Como
prístino produto dunha educación cocida ao lume do nacionalcatolicismo, cando
cursei bacharelato, segundo os meses as clases de F.E.N. (Formación del Espíritu Nacional) xiraban en torno a certos
acontecementos, xa inscritos na recente historia patria, xa nos cultos e
liturxias da Igrexa. Así, por exemplo, en outubro o profesor da materia,
recalcitrante falanxista, largábanos unha
abigarrada matraca sobre o discurso de José Antonio no Teatro da
Comedia, unha matraca na que, por certo, trufaba moitas veces a palabra postulados, que a min me soaba a cousa
branda, como algo doado de derreter (logo a vida aprendeume que, en efecto, os
postulados dalguén son algo brando e doado de derreter). En maio, a cousa viraba a unha cursilería de
papaleisóns e floristas e facíannos cantar aquilo de venid y vamos todos con flores a María. En fin, en abril
festexábase a fin da Cruzada e
debiamos aprender de carrerilla o último parte de guerra (En el día de hoy, cautivo y desarmado…).
Aquelas
aulas de alienación ideolóxica, impartidas a varias xeracións de españolitos,
resultaban (ademais de soporíferas) cálidas e domésticas como o bafo dunha vaca
(hoxe os oligofrénicos con ganas de marcha radicalízanse en Twitter cunha tecnoloxía sofisticada) e, tal vez
por iso mesmo, conseguiron o efecto exactamente contrario ao pretendido: formar
lexións de insurrectos ao Réxime, dispostos a partirse os piños cos grises como venganza por ter soportado
durante tantas horas os disparates de Onésimo Redondo, as batallitas dun camisa vieja e os postulados de Primo de
Rivera, jr.
A verdade é
que no meu kit vital liberarme de tanta paparrucha levoume un telediario. Para
min, en abril e no cercano maio verifícase unha das conxuncións máis gratas do
ano (por suposto, perfectamente paganas): o sempre emocionante renacemento da
natureza, tras o letargo invernal, e a consagración do cultivo das palabras en
dúas datas sinaladas, o día do libro e o día das Letras Galegas.
Á pregunta: que libro levaría a unha illa deserta?,
a miña resposta sería ningún, pois
ese libro, traumaticamente seleccionado de entres centos posibles, lembrariame,
na soidade da illa, os centos de universos, personaxes, historias e sensacións
contidas en páxinas que, ai!, nunca podería recuperar. Os libros, as letras, as
palabras, dar forma aos libros, ás letras e ás palabras son a miña vida, a miña
particular illa deserta, onde nada boto en falta pois alí está todo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario