12.5.09

Fútbol

Nunca tiven unha relación estable co fútbol. De neno, como calquera neno, gustaba de xogar á pelota, claro. Pero xogaba só. Adoitaba ir a un solar que había preto da casa a arrearlle patadas a un balón de reglamento que tiña, e é de notar que nos anos a que me refiro (anos a. D., é dicir antes de Decathlon), un neno apouchaba cun balón toda a infancia. Lembro que ao principio o balón de reglamento era vermello, con pentágonos regulares limitados polas negras costuras. Logo, co uso, o vermello foise e o balón virou a un ton amarronado de pelexo pobre. Deduzo, das miñas tardes en soidade naquel descampado —e tamén da miña actitude fuxidía sempre que se organizaba algún partido na escola—, que se ía acrisolando na miña conciencia que o meu non era, nin sería nunca, o fútbol.
O fútbol nos anos do tardofranquismo deveu unha impronta social característica: a esquerda e, en xeral, a oposición ao Réxime adaptou o argumento marxista para denigralo como o opio do pobo, ou, se se quere, un opio máis co que a ditadura aborregaba o españolito. Existía, nas elites máis intelectualizadas do país, unha inferencia implícita entre fútbol, incultura, alienación e adhesión implícita ao Réxime, de xeito que —sexa porque así era en efecto, sexa porque así o percibía eu daquela— lembro eu do meu instituto que sempre a xente menos comprometida con todo, máis badanas, bibliófoba e mesmo de peores cualificacións eran invariablemente fanáticos do fútbol. Aínda estou vendo a un tan lacazán, que por non cansar apenas levantaba os pes do chan, o maior esforzo diario do cal era ir a la de Rosarito —o único quiosco da vila de entón— a polo As.
Co paso dos anos, e por ironías do destino que todo o revolve e en todo estroupelea, acabei na directiva de certa humildísima sociedade futbolística -militante, supoño, na categoría de máis abaixo- formada na súa maior parte por unha porción de farsantes que así pasabamos as tardes dos domingos, segmento temporal que é paradigma, onde os haxa, de noxo e aburrimento. Entrar nos vestiarios daquel glorioso equipo antes do match era arriscarse a saír colocado, a punto tal apestaba a porro. Para completar o cadro, menudeaban tamén os quintos estrellagalicia. Non se explica como algún dos xogadores se tiñan en pé cando saían ao campo, dos colocóns que atrapaban. Outro dos divertimentos aos que había manifesta inclinación nestas sesións vespertino-dominicais, canonizado por anos de herdanza social, era insultar o árbitro. O noso presidente era un virtuoso na materia. Podía botar na banda vinte minutos reclamando a atención do pobre colexiado ata que este, farto de tan impertinentes solicitudes, lle preguntaba que quería. Entón o presidente espetáballe:
-Pareces fillo dunha cadela brava, me cago en tu puta madre.
Unha vez que era temporada de caza e soaban os tiros por alí cerca, o presi chamou polo árbitro e lle dixo:
-Árbitro, aí che veñen!
Está por escribir a sublime epopea destes árbitros das categorías modestas e o seu emocionante amor polo balompé, pois, non existindo aliciente económico algún e, por riba, poñendo cada domingo en grave risco a súa integridade física perante un persoal de natureza humana limitada á bipedestación e a linguaxe articulada, non cabe atribuír outra orixe á súa desinteresada devoción. Na artesa das anécdotas gardo, ao respecto, algún exemplar delicioso, que debo á xenerosidade e boa memoria dos amigos. Aí van dúas pérolas cultivadas.
1. O árbitro sácalle cartón amarelo a un xogador co conseguinte cabreo e expresión de enfado e carraxe deste. Entón grita un desde as bancadas:
-Sácalle a roxa, que sabe dios o que está pensando!
2. O equipo local de certa vila suroriental tiña un seareiro especialmente violento que, domingo tras domingo, dirixía intolerables e vociferantes invectivas aos colexiados, con especiais lembranzas—como manda a tradición— á proxenitora e á orientación sexual destes. Decidido o organismo federativo competente a atallar as actuacións do energúmeno, condenou á directiva do equipo a prohibirlle a entrada ao campo por prazo de varios meses, rematado o cal, o primeiro domingo de asistencia do exaltado tifoso todo eran cábalas e mesmo apostas sobre se sería ou non capaz de conterse. O partido transcorría con total normalidade, o noso home calado como na misa, e semellaba que irían ao traste as predicións dos que aseguraba que non se podería aguantar. Pero, chegado o minuto 89, o colexiado sinalou unha falta. Niso, o fulano ponse de pe, vai para a banda e chama ao árbitro en alta voz, entre o expectante silencio de todo o campo. O árbitro mira para o tipo, e, en actitude chulesca e de superioridade, lle pregunta qué? e o outro dille:
-Feo!!

11.5.09

Grrrrrrrrrr!

Premios para os mellores blogs literarios do país. Vaian por diante a miña ledicia e os meus máis expresivos parabéns para os benqueridos amigos Marcos Valcárcel e Arturo Casas e o resto dos gañadores , a quen non teño o pracer de tratar (mmmmm?, Das orixes de marzo; Henrique-Marqués-Samy e O levantador de minas), porque un será o que sexa pero agradecido é abondo, que a vaidade é a envexa son cousas moi feas e, como as couzas, van roendo por dentro.
En fin. Non se lembraron, no concurso, deste local nin deste autor, tan inxustamente esquecido. Vá por Dios! Nin unha velada mención, nin un miserable accésit, nin un recordo! Estou como aquel poeta pobre e rojo da posguerra que atribúe a flor natural que, nos xogos de Cuenca, concederon a un tal Cantalejo ao mérito de ser funcionario del castastro.
Dous pensamentos laterais: a) isto do exilio interior e vivir de costas á pomada ten que rematar, senón non me vou comer un rosco no que me queda de mili; b) somos tantos e hai tanta calidade que resulta difícil elixir.
Jana me dá de mandalo todo a la porra.

6.5.09

Google e os romanos

Di o sabio que ninguén coñece a fin de todos os camiños. Se xulgo o que a evolución tecnolóxica nos depara comparando o que podiamos imaxinar hai vinte anos e o que hoxe é realidade, comezo a suar frío. Lembran a Gates dicindo a comezos dos oitenta que 640 Kbytes deberan ser suficientes para calquera? En todo este proceso, como en todo proceso, houbo evolucións inesperadas, casualidades e afortunadas sinerxias. Cando eu sentín falar por vez primeira de Google -supoño que irá para dez ou doce anos- era un simple buscador máis, como yahoo, altavista ou lycos. Hoxe -tal como xa mantiven nestas páxinas en varias ocasións (unha, dúas, tres)- Google é a rede ou a rede é Google, que vén ser o mesmo, o cal non é produto dunha estratexia conscientemente dirixida a instituír un monopolio con malas artes (como, volvendo a Mr Gates, quixo facer MicroSoft co seu navegador Explorer en Windows, ata que a lei lle dixo que nones), senón consecuencia dun prestixio adquirido a base de pura eficiencia e funcionamento implecable. Nestes días fálase moito da posición de monopolio de Google co seu buscador de libros e andan certas sociedades de xestión moi alporizadas por estar, polo visto, Google conculcando dereitos de autor e propiedade intelectual. Permítanme un símil sobre a posición de monopolio de Google: se hoxe media Europa fala idiomas derivados do latín non é por unha posición de monopolio de Roma hai vinte séculos, senón porque a xente, xa daquela, non era parva. Ninguén discute o espírito expansionista da pequena comunidade nacida no Lacio e que para unha expansión tal o método de conquista esixido era, de entrada, manu militari, pois a ninguén lle gusta que o conquisten (non sendo no terreo amoroso...). Pero logo da conquista viñan cidades, acuedutos, vías, obras hidráulicas, pontes, dinamización do comercio, educación, servizos... Ao cabo, como máxima expresión de simbiose, os pobos conquistados foron adoptando a lingua dos conquistadores pois estes gañaban a aqueles polo prestixio, pola pura eficiencia, polas enormes posibilidades de vida que o seu sistema ofrecía.
Creo que seguir teimando nesta absurda suspicacia sobre o pretendido monopolio de Google non conduce a ningures e é querer poñerlle cercas ao vento. Só ve fantasmas quen cre neles.

4.5.09

Eloxio do paseo

O camiñante aínda non sabe que vai ser camiñante. De momento, tras o xantar dominical, acomodado nunha hamaca do xardín, goza dun sedentarismo deleitoso e, deixándose vencer pola modorra, escoita unha melriña que está aniñando na maraña sombriza dun xazmín. O camiñante, que aínda non sabe que vai ser camiñante, mentres cae docemente en brazos de Morfeo, pensa confusamente no abade de Armenteira, nas cantigas marianas do Rei Sabio e nunha lenda galesa. Aos vinte minutos, o camiñante, que aínda non sabe que vai ser camiñante, acorda, bocexa ruidosamente, espreguízase e un calafrío percórrelle o espiñazo. Agora o camiñante empeza a pensar en ser camiñante. Non ten moita gana, pero así tamén tonifica o corpo e saca as lagañas do soniquete.
O camiñante sae por un sendeiro pedreño e ateigado de cacas de can, como un campo de minas, cara a Piñeiro. Piñeiro é un lugarexo, como tantos do país, cun nome pouco orixinal: agro, agrela, agrón, iglesia, cuíña, sorribas, vilar, vilariño, vilarelle... En Piñeiro hai un can, un pastor alemán moi vello e sabio, que dá a xente porque si, porque sabe que o que se agarda del é que dea a xente e ten a sospeita de que o día que deixe de dar a xente, os amos van pensar del que, no canto dun can, é un cáncamo que non vale para nada. O can ladra ao camiñante pero o camiñante, que ben sabe onde lle apreta o zapato, non lle fai caso e o can o miralle aos ollos, entendendo, porque é un can moi vello e sabio, que o camiñante está al cabo de la calle cala e xa non ladra máis. De Piñeiro sae unha pista que vai a Sanín, que é unha aldea bonita, de casas que deben ter centos de anos algunhas, unha aldea cun nome que xa non é tan fácil de interpretar como o de Piñeiro. En Sanín hai uns vellos muíños que lles chaman os Muíños de Sanín. Alí, nos muíños, hai tamén un antigo lavadoiro, de auga turbia, e, ao seu carón, un pradico de vizosa herba onde pasta un burro e dúas cabras. O burro e as cabras paran de comer e miran para o camiñante como quen agarda algo, non se sabe qué, se un cambio inesperado ou unha presada de pienso. Nos muíños de Sanín remata a civilización e, nun treito de varios quilómetros, non hai máis ca mato e terreo encosto. O camiñante foi unha vez por alí en bici e pareceulle unha ruta ben bonita pero pinchou unha roda e colleulle aprensión. De Sanín a pista vai para Estrar, onde se cruza a carretera general, categoría ésta de estradas que traduce moi ben o espírito do país, porque iso de general depende, en calquera caso, de onde se situe o baremo comparativo. A carretera general de marras é unha humildísima estrada local, pero, comparada cos camiños rurais asfaltados (pistas na nomenklatura), claro, é a general. Bueno, pois iso. O camiñante cruza a carretera general en Estrar e vai para Vilanova, outro lugariño de prodixiosa orixinalidade toponímica. En Vilanova hai unha vella que, dende unha casa, fala cunha señora máis nova, doutra casa. Cando o camiñante pasa, a vella e mais a outra señora calan e o camiñante di Buenas tardes, e a vella e a outra señora, unha voz por riba doutra, din buenas, e ao camiñante, sen saberse moi ben por que, sóalle a saúdo falso e cheo de desconfianza, pero ao mellor está equivocado, máis seguro. Ao pasar, e xa de costas ás mulleres, o camiñante óelle preguntar á vella: Díxocho Javiere? e queda pampo cismando no poder do e epentético na fala popular. Ao pouco, o camiñante pensa que tamén manda carallo entreter o paseo matinando no poder do e epentético na fala popular. O paseo do camiñante, despois de cruzar a vila -o cal non ten ningún interese- remata en Castrigo. Ao indicador que marca o comezo da aldea un gracioso quitoulle o r. Castrigo é un lugar de casas metidas no bosque, disimuladas polas árbores e os arbustos e atravesado por un regato cantarín, de auga fresca e limpa. En Castrigo hai unha casa cun cartel dependurado dun cancelo que pon Se bende e logo un número de teléfono móbil. O regato cantarín dá nunha fonte, cun nome qué é outro alarde de orixinalidade. Chámase Fonte de Castrigo. Pono en letras vermellas inscritas na pedra. E do outro lado 1997. Cando deixa a aldea, na última casa de Castrigo, un grupo de mulleres de todas idades -vellas, maduras, mozas e nenas- xoga ás cartas na eira da porta, ao consolo da sombra. Cheira a café de pota recén feito. Mentres o arrecendo do café e as voces das mulleres van ficando atrás, cada vez máis remotas, nese momento en que a cor da tarde é a cor do ouro, o camiñante, saiba Deus por qué, sente unha fonda melancolía e ganas de chorar. Pero, de contado, lembra un dito que seu pai, en paz estea, aplicaba sempre que a alguén lle acontecía algo malo: ao mexar xa lle pasa.

29.4.09

Arcanos

Son de tradición milenaria as palabras máxicas que conxuran arcanos e abren mundos inimaxinados. Nas portas de Moria, Mithrandir, o peregrino gris, desespérase de non atopar a verba chave que dá acceso á tenebrosa mina. Podo mellon a minno, di a inscrición lítica en élfico. Fala amigo e entra, traduce Gandalf, e ordéalle á porta: Edro! ('Ábrete!' ), pero nin a tiros. Cando un dos hobbits lle pregunta qué quere dicir fala amigo e entra, o mago cae na conta de que está traducindo mal. O verbo élfico en imperativo podo non é 'fala (tell en inglés), amigo', senon 'di (say) amigo'. Cando o mago pronuncia en alta voz mellon, o cruxir das rochas abríndose é o siniestro anuncio dos subterráneos infortunios que agardan á comunidade na mina.
Ábrete, sésamo -nunca, por certo, acabei de entender a apelación ao nutritivo cereal- resulta unha versión máis popular, cercana e amable do episodio tolkieniano. Ao seu conxuro, Babá accedía a unha fascinación de xemas, brillos e riquezas que sublimaba, co elemento marabilloso característico dos contos, a miseria e sufrimento do mundo de afóra.
Hoxe as palabras máxicas do noso mundo chámanse password, user name e personal idenfitication number, PIN. Gardámolas nun segredo suspicaz e férreo, e as divindades que nolas outorgan practican a tal fin un conxunto de complicadas cerimonias secretas para que só nós as coñezamos. Temos moitas, en ocasións moitísimas, e as invocamos sottovoce ou ás agachadas, pero sempre mirando subrepticiamente ao noso derredor, sentados diante dun monitor ou de pé na rúa perante unha parede, ansiosos de novas descubertas, de novos coñecementos, agardando os favores de remotas amizades, o cálido erotismo da vaidade recompensada, ou, máis prosaicamente, o papel moeda preciso para a subsistencia e que -ai, a crise!- tantas suores custa arrepañar. Forzamos de maneira innmisericorde á nosa maltreita memoria a as lembrar e a nosa maltreita memoria resíntese: contas de mail, campus virtuais, redes sociais, blogs, metablogs, chats, messengers, tarxetas moedeiro, tarxetas de crédito, tarxetas de cliente, accesos restrinxidos, autenticacións... Somos vítimas dunha violenta rede alfanumérica que nos abre arcanos de tripas dixitais e cibernéticas. Pero o mecanismo segue sendo o de Alí Babá: un mundo paralelo, tecnoloxicamente impecable, no que buscamos sublimar moitas das eivas, taras, imperfeccións, halitoses e fealdades do mundo real.

26.4.09

Cousas que hai que dicir

As presentacións de libros teñen algo de bautismal. No bautismo, en orixe, e deixando á parte derivacións e procedementos meramente litúrxicos, reúnense deudos e amigos dos proxenitores para, entre todos, practicar un recoñecemento colectivo da nova criatura testemuñando a ledicia polo seu ingreso na comunidade e facendo votos por unha existencia frutífera, longa e feliz. Todo ata aquí podería aplicarse tamén á presentación dun neófito editorial. Pero, a cousa comeza a diverxer, cando, nas presentacións de libros, o proxenitor (ou proxenitora) toma a palabra para se referir, sequera brevemente, ao seu vástago (ou vástaga). Imaxinan que, nun bautismo, tras os ritos, óleos, rezos e augas de rigor, o presbítero cedese a palabra ao pai (ou nai)? Que diría? Que o proceso creativo do pequeno tivo lugar de noite, sen luz e sen ver moito o que se facía, e que, aínda así, non hai moita queixa, que hai que ver o ben pintado que saíu o bebé? Que lle gustaría un pouco máis tirando a loiro? Que, mirando para o ventre da nai, parecía que ía pesar máis, pero que ao cabo eran todo augas? Que para lle acabar chamando Faustino á criatura houbo os seus máis e os seus menos e non foi doada decisión por existiren trasacordos entre a liña materna e a paterna?
Disque o ollo do amo engorda o cabalo. A min débeme suceder o contrario. Será, talvez, por un espírito hipercrítico pero, con todo o que fago (e non mo tomen a falsa modestia), pásame como aos británicos cos xardíns: o meu sempre me parece peor. Presentando o pasado día do libro o meu Manual de edición técnica, xunto con Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e Libro Galego, e Manolo Bragado, director de Xerais -o meu editor-, e tras escoitar as súas laudatorias palabras, tan xenerosas como desproporcionadas aos meus limitados méritos, debíame, cando tomei a palabra, mover entre a miña natural humildade e o desexo de non contradicir aos meus predecesores no discurso. Ora, tamén lles digo unha cousa, co seu permiso: se imos a xulgar as calidades deste manual polo traballo que me deu, debe ser excepcional. En definitiva, os libros téñense sós e hai un criterio ineludible que os pon no seu sitio: o veredito do público. Alá veremos.
De por parte, e como podería botarse a excesiva modestia (tan excesiva que soase falsa) que non lle adicara a libro tan significativo (polo libro en si e por ser meu) un post no meu blog, consagrado especialmente aos libros e a edición, permitireime enfatizar algo que xa dixen na presentación e me parece importante: eran chegados os tempos de que en Galicia houbese unha obra así. E digo isto con total independencia de que sexa eu o seu autor. Creo que este manual de edición non é máis que -ou é principalmente- a manifestación necesaria do dinamismo e perspectivas de futuro dun sector como o editorial, que, só no país, concita a 45 editoriais privadas asociadas a Ásociación Galega de Editores (máis toda a actividade pública, por veces, como é o caso da edición universitaria, inxustamente marxinada); publicou no ano 2007 máis de 2000 títulos e case tres millóns de exemplares e dá emprego a preto de cincocentas persoas, só no sector da edición (deixando de lado o sector das artes gráficas)...
Só quería apuntar isto. O demais que se poida dicir do libro non me corresponde a min dicilo.

24.4.09

Momentos de frouxeira

Habitamos unha sociedade a tal punto sometida aos mass media que, ou un se bota ao monte, ou acaba cedendo, quéirao ou non o queira, á súa influencia. Lembro que, hai anos, cando Sito Pons era o home do momento no motociclismo patrio, cada vez que saía unha información relativa a el na caixa tonta, meu pai exclamaba extenuado: Dichoso Sito Pons! O mesmo penso eu cada vez que me mentan a Stieg Larsson: Dichoso Stieg Larsson! Pero, como de botarme ao monte, de momento, non lles teño moita gana -pois hai na chaira cousas que aínda suscitan o meu interese-, cedín, hoxe 24 de abril, ao bombardeo mediático do benemérito escandinavo e os seus best-sellers co gallo do día do libro, e merquei Los hombres que no amaban a las mujeres. O libro vén cunha cita de mérito en faixa exterior, asinada, nin máis nin menos, que por Ruiz Zafón, na que o autor de La sombra del viento se desmelena -é, claro, un dicir- cantando as loanzas do roman do seu colega hiperbórico, que en paz estea. Eu desconfío bastante dos libros con faixa, pois, como ocorría antes coas señoras, cando se lles solta, se desparraman e poden sobrevir sorpresas. Pero, en fin, xa lles contarei. O que non sei é cando será porque ando medio vago ultimamente e o libro ten 665 páxinas. Cando menos, non se dirá que o autor se fai o sueco...

22.4.09

40 velitas

Eu, cando vou, por esas obrigas veladas que impoñen os nosos diferentes papeis na vida, a tendas do estilo de Pórtico, Cosas de casa e así, comezo a bocexar aos cinco minutos. Aos dez estou loitando abertamente coa modorra. Non hai nada que me aburra máis que mirar colchas, coxíns, alfombras, espellos e menaxe. Agora que ya semos europeos e tanta afección hai ao rollo da decoración, un amigo meu moi ocorrente e zumbón cualifica como "porno light" esas revistas como Nuevo Estilo, Tu hogar, Casa y jardín, e por aí, xa que, razoa, no porno ves o que che gustaría facer e nunca farás (vamos, digo eu, en liñas xerais....) e nestas publicacións ves a cociña, sala, sofá, chalet ou casa rústica que nunca vas ter.
En fin. A min o que me gusta e onde o paso coma un indio é nas librarías. Alí un métese e pérdese. De Borges e O factor humano, de Greene, á Historia interminable, de Ende, ou A sombra do vento de Ruiz Zafón, as librarías son un cerco de acción literaria intimamente conectado co engado dos centos de millóns de palabras que acubillan, cos milleiros de historias, argumentos e ideas que atesouran. Se xa un libro é mundo, que dicir dunha libraría! Eu gusto moito das librarías de toda a vida e estomágame a hiperoferta e aséptica uniformidade dos malls, grandes superficies e librarías de cadea, que por non ter non teñen nin o inconfundible aroma que debe ter toda libraría, como xa teño contado aquí.
Por outra banda, cumprir anos e facelo con saúde é un ben polo que cada afortunado beneficiario de tal privilexio debera reconciliarse diariamente co seu kharma, divinidade secreta ou mito da índole que fose. Eu estou encantado dos 40 anos que vén de cumprir a libraría compostelá Couceiro, un símbolo de permanencia cultural do país. É ben probable que a primeira vez que vin -aló polos setenta, debía andar Su Excelencia nas últimas- un himno galego cunha bandeira branquiazul sobreimpresa fora nun almanaque de naipe de Libraría Couceiro, República del Salvador, 9. Agora, con gallo tan senlleiro, Couceiro vén de editar un pequeno volume de evocacións fermosamente ilustrado en cuberta por Baldo Ramos, co que me agasallou o bo amigo Pablo Couceiro, dignísimo herdeiro do fundador, Xesús.
Parabéns e por moitos anos máis (máis doutros corenta, seguro!!).

20.4.09

Llegar hasta la esencia

Como dicía Chiquito de la Calzada, con aquela súa prosodia extravagante e indefinible cinética, no puedo, no puedo! Pois eu, que, coma Vde. , recibo diariamente toneladas de spam estúpido e insoportable, por veces recibo cousas que no puedo con elas nin coa tentación de as reproducir nestas páxinas, para universal contento e consoladora risa, que é unha magnífica terapia para moitos males do século. Xa me teño referido aos disparates que normalmente derivan do paso dun texto por un tradutor automático. Cando o texto, ademais, contén elementos que de seu se prestan ao recochineo, o resultado pode ser sublime. Dun tal Irish Laszlo, nome de exótica, e con seguridade apócrifa, mestura de bruma hibérnica e eslava chaira­, recibo un mail cun subject que se agoira fastuoso: Energia para tu miembro sexual: adquirir y ahorrar 85 %. Metido no texto da mensaxe leo:
Sexo es mas satisfactorio que nunca. El estres y la tension han desaparecido. Ella ya no se amarga, ya no me temo que tendre que denegar su peticion. Esto es una sensacion fisica estupenda despues de que sigue el sentimiento profundo. Lo mejor de VI [nome do específico] es una confianza que puedes "volar en piloto automatico", llegar relajado y sin problemas hasta la esencia, que el miembro sigue mantenerse levantado incluso cuando se interrumpa (ninos golpean a la puerta del dormitorio, ladra el perro, se desliza su condon). Toma de VI puede hacerse tambien un regalo grande a su pareja, en el caso de tomar VI conscientemente. Solamente un consejo: no tiene que decir a ella que estas tomando VI: autoapreciacion femenina es tan vulnerable como la nuestra propia.
Cando cheguei ás circunstancias interferentes no levantamento do miembro que lle impiden llegar relajado hasta la esencia (ninos golpean a la puerta del dormitorio, ladra el perro, se desliza su condon) crin que caía da silla.
Polo visto, agora a cabeza dóenos a nós. E é que, con tanto melindre, os homes andamos medio estropeados.

Latrica Marica

Pois xa ben qué orixinal. O novo goberno galego. Concordo con algo que lin por aí. Creo que o descoñecemento público que arrodea a maior parte dos novos conselleiros responde máis a unha estratexia consciente do Premier ca a imposibilidade de ter formado un goberno de «notables». Nun país onde, á gran maioría, a forza váisenos pola boca, non ter literalmente nada que dicir dalguén —pois en tales condiciones sería xa ousadía botar a lingua a pastar (que para todo hai)— é a mellor garantía de deixalo funcionar e alá veremos. Por sus obras los conoceréis. Ben certo é que, entre o decretazo da lingua, a bendita Cidade da Cultura (da cal, por certo, hai pouco un bo amigo arquitecto asegurábame que está "chea de silicona"), o lío dos eólicos, a crise inmobiliaria… eu non lles arrendo a ganancia, pero, en fin, creo que cómpre concederlles, cando menos, o beneficio dunha dúbida construtiva.
De por parte, nesta circunstancia, tinguida da asepsia da tecnocracia, boto en falta unha cesión máis persoal, e mesmo íntima ou festiva, nas semblanzas que a prensa ofrece dos novos membros do noso executivo. Que tempos aqueles de Franco cando había novo goberno! Como reflexo de ser cada un dos novos ministros persoas de orde e como Dios manda, citábase con carácter preferente o nome das súas esposas e o número de fillos que, por regra xeral, era elevadísimo. Á parte dos apelidos (invariablemente fachas: Cotorruelo Sendagorta, Iturmendi Bañales, De Arrese Magra, López de Letona y Núñez del Pino, García del Ramal Cellalbo...), sempre me chamou a atención a cantidade de fillos que tiñan os ministros de Franco: casado con doña…. tiene nueve hijos; está casado con doña…. tiene once hijos… Gobernos había de su Excelencia que, sumada en conxunto a prole de todos os ministros, daría para alén da centena, creo eu. Agora, co rollo da protección de datos, calquera fai unha mención persoal! Unha cousa do máis aburrido. Dirá algo o Hola?

16.4.09

Barras de bar, vertederos de amor

Xa lle collín medo a falar de música neste caderno porque, cada vez que ouso expresar os meus gustos, catro ou cinco agarimosos fieis destas indefensas páxinas bótanse a min coma cans. Pero bueno, son os riscos da popularidade...
As dez cancións que compoñen Enemigos de lo ajeno de El último de la fila son outros tantos fitos na historia do pop español. Nin o desleixo na produción (que chega ao uso de caixas de ritmos, ao estilo das infames microorquestillas das vodas baratas), nin o os excesos sonoros propios dos poucos anos son quen de conter o torrente de creatividade musical e poética do dúo Portet-García. O que veu despois (agás números contados: Ruge Mistral, Sara) e a actual carreira en solitario de Garcia non me entusiasma. Pero este vinilo é un punto e á parte. As melodías e poemas de Enemigos de lo ajeno son, cada un deles, a evocación dalgún momento intenso dos vellos tempos. Cando a música é o envoltorio de emocións que, en certa altura da nosa vida, foron experimentadas en estado puro, faise parte indisoluble de nós.

15.4.09

Compostelakitsch


Non o perda, por favor! Nunca Compostela foi tan kitsch (nin eurovisiva).
Obrigado, Antonio, pola suxestión! Non ten desperdicio.

13.4.09

Kafkiano

As propiedades elementais do texto son a conectividade ou cohesión e a coherencia. Un texto cohesionado mediante o uso racional de conectores e coherente do punto de vista da harmonía entre os seus compoñentes léxicos será un texto correctamente escrito. O cal, claro está, pode distar moito da elegancia, a estética e o atractivo textuais, iso que normalmente chamamos talento e, non sabemos moi en por que, serve para distinguir un escritor que nos gusta doutro que non, un texto que "flúe", como flúe naturalmente a auga dun regato, e outro que se atranca permanentemente, ao xeito do paseo por unha trocha pina, pedreña e incómoda. Algunha outra vez (a orixinalidade constante é imposible nun blog), citei xa a Somerset Maugham, quen cría que para escribir ben existen cinco normas básicas pero ninguén sabe cales son.
En edición, hai unha proba de fogo para experimentar as capacidades textuais. Refírome aos textos da cuartas de cuberta que, a modo de sinopse, deben condensar en breves liñas o contido de todo un libro. Pénsase comunmente que estes textos os proporciona o autor ao editor. Isto é así só en ocasións. Moitas veces (máxime cando o autor non pasa de cumprir con suficiencia mínima as propiedades textuais devanditas), é responsabilidade dun bo editor a súa redacción, como broche de nobre metal para un labor editorial esmerado.
Lía hai non moitas noites, no aloxamento dunha cidade norteña e fría e entre unha nevarada que convidaba á maxia dun libro escuro e nocturnal, un destes resumos, que, na súa impecable austeridade, fría elegancia e contundencia expresiva, debera ser espello e paradigma. Trátase da sinopse de El Castillo de Kafka (Alianza Editorial, 1971, eu cito pola 13ª reimpr., 1997, edición da cal xa gabei neste caderno a cuberta, un dos mellores produtos do deseño editorial español):
El clima y la idea dramática que informan EL CASTILLO son los que nutren toda la narrativa de FRANZ KAFKA: un mundo exterior que, pese a conservar todas las notas que lo hacen reconocible, es objeto de una mutación que lo transforma cualitativamente: una secuencia de acontecimientos incomprensible para quien la padece, pero que esconde una necesidad ineluctable; la inoperancia de la voluntad y el entendimiento humanos para comprender ese medio hostil y doblegarlo.
Arrepiante. Un entende por que en moitos idiomas se troquelou un novo adxectivo: kafkiano.

4.4.09

Para avisos contacte co administrador

Había no meu pueblo un médico moi retranqueiro, home bondadoso e proverbialmente despistado. Magnífico axedrecista, disque non era raro velo revolver o café cun alfil, mentres coa outra man movía a cucharilla polo taboleiro. Unha vez, unha señora moi fina, dunha familia da vila de toda la vida, díxolle:
-Benjamín, sabrás que vamos a ser vecinos.
O outro replicou:
-E logo?
-Porque estamos construyendo el panteón al lado del vuestro.
E o bo do home, con solícita guasa:
-Bueno, pois se queredes algo, petade.
Au revoir!

1.4.09

Prosaico. Versificado


Prosaico é un adxectivo que, dende o rexistro estritamente literario, pasou ao coloquial rotulando aquilo que, sen chegar ao grao innobre do vulgar, se nos mostra desprovisto de graza ou galanura. Ten prosaico antónimo? Poderiamos, retornando ás orixes literarias da palabra, pensar que este é poético, pero, de seu, poético e poesía fan referencia ao xénero non á forma do xénero. Quero dicir que existe o que chamamos prosa poética. O antónimo de prosaico sería, polo tanto, versificado, adxectivo que non existe alén das estreitas lindes do tecnicismo.
Se prosaico saltou ao rexistro coloquial no valor que ten é porque, fronte ao verso, a prosa identifícase co carente de matices. De feito, o noso é un mundo prosaico, e dígoo agora ad pedem litterae. Non lle ten soprendido a vostede algunha vez a ausencia de versificación do noso tempo fronte a unha tradición literaria centenaria que se veu desenvolvendo no esencial en verso? E nada de verso libre: tratábase dunha versificación regular, sometida a pautas construtivas sistemáticas, case diriamos matemáticas. As oitavas reais nas que don Luis cordobés deu forma á súa mitolóxica fábula son como columnas clónicas que flanquean unha avenida a intervalos aritmeticamente exactos. Da épica a Juan de Mena, do humanismo ao Século de Oro (cunha interminable nómina de excelsos cultivadores) e de aquí ao romanticismo, prodúcese en época contemporánea unha dramática solución de continuidade que dá pábulo a chamar poesía a calquera cousa e a que pululen de xeito tan extraordinario poetas e poetisas de toda caste, entre os que se contan profesores de secundaria, funcionarios do catastro, amas de casa e mesmo médicos acupuntores. Eu, de por parte, divido os poetas contemporáneos en dúas categorías: os que escribiron un soneto (xa saben alexandrinos en esquema ABBA ABBA CDC CDC) e os que non escribiron un soneto (categoría, esta última, na que, por certo, me inclúio, xa quixera eu...).
Disque don Pedro Muñoz Seca, ao que deron matarile en Paracuellos, escribiu La Venganza de don Mendo por unha aposta, excitada precisamente por quen cría del ser incapaz de escribir unha obra teatral en verso, émula daqueles contundentes dramas que, ao estilo de El puñal del godo, inmortalizara Zorrilla. Non só don Pedro escribiu a obra senón que aínda parodiou todo un xénero en ripios conscientes, ricos de xogos de palabras e enxeñosos dobres sentidos. Creo que La venganza de don Mendo é un dos alardes de humor, imaxinación literaria e figuración paródica de maior altura das nosas letras. Debo ao patrimonio paterno a miña admiración pola obra, da que son quen de declamar treitos enteiros, producíndome agora a mesma hilaridade que me produciu cando a lin (nunha vella edición da posguerra) por vez primeira. Gardo como ouro en pano a versión en VHS que en 1961 dirixiu e protagonizou Fernán Gómez, un dos filmes máis xeniais do cine español.

* * *

Con diez cañones por banda; Volverán las oscuras golondrinas; Recuerde el alma dormida; Me gustas cuando callas; Cerrar podrá mis ojos la postrera; Cuán gritan esos malditos!; Y tú me lo preguntas? ... Quen, neste prosaico materialismo no que decorren as nosas vidas, non lembra un alento en verso, non acubilla o sabor do mel nun feixe de palabras? Un poeta e un soneto, aquel de don Fernando de Herrera que comeza Rojo sol que con hacha luminosa, resúltanme especialmente gratos. Outro día conto por qué, máis ca nada por non ser prolixo.

31.3.09

29.3.09

Miguel

Nunca fun amigo das versións, especialmente en música. Unha versión é unha alteración, unha perversa imitación de algo que foi concibido nun estado mental e emocional concreto, debedor dun contexto específico e irrepetible e, polo mesmo, por completo intransferible. Contemporaneamente, Yesterday dos Beatles ou The Boxer de S & G teñen sido obxecto de toda laia de maleacións máis ou menos inocuas e máis ou menos intrascendentes, pero, normalmente, espontáneas. Hoxe, como non podía ser menos, o consumismo compulsivo (e o seu edecán, o márquetin) deturparon a frescura e naturalidade que antes inspiraban o desexo dun músico de versionar outro. Persoalmente non hai nada que me produza máis repulsión que a mixtificación deses cameos musicais nos que tipos da máis variada pelaxe intentan pateticamente confluír nos intereses e estéticas dun intérprete concreto que -polas máis variadas razóns- é merecente de tal homenaxe e recoñecemento. Dende aquel Barcelona, espeluznante dueto de Montserrat Caballé e Freddie Mercury, a Paulina Rubio consagrando os seus gorgoritos ao esplendente cincuentenario de Bosé, a aparición desta especie de calotes mercadotécnicos é de periodiciade crónica. Anúnciase ultimamente unha nova entrega desta natureza, na que vai ser homenaxeada a figura de Miguel Ríos. Oín outro día unha versión por M-Clan de Santa Lucía, a vella e romántica balada que o arxentino Roque Narvaja escribiu para o seu colega español. Algo penoso.
Cameos e (per)versións á parte, a figura de Miguel Ríos resúltame especialmente simpática e entrañable. O cándido hippismo que emanaban o seu Himno a la alegría, a cinta na cabeza e o sorriso permanente dalguén persuadido de que todo o mundo é bo eran tolerados por unha ditadura que vía na figura do granadino unha modernez de "yeyé", como moito extravagante pero en absoluto perigosa. Era algo así como o hippie oficial do Réxime. Pero diso el non tiña culpa, claro.
Yo recuerdo aquel día, que nos fuimos a bañar, aquel agua tan fría y tu forma de nadar, en el río aquel... o himno dunha xeración. O optimismo militante de Miguel Ríos e unha bonhomía proverbial son ese tipo de cousas que establecen fíos invisibles pero tecidos con liño forte.

25.3.09

A termodinámica e as croquetas

Xa me teño referido a que unha das cousas máis gratificantes e suxestivas do traballo de edición é a gran variedade e diferenza de persoas e ámbitos profesionais cos que, forzosamente, un se ve obrigado a traballar. No meu caso, sendo que o editor é o centro, en canto coordinador, desa constelación e que o abano temático dos libros que edita é tan amplo como o é a propia universidade, resulta que os contactos, por veces casuais, entre as diferentes áreas de traballo poden dar en resultados imprevisibles e, por demais, chispeantes. Esta mañán, solicitaba eu telefonicamente a un deseñador e bo amigo a confección da cuberta para o Tratado elemental de química —que de xeito inminente imos publicar na nosa colección de Clásicos do Pensamento Universal en galego— , de autoría do cidadán Lavoisier, poliédrico personaxe a quen , por certo, o Terror pagou ben amargamente os seus varios oficios públicos pois en 1794 o seu malfadado pescozo coñeceu o contundente tallo do invento de monsieur Guillot.
No percurso da conversa, comentábame este deseñador que na súa casa paterna, sempre que había croquetas para comer, seu pai sinalaba con coña: Home, hoxe temos Lavoisier! De verdade que, de non mediar a oportuna explicación do meu creativo amigo, xa me poderían despelexar antes de certar eu coa orixe de tan críptica expresión, que relacionaba as nutritivas bolas de bexamel con don Antoine Laurent. A cousa vén do primeiro principio da termodinámica, atribuído con insistencia ao sabio francés, malia que semella ter sido de enunciación anterior: a enerxía non se crea nin destrúe, só se transforma. Claro! pensei, as croquetas! Sublime!

23.3.09

Estradas, paisaxes e mazás

Disque a rutina é o maior inimigo do amor. Graduará cada quen esta inquietante constatación alá como queira e as circunstancias da súa vida en parella determinen. Pero, con independencia da súa literal aplicación, agocha o aserto unha indudidable razón, que, por demais, pode estenderse a múltiples facetas da vida: non hai nada que erosione máis a ilusión das cousas como a súa repetición. Só baixo esta clave constatamos os pais actuais que a impaciencia e ansiedade coa que nós, de cativos, agardabamos polos Magos de Oriente a noite do 5 de xaneiro é incomparablemente maior ca a que senten os nosos fillos. E isto é así a golpe de consumismo como exercicio reiterado: a cultura dos todoacién e, máis modernamente, os "chinos"; os cumpreanos cada fin de semana; o medo crónico dos pais á reacción dos fillos fronte ás negativas e todo o atrezzo consabido.
Leo nun texto de Caballero Bonald a súa grata lembranza das estradas de antes: Las carreteras, antes, pasaban por el campo. Ahora ya no pasan por ningún sitio reconocible. Simplemente van de una ciudad a otra sin el menor miramiento, desatendidas de las geografías intermedias. Por supuesto que tampoco soy tan inflexible como para negar que las modernas autovías han reducido las distancias antiguas y han aportado una más efectiva correlación entre los fabricantes de automóviles y los ingenieros de caminos, Pero también han convertido la campiña en una especie de ingrediente accesorio del viaje. O en algo que apenas se deja ver. Ya se sabe que la velocidad es una pésima aliada de los gozos de la vista.
É só cousa miña ou os nenos de agora son inmunes á fascinación da paisaxe cando viaxan en automóbil? Eu lembro como unha sorte de aventura ata a viaxe máis curta e vivía con tristura chegarmos a destino. Cando facía sol encantábame pechar os ollos e sentir o rapidísimo xogo de clarescuros que provocaba a interposición das árbores. As estradas eran algo por onde se ía e non algo que nos leva a algures. Preto da Estrada, camiño a terra de Montes, había un treito de carretera que constituía, creo, un clásico paisaxístico, hoxe por completo esquecido, e que tal vez alguén que me lea recorde tamén: unha recta flanqueada ás dúas beiras por plátanos que, xuntando no verán as súas mestas copas pola parte superior, compoñían un a xeito de túnel deleitoso de sombra e frescor. E que dicir da emoción que me invadía cando ao lonxe enxergaba a silueta, contundente pero tan chea de engado, do touro metálico de Osborne? Hoxe, cando viaxo cos meus cativos, e miro polo retrovisor o espectáculo non é moi alentador: un, pegado literalmente ao pequeno monitor da súa DS; o outro, literalmente fundido no asento, cos pequenos e brancos auriculares do MP4 enfundados nas orellas. Nin as paisaxes de montaña ou costa máis espectaculares son quen de retiralos da súa robótica actividade e sinto o meu entusiasmo baleiro e un pouco patético.
No debate permanente sobre os múltiples efectos da socialización do estado do benestar e as novas tecnoloxías (debate ao que, por certo, lle queda máis mili que ao pau da bandeira), creo que, cando menos en mentes sensibles (e non necesariamente nostálxicas nin, moito menos, tecnófobas), gaña cada vez máis peso a percepción do moito que se perde cando os procesos se deshumanizan. Claro que agora come mazás todo o mundo, e bo é que así sexa. Pero, non se fixou? Son sospeitosamente clónicas, brillantes, perfectas, non teñen unha mancha, un mal verme, unha zona podre ou mazada, non son... , como dicir?, humanas.

22.3.09

Frouxeira

Unha das cousas máis complexas dun blog, e que, supoño eu, está na orixe da maior parte dos abandonos, é atopar qué escribir coa asiduidade que se supón necesaria para que a impresión de dinamismo, sen o cal non hai interese posible, chegue ao lector. Quero dicir que se un lector arriba de chriripa a un local e ve que a última actualización é dun mes antes, probablemente esa sexa a primeira e a última vez que o visite. Esa perentoriedade conduce moitas veces a un erro, do meu punto de vista, garrafal: escribir malia non ter nada que dicir, ou, o que é peor, converter en materia da escritura banalidades da nosa vida cotiá que a ninguén importan. Así é que atopar o xusto ton -mesturando con prudencia elementos persoais con aspectos de interese colectivo- é a clave, xa non direi do éxito (porque pouco éxito, convencionalmente entendido, teñen 998 de cada 1000 blogs, este incluído), senón apenas do puro mantemento ao longo do tempo, nunha loita case permanente co desánimo.
Quen está libre de pecado? Hoxe é domingo, Mañán luns. Uns camiñan, outros se paran. Pérez Touriño marcha e Feijóo vén. El muerto al hoyo y el vivo al bollo. A verdade é que hai momentos en que a un non se lle ocorre moito máis que dicir. Nin se lle ocorre nin gañas ten. Máis azos virán, se vostede me entende.

20.3.09

A volta do yo-yo

Tanto, tanto me gustou o comentario que Patricia, unha visitante desta bitácora, envía dende Pontevedra, que con sumo gusto o reproduzo literalmente:
Temed a los griegos aunque traigan regalos. Temed a los tontos que quieren ayudaros. Temed a las grandes corporaciones que quieren cubrir vuestras necesidades. Temed a los adolescentes que no tienen acné. Temed a los que tienen un arma para protegeros. Temed a los que os observan para vigilaros. Temed a los que se afeitan todos los días sin tener que hacerlo. Temed a los que hablan por vosotros para velar por vuestro bienestar. Temed a los que manejan venenos para curaros. Temed a los nuevos sistemas operativos hechos para tontos.
Extrapolo, entre liñas, do comentario de Patricia a emerxencia dun novo xénero de cidadáns, bastante fartos de que se nos tome sistematicamente o pelo, unha nova caste de persoas, documentadas, cultas, traballadoras, que está ata o gorro de ver que a nosa clase dirixente está fundamentalmente constituída de oportunistas sen formación nin, aínda, formas.
Eu creo que a última mensaxe política enviada ás urnas pola cidadanía galega agocha implicitamente un sentimento xeneralizado: os cidadáns pedimos máis xestión e menos política. Na miña opinión, o deterioro a que chegou a percepción colectiva dos nosos dirixentes— non só a forza de escándalos senón pola pura disipación de resultados entre tanta política inútil— esixe unha urxente restauración: a da confianza en que os nosos representantes funcionen a base de ética e vontade de servizo público, magnitudes tan ignoradas nos últimos tempos que só a súa evocación incita a un sorriso irónico. Necesitamos tecnócratas que contribuán a solucionar os problemas, que, como cidadáns, nos acucian no día a día e que a través dunha xestión pública acertada poden en efecto reducirse: o pan de cada día, o futuro dos nosos fillos, o euríbor, a factura da luz e o prezo dos tomates, un ensino competitivo e de calidade, a mellora das comunicacións, a sanidade, unha oferta cultural aberta, sensata e sen seitarismos…, e non arribistas e indocumentados que converten a política nunha actividade semiprofesional orientada, en moitos casos, a un medre persoal e social inatinguible doutro xeito.
En fin, que ata aquí podiamos chegar. A ver en qué para a cousa. De por parte, teño para min que, como lle pasa ao yo-yo, cando dá abaixo de todo non lle queda outra que subir. Alá veremos.

18.3.09

TRIPALIUM

Aquilo bíblico de gañarás o pan coa suor da fronte foi intelixentemente reformulado por Luis Aguilé nun tema clásico, que lembro case todas as mañás por volta das 7:00 h, entre bocexos e maldicións: Es una lata el trabajar, todos los días te tienes que levantar, sen dúbida unha das tonadas máis sinceras que teña saído xamais de voz humana.
Sabía vostede que o vocábulo galego traballo (coma o catalán treball, o castelán trabajo e o luso travalho) non vén do latinoclásico LABOR senón do latinovulgar TRIPALIUM, que era en realidade un instrumento de tortura montado con tres paus? Iso dá a medida perfecta da percepción ibérica acerca da adicación, dura pero imprescindible, á busca do substento. Nun país onde o traballo, pois, ten unha percepción colectiva máis ben "torturada", existen múltiples corolarios, ilustracións e consolamentos das penas que inflixe a servidume diaria do tajo. Xa falei daquel que animaba os compañeiros cando chegaba o martes:
-Veña que xa é martes, xa vai alá a semana.
A un coñezo eu, afectado en días soltos dunha patoloxía tan característica como estendida:
-Téñoche o mal da cereixa: eu quero traballar e o corpo non me deixa.
Este mesmo, apoñendo a un compañeiro, funcionario, claro, certa "deixación" das súas funcións, xulgaba:
-Se o traballo é saúde, viva a tuberculose!
Pero o mellor -xuízo digno de ser inscrito con letra de ouro no mausoleo de pensamentos universais- é o que un meu amigo escoitou non hai moito a certo sindicalista:
-O malo do traballo é que che parte a mañán.

16.3.09

Sinónimos e política

Cando falaba das esferas asociativas, o propio Saussure -a quen mesmo os profanos alcanzan a atribuír a sistematización do concepto de signo lingüístico- referíase implicitamente a que as unidades do léxico cumpren unha fórmula que vai para alén do seu valor "primitivo". A proposta de Saussure, de seu bastante vaga e subxectiva, foi perfilada con posterioridade pola lexicoloxía estrutural, de xeito que hoxe é materia común da Lingua de ensino secundario que a maior parte das palabras teñen un valor denotativo, representativo ou simbólico e un valor connotativo, virtual ou sintomático. Café é un vocábulo que expresa primariamente unha saborosa infusión á que está enganchado medio planeta. Velaí o seu valor representativo. Cando aquel simpático personaxe da Andalucía franquista, Gonzalo Queipo de Llano, ordenaba Denle café, mucho café en resposta aos pedimentos de clemencia para este ou aquel rojo condenado, estaba actualizando os valores virtuais, connotativos e subxectivos do lexema.
Esta diferenza que podemos establecer en case todas as unidades do léxico está na base doutro tópico da lexicoloxía: a inexistencia dos sinónimos absolutos, pois, malia poderen dous ou máis léxemas cumprir idéntica fórmula representativa, nunca, verbo dos seus potenciais valores subxectivos ou connotativos, poderemos dicir que tales lexemas estean en posibilidade de subsitución en todos os contextos. Por estas curiosas razóns da pragmática, dicimos vou curtar o pelo e non vou curtar o cabelo e polas mesmas razóns os anuncios de champú din deja tu cabello sedoso y deslumbrante e non tu pelo.
O coñecemento deste fenómeno, que é, en todo usuario da lingua, inconsciente pero de límites perfectamente claros, esquécese ás veces, traizoándose involuntariamente a intención expresiva do emisor. É o que, ao meu modo de ver, ocorre nunha entrevista que concede ao semanario gratuíto De luns a venres o día 16 do mes que andamos o flamante presidente electo da Xunta, señor Núñez Feijoo. Estendéndose sobre a austeridade que proxecta introducir en San Caetano e verbo da significativa redución a que vai someter o executivo autonómico, declara contundente:
-Teremos un goberno cativo e con moitas responsabilidades.
Glup! Tanta sinceridade acojona.

15.3.09

A alianza do insignificante

Retorno neste punto dun deleitoso e dominical paseo matutino. A primavera anúnciase alí onde se mire. O aire é un bálsamo; os ruídos de Nai Natura unha sinfonía; o sol un aloumiño que conforta sen agobiar. Encántame a sociabilidade dos paporrubios que, delicadamente pousados nos cables do tendido, rechouchían se lles asubío e semella compracérense coa miña presenza. Camiñar non cansa, todo o contrario, faise un exercicio levián, en extremo agradable.
A felicidade non existe como estado continuo. Máis ben é coma unha cefalea, con picos e descensos. Estimo que unha boa filosofía á aproveitar eses picos, eses momentos nos que sentimos que a alianza do insignificante é o que máis queremos no mundo.
(P.S. Se le vostede este post, na mañá do luns, talvez esta filosofía non lle sexa abonda. Nobody is perfect).

13.3.09

Más cine por favor

Disque en Camerún pechou a última sala de cine que se mantiña aberta no país. De certo que o acceso ás últimas producións de Hollywood ou ás cintas galardoadas cos osiños berlineses non debe figurar nos postos principais do catálogo de preocupacións cotiás dos cameruneses, acuciados, supoño, por angueiras de maior calado. Pero a nova, dita así, coa contundencia das medidas absolutas, ten un regusto inquietante, un sabucho de melancolía que evoca o son de fiestras que se pechan nun edificio que se vai abandonar e condenar á escuridade e o silencio por moitos anos. Imaxinan un grupo de cameruneses, frustrados seareiros da sétima arte, que un domingo en Yaoundé, capital do país, teñen que viaxar a Nixeria, o Congo ou Chad para ver a última de Charlize Teron e poder soñar con ela? Véñenme, confusamente, á memoria aquelas procesións de pobres españolitos que ían a Perpiñán para ver a famosa escena da mantequilla entre Brando e Maria Schneider...
Tamén en España pechan todos os días salas de cine. E agora coa crise, polo visto, máis. Eu observo o fenómeno co estupor que me producen as fondas contradicións da sociedade na que vivo: na mesma liña de paradoxais extremos que se tocan (anorexia como resposta á máis inmoral opulencia; indixestión editorial fronte a indixencia lectora…), no celuloide asistimos a unha sobreprodución indiscriminada —permítanme que insista: estamos ao borde do colapso informativo— que trae como inexplicable consecuencia que non só pechen salas de cine senón aínda negocios de videoclube. Intúo que a regulación sistemática das descargas incontroladas de películas dende a rede será un paso indispensable en breve prazo. Porque, ao igual que ocorre coa música, internet é un reflexo do mundo real, pero o mundo real (coas súas multinacionais discográficas e produtoras de cine e miles de millóns en xogo) está aí fóra.
De por parte, en memoria daquela canción de Aute que pedía cine, cine, cine, más cine por favor, eu son vítima, como vostede supoño, dun fenómeno sintomático: entre o maremágnum de filmes que se renova cada semana, xa non son quen de lembrar se vin ou non unha película, e, das que estou certo que vin, lembro en moitos casos simples retallos, coma fugaces imaxes dun soño. Xa ven: uns tanto e outros tan pouco! Se estaba vostede pensando en abrir unha sala de cine en Camerún, desbote a idea. Paréceme un consello razoable.

11.3.09

Evolucións

Gutenberg imprimiu a Biblia de 42 liñas entre 1452 e 1455. Moi pouco despois, as teses contra as indulxencias de Lutero circulaban impresas por todos os recantos de Europa e o lume da Reforma prendía por onde queira, co cal, de xeito indirecto, o pobre Gutenberg, de tan piadosas intencións iniciais, condenouse por cooperador necesario co pestífero heresiarca. Supoño que hoxe ambos os dous compadres, don Martín e don Johann, estarán cociñándose nos lumes de Pedro Botero.
As consecuencias das innovacións tecnolóxicas son impredicibles pois, como carambolas, unhas traen da man outras coas que ninguén contaba, do que resultan sinerxias por demais perversas e indesexables. O buscador de Google serve para localizar o downloader que permite atentar contra Google e descargar os libros enteiros de Google Books (contra a exposición legal que a entidade fai do 20% dos mesmos). Fáisenos difícil separar a a carne das ternillas e vivimos nunha permanente actitude de expectación, pero todo parece remitir a un desenvolvemento sen solución de continuidade.
Cando se encendían as 18000 lámparas de baleiro do ENIAC nos anos cincuenta parpadeaban as luces de toda a cidade de Filadelfia. Tiña unhas capacidades a anos luz da máis humilde calculadora que regalan hoxe como propaganda. Pero o semente estaba botado. O primeiro ordenador perante o que sentei en 1985 era un Data General Dasher One 8086 cun monitor de fósforo verde que che trituraba os ollos aos vinte minutos e que botaba os seus bos tres minutos en indexar unha base de datos de 200 rexistros pero a min pareceume un milagro. Tiña un disco duro de 20 Mb. Hoxe -anulada a nosa capacidade de asombro- levamos nun pendrive, que mal pesa trinta gramos, o equivalente a 400 discos como a "castaña " -así o coñeciamos familiarmente- coa que comecei a miña andaina informática. Creo firmemente que o Blu-Ray de marras nin se vai estrear. O camiño é, sen dúbida algunha, esquecernos de CDS, DVDs, pendrives, ordenador fixo do traballo, portátil, etc. e traballarmos con enormes unidades de disco virtual (imaxinen: 1 terabite) ás que podemos acceder dende calquera recuncho do planeta. Compárese o funcionamento dos blogs ou google e teremos un atisbo do que será unha realidade... nun ano? en dous?
Moita xente segue manifestando temor ao monopolio de Google. Google é o "ordenador" (neste caso, ad pedem litterae) da rede. IBM puxo o xermolo co PC. MicroSoft foi o banzo posterior e necesario: o "ordenador" da informática doméstica e a autoedición. Todo parece seguir unha sorte de, digamos, curso natural. Why sorry?

9.3.09

Caprichos

Nesta sociedade nosa, e especialmente nalgúns entornos como o universitario, menudean os xenios incomprendidos. Aínda que se afirma que ao xenio verdadeiro se lle pode recoñecer claramente en que todos os necios se conxuran na súa contra, teimando incomprensiblemente en afirmar que en realidade o tal xenio é un vaidoso cheo de fachenda e impostura, non é doado identificalo indiscutiblemente. Como en tantas outras esferas do humano trajín, as nubes impídennos ver o ceo e só co paso do tempo chegamos a clasificar os xenios sen dúbida algunha. Bach, Beethoven, Vermeer, Leonardo, Cervantes, Shakespeare, Buñuel, Tolkien, Picasso, Kubrick son, a vuelapluma, nomes de xenios que se me ocorren. Non foron só creativos cunha capacidade desmesurada senón que imprimiron a todo o que fixeron o selo do excepcional, do que, sen a máis mínima reserva, se sae da norma e nivel convencional onde, por moi bo que sexa o que fagamos, nos movemos o común dos mortais: Salieri e Mozart, lembran?
Don Francisco de Goya aragonés, afrancesado, rebelde, ilustrado e un pouco tolo foi, sen dúbida, un xenio. Toda a súa obra e xenial. E os Caprichos non son só xeniais. Para os Caprichos de Goya habería que troquelar un novo adxectivo, que fose quen de expresar a súa enorme tensión e intensidade. Nunca, creo, na historia española se ten penetrado a punto tal na dura madre da nosa antropoloxía. Se alguén retratou o lado máis tétrico da alma española (e a nómina decimonónica dende Potocki a Borrow é extensa), ese foi Goya nos seus estremecedores caprichos. A superstición que acogota un pobo, os alentos da morte e as babas dos vellos verdes, os alaridos do tormento e a coroza dos reconciliados, as mentiras, calotes e insidias dos frades e curas, os castigos da lascivia e as insondables simas da vaidade e a estupidez, a lameira mesta do medo e a rutina, a horrenda moca da bruxa e o fétido bafo da alcahueta, o alimento infinito da ignorancia e a xenreira visceral á luz do saber, os monstros repulsivos da necedade, os regüeldos, gulas e hipocresía dos inquisidores, xerarquías e dignidades, os espantos e destrozos da guerra, os vómitos e burlas truculentas da máis fonda miseria, o balbordo do aquelarre... compoñen un desfile visual ao que o laconismo e incisión dos brevísimos lemas que titulan cada gravura engaden penetrante crítica: El sueño de la razón produce monstruos, Lo que puede un sastre!, No hubo remedio, Y aún no se van!, Buen viaje, Murió la verdad... son algunhas lendas das máis patéticas e emotivas imaxes.
Os Caprichos viron a luz na súa forma definitiva en 1799. O Diario de Madrid, en 6 de febreiro dese ano, adelantábaos en fermoso anuncio, moi probablemente de man de Moratín:
Colección de estampas de asuntos caprichosos, inventadas y grabadas al aguafuerte por don Francisco Goya. Persua­dido el autor de que la censura de los errores y vicios hu­manos (aunque parece peculiar de la eloqüencia y la poe­sía) puede también ser objeto de la pintura: ha escogido como asuntos para su obra, entre la multitud de extrava­gancias y desaciertos que son comunes en toda sociedad civil, y entre las preocupaciones y embustes vulgares, autorizados por la costumbre, la ignorancia o el interés, aque­llos que ha creído más aptos a suministrar materia para el ridículo, y exercitar al mismo tiempo la fantasía del artí­fice.
Quen fará os Caprichos da nosa España contemporánea?

8.3.09

Greguerías, autoestradas, paronimia, sector terciario

Estudo castelán co pequeno Juanpe (10 anos). Intento facerlle ver a diferenza entre paronimia e homonimia. Do primeiro fenómeno léxico, o libro explica o feito en si pero oculta o máis importante (que a extrema semellanza dos significantes -aptitud, actitud, prexuízo-perxuízo, absorber-absolver- é orixe de frecuentes confusións semánticas). Da homonimia, o texto leva á definición un feito marxinal (que os homónimos poidan ou non escribirse igual), co cal se induce a erro (era que soan igual, que se escriben igual ou que soan igual pero non se escriben igual..?). Pasamos a conceptos de literatura, que aparecen no libro mesturados cos de lingüística sen maior orde nin concerto: síntome frustrado de non poder explicar coa claridade didáctica que esixe a mente do cativo a extrema sutileza das diferenzas entre comparación e metáfora. Pero o desalento, e unha carraxe que percibo in crescendo, acada cotas insospeitadas cando chego á definición de greguería: metáfora a la que se ha añadido sentido del humor. Fue creada por el escritor Ramón Gómez de la Serna. Ejemplo: la lagartija es el broche de las tapias.
Estudo Coñecemento do medio co pequeno Juanpe (10 anos). Tras un capítulo consagrado á relación nominal das autoestradas de Galicia (AP9, A52, A6, AG56...) e os seus percorridos, deixo que o neno dea un par de lecturas a outro capítulo da lección. Pregúntolle polo sector terciario ou de servizos: responde o sector terciario ou de servizos non fai produtos bos. Amoscado, replico que o que acaba de dicir é un disparate. Vou ao libro de texto. Di: O sector terciario ou de servizos non produce bens materiais. Agora o entendo: trátase do abuso sistemático dos conceptos implícitos e da presuposición de coñecementos.
Non sei se será que os autores destes textos saben moito do seu e de pegagoxía de aula (xa saben: contextualización curricular, itinerarios, consecución de obxectivos, estratexias dinámicas...) pero moi pouco da pedagoxía do sentido común, esa que se intúe e non se aprende. Se imaxino a un señor que bota dez horas nun andamio mentres a muller limpa nunhas oficinas e lles contrapoño o que, cando chegan ao fogar, deben estudar co su neno de 10 anos, teño adiantado moito na comprensión do fracaso escolar e dun sistema educativo que, no fondo, o estimula.

6.3.09

Love is blind


Love is blind.

O tempora!

A tendencia humana ao fetichismo é intemporal e maleable. Na Idade Media a obsesión polas reliquias levaba a que en España se comerciase co fémur de san Casiano aos 14 anos e en Italia co mesmo fémur cando o santo tiña 32. Nos tempos que andamos, podían ser os gallumbos de Tino Casal, a primeira muda de Jodie Foster, as sabas que unha vez aloumiñaron o sono de Gisele Bundchen ou un plumier que Pe Cruz recibiu na súa primeira comuñón os que excitasen o fetichismo de moito millonario aburrido de gastar, que xa non sabe que facer cos cartos e os inviste en obxectos que, alén do seu valor engadido en forma de atracción malsá, non serven para nada. Pero que se comercie coos obxectos persoais -unhas gafas, as sandalias e un bol- do ser humano que no século XX foi paradigma vivo do desprendemento, o anticapitalismo e a pobreza voluntariamente aceptada e partan nunha subhasta con 30.000 dólares de saída é un signo inequívoco da apocalipse. O mundo está podre.

4.3.09

Cernas do humor

Esta mañán, despois dun agradable e sinxelo acto de presentación dun libro, visitabamos un grupo de persoas, entre as que se atopaba o autor do libro -arquitecto de profesion-, a cuberta dun nobre edificio histórico universitario, enclavado no corazón do casco vello, dende onde se enxergaba unha extraordinaria vista sobre Compostela. Unha das cousas anexadas á práctica da edición universitaria é que, de costume, a xeira laboral se desenvolve entre persoas en extremo cultas, coas que o nivel medio de conversa é, como pode supoñerse, moi elevado. A visita que comento non foi unha excepción e a charla dos circunstantes correspondía á magnitude -arquitectónica, artística, urbanística, histórica...- dos elementos que contemplabamos. Para "descender un pouco á terra", cando, á vista do mamotreto do monte Gaiás, o diálogo substanciaba ata que punto toda gran obra de creación arquitectónica é, de seu, unha agresión, se me ocorreu suxerir, naquela marabillosa terraza, e dado o avanzado da mañán, o ben que virían unhas sillas, uns cacahuetes e unha caixa de quintos estrella galicia.
Unha das persoas que nos acompañaba, bo e vello amigo, esteta e filósofo intelixente e crítico, comentoume logo que identifica como un rasgo da miña personalidade un humor moi característico, que, en ocasións como a que comento, se manifesta pola súa iconoclastia e a capacidade de poñer por prosaico e digno de risa o metal máis nobre. Non direi eu que non sexa así. Pero o que si podo asegurar é que tal forma de humor a recoñezo máis como a destilación persoal dun espírito popular e profundamente amarrado á miña galeguidade que como unha elaboración consciente e culta. Para ilustración do benévolo lector acerca de tal espírito popular poñerei un exemplo.
Coñezo eu un tipo que preside, ou presidía, certa confederación de empresarios dunha bisbarra moi querida por min. En tal calidade, e na compaña dun grupo de empresarios e comerciantes da zona, visitou hai un par de veráns a Bretaña francesa. Eu, que son seareiro da fermosa Armórica, sabendo que a visita dos excursionistas incluía os megalitos de Carnac, Morbihan, as cidades de Douarnenez, Lorient, Brest e outras marabillas, inquirín con entusiasmo a este home, xa retornado, polas impresións da viaxe e as visitas. Díxome:
-Bueno, carallo, bueno. Non hai ambiente ninjún. E pa comer, moito mellor esto.
Meter cousas así na minipimer da elaboración culta pode cortar a mahonesa.

2.3.09

Antoloxizando


Dícia o meu parente Roberto Blanco Torres que para el a poesía era a vía, ideal e necesaria, de liberarse das ataduras e servidumes da linguaxe periodística. A idea de tío Roberto sérveme para poñer o adro a este post, que redacto cando o país aínde vive inmerso (adxectivo este moi do gusto dos futbolistas) na resaca postelectoral, falando cada quen da feira segundo lle foi nela, extrapolando, avaliando, reflexionando, sacando peito ou chascando a lingua, chorando ou celebrándoo. Alguén anónimo, vista a miña posición, escribíame esta pasada noite un comentario cocido ao lume dos resultados xa definitivos no que ironizaba:
-Estará vostede contento e poderá durmir tranquilo.
Eu lle replicaba que a min ponme contento ter saúde e faime durmir tranquilo ver os meus pequenos felices cando lles dou un bico de boas noites. Aturamos a política porque é necesaria, pero, ao meu modo de ver, a entronizamos en demasía. Creo que, como maneira idónea e sadomasoquista de ter con que despelexarnos uns aos outros (actividade de especial predilección nacional), sobrevaloramos a política e a incorporamos con exceso ás nosas rutinas sociais.
Volvendo ao tío Roberto, se para el era a poesía o camiño liberador dos rigores do intelecto, para min éo esta bitácora (por certo, algún ano destes haberá que voltar á poesía, pero de momento acho que son malos tiempos para la lírica). Neste ciberespazo atopo o soaz de anotar os meus fragmentos sen ataduras (a que me soa isto?).
Na perspectiva do tempo que este establecemento leva aberto, teño adicado bastantes folgos á peneira de libros e autores, unha das cousas que máis me agrada, e non por veleidades de crítico (arreniéjote!) senón polo gusto sinxelo e humilde de compartir con quen me lea puntos de vista e impresións que, sexa só por propias e subxectivas, terán, digo eu, algún interese. Entre todas as publicadas nestes vai para catro anos, permítanme hoxe, e así mudamos o terzo temático dos últimos días a terreos menos espiñentos, antoloxizar catro, que, lidas tempo despois de teren sido redactadas, aparécenseme agora pintadiñas e bastante ben escritas (vanitas!!) ademais de me resultar gratas por iren dirixidas a especimes raros, extravagantes e pouco convencionais, características coas que, por razón que non alcanzo a determinar, comungo dun xeito case visceral. Son:
Carmilla, de Sheridan Le Fanu.
A conxura dos necios, de John K. Toole
A Biblia en España, de George Borrow, don Jorgito el Inglés.
Howard P. Lovecraft.
Malo, isto de empezar con antoloxías. Será que vou quedando sen saber que dicir? Se é así, será vostede o primeiro en sabelo. Antes muerto que sencillo.

1.3.09

1-M


No filme Parque xurásico, cando o T-Rex rompe o valado eléctrico, o matemático Ian Malcolm exclama: ¡como odio tener razón!
Item máis.