O suxestivo
testemuño de dous viaxeiros anglosaxóns pola España da primeira metade do
século XIX, George Borrow, de nación británica, e George Ticknor,
norteamericana, coincide, entre outras cousas, nunha peculiaridade nacional que
aos dous afoutos turistas chamou poderosamente a atención. Esta peculiaridade é
a nomeada tendencia patria ao autodesprezo do propio e a admiración desmedida
do alleo, como se todo o feito, pensado, dito ou producido dos Pireneos para
abaixo fose por sistema peor, máis vulgar, ramplón ou innobre que o feito,
pensado, dito ou producido ao norte de tan áspero cordal. Eu creo que esa
percepción, tan criticamente sentida por espíritos intelixentes como os de
Borrow e Ticknor (ah, os clásicos!), segue vixente na España contemporánea para
quen dispoña dun ánimo minimamente observador. Certo é que, tras debullar as
novas do día no telexornal, un vese forzado a crer que o país non é,
precisamente, para botar foguetes. Lémbrame unha viñeta (creo que do finado
Forges), na que, nun bar, un pai cun neno no colo dille ao fulano da mesa veciña: «Poña,
por favor, o xornal para outro lado, que me está facendo chorar o neno». Pero
tampouco é para tanto. Por exemplo, no eido que profesionalmente me resulta
máis coñecido, creo que empeza a ser un chisco trasnoitado o argumento de que
todo o que está en inglés é académica e cientificamente mellor ca o que está en
español, un idioma que falan máis de 600 millóns de seres humanos, que algo
valerá, digo eu. O problema reside, creo eu, non tanto en sobrestimar o que se
fai fóra canto en non valorar o que facemos dentro, unha valoración para a que resulta
imprescindible a confianza colectiva e a crenza fanática no labor de equipo,
actitudes socioprofesionais nas que, aqui si, as culturas anglosaxonas nos
levan franca vantaxe. Aínda así, de cando en vez, reconforta comprobar que en
todas partes cocen fabas.
Hai ben
poucos días, unha colega e mais eu tivemos a constatación de que, fronte a un
traballo de transmisión informativa perfectamente elaborado pola nosa parte,
unha prestixiosísima multinacional da avaliación académica facía augas por
todas partes, do desbaraxuste organizativo que un caótico fluxo desa
comunicación evidenciaba. Son momentos de orgullo, íntimo e humilde, no que dan
ganas de preguntar: pero non era que Spain
is different? A ver se vai resultar que, ao cabo, differents somos un pouco todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario