a unha peli rara dun director raro (La Vallée de Barbet Schroeder): o elepé, que tamén teño e co que me agasallei estes días, chámase Obscured by Clouds (o val, claro, é o que está tapado polas nubes). Obscured by Clouds é un disco pouco coñecido dos PF aínda con ser un dos produtos máis e mellor destilados da factoría pinkfloydiana. O remate da obra (Mudmen) cos rudimentarios e atávicos cantos rituais dos nativos, tras o torrente de psicodelia da media ducia de temas do disco, resulta inquietante e parodoxalmente apocalíptico. Vendo as fotos contemporáneas de Gilmour, Mason, Wright e Waters, e tamén dos músicos vikingos, -practicamente uns nenos- sinto moito orgullo de pertencer a unha xeración, malia un chisco máis novo, na que brillou a creatividade musical a unha altura descoñecida en moito tempo. Son cousas así as que, de cara a vivirmos reconciliados co presente e non volvernos uns cascarrabias insoportables, fan moi difícil rexeitar sistematicamente a idea de que calquera tempo pasado foi mellor.

6.11.11

Apocalipse, 4, 4

Irmandar o clásico co moderno entrana sempre un risco, pois a distancia entre o pastiche hortera e a harmónica convivencia de elementos disímiles pode ser extremadamente curta. No transcurso de catrocentos anos, os rexedores da moi nobre cidade de Santiago de Compostela decidiron ir impoñendo na praza maior da vila o signo arquitectónico do seu tempo, de xeito que hoxe conversan en amigable entendemento o gótico da fachada do vello hospicio co hospital renacentista, o desbordado barroco da basílica co sólido neoclásico do palacio de su eminencia don Bartolo, destilando entre tanta pedra unha entente estética de maxestade e beleza recoñecida por propios e estraños. Cando alguén moi alporizado xulgou como unha aberración a construción a carón do venerable cenobio de Bonaval o vangardista edificio do Centro Galego da Arte Contemporánea, eu fiquei calado, pois cada quen ten a súa lexítima idea, pero sorrín para o meu chaleque pensando que, ás veces, a historia é unha mestra ben ignorada. A praza compostelá é un impresionante exemplo de que innovar sobre o establecido pode resultar sublime. Freddie Mercury cantando a capella con Monsterrat Caballé é, en troques, un enxendro magnificamente representativo da máis ridícula mixtificación.
De entre todas as manifestacións coas que o Libro da revelación feríu a imaxinación dos homes medievais hai algunhas especialmente caras á nosa iconografía, nun caso concreto caras aínda a min por razóns de percepción persoal. Visitei o mosteiro de Carboeiro por vez primeira co grande amante da orde benedictina e a súa obra que foi meu pai, debía ter eu por volta dos doce ou trece anos. O entorno, daquela salvaxe, e todos os os restos da vella casa abacial e a belísima igrexa ― maciza e contundentemente chantada na terra pero etérea e celestial como unha andoriña― enmoráronme a primeira vista e para sempre. Pero daquela tarde de descoberta máxica en compaña de papá lembro como unha impresión especial a fachada occidental do templo cunha arquivolta na que están representados os vintecatro anciáns que Xoán coloca ao redor do trono do Deus sedente cando se abren as portas do Empíreo. É sabido que puideron ser discípulos de Mateo quen labrasen aqueles vintecatro músicos, humildes e rústicos émulos dos que de xeito sen dúbida máis magificente están representados no Pórtico da Gloria. O meu maxín, sempre tan dado á ensoñación, fai dos petrucios apocalípticos de Carboeiro uns personaxes case épicos, na súa soidade de séculos, enfrontados ás inclemencia da intemperie, tendo por todo horizonte o bosque, por todo ruído os cantos monacais e o murmullo das augas do Deza, que dorme no fondo do val, mentres os músicos da arquivolta compostelá son protagonistas famosísimos da admiración e enamorado estupor que levan provocando en xeracións seculares de peregrinos, que caen rendidos de devoción ao entraren na sagrada basílica.
Nestes últimos meses do ano, se nos resulta posible (que creo que sí), imos reeditar ―en impreso e ebook en epub― o libro El Pórtico de la Gloria. Música, arte y pensamiento, orixinalmente editado pola Universidade en 1988 co gallo do VIII centenario da consagración da porta. Exportar a clasicidade do monumento románico e a súa mística cerna á fría sofisticación tecnolóxica dun e-reader ou unha tableta dixital é labor delicado, extremadamente delicado. Fronte á imposibilidade de que a aplicación ceibe, ao tempo de abrir o ebook, un arrececendo a pedra húmida, musgo e terra ―que é como cheira o tempo―, o reto é integrar o espírito de Mateo e o universo musical do conxunto en parágrafos e imaxes que trasladen ao lector de hoxe cada rostro, cada xesto, cada instrumento e cada túnica co mesmo pasmo que levan transmitindo dende que o amor e alento de Mateo lles deu vida. Casi ná.

2.11.11

Lapsus linguae, lapsus plumbi

O meu último post chamábase un post que ía falar dunha cousa pero ao final fala doutra. En efecto, o gran fascinio que atopo no acto da creación escrita (que eu diga literaria é acaso un chisco pretensioso) reside na súa ductilidade: como o pensamento, tamén a expresión deste, cando non se suxeita a un ríxido plan previo, pode vagar pousando acó e aló e conducindo o razoamento a lugares insospeitados no proxecto ou idea inicial. Iso foi o que me pasou o outro día e agardo que non me pase hoxe, xa que, do contrario, estariamos na mesma e tería que intitular o artigo de hoxe igual ca o outro.
A miña evocación do post derradeiro foi motivada en realidade pola novela de tierra caliente Tirano Banderas (1926) de don Ramón de las barbas de chivo. Co gallo dunha recente edición da esperpéntica narración na nosa biblioteca da Cátedra Valle-Inclán, e en circunstancia que non vén agora ao caso, escoitei ao editor literario da obra, o profesor da Universidade de California en Berkeley, Dru Dougherty unha erudita, malia breve, disertación sobre a novela e a súa recepción crítica en tempos en que, claro está, o máis doado era ver no sátrapa americano un trasunto do ditador que naquela altura rexía os destinos da madre patria. Na súa alocución, desenvolvida en excelente e apousado español, Dougherty convenceume de que, sen dúbida, el é o ser humano que en todo o planeta máis sabe sobre a novela valleinclaniana. Raro mérito ao que conduce, sen dúbida, a case relixiosa devoción ao estudo dunha figura literaria da dimensión do noso paisano. Por esta razón, estiven encantado de poder brindar ao investigador norteamericano unha historia sobre Tirano Banderas que, sen dúbida, el descoñecía. Trátase da dependenta de certa libraría compostelá, figura clásica no ramo e moi coñecida por toda unha xeración de intelectuais que agora frisan a idade provecta, que, vítima dun lapsus linguae claramente alicerzado nunha xuizosa etimoloxía popular e non tendo tal vez máis ilustración que aquela que lle proporcionaron anos de contacto bibliolóxico, cría que a novela de Valle se chamaba Tirando Banderas, e así pronunciou o título do libro durante moitos anos para honesta e respectuosa hilaridade de quen a escoitaba. A cousa lémbrame aqueloutra anécdota que apoñen a Juan Ramón (e da que acaso xa dei conta nestas páxinas, xa non sei, son tantos artigos e tantas cousas debulladas!), quen recibiu unhas probas de imprenta cun erro do caixista cun verso que dicía mar adentro de tus ojos onde debía poñer más adentro de tus ojos. Juan Ramón deixou o verso para a posteridade co lapsus plumbi (se así se pode dicir), moito máis evocador e suxerente e, por suposto, felicitou ao caixista pola súa oportunísima errata. Malíciome que a don Ramón tamén lle había gustar o título co que a benemérita libreira rebautizou a súa novela.

31.10.11

Un post que ía falar dunha cousa pero ao final fala doutra e resulta ser unha íntima homenaxe

A unha colección de libros de peto encadernados en agradable pel vermella publicados nos anos 60 por Espasa débolle boa parte das miñas devocións lectoras de neno e adolescente. Alí estaban Ivanhoe, o padre Brown, os mohicanos que falaban francés, o tolo enamorado Calisto, as aventuras oceánicas de Shanti Andía, o hilarante e absurdo Holmes de Jardiel e o esperpéntico ditador Tirano Banderas. Nunca esquecerei as vixilias, moitas veces pagadas ao día seguinte cunha inevitable soniqueira, consagradas en noites invernías a mergullarme nos universos que aqueles pequenos volumes ofrecían aos ollos ávidos dun rapaz. La urca holandesa El Dragón, as paraxes dos highlands de Israel Gow, a vella trotaconventos, os camiños de tierra caliente ou o barón Reginald Front-de-Boeuf son elementos, tomados hoxe un pouco ao chou e ao fío das lembranzas, dun complexo imaxinario literario cocido ao lume da máis devota bibliofilia. Tal vez sexa errado, seguro que si e, ademais, un pouco tópico, parangonar unha nenez sen máis estímulos para a evasión tecnolóxica ca Cesta y Puntos ou Valentina, Locomotoro e o tío Aquiles en branco e negro e unha época na que o lecer dos nosos nenos e mozos se consome en sofisticados cachivaches cibernéticos e unha tv hipertrofiada. Pero non podo deixar de sentir tristura -e é, recoñézoo, un pensamento egoísta- ao pensar que tantos nenos, entregados á súa cotiá artillaría tecnolóxica, pasarán pola vida sen coñecer o arroubo incomparable, o asombroso pasmo que con dez ou once anos eu experimentei lendo a Fenimore Cooper, Scott, Valle-Inclán, Chesterton e tantos e tantos amigos zarrapechados nunha colección de libros en oitavo encadernados en pel vermella, unha colección que meu pai mercou seguro da felicidade que ía deparar a un meniño de pencas, cara de leite fervido e pelo roxo a quen el, de certo, como un propio trasunto, agoiraba un inmenso, inatinguible, infinito amor aos libros.

26.10.11

Pelotas de trapo

Nunha exposición organizada por certa ONG amosábanse os xoguetes que os nenos de países do terceiro mundo fabrican artesanalmente: trompos con corchos de botella; coches con latas de refresco e botóns por rodas; toscos bonecos de madeira pintados... Alén da lección ética, un destes humildemente emocionantes obxectos induciume a unha reflexión. Trátabase dunha pelota feita con trapos amarrallados de calquera maneira pero que, a fin de contas, polo seu aspecto resistente debeu cumprir abondo os seus obxectivos. Pensei que a devoción polo fútbol dos nenos de Etiopía é o mellor test da calidade de tan pobrísimo balón. O único que conta é xogar ao fútbol e, se non hai un jabulani (co que custa supoño que se mantén unha familia etíope un mes), o mesmo vale unha amarralla de trapos.
Na Idade Media eran os clérigos, curas, frades e predicadores quen trasladaban á gleba temerosa permanentes e apocalípticas mensaxes sobre a peste, o castigo dos fornicadores, as penas infernais dos herexes, o inferno ígneo dos pecadores e a fin dos tempos. Hoxe son os medios de comunicación os que -con mensaxes máis comedidas, é certo, pois algo temos evoluído- os que, un día si e outro tamén, agoiran a fin de algo, metendo na xente unha ansiedade irrefrenable por estar á altura de tanto cambio. A que se orquestrou co bendito efecto 2000 foi boa. Tamén cando se introduciu o euro, xornais, revistas, radios e televisións abafaban con consellos que parecían dirixidos a deficientes mentais obrigados a resolver unha asíntota vertical. E, claro, non pasou nada. A fin dos tempos, a apocalipse constante é unha murga eu creo que anexada xa xeneticamente ao ser humano.
Cada vez con máis intensidade e frecuencia, os titulares anuncian a definitiva imposición do libro dixital que, por fin, vai borrar do mapa ao anacrónico libro impreso. Así xa estaremos por fin ao nivel dos norteamericanos, o que, polo visto, marca o estándar do benestar, a intelixencia e as decisións sabiamente tomadas, pois alí Kindle está facendo auténticos estragos. Ninguén me poderá acusar de dixitalófobo: nos últimos meses, ademais de incrementar a capacidade e riqueza da libraría dixital da USC, asinamos contratos con media ducia de empresas de contidos dixitais; ademais, aloxamos con frecuencia practicamente semanal ebooks en acceso aberto no repositorio da universidade. Pero non podo deixar de manifestar unha certa sensación de fastío perante estas tenaces campañas de prensa, sobre as que tampouco podo evitar moitas prevencións e desconfianzas a respecto de intencións espureamente interesadas. Como Adso de Melk ao final da súa vida, eu tamén me afasto cada vez máis da intelixencia que quere saber e fío das poucas percepcións seguras que nos van ficando; como o meniño negro que soña con ser Ronaldo arreándolle couces a unha bóla de trapos, quen teña o gusto de ler, o amante dos libros lerá sobre o que lle boten, e ese é un pensamento alentador. Logo, o que haxa de ser será.

20.10.11

A palimpsest

O que é ser listo! Eu creo que determinadas ideas son inequívoca manifestación das habelencias intelectuais coas que, se ben Natura nos ornou maternal e máis ou menos igualitariamente a todos os seres humanos, moitos menos son quen de aproveitar en todo o seu zume. Iso que normalmente nos leva a exclamar arroubados: que grande idea! Nos créditos iniciais da magnífica adaptación cinematográfica que Jean-Jacques Annaud fixo d'O nome da rosa de Umberto Eco en 1986, a relación entre a novela e a fita foxe de ser expresada de xeito convencional, do tipo: Based on the novel of Umberto Eco. A forma en que esa relación é mencionada reviste unha brillantez simplemente xenial, emocionante: A palimpsest of the Umberto Eco's novel. Que grande idea, en efecto! Dunha parte, a sóa referencia á técnica do palimpsesto evoca, de maneira inevitable, a época dourada da produción libraria manuscrita, os séculos XII, XIII e XIV, e somerxe ao espectador avisado nun engaiolante xogo de veladas suxestións sobre os libros, que son, no fondo, os verdadeiros protagonistas da fermosa sinfonía semiolóxica que é a novela. Doutra banda, o director do filme expresa unha exquisita homenaxe á obra orixinal, ao recoñecer que a adaptación de tan truculento e complexo relato a unha acción desenvolvida en apenas dúas horas non é senón un palimpsesto, unha reescritura sobre o soporte orixinal do que por forza houbo que eliminar unha enorme cantidade de elementos, mesmo facendo variar algo a trama ou mudar a intervención de certos personaxes para acomodar no exiguo leito de Procusto cinematográfico o tempo (a cursiva refírese a que uso agora o vocábulo como tecnicismo) interno da novela. Elegante, suxestivo, poético procedemento. Poético. Un, en efecto, que ten alma de poeta, encontra na idea do palimpsesto, alén da propia técnica, unha variedade de afalagos misteriosos: o etorno encontro da lectura e a escritura, que, como a enerxía, non se crean nin se destrúen, só se transforman. Eu, que son home a quen lle gusta conciliar a modernidade con sublimes tradicións, evoco cando podo o estilo antigo. Fágoo, claro está, de xeito anónimo e sen trompeta, para defender que alguén pense que son un extravagante ou, ítem máis, un pedorro. Hai pouco, despois de someter a un libro polo que devecín en verán a un trato cruelmente estival (viaxes, transportes á praia no fondo dunha bolsa mesturado con toallas molladas e pringosos botes de crema solar, depósitos conxunturais na area...), o meu amigo rematou francamente estantarelado e coa encadernación feita unha pena. É o caso que o libro era emprestado e, no remate das ferias, debía restituílo ao seu lexítimo dono en condicións razoables, malia as enérxicas protestas deste en que non me molestara en facer tal pois dáballe igual o deterioro do volume. Que amarga ingratitude sería pola miña parte non reconstruír tan fiel amigo! Encarguei a leve palinxenesia do libro (apenas pegar de novo o lombo ás tapas e engadir unhas gardas novas) a un habelencioso encadernador amigo meu.
Agora, xa devolto ao seu insensible amo, quero crer que o exemplar ten algo dun palimpsesto, dun moderno palimpsesto que, de aquí ao remate da súa vida, levará para sempre a miña indeleble, ben que invisible, pegada, que só un ollo moi experto será quen de adiviñar. E quero crer tamén que o libro que un verán foi meu, comigo viaxou e me fixo evocar mundos lonxanos en noites de fogaxe ou seráns de suave levante fronte ao mediterráneo, sempre me lembrará con agarimo e gratitude.

19.10.11

Traizóns

Unha exitosa autora aínda nova declara en certo xornal gratuíto: Si escribes pensando en vender, al final te traicionas. É un titular gráfico, redondo, puído e brillante como unha bóla de billar. Pero un algo insincero, porque quen, entre tanto escribidor como hai, á espera da benéfica esmola dun premio municipal por un novelucho sen futuro, non daría media existencia por trocarse en Dan Brown, Follett, Vargas Llosa ou algún sueco destes de agora? O que esa moza quere dicir coa súa linda declaración, supoño, é que, en efecto, no contrato que o autor -xornalista, narrador, poeta, dramaturgo...- subscribe coa obra que crea latexa un pouso de entrega, un compromiso de xenerosidade coa propia obra no que, na súa máis pura expresión, non cabe abeirar excesivas esperanzas en que o creado guste aos demais e debera abondar con que gustase ao propio autor. Concordo con toda vehemencia co pensamento de Wilde: todo poema malo é sincero. E tamén coincido, en algo que me atinxe moi directamente, coas reflexións do meu colega e amigo Joaquín Rodríguez: para mí tener que escribir un blog es, sobre todo (y aunque nadie lo reconozca), un ejercicio de solipsismo, un soliloquio, casi un monólogo consigo mismo, paradójicamente, claro, porque se hace en abierto , exponiéndose a la mirada de quien quiera verlo, como una botella lanzada a las profundidades abisales de la web invisible ("¿Por qué escribo un blog?"). Así que cultivar a estética da palabra para vendela é, se vale a apreciación un tanto radical, prostituír a literatura, agardar un beneficio material e vil que tarde ou cedo vai traizoar a nobre pureza do contrato orixinal: xa non escribo para gustarme a min mesmo senón, aínda en contra da miña propia inclinación, para gustar aos demais.
Todo é segundo quen. Ocórreseme que este último argumento debe ser especialmente caro aos que (tal vez coma quen subscribe) quixeran ver coroados os seus anónimos esforzos en catacumbas como estes fragmentos cos loureiros da fama e o ouropel da notoriedade. Xa ve vostede a que exercicios de sinceridade pode chegar un.

12.10.11

Ni-ni

Sobre a plasticidade do mundo e as súas cousas, di o proverbio que cada un fala da feira segundo lle vai nela. Por fortuna, para xulgar o país en que a deusa Ventura tivo o capricho de facernos vir ao mundo hai cousas moi malas pero tamén algunhas boas. Non sei se será xusto endosar sen máis a unha deplorable caste de políticos ignorantes da boa e sensata gobernanza a responsabilidade de termos perdida unha xeración de rapaces, unha xeración popularmente definida pola sistemática negativa do sistema social a encaixalos sen traumas (a xeración ni-ni), algo sobre o que xa teño reflexionado. Cando eu era rapaz, o kit medio do emigrante galego, murciano ou extremeño a Suíza, Francia ou Alemaña incluía o máis absoluto desposuimento, unha pucha, catro mudas e unha maleta de cartón pedra. Agora emigran, a países que obviamente resolven as súas crises con maior vantaxe, telecos, licenciados en química, enxeñeiros industriais, médicos e biólogos, con másters e inglés fluído, fartos de facer fotocopias ou de atender chamadas como teleoperadores por catro perras. Mentres se desperdicia tanto investimento e se desmoronan futuros (ou, coa lonxanía e unha chispa de valor, se erguen outros), aquí se constrúen cidades da cultura, aeroportos en Ciudad Real ou Huesca, ou se vai un de rositas a cobrar un pastizal como ex-o que sexa despois de deixar unha comunidade autónoma cun deficit que ronda os dous mil millóns de euros. Di outra venerable paremia que a río revolto ganancia de pescadores. Eu creo (e este é un pensamento probablemente tan pouco orixinal como inquietante) que desta crise, tan consoladora, no fondo, como orixe -seguramente pasaxeiro- de todos os nosos males, alguén está quitando cacho, pero moito cacho. Observado o asunto dende este punto de vista, e coa preocupación directamente derivada de ter fillos en idade de merecer, resulta moi difícil desbotar ese pensamento tan hispano, tan goyesco: qué merda de país. Pero, como apuntaba no introito, hai, por fortuna, outras cousas que mitigan o impulso, primario e cotián, de pegar na garracha e purgar o país vía Lynch de sete ducias de sinvergonzas.
Hai 25 anos (cando eu tiña 25 anos menos dos que teño agora, xa é coincidencia), os servizos editoriais de varias universidades (entre elas a compostelá) decidiron darse unha alegría, crer en pouco máis en si mesmos e no traballo que desenvolvían, e saír da catacumba na que levaban toda a vida. Tratábase, no fondo, de atribuírense con claridade unha función similar á de calquera editorial, obxectivo que topou ao principio con non poucas resistencias derivadas das inercias dunha universidade atrofiada, nacionalcatólica e cun inveterado complexo de inferioridade. Non importan hoxe os detalles do complexo proceso en virtude do cal pasamos de Secretariados de Publicaciones -pouco máis ca negociados burocráticos para a impresión de materiais absolutamente faltos de interese e demanda- a prestixiadas editoriais con presenza nos foros e feiras profesionais máis importantes do sector. Fiquen eses detalles para outro post. Apenas quería con este exemplo e reflexión apelar a que eu e moita máis xente coma min -unha masa crítica, comprometida e honesta na que xurdiamente creo- non merecemos un país así, nin, moito menos, unha clase política -inculta, oportunista e sectaria- que está afondando con teimosía flagrante en darnos todos os días motivos para exclamar: que merda de país!

10.10.11

Libri volant

Levo moitos anos visitando anualmente a nosa feira do libro español LIBER, pois, como adoita ocorrer con estes eventos, é un magnífico escaparate para, dunha parte, pulsar en vivo e en directo a evolución do sector e, doutra, ver moita xente da profesión que non se ve en meses. Saúdos, apertas, afectos reeditados (nunca mellor dito), cafés ás présas, xuntanzas meteóricas unhas seguidas das outras, conversas fuxidías, asistencia a mesas redondas, presentacións e breves conferencias, promesas, compromisos... e, sobre todo, un grato intercambio de miserias. Das grandes cifras ás calderillas; dos grandes grupos aos editores independentes; do ouropel da sona á grisalla do anonimato; de autores estrela a novatos perfectamente ignotos; do pastelón da narrativa escandinava e os bestsellers ás frangullas dos libros de fondo, a edición vive (André Schiffrin xa o vaticinou hai máis de dez anos) nunha encrucillada na que nada é como foi antes e nada sera como hoxe é, unha encrucillada aínda, se cabe, precípita por unha crise túzara e imprevisible. O embate dixital que semella non querer acabar de arrancar fronte -paradoxalmente- a unha redución en 2010 de case trinta millóns de exemplares impresos menos ca en 2009 son a tea de fondo dunha transición que se está facendo eterna. Quen espera desespera. Ao cabo (e isto supoño que é un consolo) toda época ten moito de recapitulación das anteriores. Un filósofo ilustre díxome unha vez que, na súa opinión, toda a filosofía de Occidente é unha recapitulación de Aristóteles. Ao mellor, seguindo o símil, a edición -en canto tecnoloxía da comunicación escrita global- leva séculos reinventándose, recapitulándose. Doerse, como este menda fixo tantas veces, da efemeridade e evanescencia derivadas dunha produción en masa pode mesmo resultar unha queixa pouco orixinal. Cando san Bernardo de Claraval na primeira metade do século XII, época na que o libro manuscrito adquiriu inusitado desenvolvemento, deploraba a premura coa que se difundían os escritos do seu xurdio inimigo ideolóxico Abelardo , afirmou: Libri volant! Que diría hoxe!?

5.10.11

Unha confesión

Hoxe teño o corpo de facer unha confesión. Unha amiga miña, moi lista e sabedora das cousas do mundo, di que a certa idade todos os homes temos a cara que nos merecemos. Refíerese ela a que os camiños que se transitan nesta fodida congostra que é a vida van deixando un ronsel de pegadas indisimulables consonte o noso rostro estea afeito a reflectir máis ou menos permanentemente segundo que emocións: angustia, mala ostia, alegría, gana de compartir, tristeira, pesimismo, preocupación, ansiedade, convicción, seguridade, medo... Ao cabo, por fortuna para a maioría a vida, este misterio, é unha mestura máis ou menos ponderada de tales sentimentos. Pero é certo que o abuso sistemático das ondas negativas e destrutoras ou a fantástica preminencia das positivas e edificantes tinxen as nosas liñas de expresión xa de luz ou escuridade, xa de febleza ou forza, xa de verde, xa de gris. Eu, cuando me paro a contemplar mi estado y a ver los pasos por do me ha traído, deduzo, conforme as conclusións a que o meu rostro me conduce, que, como o poeta, a mayor mal pudiera haber llegado. Todo, ao meu xuízo e xa ultrapasado o medio século se entrecruza, e non acerto a distinguir os logros profesionais dos persoais, pois todo é produto dun mesmo talante ou Weltanschauung. Valoro o mesmo as gabanzas dunha persoa extremadamente culta por unha fermosa edición que o recoñecemento da señora que limpa o meu despacho na uni por regar con tanto primor as plantas que o adornan: ai, non se ven moitos homes así, dime cando me ve dando de beber a un fermoso crotón que teño. Aprecio de veras a absoluta falta de importancia que os meus fillos atribúen aos (aparentes) éxitos de seu pai, pois é un indicio certo da súa valía humana. Recentemente aceptaron con resignación, e máis ben indiferenza, acompañarme a un acto no que o un importante político me fixo entrega de certo galardón.
A miña receita vital é simple: ser listo tanto para os polinomios como para os recados; poñer entusiasmo e convicción no que se fai; erguer todos os días un altar á deusa honestidade; crer e confiar na valía dos demais tanto como na propia (como mínimo) e, lembrando a Tagore, non chorar porque se faga de noite pois as bágoas nos impedirán ver as estrelas.

2.10.11

Momentos como regalos

Escribo isto o domingo contra a tardiña. Ao mellor cando vostede o lea é luns pola mañán, ese momento, en realidade igual a tantos outros momentos, pero tan deostado por unha sociedade que atopa no lecer o acubillo certo do agobio que o consumo nos esixe. Se está vostede dándose ao demo porque atopa na volta á rutina laboral, coas súas miserias e pequenos infortunios, unha serie de catastróficas desgrazas e ve a semana que comeza como un túnel profundísimo ao que non se lle enxerga fin, déixeme que o agasalle con este momento na esperanza dun pouco de consolo, porque, como ben se sabe, o momento da creación literaria precisa de ambientes e postas en escena adecuadas. Son as 20:18;escribo (como o fago dende hai dez anos) ollando o val da Amaía dende o cómaro privilexiado que representa o baixo cuberta da miña casa (a cara B de tan poético contorno é botar o día baixando e -o que máis grave- subindo escaleiras); o aire é un bálsamo, pois estes primeiros días de outono van da man dos últimos do seu curmán setembro e o verán fala de querer quedar; o azul inmenso e case branco do ceo fúndese co verde escuro do val e as luciñas das casas e do tendido dos camiños e estradas van nacendo aos poucos, como avelaíñas tímidas e estrelecentes; pequenas columnas de fume, case como fíos invisibles, traen o arrecendo dos fogares; alguén rega o xardín; os nenos xogan á pelota e séntense os seus brados violentos, masculinos, as súas invectivas machunas, que son, máis ou menos, como as invectivas dos nenos que xogaban á pelota hai corenta ou sesenta anos; un melro serodio e de certo un chisco despistado ofrece a un aparente anonimato o seu xugoso rechouchío, pero aquí estou eu para dar fe da súa modesta proeza, a heroicidade humilde dun paxaro que me endoza este momento como unha culleradada de mel ou o sexo inesperado. De fondo, o clave da Obertura á francesa en si m BWV 831, de don Juán Sebastián, xenio alemán tan querido, case me fai chorar de pura emoción, pois todo comunga de consún: o aire como un bálsamo, a extremaunción do día, as luciñas das casas, o fume en volutas inocentes, o melro que xa calou, a voz das nais que chaman polos nenos para a cea, o meu home que xa consolou a fogaxe do xardín co frescor da auga, a música de Bach… E penso: puta soberbia que nos roe a vida. Hai tanto en tan pouca cousa!