Hai quen afirma que todo optimista é un pesimista mal informado. Porque
a realidade é moi túzara, quen defende tal pensamento cre que cando se descobre
a verdadeira cara das cousas fica pouco,
ou ningún espazo, para unha visión das mesmas construtiva e luminosa. Da miña
nenez, lembro unha parella dos tebeos, don Óptimo e don Pésimo (da pluma do
xenial Escobar, autor tamén de Zipi e Zape), e, dos marabillosos debuxos
animados da factoría Hanna & Barbera, outra parella de animais
humanizados (un león e unha hiena) non menos entrañable, Leoncio e Tristón, que
representaban, de xeito cómico, o yin e o yang, o rostro amable e positivo da
vida fronte ao lado escuro onde todo é malo, escuro, negativo. A expresión persoa tóxica púxose nos últimos anos de
moda para designar, precisamente, o quintacolumnista disposto a traizoar a
alegría, cercenar a esperanza ou poñer paus na roda a toda idea ilusionante en
canto se lle presenta a ocasión, un especime que pulula por todo ámbito que
vostede poida imaxinar (pense, pense, e de certo que coñece algún…).
O certo e verdade é que os tempos non nolo poñen doado aos optimistas.
Unha crise que arramplou con todo o que se poñía por diante; unha clase
política que, lonxe de estar á altura, puxo por obra aquilo de a río revolto ganancia de pescadores e
levou a corrupción a cotas inimaxinables; unha permanente erosión social de
valores característicos (o compromiso, o esforzo, a integridade, o coidado do
trato interpersoal, ata, se me apuran, a boa educación) foron o caldo de
cultivo dunha sensación de derrota, rendición e ausencia de estímulo, se cabe,
máis perceptible na xente da miña xeración.
Eu fun neno no franquismo das primeiras teles, os seiscentos e a
tecnocracia; adolescente cando espichou Su Excelencia; mozo na Transición e os
primeiros gobernos socialistas. Debuxei o meu mapa do mundo sobre a ilusión
(ou, tal vez, o espellismo) dunha sociedade máis aberta e igualitaria e dun
país co acelerador da modernidade pisado a fondo. Agora, a piques da sesentena,
teño a sospeita (ou a convicción?) de que a peaxe desa ilusión foi demasiado alto
e o apretón do acelerador un algo esaxerado.
Pero non me faga vostede demasiado caso, que non quero poñerme estupendo. Seguirei sendo un optimista e
atopando motivos para selo. Na miña, na nosa Universidade, por exemplo, está a
piques de abrirse un tempo novo no que todos deberiamos loitar por recuperar a
ilusión perdida, e este é un pensamento alentador. Porque os optimistas sempre
vemos unha luz tras a que correr.
No hay comentarios:
Publicar un comentario