Sexa ou non apócrifa a
sentenza dos anos 80 atribuída a Bill Gates (“640 Kbytes deberan ser suficientes
para calquera”), o certo é que ninguén, nin os máis radicais gurús da
informática dos anos noventa, podería ter suposto a realidade da internet de
trinta anos despois. Levamos no peto un aparello de apenas 150 gramos que nos
conecta en tempo real con centos ou milleiros de persoas, ás que, reportaxe
gráfica incluída, contamos cousas tan apaixonantes como que imos comer unha
paella nun chiringuito cutre ou almorzar descafeinado de sobre cun cruasán. A
quebra máis absoluta da intimidade e discreción da nosa vida persoal, non só
alegremente admitida senón aínda alimentada con entusiasmo, é unha das características
máis nomeadas da existencia paralela nas redes sociais. Un veciño co que non
cruzamos palabra hai meses vivindo porta con porta obtén unha crónica detallada
dos nosos días (onde imos, con quen, que facemos…) pois é noso “amigo” (valente
amizade!) en FB. Tan liberal soltura en airear as cousas da nosa vida,
agardando a recompensa de que esas cousas ‘gusten’ ou ‘encanten’ a tutiplén
(algo, na verdade, pouco orixinal na historia da humanidade, anque agora na súa
forma global e hipertecnolóxica), non deixa de resultar paradoxal de termos en
conta a obsesiva protección dos datos persoais no mundo dixital, que mesmo
levou á redacción dunha lei específica (proba evidente do idiotas que, no
fondo, podemos chegar a ser).
No colectivo, tamén a
internet social contribuíu a este proceso progresivo e imparable de
agilipollamento. Non hai outra conclusión cando, no perfil dun atorrante
calquera, se ve un vídeo no que o susodito conduce o coche cos pés, e de todo sabemos
polo telexornal, no que se indica que tan ilustre personaxe está xa nas negras mans
da DGT. A carón de profesionais serios (social media managers, community
managers, redactores dixitais e SEO) que tiran da internet un proveito para as
súas empresas lexitimamente gañado, móvese unha periferia de carotas,
oportunistas e aproveitados que fan bo aquilo de que para que haxa listos ten
que haber parvos. Youtuber, it-girl, influencer… son as novas denominacións de
traballos para os que, non cabe dúbida, se esixe unha altísima cualificación.
Que un pipiolo de 19 anos reciba 20.000 euros por subir a instagram unha selfie comendo nun restorán é un dos signos
da apocalipse. Universidades do mundo: vaian pensando en ofertar o grao en
instagram.
No hay comentarios:
Publicar un comentario