23.11.10

Agasallo de hoxe

Recibo vía e-mail un convite para certa velada poética a celebrar en Campinas, Sao Paulo, Brasil. Sinto esa insoportable levedade, etc, pensando no muito que gostaria... En fin. Na carta de convite inclúese unha redondilha, que me deixa estupefacto. Transmite un pensamento lateral, unha desas chispas de xenio poético que leva a preguntar: como non se me ocorreu antes? Di:
Quando tinha cinco anos
disse a criança de sete
descobrindo a nostálgia.
Poeta é o que conmove. Nin máis nin menos.

16.11.10

Ímola virando

A edición, toda a edición móvese hoxe entre unha disparidade de criterios que por veces chega ao desasosego. Non resulta doado decidir entre as inercias do pasado e as esixencias do futuro, sobre todo cando estas non se amosan de xeito claro. A iso sumo eu o adn propio das universidades. Temos un papel didáctico, de transmisión dos soportes do coñecemento a xeracións permanente renovadas. Nas nosas aulas, cos nosos manuais e monografías fórmanse os nativos dixitais de hoxe. Os do futuro farano en breve. Persoalmente, non me cabe dúbida de que imos progresivamente cara, xa non a un soporte físico diferente do libro impreso, senón a unha interfaz de lectura radicalmente distinta: a solidez do libro impreso e o seu sucedáneo .pdf/ePub/ebook terá que ir licuándose en unidades de lectura hipermedia, un espazo de interactuación co soporte -cada vez máis levián e fluído, pero ao tempo cada vez máis poderoso- que é o territorio onde viven comodamente os estudantes actuais. Onte, cando vin chegar do colexio o meu fillo adolescente cunha mochila cargada con oito libros que importaban os seus bos seis quilos de peso tiven unha visión do futuro.
O camiño non é doado, onde se dixo que o doado fose excitante? De momento, ímola virando. O caso é non perder comba.
Fotos da XXIX Asemblea da UNE.
Entrega dos XIII Premios de Edición Universitaria.

8.11.10

Luns de outono

Malia que esta semana ando máis liado ca a pata dun romano, a min o meu blog seméllame un geranio nun tiesto: se non o regas morre redondo. Xa que logo, aínda que sexa apenas como relanzo mental despois de tanto rigor académico, aí vai un pensamento vagamundo.
Quixera falar de cousas con mala fama que non teñen culpa ningunha. Por exemplo, o luns, o día da semana (despois do muermingo) máis odiado, deostado, e vilipendiado. Maldito luns, puto luns, cajonolunsdediós, por aquí sobrevivindo ao luns... oése o luns no café. Culpa terá o pobre luns de vir despos da finde! Eu coñezo un tipo -militante no máis radical optimismo- que di que o malo dos venres é que xa anda máis preto o luns. Hai que joderse. Al respective, lin hai pouco unha fórmula que lles recomendo: Non é Qué día teño. É Qué día quero ter. A min vaime funcionando, non crean.
O mesmo que lle pasa ao luns lle pasa ao outono. Como vivimos a golpe de caixa tonta e topicazos de Corte Inglés, o outono é o paraíso da síndrome postvacacional, da insoportable lonxanía do próximo verán, da lembranza de churrascos, sardiñadas, verbenas e outras horteradas estivais, da vuelta al cole, dos fascículos e do cambio de hora. Logo anda un medio mes aparvado, preguntando pola vella ou pola nova? Pobre outono.
Eu, xa ven, adoro o outono, as cores do outono, o cheiro a bosque e fume do outono, o doméstico e case materno sosego do outono, o silencio capturado nas pólas baldeiras e na pátina mol das follas secas, un silencio que semella acubillarse no tobo en espera da vindeira luz. O outono nas selvas de Galicia-Broceliande é do mellor que a inmensa deseñadora que é Natura pode servirnos. O malo é traballar, claro. Pero, para outonos jodidos, que lle pregunten aos porcos. Non se consola o que non quere.

4.11.10

Merlín e familia

Un dos efectos máis notables que lembro do lisérxico é a vivísima sensación de verse un a si mesmo desde fóra. Onte, sen necesidade de recorrer aos riscos de paraísos artificiais hoxe venturosamente esquecidos, revivín, de xeito máis sereo e acaso erudito, aquela máxica vivencia. Participei con Ali, Arantxa, Morgana, Carlos e Roberto na tertulia literaria de O sombreiro de Merlín en Radio Obradoiro. Risas, complicidade, amor polas letras, reflexión, anécdotas, lembranzas, analise e bromas mesturáronse dun xeito absolutamente harmónico.
Eu non me teño por escritor, pois tal vitola, ademais de comportar unha certa adicación profesional na miña opinión, fáiseme un pouco elevada e ostensosa á miña modesta condición de artesán das palabras. Con todo, na hora escasa de duración dunha tertulia que tivo a miña obra (e de paso sinto estar utilizando un léxico desproporcionado) como centro de atención, non puiden evitar esa visión dende fóra, que eu evocaba de psicodelias pasadas. Ler a outros cousas que escribiches para ti ten ese xermolo de outredade, que provoca estrañeza e lonxanía do escrito, case como se fose de outro.
En referencia ao texto da lapela do meu poemario Ruínas e tamén á breve mancheta que obra baixo o título desta bitácora, Ali dixo que lle gustaban moito as miñas presentacións. Eu retruquei que me daría por satisfeito se lle gustase máis o que segue.
Por certo, a tertulia emítese o sábado 6 ás 12:00. Pero ao mellor está vostede en misa, no Obradoiro. É mal día.

31.10.10

Las ratas

É curioso como a literatura, e aínda outras creacións intelectuais, se permean inevitablemente do contexto humano e físico na que nacen e se desenvolven. Creo que foi a Félix de Azúa a quen lle lin que todos os grandes filósofos europeos do racionalismo para acó eran nórdicos, melancólicos e enfermos de pulmón. Imaxina vostede a Kierkegaard vivindo en Ibiza ou a Schopenhauer na costa azul? De certo que as neves e o silencio, as brétemas eternas e os solpores prematuros das latitudes boreais explican boa parte do estado de profunda reflexión, preciso para desenvolver certos sistemas metafísicos.
Só cando un atravesa os infindos trigais da Terra do Pan ou as chairas ilimitadas, como mares sólidos, das provincias centrais chega a captar todo o senso poético de Campos de Castilla, de don Antonio. Unha novela, pequena de dimensión -case é un conto grande-, pero xigante no seu alcance, é Las ratas (1962) de Delibes. En poucas ocasións, creo eu, a rexa austerirade castelá, seca como a mojama, ten acadado unha tal simbiose cun relato; narrador e personaxes fúndense nun todo compartido: a crúa invernía e o inferno do estío mesetario; a comuñón cunha natureza inhóspita e ingrata; a latitude tráxica de vidas marcadas polos instintos primitivos e a monotonía, pola paisaxe, infinda de chairas, ruda de ceos atónitos e baldeiros de expresión. Así é que narración, narrador, paisaxe, tempo e personaxes transcenden a súa propia dimensión, e aínda a dimensión pechada -a novela de cento e pico páxinas- na que o seu autor os meteu, para proxectarse nunha peripecia atemporal, sublime e universalmente representativa diso tan complexo que é o ser humano.

26.10.10

Bitácora do día


Fiel ao compromiso de predicar o meu evanxelio noutras catacumbas, hoxe estarei aquí.

23.10.10

Media ducia de rosas vermellas

Deshumanización, automatismo, urxencia crónica, desconfianza social, aceleración permanente, agresividade, intolerancia... contra ese selecto elenco de características da vida urbana moderna reaxe o movemento slow, ao que me refería eu hai un tempo.
Vivimos nun tempo de semánticas ad hoc, nun tempo en que ao recreo de toda a vida se lle chama, polo visto, segmento de lecer. Abonda con que un psicólogo imaxinativo e máis ou menos desocupado tire do sombreiro, cal coello de taumaturgo, unha semántica propia e lla aplique ao sintagma síndrome postvacacional para que a tradicional jodienda de empezar a traballar de novo tras o verán vire socialmente o SPV: un mal endémico, de clarísima etioloxía, que afecta a un (poña vostede a porcentaxe) da poboación e, por suposto, susceptible de atallarse con algún fármaco específico ou, caso contrario, motivo máis que suficiente para unha incapacidade laboral transitoria, vulgo baixa.
O tal movemento slow cobre, dende as latitudes anglosaxonas -que semellan dar valor a caquera patochada- a semántica ad hoc de algo que, na miña opinión, e en Compostela cando menos, coñecemos ben, ao mellor por seguir sendo, como dixo Pedrayo, a meirande aldea de Galicia. O fascinante dativo ético ou de interese combinado con lexicalismos locais, todo ornado, cal capa de azúcar glas, con apelativos especialmente enxebres ofrece pérolas coma ésta, cando, nunha mercería da Algalia, solicitamos da dependenta un certo tipo de botón: Ay, mi rey, es que yo este botón no lo trabajo. Este botón te lo tienen en una mercería que hay en el Preguntoiro, no sabes? Fronte á pijotería e distancia impostada dun polligildo (o palabro é invención dun amigo) de El Corte Inglés, a cercanía, humanidade e pringosa calidez do trato no comercio compostelán de toda a vida, a min, ademais de encherme de emoción, seméllanme un patrimonio tan digno de conservación como o chocolate raposo, a casa da collona ou o arco de Mazarelos.
Busco en google "Interflora Santiago", pois quero agasallar a alguén con media ducia de rosas. O buscador rebótame dez ou quince floristarías. Selecciono a que me acomoda máis. Pincho o teléfono, agardo, resposta unha voz feminina con ese deixo deliciosamente compostelán, me presento, transmito a miña solicitude e máis o texto da tarxeta... e a boa da señora ía dar por finalizada a conversa e case colga. Estrañado pregúntolle:
-Mire, señora, e como fago para pagar?
-Ay bueno, no se preocupe, ya pasará usted por aquí cuando pueda.
Colguei, aspirando aire, bosquexando un sorriso inevitable, absolutamente reconciliado co xénero humano.

20.10.10

Digital divide

O magnífico limiar que o meu caro amigo e vello mestre Darío Villanueva redactou para a tradución galega d’A galaxia Gutenberg ―próxima a publicarse dentro da nosa colección de Clásicos do Pensamento Universal en coidada tradución de Xosé Manuel Outeiriño― fixome reflexionar sobre un acontecemento recente. Refírese Villanueva, entre outras moitas cousas, á evolución terminolóxica que se experimentou no eido das técnicas (ou tecnoloxías, que hai para gustos) da comunicación dende o texto de MacLuhan ―publicado en 1962―, evolución que testemuña no léxico os propios vieiros da eclosión planetaria da comunicación global: do propio clixé galaxia Gutenberg, tan socorrido ―mesmo para o bautizo deste recuncho de reflexión― ata o concepto global village, nunca tan acaído coma hoxe, pois a aldea ecuménica na que vivimos non deixou, dende o pasamento de MacLuhan en 1980, de medrar e globalizarse. Entre a fin da Marconi Constellation, da que os tv children eran vangarda para MacLuhan, aos digital children do gurú Negroponte e, finalmente, ao concepto de nativo dixital, troquelado por Marc Prensky e no que hoxe nos movemos, transitan, máis ou menos e sempre co retraso imputable ao ostracismo franquista, os anos que eu, nacido en 1960, conto. Pode dicirse, polo tanto, que vin a luz na transición da constelación Marconi: lembro, en efecto, da miña primeira nenez unha vella e fermosísima radio Atwater Kent, indubidable protagonista «mediática» da vida dos meus maiores, pero á que eu concedín xa pouca importancia, pois a tele, un rechoncho mamotreto de madeira con grosos botóns aos lados e unhas antenas impoñentes como a cornamenta dun venado, arrogouse para a sociedade na década dos sesenta a absoluta preponderancia, poñendo os alicerces da súa omnipotencia actual. O progresivo ingreso na condición dixital, fronte á analóxica, xa me colleu coa nenez un pouco pasada, pois a primeira vez que sentei diante dun ordenador tiña 25 anos cumpridos. Hoxe, pai de dous adolescentes, podo dicir, con toda contundencia (e sei o que digo), que teño un par de nativos dixitais na casa. Moitas veces teño invocado o privilexio ―non só como editor senón como cidadán do mundo― de ter sido testemuña desta apaixonante evolución. Pero creo ―e a iso me refería arriba cando falaba dun acontecemento recente― que non todo o mundo o percibe así. Coincido plenamente co prologuista de MacLuhan en que cando se fala da digital divide, da fenda dixital, alúdese á diferenza discriminativa e insalvable no aproveitamento das novas tecnoloxías entre os distintos países, pero non menor importancia representa a fenda dixital entre xeracións, algo que se aprecia con especial teimosía no ámbito educativo, desde as escolas primarias até as universidades.
O acontecemento ao que me refería hai un anaco e ao comezo deste post tivo orixe nunha chamada de teléfono, a hora temperá dun luns, cando, como pide a lei de Murphy, adoitan ocorrer tales cousas. Unha voz de muller, trémula e airada, tras presentarse como profesora de certa facultade e participarme os horrores dunha noite de insomnio orixinado nunha insoslaiable congoxa, me solicitou, en canto responsable da editorial universitaria, que retirara sen dilación a súa tese de doutoramento de Google Books. Tras indicarlle, nun exercicio de paciente explicación técnica involuntariamente entorpecido pola somnolencia e as lagañas matutinas, que Google Books só unha procentaxe limitada dos textos aloxados; que todos incorporan unha marca de auga coa mención da titularidade dos dereitos; que, en calquera caso, estes estan nin máis nin menos garantidos que na edición impresa, e que, sobre todos estes supostos, a invitaba a reflexionar sobre as evidentes vantaxes de que a súa investigación tivese unha difusión automática e universal, a miña interlocutora aludiu confusa e nerviosamente a un conxunto de factores que me convenceron, no breve lapso da nosa conversa, de estar falando cunha persoa da outra banda da fenda dixital, incapaz, tal vez por idade ou por outros parámetros que non son quen de penetrar, de ver en Google e a internet máis ca a ora leonis, a boca dun averno proceloso ou babilonia informe onde todo latrocinio ten asento.
Hai dez anos, nun artigo que viu a luz en Grial, eu reivindicaba, contra o binomio analóxico-dixital de Negroponte, o dereito de todo cidadán a non lavar o coche o domingo, carecer de conexión a internet ou ignorar como se abre un CD-ROM. As cousas mudaron moito e xa non estou agora tan seguro do que dixen entón, cando fenda dixital era un concepto inexistente. Na actual encrucillada de incertezas semella claro, non obstante, que non hai que temer ás eleccións pois sempre cabe unha posibilidade: tender unha ponte, ou máis se fora o caso, entre as dúas bandas da fenda e transitar por ela tranquilamente e sen mirar abaixo.

17.10.10

Crítica un pouco parda

Lembro, e talvez vostede tamén o lembre, un personaxe de La colmena celiana, literato bisoño e aínda ilusionado, que, en tanto non atopa editor, anda dándolle voltas ao orixinal da súa primeira novela acerca de cómo titulala: El destino ou Destino, e abofé que existe boa diferenza entre a presenza ou a ausencia do artigo.
Todo editor sabe que unha das operacións máis delicadas no delicado e complexo proceso de produción dun libro é acertar cun título, que non só reflicta de xeito fiel o contido do mesmo senón que o faga dun xeito retador, estimulante e atractivo. Se as señoras lectoras me perdonan o símil un chisco procaz, eu creo que o título dun libro debe ser como a lencería máis picantona: provocativo máis polo que tapa, e polo tanto incita o maxín, ca polo que amosa. Especialmente na edición científico-técnica anóxanme os títulos longos e ampulosos que, sobre unha estéril e pouco intelixente explicitude, pretenden convencer ao lector en tres ou catro liñas da profundidade e completitude do tratado que así bautizan. Imaxinan pedir ao libreiro Introducción a la estructura, tratamiento y rentabilidad funcional de los polisistemas literarios en la ensayística constructivista francesa contemporánea?
Habendo, en punto a títulos, unha casuística universal e inatinguible, é nomeada a predilección de autores de todo tempo e latitude por títulos baseados no esquema FN[Det+N+Mod] ―disculpe vostede o tecnicismo sintáctico, pero así repasa a gramática, que seguro que non lle vén mal―, sendo, claro está, N un substantivo; normalmente Det un artigo ―máis frecuentemente determinado―, e Mod xa un adxectivo, xa unha FPrep. Aí vai unha rea deles, que, para o caso, me veñen á cachola: Los girasoles ciegos; El corazón helado; Las máscaras del héroe; The Third Person; The Remains of the Day; The Western Canon; O porco de pe; La caccia di Diana; Les mystères de Paris; The Tapestried Chamber; As crónicas do sochantre; O dómine indómito; The Bible in Spain; Die verlorene Ehre der Katharina Blum; Os escuros soños de Clío; The Whitered Arm; A rolda invisible; The Fiddler of the Reels; The Grave by the Handpost; La pell freda; A orella no buraco; The Hound of the Baskervilles; The Cask of Amontillado; Der Ring des Nibelungen; A muller de ferro; The Merry Wives of Windsor; Nesnesitelná lehkost byti [A insoportable levedade do ser]; Las inquietudes de Shanti Andía; The Lost Language of Cranes; Les fleurs du mal; O asasino estrábico; Il nome della rosa; The Ghost Pirates; La casa de los espíritus; The Fall of the House of Usher; La lucha por la vida; La familia de Pascual Duarte Tal predilección é lóxica, pois o mundo, a realidade que nos arrodea é substantiva, e substantivos son as palabras precisas para transmitila. O artigo determinado focaliza o substantivo e o modificador engádelle matiz, modúlao.
Toda modificación neste esquema confire ao título da obra, creo, unha personalidade máis específica, unha subxectividade propia do autor destilada nun enunciado arbitrario que foxe conscientemente da convencionalidade: When We Were Orphans; Last Orders; En el norte hay un mar que es más alto que el cielo; Fragmentos de apocalipsis… No que a min mesmo fai, e emulando ao novelista novato de don Camilo, no meu primeiro poemario (e é de advertir que só publiquei dous) dubidei moito entre As ruínas e Ruínas. Ao cabo, igual ca o autor de Destino, optei por eliminar o artigo, pois así ficaba a cousa máis poética, indefinida, bretemosa, inquedante. Supoño que igual de pesimista, pero... onde se escribiu que un poeta deba ser optimista?

14.10.10

Rutas da vida

Noutro recanto deste local, e por razóns que agora non veñen moi ao caso, referíame eu ás vicisitudes, dificultades e íntimas traxedias a que se veu sometida a miña familia na nosa guerra, e a cómo, na posguerra, os seus membros, meus devanceiros, houberon de aclimatarse como boamente puideron ás novas circunstancias que impuxo, a ferro e lume, o glorioso movemento nacional. Teño reflexionado e cambiado pareceres con moita xente acerca do particular e penso, sinceramente, que acadar un certo estado de felicidade baixo a férula dun réxime político tan noxento non deixa de ter o seu mérito. Pero supoño que a nosa obriga ética como humanos é sermos o máis felices que poidamos, e só baixo este convencemento podo interpretar a evolución posterior a 1936 do meu grupo familiar. Ao respecto, unha carta que Fermín Bouza Brey- entre 1930 e 1942 xuíz da Estrada, onde meu avó Mario, republicano de Casares, exercía de Secretario do Xulgado-dirixe ao meu pai en 1959, co gallo do nomeamento deste como alcalde da vila, destila, alén da cortesía e a lóxica ledicia dun amigo, a fonda amargura de quen entende ao cabo que, non habendo outra vida, a que a el lle tocou vivir é a do sometido, a do escravo dunhas circunstancias que lle repugnan. A carta, próxima a ser dada ao prelo para a nosa Miscelánea de historia e cultura estradense, di no seu primeiro parágrafo:
Querido Marito:
Pra min ainda eres aquel rapaz afectuoso e pensatibre que eu conecín nos anos amergurados pra quen che deu o ser. Por iso hoxe, en que me veñen á lembranza todos aqueles dos teus que se foron pra sempre, grandes espíritos eles, chámote "Marito" como entón. Si eles vivisen verían no teu nomeamento de Alcalde o trunfo do ben sobre da ruindá, da honradez sobre da rapiña, do espírito sobre da materia. Dempois de dar a volta a roda das inmundicias, a agulla parouse no que trunfa sempre: a bondade, a lealdade, o traballo de boa lei.
Imaxino que a meu pai, en paz estea, lle humedeceron os ollos lendo estas verbas. A min me humedecerían.

12.10.10

Día da Hispanidade

Hai un chiste sobre a utilidade social dos economistas. Conste que, lonxe do meu ánimo polemizar, a min contoumo precisamente un economista. A cousa é que o primeiro economista certo da historia foi Cristóbal Colón, pois, cando saíu do porto de Palos, non sabía a onde ía; cando chegou a América, non sabía onde estaba, e fíxoo todo cunha bolsa do Ministerio.
Polo visto, agora os republicanos cataláns len a Frei Bartolomé de las Casas, da Orde de Santo Domingo, e interpretan a hispanidade como a conmemoración dun xenocidio. Supoño que lembrarlles que a historia da humanidade é a historia dun continuado xenocidio non serve de nada.
Que facer nun país onde o exercicio cotián máis estendido é coller o nabo polas follas? Por veces, síntese un tan canso, tan canso...

8.10.10

E máis tecnoloxía: o B.O.O.K. (demo)

O curioso deste vídeo que me fai chegar unha boa amiga é que dramatiza un texto que eu xa publiquei, traducido do inglés orixinal en que me chegou a través da rede, hai cinco anos. Serei, como o Xeremías do Pórtico da Gloria, profeta sen sabelo? Ou será, máis ben, que hai cousas que se ven vir?

5.10.10

Foguete Blanco. Motor Feijoo

Malia que o dicionario a rexistre no seu valor cosmonáutico, a voz foguete é unha desas palabras dotadas dun virtuema (é dicir, dun conxunto de semas virtuais non relacionados co seu valor primario senón coa súa percepción social) que dificilmente se pode facer equivaler ao castelán cohete. Foguete ten moito que ver con fogueteiro, unha profesión case proverbial nun país onde sen pólvora non hai festa. O valor de ‘rapidez’ e mesmo de certa ‘efemeridade’ conceden ao vocablo a facultade de traspasarse a toda sorte de velocidade (v. gr. ía como un foguete) e aínda a unha certa forma acelerada de sexo (v.gr. botar un foguete) e a quen a practica (v.gr. un fogueteiro de primeira). De xeito tal que sintagmas como un foguete supersónico ou o foguete que transporta a lanzadeira fan pensar nun donjuán cunha axenda amorosa apretadísima ou no Columbia transportado por unha bomba de palenque.
Eu creo que cando os señores voceiros do partido da oposición en Galicia se refiren ao señor ministro de Fomento como o foguete Blanco incorren nunha dupla inconveniencia, unha de lesa tradución e outra de intención, mutuamente interrelacionadas. Teño para min que cando o señor Blanco, en comparación co motor Feijoo, dixo que el era un cohete é evidente que se refería a un cohete dos de verdade (tipo Sputnik, Soyuz, Apolo ou por aí) e non á especie, vulgar e prosaica, á que pertence o foguete do país. Digo eu.

3.10.10

Input e output

Dicía don Pablo Ruiz malagueño que a el as musas sempre o pillaban traballando. Modestamente, eu creo que este noso é un país onde oito badúan e dous curramos. Quero dicir (e teño in mente a unha boa ducia de grandes "presenteiros" da cultura patria) que hai quen se dedica, comó actividade cotiá, a transitar polos mass media, proporcionando ao usuario dos mesmos -normalmente proclive á credulidade- a sensación de estaren ocupadísimos en proxectos que, curiosamente, sempre rematan en nada. Demasiado input para tan pouco output. E hai tamén quen, con desprezo ou ignorancia do ouropel, nos dedicamos a traballar arreo en proxectos, tal vez de menor trompeta e fuste, pero que, cando menos, se concretan en materia real. Aquí vai un, por ventura xa consolidado. E aquí vai outro, bonito de verdade, e chamado a medrar de xeito indefinido.
Nestes meus fragmentos, pasa como na pension de La Colmena celiana: non haberá moito de comer nin será de moita calidade, pero xantamos todos do mesmo: do que hai.

28.9.10

Divina infamia

Actualmente non hai personaxes malditos. Hai, todo o máis, sinvergonzas execrables, como os que hoxe se exhiben na "pasarela" marbellí, ou galopíns de pouco pelo, como aquel exdirector do Benemérito corpo que alternaba o recurso á deusa branca con piculinas de acento estepario. Un auténtico maldito é un tipo cun código ético inverso á ética reputada por socialmente desexable pero cun código ético, a fin de contas, que, en ocasións defende à outrance. O "atroz redentor Lazarus Morell" e os restantes compinches na ignominia que o cego Jorge Luis reuniu na Historia universal de la infamia representan ao meu modo de ver o paradigma dos depravados heroicos, fermosos, disolutos e feroces como unha tigresa en celo e, ao igual ca a felina, por completo carentes do máis sentido do escrúpulo.
Na panoplia da historia particular da infamia hispana, creo que Pedro Luis de Gálvez ten un lugar de destacamento. Dá noticia de tan senlleiro personaxe Juan Manuel Bonet no seu magnífico e documentado Diccionario de las vanguardias en España (1907-1936) : Poeta y narrador de vida errante y personaje que alcanzó gran notoriedad dentro del hampa literaria madrileña de las tres primeras décadas del siglo; su fama se inició con una estancia en el penal de Ocaña. Gálvez, expresidiario, virulento, pobre crónico, dipsómano, bohemio, mereceu unha silueta de Apollinaire, o que aínda acrecentou a súa fama e o seu malditismo.
Con extraordinario oficio e facendo gala dunha artillaría lingüística hipertrofiada de brillantes metáforas sen parangón nas letras hispánicas contemporáneas, Juan Manuel de Prada adopta a figura de Gálvez o maldito como fío condutor da torturada historia desta vella pel de touro dende os comezos de século ata a Guerra civil na súa, para min, monumental novela de significativo título Las máscaras del héroe (Valdemar, 1997). Dividida en dúas partes, "Museo de espectros" e "La dialéctica de las pistolas", Prada dramatiza perante o lector, nunha sorte de esperpento escatolóxico ou guiñol alucinante, o tráxico patio de Monipodio que foi a sociedade española, convulsa e negrísima ata o clímax do 36. Unha novela imprescindible.
De Gálvez, sublime poeta e sonetista exquisito (galas todas que, lonxe de edulcoralo, incrementan o paradoxo da súa marxinalidade conxénita), lembraba Álvaro Linares que "todavía en los últimos años de su vida Borges recordaba algún soneto de Pedro Luis de Gálvez".
Comparada coa biografía de Gálvez, a de Jesús Gil ou Roldán dá a medida dos tempos.
Ao mellor, o último maldito de nós foi Benigno Andrade, a. Foucellas, que disque lle arrincaba os dentes de ouro aos pobres camiñantes que caían nas gadoupas do maquis para facer renacer a República. Que tío!

26.9.10

Minia

Eu teño para min que as grandes manifestacións de devoción relixiosa alicerzan en orixe en grandes situacións de desamparo, risco ou franca miseria. Esas adhesións fanáticas á improbable intercesión dunha figura de xeso ou madeira, ou aínda dun peroné descarnado custodiado nun tétrico tubo de vidro roñoso, responden, creo, ao medo ou desesperación fronte, por exemplo, á enfermidade, o mar proceloso e dotado de fatídicos caprichos ou o obstinado bullón de auga que, primavera tras primavera, derrama as colleitas. O medo, o desespero e a necesidade de imaxinar unha segura protección perante males que non podemos evitar son sentimentos universais e, polo mesmo, profundamente paganos, no sentido en que cada forma de ideoloxía relixiosa os acomoda a súa liturxia característica. No caso de Galicia, onde tanta romaría menudea, non invento eu nada novo cando aventuro que tras a Franqueira, os Milagros de Amil ou o santo, litoral e semisalvaxe, de Teixido hai un fondo, duro e atávico como as rochas dos cantís, de relixión natural, hoxe sacralizada por vía sacerdotal.
A romaría de Santa Minia, que ten lugar en Brión nestes fermosos días dun outono aínda mozo, convoca, baixo o palio beatífico dunha mártir romana, unha abigarrada multitude de fans da boa virxe, os ósos da cal foron dar á basílica de Pedrouzos por vía, máis ben, profana e casual. Dá o mesmo. Con esa capacidade de apropiarse das mixtificacións propia dos pobos cansos de sufrir, a santa é xa tan galega como o gaiteiro de Soutelo, ao punto de que moitas nenas da volta reciben na pía o nome de Minia (precioso nome, por certo).
Santa Minia é unha magnífica ocasión para o grato encontro cos amigos e a tradicional degustación do polbo e/ou o churrasco nas carpas instaladas ao efecto, e é de advertir que o polbo non sabe en ningures como no prato de madeira dos mestres Veloso, Guerra ou Mambís ("pulpo e viño do país"). Este ano, ademais, un incentivo resultoume especialmente grato e revelador: unha modesta exposición de fotografías de Manolo Blanco, titulada Exvotos para Minia, situada no denominado Espazo das Artes municipal. Unha trintena de fotografías que, se así se pode dicir, captan a alma dun pobo (e é moito dicir). Parabéns á iniciativa e aos organizadores. Dixen modesta exposición e refírome apenas aos aspectos loxísiticos da mesma. Porque é incrible a enorme dose de sublimidade e amor por unha cultura que se pode transmitir con tan poucos recursos. Non está mal lembralo en tempos en que todo semella sometido ao márquetin, o diñeiro e a tecnoloxía.

22.9.10

Librosebooks-Tintaeink-Papelepaper

Non observa Vde. que canta máis tecnoloxía temos máis amor sentimos pola tradición e máis nos resistimos a abandonar a autenticidade de procesos e actividades que esa mesma teconoloxía unifica baixo una pátina de aburrida uniformidade?
Hai, digamos, dous anos, falar do e-book era -máis ou menos- falar en termos de futuro, ou, para a maior parte dos editores, todo o máis en termos de presente-futuro. Hoxe, cando os dispositivos conviven con lavadoras e vitrocerámicas nos catálogos das áreas comerciais, o e-book é unha realidade presente, que ningún editor pode (nin, creo, quere) evitar nin soslaiar. Eu mesmo, como editor, teño afianzado este terreo con pasos firmes. Tamén como lector "testeime" (se así se pode dicir) nos últimos meses co meu Invesbook, cacharro, por certo, antediluviano onde os haxa, e podo dar fe de que, se a lectura "prende", de cinco minutos sobran tres para esquecer o soporte. É mais, como dispositivo de lectura unibraquial (neoloxismo ad hoc que refiro a aquelas actividades que requiren dun só brazo dos dous que, por fortuna, dispoñemos), o e-book resula comodísimo, por exemplo, na praia, emprazamento onde a extremidade excedente debe destinarse, con frecuencia, a outros mesteres como facer viseira para protexer a vista do sol ou suxeitar un extremo da toalla para que non saia disparada como efecto do violento nordés, tan caro ao noso litoral. A lectura dunha entretida novela vampírica -en extremo gótica e sanguínea- de co-autoría de Guillermo del Toro intitulada Nocturna, lectura verificada sobre as páxinas electrónicas do meu chintófano, supuxo un inesquecible e relaxante exercicio estival, sobre a miña xa expresada devoción polo xénero dos incisivos hipertrofiados.
Con todo, observo que o e-book, con toda a súa carga de asepsia e aniquilación das xerarquías físicas do libro, chega, paradoxalmente, nun momento de extraordinario desenvolvemento estético e material da edición impresa. Quero dicir que nunca se editou co mimo, minuciosidade e amor ao obxecto libro cos que se edita hoxe. Podería poñer innúmeros exemplos, pero bástelle ao lector para comprobalo darse unha volta por calquera libraría de certa calidade. Por outra banda, e isto xa o veño advertindo dende hai tempo, estase voltando a unha acción editorial afastada da obsesión polo negocio que acompañou a edición dende a emerxencia da internet e as punto com. Este verán, grazas a unha vella amiga de Boston, tiven coñecemento de Neponset River Press, unha pequena editorial familar e artesá, comandada por Bob & Kate, que publican, coa delectación e o exquisito amor polo detalle propios dun ourive, orixinais de amigos, poemarios, coleccións de haiku, libros de música tradicional norteamericana, pintura, ou aqueloutros títulos en dominio publico (teatro, novelas, contos...) que lles acaen, só polo pracer de editar, a partir dun mínimo investimento. Así, o produto transporta -como o doce de marmelo que facía a miña tía Carmiña- o arrecendo da mesura, do savoir faire e -que nunca falte- do entusiasmo polo labor ben feito.

20.9.10

Tía Julia

As recentes indagacións da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica tras dos restos de meu tío avó Roberto Blanco Torres (oportunamente recollidas nos derradeiros posts desta bitácora) fixeron avivar en min sentimentos que tiña atenuados dende hai once anos, cando, en 1999, lle foi adicado ao poeta e xornalista o Día das Letras Galegas. Naquela altura, o día 14 de maio se non erro, interviña eu no acto institucional das Letras da miña alma mater, baixo a presidencia do entón reitor Darío Villanueva. O meu discurso remataba nesta forma:
Sirva a última evocación destas palabras miñas de homenaxe a unha muller que houbo de convivir durante trinta anos co baldeiro dunha existencia marcada a ferro pola carraxe, a desconfianza e o esquecemento imposto: Julia Sánchez Nóvoa, viúva de Roberto Blanco Torres. Sendo crente como era, Julia non volveu a entrar nunha igrexa dende 1936. Morreu trinta anos despois, en abril de 1966, na estéril espreita de que alguén tivese a decencia de reivindicar a memoria do seu home, asasinado, como tantos, como miles de mulleres e homes de ben, como tódolos aqueles mortos que Francisco Ayala evocaba na súa elexía española de 1939:
Todos iguales
todos igual a nada
cuando no había nada,
nada sobre la tierra.

Se fondamente dramático foi cada un dos paseos, como o que furtou a vida a Roberto, as situacións de depauperación vital, progresiva e imparable, ás que foron sometidos os familiares dos paseados foron, creo eu, aínda máis tráxicos e deplorables, pois, ao cabo, morrer de tres tiros na cabeza é cousa de segundos mentres apouchar coa existencia do leproso pode ser un exercicio sadicamente longo e demorado. A algún destes terribles procesos de depauperación xa me teño referido nestas páxinas. A xenerosidade da ditadura maniféstase en cada un deles de xeito prístino.
No caso de Julia, viúva dun intelectual sen recursos fixos -moi probablemente pouco dotado para a resolución, por prosaicas, das cuestións máis pragmáticas da vida, como o sustento- e afastada naquela durísma posguerra por máis de cen quilómetros dos parentes do finado de seu home, un mecanoscrito recentemente chegado a min en fotocopia é de grande elocuencia e fala por si. O documento, sen data pero redactado, creo eu, nos comezos dos 60, vai dirixido no pé ao Excmo. Sr. Presidente del Consejo Supremo de Justicia Militar. Madrid e di:
Excelentísimo señor=La que suscribe, Julia Sánchez Nóvoa, nacida en Amido (La Peroja), Orense, en 31 de octubre de 1.894, de estado viuda y residente en la expresada localidad, a V. E. con el debido respeto:
EXPONE: Que por circular del Consejo Supremo de Guerra y Marina, de 23 de septiembre de 1.921, inserta en el Diario Oficial del Ministerio de la Guerra de fecha 25 del mismo mes y año, le fué concedida, en unión de su hermana Doña Celsa, como huérfanas del Alférez Don Vicente Sánchez Fernández, la pensión anual de 533,33 pesetas, a percibir desde noviembre de 1.920 por la Delegación de Hacienda de Orense, pensión que vinieron percibiendo ambas hasta el 5 de abril de 1.926, en que cesó de percibirla la que subscribe, por haber contraido matrimonio.
Acaecido el fallecimiento de su esposo en Octubre de 1936 del que no le quedó pensión alguna ni bienes de ninguna clase y carente de recursos para subsistir, tuvo necesidad de acogerse a la compañía y amparo de su citada hermana Celsa, con la que ha venido conviviendo ininterrumpidamente a partir de dicha fecha, sin cambiar de estado y disfrutando ambas por igual de los beneficios de la pensión, hasta el 17 de junio próximo pasado en que tuvo lugar el fallecimiento de su hermana Celsa.
Creyéndose asistida del derecho a seguir percibiendo la pensión, intentó las gestiones previas para conseguirlo, pero le fué notificado por la Delegación de Hacienda de Orense haber perdido el derecho a la misma cuando contrajo matrimonio.
Incapacitada para un trabajo medianamente remunerador, dada su avanzada edad, y sin medios para atender sus necesidades, a V. E, encarecidamente
SUPLICA se digne concederle, como gracia especial, los beneficios de dicha pensión en la forma y cuantía que V. E. estime pertinentes, a fin de no verse en su vejez condenada a un completo desamparo.
Es gracia que espera alcanzar de la bonda de V. E., cuya vida guarde Dios muchos años.
No escrito, Julia omite -tremendo- o nome do seu marido. Nin que dicir ten que a solicitude non foi oída. Ata que se finou en 1966, supoño que de melancolía e abandono, a tía Julia viviu da caridade dos seus caseiros do Amido, Antonio e Maruja (a quen eu coñecín, xa vellos, en 1999 e para cuxa bondade non existen palabras abondas de agradecemento ), quen lembraban con agarimo e respecto un señor de gabardina escura que pousaba cabo dos soutos da Peroxa, imaxino que intentando descrifrar os sutís arcanos que agocha o orballo da media noite.

18.9.10

Beizón

A publicación onte en El País dunha nova que recollía a frustrada exhumación dos restos de Roberto Blanco Torres, Eulogio Vázquez e Rizal Villamarín Iglesias -feito ao que eu, casualmente, me refería no post dun par de días antes- serviu para que algunha xente que, supoño non o fai a cotío, se achegase a este furancho, entendo que nalgúns casos por primeirza vez. Xa saben, ese poder de convocatoria que proporcionan os mass media. Sería de parvos ocultar -vanitas vanitatis- a íntima satisfacción que a un modesto blogger lle proporciona un pouco de publicidade, cando, ademais, esta non foi solicitada. Pero alén dos efémeros, e sempre enganosos e torpes, ouropeis do candelabro, a cousa serviume para, a través das visitas e algúns comentarios (tamén no feed de Facebook), pulsar a ilimitada bonhomía dos amigos destas páxinas e o afecto, que, ao parecer, as mesmas inspiran. Nestes momentos, nos que o corazón se esponxa como bolacha en leite, a un só se lle ocorre un pensamento: eu non merezo tanto. Pero, en calquera caso, grazas.

15.9.10

O humus inmóbil tanto tempo

Hai meses Santiago Macías, vicepresidente da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica, contactou coa miña familia co obxecto de poñer no noso coñecemento a súa intención de exhumar os restos de Roberto Blanco Torres, asasinado ás catro da mañá do día 2 de outubro de 1936. O cadáver de tío Roberto apareceu canda dous máis, os de Rizal Villamarín Iglesias, de 28 anos, escribiente, e Eulogio Vázquez, de 43, ebanista, no punto denominado Corga da Videira, no km. 67 da carreteira de Ourense a Portugal, termo municipal de Entrimo. O infatigable labor de inquérito de Santi e os seus colaboradores deu, no goberno militar de Ferrol, co expediente número de orden 187, legajo 8 (para a Asociación a causa 251 Ourense), remitido á cidade departamental dende a cidade das Burgas, no que as circunstancias da morte dos tres infelices fican explicita e definitivamente establecidas a través dos detallados autos e dilixencias xudiciais de achado, inspección ocular, levantamento, autopsia -realizada polo médico forense don Ildefonso Santalices Pérez- e sepelio dos cadáveres. A autopsia de Roberto, escrita coa caligrafía caracteristica do pendolista, di:
-Cadáver de Roberto Blanco Torres-
Hábito externo: Se trata del cadáver de un hombre cuya edad oscila entre los 40 y los 44 años, de complexión robusta y talla regular. Presenta en la parte media del arco superciliar del lado iziquierdo una herida de arma de fuego corta, con orificio de salida en parte media del occipital; y otras dos del mismo carácter y forma en la zona subauricular del lado derecho.
Se practicó la apertura de cavidades iniciándose por la craneana. Apreciamos gran contenido de sangre y perforación de meninges con destrozo en masa encefálica en la parte recorrida por el proyectil.
Abierta cavidad torácico-abdominal, hemos podido observar la perforación del pulmón derecho en la parte superior y cierta cantidad de sangre contenida en esta cavidad.
Por lo que antecede se puede afirmar que la causa de su muerte fue originada por el proyectil que lesionó meninges y masa encefálica, siendo esta instantánea.
Polo visto, a práctica adoita nos paseos era que as vítimas baixaban do vehículo e os seus verdugos disparaban (case sempre cun Máuser) ao corpo, para impedir que fuxiran correndo (o tiro que Roberto ten no pulmón). Unha vez no chan, os remataban na cabeza, no caso de Roberto con tres disparos.
O pasado día 10 pola tarde, unha fermosa tarde de fogaxe e luz dourada, varios membros da miña familia trasladámonos ao cemiterio parroquial de San Fiz de Galez, en Entrimo, convocados polo grupo de Santi (tres arqueólogos profesionais incluídos), que ía escavar na ábsida da igrexa, onde, segundo a documentación detalla, foron soterrados os corpos. Describir o estado de intensa excitación emocional no que me atopaba non resulta doado. Nestas mesmas páxinas, un post meu referíase á memoria histórica e a dubidosa oportunidade de lexislar sobre materia tan esvaradía. Pero, como dixo Goethe, a teoría é gris e o mundo verde. Compartir a suor, respirar o po que a terra move, percibir o arrecendo do humus inmóbil durante tanto tempo, agardar o achado duns ósos que eventualmente permitirían pechar un ciclo aberto hai setenta e catro anos, consitúe un conxunto de sensacións dispares.
Despois dunha xornada enteira de escavación, os restos non apareceron. Con certeza, na seguridade de que ninguén os ia reclamar nunca, foron retirados para aloxar cadáveres máis recentes, que si apareceron. Non disimularei a nosa decepción, pois proxectabamos conducir os restos de Roberto canda os da súa muller, Julia, soterrada na Peroxa, cabo de Ourense (faleceu en 1966), nun acto familiar no que, a través da declamación dalgúns poemas, queriamos transmitir aos moitos nenos e mozos actuais da nosa prole o sentido da integridade e rigor que guiaron a vida de Roberto, o seu devanceiro. Non puido ser así. Saiba Deus onde foron parar os seus maltreitos ósos.
Nestas liñas quero deixar apenas constancia da nosa infinita gratitude e recoñecemento á estatura ética de Santi e o grupo, ao seu bo facer profesional, a súa cercanía en mester tan delicado, pois non buscan precisamente ánforas gregas. De por parte, na viaxe de volta cismaba eu en que son momentos como os vividos esa tarde os que se acubillan nos recantos máis túzaros da lembranza para se reiterar, consonte pasa o tempo, coa luz máis intensa da vida, a mesma vida que a Roberto lle furtaron cando tiña seis anos menos dos que eu teño agora.