10.4.18

Maldito teefeéme

Na primeira longametraxe pornográfica da historia do cine, unha moza cun curioso defecto conxénito na súa anatomía consegue a plena satisfacción sexual grazas á rendibilidade que tira do seu defecto (aínda que, neste caso, resultaría bastante chusco afirmar que fixo do seu defecto virtude, pois virtude, stricto sensu, a moza tiña máis ben pouca…). Esta película, rodada en 1972, cuxos custos de produción foron de 50.000 dólares e que recadou más de 600 millóns, chamábase, en honra da zona anatómica afectada, Garganta profunda, un éxito de público que amosa ben ás claras o moito que lle poñen á peña as truculencias e extravagancias. 
Pouco despois, e facendo gala dunha ironía moi WASP, o título do filme foi troquelado para designar o informante, un axente do FBI, que anonimamente puxo en antecedentes dous xornalistas do Washington Post, quen, finalmente, destaparon un dos máis soados escándalos políticos do século XX, o Watergate, que fixo caer o presidente Richard Nixon. Por extensión (ou por colonización cultural, vaia usté a saber), dende entón no argot xornalístico se lle chama garganta profunda a calquera gorxa que, como no salmo, de profundis larga o necesario para lle buscar a ruína a alguén, sempre que atope un xornalista con dous pares de narices ou ganas de notoriedade.  
Un garganta profunda de moda nestes días é o que lle chantou a certo medio de comunicación unha xugosa información sobre certa presidenta e certo máster, asunto que ten soliviantado o país dende semanas. Pero lonxe da dimensión monumental, exemplar e case heroica do Watergate, nun país, no que, como dicia don Ramón de las barbas de chivo,  «el cielo es una kermés sin obscenidades, a donde, con permiso del párroco, pueden asistir las Hijas de María», o escándalo que destapou o noso doméstico garganta profunda é unha historieta de guiñol, vulgar e trufada de mezquindades, na que un fulano agredido na súa vaidade (e acaso tamén no peto) decide unha vendetta a tutiplén. O que vén despois é a bóla de neve de regulamento nestes casos e neste país de traca: unha política que mente como unha bellaca (cousa rara!), funcionarios presionados, actas falseadas, traballos académicos que non aparecen, reitores que un día lembran e outros non… 
Entre 2004 e 2010 titoricei unha trintena de traballos fin de máster no máster propio e logo posgrao oficial en edición da Universidade de Santiago. Gardo magnífica memoria de cada un deles e de cada alumna ou alumno que, con grande esforzo, os idearon e redactaron. Ora, ademais de magnífica memoria, gardo tamén unha copia de cada traballo nas tripas do meu ordenador. Porque o que garda sempre ten.

No hay comentarios: