28.5.18

Optimistas


Hai quen afirma que todo optimista é un pesimista mal informado. Porque a realidade é moi túzara, quen defende tal pensamento cre que cando se descobre a verdadeira cara das cousas  fica pouco, ou ningún espazo, para unha visión das mesmas construtiva e luminosa. Da miña nenez, lembro unha parella dos tebeos, don Óptimo e don Pésimo (da pluma do xenial Escobar, autor tamén de Zipi e Zape), e, dos marabillosos debuxos animados da factoría Hanna & Barbera, outra parella de animais humanizados (un león e unha hiena) non menos entrañable, Leoncio e Tristón, que representaban, de xeito cómico, o yin e o yang, o rostro amable e positivo da vida fronte ao lado escuro onde todo é malo, escuro, negativo. A expresión persoa tóxica púxose nos últimos anos de moda para designar, precisamente, o quintacolumnista disposto a traizoar a alegría, cercenar a esperanza ou poñer paus na roda a toda idea ilusionante en canto se lle presenta a ocasión, un especime que pulula por todo ámbito que vostede poida imaxinar (pense, pense, e de certo que coñece algún…). 
O certo e verdade é que os tempos non nolo poñen doado aos optimistas. Unha crise que arramplou con todo o que se poñía por diante; unha clase política que, lonxe de estar á altura, puxo por obra aquilo de a río revolto ganancia de pescadores e levou a corrupción a cotas inimaxinables; unha permanente erosión social de valores característicos (o compromiso, o esforzo, a integridade, o coidado do trato interpersoal, ata, se me apuran, a boa educación) foron o caldo de cultivo dunha sensación de derrota, rendición e ausencia de estímulo, se cabe, máis perceptible na xente da miña xeración.
Eu fun neno no franquismo das primeiras teles, os seiscentos e a tecnocracia; adolescente cando espichou Su Excelencia; mozo na Transición e os primeiros gobernos socialistas. Debuxei o meu mapa do mundo sobre a ilusión (ou, tal vez, o espellismo) dunha sociedade máis aberta e igualitaria e dun país co acelerador da modernidade pisado a fondo. Agora, a piques da sesentena, teño a sospeita (ou a convicción?) de que a peaxe desa ilusión foi demasiado alto e o apretón do acelerador un algo esaxerado. 
Pero non me faga vostede demasiado caso, que non quero poñerme estupendo. Seguirei sendo un optimista e atopando motivos para selo. Na miña, na nosa Universidade, por exemplo, está a piques de abrirse un tempo novo no que todos deberiamos loitar por recuperar a ilusión perdida, e este é un pensamento alentador. Porque os optimistas sempre vemos unha luz tras a que correr.

12.5.18

La manada



Disque o risco que corremos ao discutirmos cun parvo (algo que facemos, probablemente, máis adoito do que vostede cre) é que nos confundan con el. Por iso é un exercicio do que cómpre fuxir, malia que, especialmente no eido profesional, tal continxencia preséntase con teimuda reiteración e as máis das veces resulta inevitable. O malo da cousa é que, chegado un punto, e posta a contribución a nosa intelixencia, semella no termos máis camiño que enfrontar o parvo coa súa condición dirixíndolle unha aseveración directa do estilo de «Ti es parvo, de xeito que é inútil que entendas razoamentos sensatos», o cal, claro está, non pode facerse sen xerar unha fenda polo que, en tales situaciones, tiramos de diplomacia florentina e, como con suxestiva hipérbole expresamos en romance, hai que morder a lingua.
Pois o que digo dos parvos extrapólase a innúmeras peculiaridades da nosa pobre natureza humana. Non debéramos discutir nin trocar o sentido con violentos, con persoas tóxicas, con deprimentes especializados, con pesimistas crónicos, con vaidosos patolóxicos nin con machistas de regulamento, pois corremos o risco de que se nos confunda con eles.
O realmente molesto dos cinco antropomorfos coñecidos nos medios e redes sociais como La manada (un símil, por certo, inadecuado por irrespectuoso coa nobreza dun lobo, dun xabarín ou dun bisonte) é que se poida chegar a confundir un varón, polo feito de ser varón, con calquera deles. Sobre o dominio físico que calquera home pode exercer sobre unha muller (un dominio biolóxico de innobre uso), existe un imperativo categórico, moi doado de percibir e tan vello como o mundo: a contención do impulso sexual chegado un certo punto, un punto que, unha vez ultrapasado, sinala a diferenza entre un home íntegro e un sinvergonza que, non só tira proveito senón que fachendea da súa formidable condición de macho e rei do mambo. Estes cinco tipos, rapaces novos, dous deles servidores públicos coa misión de protexernos, poñen branco sobre negro o fracaso dunha sociedade contraditoria, na que a veneración pola denominada educación en valores colisiona violentisimamente co comportamento bestial de cinco individuos, desprovistos en absoluto dos valores máis elementais, e cos que ningún home de ben quere ser confundido. Que un profesor universitario se asome á impunidade dunha rede social dende a cociña da súa casa para xustificalos pon branco sobre negro algunha cousa máis, como, por exemplo, a cotización social da universidade dos nosos días.

30.4.18

Días de libro e letras


Como prístino produto dunha educación cocida ao lume do nacionalcatolicismo, cando cursei bacharelato, segundo os meses as clases de F.E.N. (Formación del Espíritu Nacional) xiraban en torno a certos acontecementos, xa inscritos na recente historia patria, xa nos cultos e liturxias da Igrexa. Así, por exemplo, en outubro o profesor da materia, recalcitrante falanxista, largábanos unha  abigarrada matraca sobre o discurso de José Antonio no Teatro da Comedia, unha matraca na que, por certo, trufaba moitas veces a palabra postulados, que a min me soaba a cousa branda, como algo doado de derreter (logo a vida aprendeume que, en efecto, os postulados dalguén son algo brando e doado de derreter).  En maio, a cousa viraba a unha cursilería de papaleisóns e floristas e facíannos cantar aquilo de venid y vamos todos con flores a María. En fin, en abril festexábase a fin da Cruzada e debiamos aprender de carrerilla o último parte de guerra (En el día de hoy, cautivo y desarmado…). 
Aquelas aulas de alienación ideolóxica, impartidas a varias xeracións de españolitos, resultaban (ademais de soporíferas) cálidas e domésticas como o bafo dunha vaca (hoxe os oligofrénicos con ganas de marcha radicalízanse en Twitter cunha tecnoloxía sofisticada) e, tal vez por iso mesmo, conseguiron o efecto exactamente contrario ao pretendido: formar lexións de insurrectos ao Réxime, dispostos a partirse os piños cos grises como venganza por ter soportado durante tantas horas os disparates de Onésimo Redondo, as batallitas dun camisa vieja e os postulados de Primo de Rivera, jr.  
A verdade é que no meu kit vital liberarme de tanta paparrucha levoume un telediario. Para min, en abril e no cercano maio verifícase unha das conxuncións máis gratas do ano (por suposto, perfectamente paganas): o sempre emocionante renacemento da natureza, tras o letargo invernal, e a consagración do cultivo das palabras en dúas datas sinaladas, o día do libro e o día das Letras Galegas. 
Á pregunta: que libro levaría a unha illa deserta?, a miña resposta sería ningún, pois ese libro, traumaticamente seleccionado de entres centos posibles, lembrariame, na soidade da illa, os centos de universos, personaxes, historias e sensacións contidas en páxinas que, ai!, nunca podería recuperar. Os libros, as letras, as palabras, dar forma aos libros, ás letras e ás palabras son a miña vida, a miña particular illa deserta, onde nada boto en falta pois alí está todo.