24.8.10

Unha ficción estival

No borde meridional da punta do monte Insua, en Laxe, fronte a Traba e Camelle, ollando a inmensidade da mar escura hai unha estatua broncínea, de avantaxada talla e finas liñas. Representa unha muller nova e forte que, cun meniño apreixando amorosamente o seu colo, enxerga a lonxanía, coa man esquerda facendo de tapasol. Non me impresiona tanto a contundente metáfora sobre o que alguén, que entendía o mundo só no gris das borraxeiras, chamou as viúvas dos vivos, que tamén. Non me impresiona tanto a dualidade da nai e máis o fillo que agardan pé do cantil o regreso do varón, coa indulxencia e perdón dos fondos voraces, que tamén. Non me impresiona tanto a clásica beleza e harmonía, de helénica serea, da muller, que tamén. O que máis me impresiona –romántico ou animista que un é- deriva da insondable soidade da figura, á que, como a toda estatua, outorgo, outorgamos, a ficción da vida. Imaxino o abismo das noites de trebón que lle agardan, mentres, impávida, coa firmeza fera e a absurda teimosía que só teñen as estatuas, nai e fillo, fincados no xurdio granito do tempo, verán pasar vidas e xeracións enteiras, e, como Godot, seguirán agardando alguén que nunca chega.
P.S. Por certo que, malia que a desconexión estival e a atención a un blog cohonéstanse relativamente mal, sigo aquí, sobrevivindo a agosto.

30.7.10

Pensar non doe

Das miñas aulas de crítica literaria (iso debeu ser polo cretácico medio), lembro un procedemento narrativo denominado, se a memoria non me falla, perspectivismo. O perspectivismo consiste en introducir nunha realidade un narrador absolutamente alleo a ela, de xeito que os elementos desa realidade -que a ollos dos nativos son cotiáns e, polo tanto, faltos de relevo- adquiren na mirada do estranxeiro unha novidade insospeitada e con ese brillo se trasladan ao lector. Algo como o que practicou con fino humor Twain no Ianqui na corte do rei Arturo. Este tipo de imposibles literarios (que un ianqui apareza na alta Idade Media ou que toda a humanidade menos unha persoa quede cega) pode ser orixe de obras inconmensurables da literatura. É o que lle ocorre tamen a Son un gato de Natsume Soseki, novela da que algo xa barruntaban estas páxinas noutro recuncho.
Por riba da circunstancia concreta do Xapón dos primeiros anos do pasado século, a visión perspectivista do felino narrador, mascota de sufrida existencia da familia Kushami, enchoupa todos e cada un dos recantos do, ao seus ollos, poliédrico, extravagante, incomprensible, ridículo, sublime, patético, contraditorio pero sempre fascinante comportamento humano. Un dos aspectos nos que con maior incisión e acerto reflexionan Soseki e o seu gato sen nome é na ruptura dos valores tradicionais da filosofía oriental en beneficio do novo positivismo europeo, que, cos chapeus de felpa, as gravatas e os traxes de salón, ían aos poucos acantonando elementos dunha cultura milenaria.
A risco de que saia un post un pouco longo, non resisto copiar aquí algúns fragmentos da obra que me parecen maxistrais motivos de reflexión, aínda a máis de cen anos de teren sido escritos:
Nuestros ancestros japoneses actuaban de una manera mucho más sabia que nosotros, influidos por las maneras europeas y su así llamado positivismo. El problema principal con el positivismo es que no reconoce límites. Por mucho que insistas en una acción positiva, uno no adquiere ni la perfección ni la satisfacción completa. ¿Ves esos cipreses de allí? Supongamos que decides que interrumpen tu vista y decides cortarlos. Entonces te darás cuenta de que la casa que hay detras se ha convertido en un nuevo obstáculo para tu vista. Cuando consigas derribar la casa, el edificio de más allá se convertirá en una nueva molestia. No habrá final en la búsqueda de una vista perfecta. Pues bien, esa profunda instatisfacción que sientes reside en la creencia implícita, muy europea, de que existe un continuo progreso hacia un ideal imaginario.
E máis adiante:
La conciencia de uno mismo, la necesidad de vigilarnos constantemente, no nos abandona ni un momento, ni siquiera mientras dormimos. Es lógico, pues, que nuestro discurso resulte forzado y artificial. Nos imponemos restricciones e inhibiciones respecto a nosotros y a los demás, y vivimos nuestra vida como si fuéramos eternos pretendientes arreglando en su primera cita un acuerdo matrimonial. (...) El hombre moderno no deja nunca de pensar en qué le reportará un mayor beneficio o, lo que es peor, en qué le ocasionará unas menores pérdidas. No hace sino husmear y temblar, temblar y husmear. (...) Antiguamente a uno se le enseñaba a olvidarse de sí mismo, pero hoy en día las cosas son bien distintas. Se nos enseña a ser conscientes de nuestros propios actos y por eso nos pasamos el día entero dedicados a mirarnos el ombligo.
Non sei vostede, pero eu, cando leo cousas así, sinto un enorme pundonor ao recoñecerme con toda nidieza. Rematar o post recomendando vivamente a lectura da grandísima novela de Soseki fáiseme, polo tanto, un pouco cutre.

28.7.10

Gazpacho

Eu, que vivo na miña na pel de español sen complexo nin reserva algunha, confeso que colguei durante semanas unha bandeira española no balcón e sentín unha gran emoción cando a selección nacional de fútbol gañou a copa do mundo. Hei de dicir que, a respecto do fútbol, son o que tecnicamente se coñece como un paquete, que mal distingo un fóra de xogo e que, de catro veces que penso que é falta, non o é. É dicir, non son precisamente un connaisseur. Pero tampouco teño nin puta de tenis e encántame que gañe Wimbledon un tipo de Manacor (por certo, fermosísima vila). Porque algo debe haber en Manacor de común con Brión, onde habito. Por exemplo supoño que nos bares de Manacor se xoga ao subastado coa baraja española, o entrañable naipe opaco marfil, esmeradamente fabricado dende hai moitos anos por Heraclio Fournier, Vitoria. Que da capital de Euskadi teña saído un dos símbolos máis prístinos e inequívocos de España non deixa de ter a súa coña. Porque nisto dos símbolos, tan traído e levado nos días últimos coa eclosión de enseñas rojigualdas, todo é segundo e como. O símbolo é, de seu, convencional, une unha parte significante a outra parte significada en virtude dun acordo social: o branco é a cor do loito para os chineses, e que a pomba sexa símbolo da paz ou o corazón do amor non deixa de ser máis lóxico ca que o fose unha pega ou o fígado. Outra cousa son aqueles elementos que, alén de convencións máis ou menos puntuais, acadan, co paso do tempo, un valor simbólico fronte ao que ninguén reaxe, pois sería absurdo reaxir. Eu creo que aínda máis ca a bandeira -tan deostada pola esquerda e os nacionalismos periféricos tras corenta anos de ditadura e matraca nacionalista (española)-, a tortilla de pataca con l.t.s. (leituja, tomate, sebola), a ensaladilla con bistés empanados (agora rebautizados milanesas), o tute subsatado, as verbenas, o tinto con jaseosa (agora rebautizado tinto de verano), Hazañas Bélicas de Boixcar, as bolas de chicle bubble-gum, las cañitas del viernes ou a baraxa de don Heraclio son elementos culturais dun poder simbólico que ninguén discute e todo o mundo acepta, en Brión e en Manacor. Porque definen un estilo de vida específico, e, por certo, moi agradable. Coincido plenamente co spot dunha coñecida marca de gazpacho: No hay verano como el nuestro. Iso é sabedoría.

22.7.10

Creatividade lingüística

Coa súa mordacidade irrepetible, Perich deixou dito que a universalidade do esperanto reflectíase claramente en que era un idioma que ninguén coñecía no universo. Dotar artificialmente á humanidade dunha koiné ou lingua franca, capaz de conxurar o atroz castigo bíblico de Babel, é, penso eu, un intento xerminalmente chamado ao máis estrepitoso fracaso (con todos os meus respectos para Mr. Zamenhof e tanto benemérito e animoso esperantista como no mundo hai). Outra cousa é que, acó e aló, con máis ou menos fortuna, sempre teña habido quen, como entretemento maiormente, se dedicara á invención de linguaxes, actividade á que sempre fun especialmente sensible, e non só como espectador senón tamén como inventor activo. Recordo ter trazado, por volta dos meus dez ou once anos, o plano dunha megalópole futurista e tecnolóxica, na que a xente vivía demenciada polo estrés urbano, á que bauticei Neuroburg. Orixinal que é un.
Na memoria de todos está, supoño, aquela mélange chocarreira que falaban na Syldavia e Borduria dos Tintíns, con resabios eslávicos: Vengya kon nosz on gendarmaskaia. O suahili de pega das pelis de Weissmüller -o tarzán teutón- era outra especialidade: Ankawa; Pachi, pachi ou Yuyu son expresións que, con todo merecemento, fan parte do noso imaxinario colectivo. Os pastiches de romanos, espartanos, exipcios, mesopotámicos e outras culturas aínda máis enigmáticas, das sesións de infantil da miña nenez, dos que Maciste constituíuse en paradigma, facían permanente gala desta, por veces ben torpe, habilidade.
Sesión das catro, un domingo no Teatro Principal da Estrada, poñamos que por volta do 68 ou 69. A peli, hispano-italiana, ía dunha abigarrada civilización de mulleres amazonas, que "cantaban" a rimel e cruzado magico de Playtex a cen metros. As gichas falaban un idioma que quería soar impresionante pero a cousa era tan pataqueira que xa o balbordo infantil comprometía seriamente a correcta audición do filme, e ben pouco, por certo, se perdía. Mais, nun momento dado, a raíña das tipas vai practicar un sacrificio cruento cunha amazona inimiga. Aí a peña foi acougando, porque xa se sabe que se hai sangue hai acougo. Como aperitivo á inmolación da vítima, a raíña pide á bruxa da tribo que sacrifique unha enorme serpe, que lle ofrece nunha especie de gran bandexa. Se xa a peli proporcionaba a tan selecto público pouca credibilidade, no silencio expectante da escena, o que saíu da boca da raíña amazona foi o inicio dunha apocalipse poucas veces verificada naquel establecemento. Literalmente dixo:
-Méteanakona.
Crin que viña o cine abaixo.

20.7.10

O que hai

Unha crise de proporcións bíblicas e con toda a pinta de seguir aquí e seguir medrando ten acantonado contra as cordas á clase política, que vive en xeral en Occidente momentos moi baixos, incapaz de respostar unha pregunta que é un clamor, unha pregunta dotada desa sublime sinxeleza característica dos tolos, os nenos e os desesperados: para que serven os políticos? Se non só capaces de nos tirar desta situación de postración senón que, aínda, todas as trazas sinalan que a isto chegamos por unha desastrosa xestión dos recursos, cando todos os indicadores indicaban -que é o teñen que facer, por certo, os indicadores- un final calamitoso a tantos anos de derroche, como xustificar soldos millonarios e una vida chea de glamur e os meles da fama?
Eu teño a sensación de que a política é unha carreira, como as das estrelas do cine ou a música, pero, contrariamente a estas, a carreira dos políticos chega un momento en que mellor canto máis anonimamente se desenvolva. Xa saben, o caso é non perder comba. Ter noticia de que certa exministra socialista, con serias dificultades para o recto uso da linguaxe articulada e que gañou a pulso o galardón dunha impericia ilimitada, continúa unha fulgurante, malia por fortuna semianónima, carreira política cunha nómina de 22 000 euros mensuais, non contribúe precisamente a acreditar, nunha conxuntura crítica para moitos cidadáns, a unha bizarra caste de semiprofesionais na que os emolumentos semellan valorarse de xeito inversamente proporcional aos seus méritos e capacidades.

16.7.10

Imaxinación e acrónimos

Ben sabido é que todo estado de opinión xera o seu contrario. No caso do tan incruento coma estéril debate que enfronta a tecnofilia coa tecnofobia, estas páxinas procuran manterse nun prudente termo medio. O canto ás excelencias da teconoloxía atempérase, pois, cando é preciso, co atilamento dos seus inconvenientes e problemas. Un dos efectos colaterais máis negativos do noso permanente contacto con máquinas omnipotentes é, creo, a merma inevitable que tal contacto provoca na imaxinación. Eu, que proveño dunha xeración que facía unha espada de romano dun pau, dunha leira a selva amazónica e dunha modesta poza fluvial a máis marabillosa piscina, non deixo de sentir certa mágoa por nenos fillos da opulencia que, tendo catro videoconsolas, bicicletas de última xeración, TV dixital con 60 canles, internet con ADSL, canchas de deporte e piscina fronte á casa, exclaman unha fantástica tarde de verán: Papi, me aburro!!
A ausencia de imaxinación, derivada cun escaso desenvolvemento do hemisferio cerebral dereito, relaciónase, aínda, con outras moitas manifestacións da vida moderna. A nulidade de moita xente para o humor e, mesmo, para a captación dos máis elementais dobres sentidos e xogos de palabras é algo que sempre me chamou a atención. Existe un testemuño social moi concreto desta incapacidade para o desenvolvemento, digamos, lírico das actividades humanas. Antes, os negocios tiñan nomes sonoros e suxeridores: había en Ferrol unha zapataría co fermoso nome de La regeneración del calzado. Chamar O velocípedo a unha tenda de bicicletas, Espumosos Ovidio a unha humilde factoría de gasosas, Elviriña a unha pequena mercería, La caridad a unha panadaría, La casa del fumador a un estanco ou O ben me sabe a unha pastelaría, parécenme eleccións sublimes e cheas de amor ao oficio.Por contra, a nomeada tendencia patria ao acrónimo produce especimes espeluznantes: Riperfer, Macoyma, Construgal, Rodrifer, Fonelec… cantan de tal maneira aos seus correspondentes desenvolvementos léxicos (Ricardo Pérez Fernández, Manuel Costoya y Mato, etc.), que deixan pouco espazo ao maxín. Algúns como a famosa taberna baionesa Jakeyvi ("Jamón, Queso y Vino") son pezas xa antolóxicas. Outras como Pavoroso ("Pavimentos Oroso", caso real) inclasificables.
Boa finde!!

13.7.10

A levedade que se sente cando marchan as visitas

Lembran o final de Bienvenido Míster Marshall? Tras tantos preparativos, ensaios de desfiles, indios e vaqueiros de pega, fontes con chorrito, angueiras, traballos e fatigas, os coches dos americanos cruzan a pequena vila como foguetes, sen deterse, perante os atónitos pueblerinos que, en segundos, ven esfumarse tantas ilusións e soños acubillados na esperanza de que o Tío Sam chegara con sacos de dólares e a panacea que os sacaría da miseria.
O malo, creo eu, dos macrosubidóns colectivos de adrenalina é a levedade inevitable que, como aquel descorrerse o veo da realidade que sucede á extase do opio e que tanto temía don Edgardo americano, vén tras a euforia. Dicía a abuela de Pepe da Farola: noites alejres, mañás tristes, cabezas vanas, por que non durmistes? Eu non querería agriarlle a festa a ninguén, pero non se me escapa que, ao cabo, tras toda esta vesania mediática arredor dos 23 espartanos con Iker-Leónidas á fronte derrotando nas Termópilas austrais a un Xerxes loiro e de camiseta laranxa, se agocha a realidade, que non hai cousa máis túzara ca ela. Sinceramente, teño para min que botarlle o ollo ao Sres. Rajoy ou Zapatero ou ás Sras. Sáinz de Santamaría ou Fernández de la Vega, dentro de vintecatro horas, no debate consabido, tirándose os trastos á cabeza, ha ser antídoto radical e suficiente para este veleno da ledicia nacional. Un acordante, gris e aburrido, de que a rutina, como o ADN, tamén ten unha cadea: hipoteca-chegar a fin de mes-érguete que son as sete-tes quince chamadas perdidas no móbil-recolle os nenos-reunión ás 9:00-reunión ás 10:00-pasouche o prazo de entrega-isto é para onte…
Pero, como París, sempre nos quedará La Roja.

12.7.10

Wagahai da neko de aru

Eu non son lector de limiares, prefacios, adros, prólogos, introducións nin notas previas. Mesmo, malia as recomendar como editor, tampouco son moi amigo de ler as manchetas promocionais das cuartas de cuberta ou lapelas. Anóxame a teima de moitos autores e editores de querer titorizar en exceso ao lector, coma se este fose un neno ou un incapaz precisado de guía ou rodrigón vixiante. Un libro debe terse so e, como lector, teño para min que canto menos se saiba previamente del máis libre será o noso xuízo e menos nos veremos constrinxidos por ideas máis ou menos preconcibidas que, ao modo dun leito de Procusto, rematarán por limitar ou modelar a nosa lectura. Isto é un desideratum moi difícil de cumprir, pois entre a maioritariamente irresistible sedución de pedir datos a Google e o torrente de involuntaria información baixo o que vivimos, acceder a un libro e o seu autor virxes de datos previos é practicamente imposible. O cal non deixa de estar en certa contradición co feito de que o libro e o seu autor, fronte aos artistas de cine e/ou música, gozan dun sex appeal moi relativo, cando non inexistente, con limitadas excepcións na cultura (??) do best-seller.
Cando hai unhas semanas, un amigo impresor, magnífico profesional e mellor persoa, me agasallou con algún dos títulos saídos das súas prensas, caeu nas miñas mans un volume curioso. Da editorial, Impedimenta, xa falei nestas liñas a propósito doutro título.
O libro do que falo é Soy un gato (Wagahai da neko de aru, orixinalmente publicado en 1905; Impedimenta, 2010), do autor nipón Natsume Soseki. Da obra e o seu autor, á parte dos datos expresados (título orixinal e data de publicación), non sei nin de momento quero saber gran cousa. Sei que a unha amiga encantoulle; sei que, polas trazas, a versión castelá é moi boa e sei que o protagonista da novela é un gato que, a través dunha minuciosísima e erudita dissectio do comportamento dos homes e mulleres que o arrodean -nunha sociedade nomeadamente tradicional que se debate entre un inmobilismo milenario e as novas formas da afectación occidental- permite destilar unha visión gatuna e sumamente irónica do insondable fondo de irracionalidade, estupidez e necia vaidade que latexa, xorda pero irremisiblemente, na nosa condición humana.
Eu, que sempre entendín que no antigo Exipto os gatos fosen deuses, dende hai uns días, cada vez que vexo un gato, ollándome do xeito vítreo e paralizante que teñen os gatos de ollar, trago saliva e me pregunto que estará pensando. Porque -seguro- está pensando algo.

7.7.10

La roja

Contan que en tempos de Diocleciano, e en ocasión de azoutar con impiedade a hambruna a cidade de Roma, o administrador da frota imperial, aportada en Alexandría, interrogou o emperador, a través da mensaxería da época, sobre qué cargaba nas galeras, se area para o circo -pois coñecidas eran as excelentes propiedades que a area do deserto exipcio tiña de absorber as grandes cantidades de sangue que se verquían nos bestiais combates e sacrificios-­ ou trigo para atenuar a fame do pobo. Tras varios días, a resposta chegou contundente: area para o circo, por suposto.
Escribo estas liñas a apenas seis horas para que dea comezo o match histórico -hai que ver ata que punto esta devaluado o pobre adxectivo histórico!- que enfrontará en semifinais do campionato do mundo a Alemaña e España. Tras tantos e tan frutíferos anos de relación co país xermano, sinto o corazón dividido. Pódeme, en calquera caso, a patria, como, creo, non podía ser doutra maneira. Ora, falando de tópicos intemporais, non hai como a sublimación da razón co impulso, da conciencia coa emoción, das cuitas coa paixón. Diocleciano, que sabía ben onde lle apretaba a caliga ao populacho, quería area para o trigo, mal morrera a xente de fame polas rúas. E Zapatero? Ai, que quererá ese jalopín? Teño para min que se gaña España (valla a rima), adeus crise, adeus indignación dos funcionarios, adeus débacle inmobiliaria, non hai políticos corrutos, que marabillosa lei do aborto, que magnífica suba do IVE, que fantástica presión fiscal, non chegar a fin de mes é unha experiencia feliz, todos con la roja e que llean bertorella á crise.
Xa di o gato de Natsume Soseki: cousa difícil de entender son os humanos, ho!
(Nota bene: a recomendación literaria ía implícita e porque me viña ben para rematar o post. Outro día falamos de Soseki e o seu micho).

5.7.10

The Secret Life of Trees

O de menosprezo de corte e alabanza de aldea é, como cantarlle a unha namorada que non nos fai maldito o caso, un tópico literario, unha desas ideas que, con diversas formas e manifestacións , vai e vén, xa entre xentes simples, xa ilustradas, dende que o mundo é mundo. Modernamente, atopou no modelo das urbanizacións periurbanas de acaroados (v.g. adosados na lingua do imperio) un aire fresco e renovado, pois, pardoxalmente, quen gabamos a vida da aldea somos seres que vivimos umbilicalmente unidos, madia a levamos, á cidade e a vida urbana. Na medida, pois, en que habitar nunha urbanización sita nunha freguesía de vai para mil anos me proporciona elementos da vida natural que, doutro xeito, non serían accesibles, estas páxinas teñen recollido xa diversas facianas do meu gusto pola vida do campo, do meu entusiasmo polas expresións da sabedoría de Natura. Ficar pampo nunha tardiña de verán escoitando o rechouchío dun paporrubio mentres o sol deita a súa última raiola sobre o val en calma, percorrido de delicadas volutas de brétema e fume, constitúe unha emoción que ten moito de intemporal e puro. Por iso creo que deixarse seducir por cousas así, sinxelas e exentas da impostura dunha vida artificiosa, é de seu unha actitude boa e nobre.
Eu sinto unha gran admiración e agarimo polas árbores. Conste que esa humanización excesiva que Tolkien practicou con Bárbol e os seus ents sempre me pareceu un dos flancos máis febles da triloxía (e creo que Jackson tamén o sentiu na peli pero non lle quedaba máis remedio que respectar o orixinal). As árbores son seres vivos pero vexetais. A transmutación das árbores na vida móbil e animal sempre foi, na miña opinión, un fiasco literario: freixos que andan, troncos de carballo que nas súas enrugas centenarias figuran caras de persoa, vellos salgueiros cheos de falsía e maldade que agardan incautos para os zarrapechar eternamente entre as súas musculosas raiceiras… nunca prenderon en exceso na nosa antropoloxía cultural. Ora, iso non quita que, dun xeito inconsciente, atribuamos tamén cualidades case humanas ás árbores. Nos meus paseos pola Amaía teño grandes amigos aos que saúdo co afecto das amizades vellas e desinteresadas: tres eucaliptos xigantescos que abeiran a corredoira que comunica Gosende con Sanín; un carballo, un pouco máis adiante, coa raigame ao descuberto sobre un borde da estrada, que dá sombra á pista que hai preto dos muíños; un enorme chorón que treme de satisfacción cando lle dou os bos días; unha sobreira, recatada pero oronda como unha dama romana; un grupo de castiñeiros novos, fornidos, copudos, arrecendentes a mocidade e ganas de vivir, que chantan as súa raíces nun fermoso souto de par dun regato, preto de Vidaloíso… Con todos eles son cordial e afectuoso. Pero, por veces, e sen que acerte a explicarme por que, teño a sensación de que, despois de eu pasar, fican moitos deles falando en besbesellos mal de min.

30.6.10

Cristiano for president

Sobre lingua e ideas preconcibidas, contábame certo lector de portugués dos meus anos da carreira ―nativo de Coimbra e fillo dilecto da súa alma mater― que preto da impresionante abadía de Alcobaça ―alí onde se quintaesenciaron tanto o omnímodo poder como a núa sobriedade estética do Císter―, nunha excursión con estudantes da minerva compostelá na que el oficiaba de cicerone, como queira que o autocar que os conducía levaba claramente serigrafado no exterior “Universidad de Santiago de Compostela”, unha señora á que o meu home inquiriu sobre o mellor itinerario para chegaren ao cenobio, negouse en redondo a contestar, pretextando não percibir o castelán. Cando Mário, que así se chamaba o lector, en perfecto portugués lle fixo ver que el era desa nación, oriúndo de Coimbra, a boa da vella seguía teimando:
―Não percibo, não percibo.
Desta mutua incomprensión hispano-luso-hispana falaba eu hai non moito. Hoxe sorrín ao ler nun xornal gratuíto que grupos de independentistas galegos se desprazaron a Valença a apoiar a selección lusa no partido contra España. A escena na que um espanhol intenta explicar a un camponês minhoto, nun bar de Valença, as razóns que o levan a cruzar a fronteira para alentar a selecção portuguesa só pode recibir un cualificativo: sublime.

29.6.10

Zzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzzz

O comezo de Terra Brava de Fole sempre me resultou moi agradable. A idea da próxima invernía nas terras altas de Lóuzara e Incio mentres os protagonistas (tío e sobriño) saborean moi ao seu gusto os dourados días de xuño constitúe un cerco narrativo especialmente grato. Así, atopan un balance estival e luminoso moi axustado as duras historias de morte, misterio e medo que o autor reserva para os escuros días do rudo inverno da serra. De camiño á súa casa do Incio, o tío do protagonista -médico rural entrado en anos-, despois de xantar en Sarria, sente "saudades da sesta". Tamén eu, nestes días de fogaxe, sinto saudades da sesta; non unha sesta de regulamento, se por tal se entende -e hai moita xente que o fai- poñer ata o pixama e ir para o cocho tres ou catro horas, práctica que teño por nomeadamente insana, e o discurso médico de todos os tempos sanciona o meu parecer. Pero (e creo telo lido nunha entrevista ao neurólogo Estevill) entregarse a unha breve soneca post prandium de quince ou vinte minutos, un apenas deixarse mecer nos doces brazos de Morfeo sen perder de todo a conciencia da vixilia, é un pracer de deuses. Nos días do estío, como adro e estímulo a esta brevísima interrupción do tráfago cotián, gusto de ler unhas liñas, nun recanto reservado do meu pequeno xardín. Alí, recostado na hamaca, baixo a sombra deleitosa dunha enorme photynea, provoco unha perfecta comuñón entre essentia e accidentes, verbigratia, entre natureza e hiperteconoloxía: a miña man dereita sostén o meu e-book mentres a esquerda aloumiña de vagar as follas dun aromático mandarineiro. Antes de que o soniquete me renda, un pensamento vagamundo me vai rondando: hai anos, cando tiven na man por primeira vez un teléfono móbil, crin que aquel trebello era o summum da tecnoloxía e que tiñamos chegado a un "tope" de desenvolvemento. Precisamente a evolución da tecnoloxía dos telefónos celulares e a ineludible comparación entre aquel mancontro de antenas e o móbil que hoxe teño empúxanme a pensar que o e-book do que terma a miña man dereita é un trebello antediluviano en relación ao que serán os e-books de dentro de quince anos. É dicir, non só evoluíu, e dun xeito radical, a tecnoloxía, senón (o que é máis importante) os nosos parámetros na percepción de tal evolución. Hoxe sabemos que nada é o "tope" de nada e, anulada xa a nosa capacidade de asombro, desbotamos facer previsións para o futuro,
Curiosamente, cando Pedro Chosco me vence, o e-book cae, inevitablemente desprendido da miña man. Pero non lle pasa nada. Debe ser que a herba lle ten respecto. Ou amor, vaia usté a saber.

27.6.10

O somier

Dende aquel século de polisóns e rapés, xenios, revolucións e pelucas ateigadas de piollos que foi a decimooitava centuria, pediu Hölderlin ao home "habitar poeticamente a terra". Inamobiblemente fiel a este mandamento, eu transmutei repugnancia en poesía nunha composición de 2001. A saber:
Eu fago miñas as estradas
con gatos e porcoespiños rebentados,
oníricas preas dun universo único.
Eu reivindico as lavadoras oxidadas,
cíclopes poéticos por teren un so ollo,
mais na verdade ferralla nauseabunda
amante dos neumáticos,
cos que conviven na adúltera concupiscencia
que late revolta nos escombros.
Eu son o bardo errante
que canta a beleza palafítica
das casas con patas, habitadas
por homes-can e palleiros case humanos,
irreverentes produtos
dun doutor Moreau pailán e fato.
Como as preas nas carreteiras ou as lavadoras oxidadas deitadas como un esgarro nas paraxes máis fermosas, o somier pechando as leiras é un elemento de altísimo valor etnolóxico e folclórico. Alén de feísmos e vidas de miseria, o somier pechando as leiras ten tamén un nomeado valor poético. O somier pechando as leiras fala dunha negativa radical ao abandono, dun vivir profundo e humildemente grandioso instalado nun sentido común que non se pretende compartido, dunha reciclaxe made in feita na casa na que todo ten un valor e un sitio no complexísimo mapa do mundo. Eu amo e admiro a xente que, pasando literalmente de todo (progreso+tecnoloxía+ecoloxía+paisaxe como cultura+cultura da paisaxe...), reivindica, contra toda apariencia, un sentimento de atávica poesía, chantando na terra, na Terra telúrica, nai e matriz, a súa categórica e metálica mensaxe de presenza e sensatez: un somier, o que teño. Mágoa sería tiralo, ho, e o que aforro en peches.

24.6.10

A todos los juanes del mundo

En ocasión de onomástica tan sinalada (e mal está que o diga eu), recupero un post de hai un par de anos, que me permito adicar a todos os meus tocaios esparexidos polo mundo adiante.
¡Felicidades!

20.6.10

Made in feito na casa

Non sei se tería vostede ocasión de visitar unha sagardotegia (sidraría) rural vasca. Nunha, moi fermosa que hai preto de Ondarribia, en orixe unha fundición de ferro, ademais de gozar do exquisito néctar das mazás, rexiamente acompañado pola non menos exquisita carne de boi, puiden comprobar que, malia compartirmos moitas cousas de norteños, a lóxica vasca non é a nosa. Resulta que para beber do rico líquido que gardan as pipelas (os nosos bocois) hai que respectar escrupulosamente unha tradición inamovible: o que quere beber, érguese da mesa e vai co gran vaso de fino vidro ata a pipela e, ao grito de txotx!, abre a villa e sérvese. Respondendo ao envite, os demais que haxa no establecemento e que nese momento queiran tamén pimplar, sen pechar a billa, gardan turno un detras do outro e, facendo empalmar un vaso tras outro no dourado chorro, enchen coidadosamente só o cu do recipiente.
Non digo eu que o procedemento non sexa mesmo entretenido pero, coñecendo o país e o que as tradicións valen cando se enfrontan ao senso práctico das cousas, xa imaxinaba a un galego empatando catro metros de manga dende a billa para non ter que moverse da mesa e, con perdón e todo o respecto as venerabilísimas tradicións euskaldunas, nin txotx nin ostias.
Un dos patrimonios culturais que máis me engaiola de nós é a lóxica social, tan difícil de penetrar aos foráneos. Unha lóxica enchoupada de pragmatismo e acomodación ao medio e unha extraordinaria ausencia de inmobilismo (que, ollo, tamén ten as súas lecturas negativas). Así se explica o fantástico cartel que orna este post (na igrexa de Santa María a Real de Oia) e fronte ao que non me coubo outra cousa que exclamar: Claro. De pura lóxica. Como en todo o mundo. Para ver a igrexa hai que preguntar no estanco. E, pensei, para mercar unhas farias falar co cura.

17.6.10

L (en números romanos)

Cincuenta tacos só se cumpren unha vez na vida. Ben, cincuenta, dezaseis e vinteoito. Pero 50, o medio século, un número composto da metade de dez e un cero ten un valor simbólico, redondo, e ofrece un xogo de reflexións que van para alén dun aniversario máis. Aínda que non matematicamente (máis quixera eu!) os 50 significan a metade da vida, ou, máis ben, o meridiano, esa liña que sinala (e non quixera poñerme dramático nin excesivamente estupendo) un pico a partir do cal semella que só se pode descender. Nalgures lin que entre os corenta e os cincuenta xermola, especialmente nos varóns, o que chaman a síndrome do home gris, algo así como sentir que un se esvaece entre todos os papeis que leva desempeñado e aínda lle quedan por desempeñar, e que, dunha estraña maneira, se volve invisible aos ollos dun mundo que empeza a pertencer a xente moito máis nova. Por outra banda, a lenda di que a madurez significa a adquisición da sabedoría. De por parte, non me vexo nin demasiado gris nin demasiado sabio. Aos cincuenta recén cumpridos, sigo sendo vítima das mesmas interrogantes, fobias e flias, contradicións, inseguridades e algunha certeza, luces e sombras que veñen guiando, alumeando ou escurecendo esta congostra virada e fodida que é a vida. Sigo sentándome nas beirarrúas, falando so, rindo cando toca e chorando tamén cando toca. Chegado o momento do balance final, non me queixo. Hai, como naquela canción profética que tendía ao absoluto, salud, dinero y amor. E á crise que lle dean bertorella.

13.6.10

Veciños

Levarse mal cos veciños é de regulamento. E o que ocorre coas persoas ocorre tamén cos colectivos: os de Lalín falan pestes dos da Estrada (e dou fe, como afectado); os de Louro andan a matar cos de Muros; os de Conxo cos de Santiago; aos de Laxe chámanlle chocolateiros os de Corme, que en Laxe son papeiros, pola respectiva afición a incluír o rico chiculate ou as humildes papas na merenda, en clara alusión a seren uns señoritos e outros uns pobres de pedir. O de Vigo e Coruña xa forma parte da lenda e imaxinario histórico (e para mostra, véxase a recente verbena da p. fusión das Caixas). Contaba o finado de meu pai que, hai moitos anos, en ocasión de xogar o Dépor na cidade do olivo, os seareiros coruñeses despregaron en Balaídos unha inmensa pancarta na que podía lerse: La ciudad de La Coruña saluda al pueblo de Vigo (Pontevedra). No partido de volta, os vigueses devolvéronlla dobrada: abriron unha pancarta, aínda máis grande, na que poñía: La ciudad de Vigo saluda a los hijos de la gran Pita.
Nisto de andar en líos cos veciños, as nosas relacións con Portugal son unha especialidade. Tamén exclamaba meu pai cada vez que visitabamos Fortaleza, de par de Valença: Que medo nos tiñan! A verdade é que as dimensións dos muros da pequena e belísima cidade amurallada (e dotada, por certo, no seu centro dunha esgrevia estatua de Sao Teotônio que sempre me chamou a atención) dan para pensar que, en efecto, as nosas relacións cos miñotos alén o gran río, non debían estar presididas precisamente pola confianza.
Unha manifestación que me parece curiosísima da mutua indiferenza que semella profesármonos xentes fisicamente tan próximas é a relativa ás permeacións e fluxos lingüísticos. Lembro eu un fulano, moi da ruda estepa castelá, que na recepción de certo establecemento hoteleiro lisboeta, tras indagar reiteradamente por un tal señor Carvalo (sic) que non aparecía, preguntou exasperado:
-¿Pero es que aquí no hay nadie que hable español?
Ao que o recepcionista luso repuxo, con contundente imperativo categórico:
-Mas, senhor, estamos em Portugal!
Os folletos propagandísticos que, invitando aos restaurantes da zona, anegan as rúas da Fortaleza, Valença ou Vilanova da Cerveira nas ferias e feiras, cando somos lexións os galegos que por alí caemos na procura de atoalhados e tamén dunha sustantífica refección, son algo portentoso:
Casa Porfírio Marquês: el mejor bacallau que poderá provar usted a la moda de la casa. Tambén con otras especialidades como la feijoada sin esquecer el rico frango a la grella. Y para las crianzas la ementa infantil, compuesta de la burguer especial en el prato. Non lo perca!
Sempre me fago a mesma pregunta que o buscador do señor Carvalo (sic):
-Pero non haberá alguén que fale español?
Porque mira que teñen Tui a un tiro de pedra, caralho!

12.6.10

Little garden

Dentro do ilimitado repertorio de frases lapidarias das que botamos man para sancionar con man allea o que, da propia, semellaría quedar pouco contundente, eu recorro a miúdo a un consello que atribúen, creo, a don Arturo Schopenhauer (aínda que é ben sabido que nisto das atribucións das frasecitas de marras hai moito calote e moito conto): un home -e non sei se o filósofo quería decir varón ou ser humano en xeral- precisa para ser feliz de tres cousas: un (ou unha) cónxuxe compracente; un pequeno xardín e unha gran biblioteca. Aquel (ou aquela) satisfai as nosas necesidades emocionais máis elementais: afecto, compañía, complicidade, amor e, mesmo, de cando en vez, sexo (uy!). A biblioteca colma os apetitos intelectuais, ensancha as nosas perspectivas e nos fai máis cultos e mellores persoas. E o xardín? Ai, o xardín! Non sei como sería cousa cando don Schopen emitiu a súa sentenza. Pero, hoxe, como seres urbanos de existencia artificial e artificiosa, esquecidos por completo os ritmos e tempos da natureza, burdamente substituídos por clichés e comportamentos sociais que nos obrigan a ser o que non queremos ser, o xardín é o recordo enlatado, a lembranza retractilada en celofán de que a natureza, malia térmola olvidada, vive, respira e determina os ciclos da nosa existencia. Chega a primavera e, con ela, os viveiros de flor e plantas ornamentais, estratexicamente situados na periferia das cidades, énchense de xardiñeiros de gardarroupía que, cal mariñeiros de auga doce, saen cargados de caixas con clavelinas, alegrías guineanas, begonias, dalias, surfinias, verbenas, xeranios... para os pequenos xardíns dos seus adosados (seica no galego da G agora dise acaroados). Eu mesmo, que hai oito anos apenas chegaba a distinguir un alcolito dun carballo, son quen, no día, de establecer sutís diferenzas que deixan pampos aos profanos. E, así, cando me arranco a falar de leptospermum, pitosporum, ceanotus, poligalas, euonymus variegata, bérberis, photyneas ou grevilleas, hai quen me recoñece como un auténtico experto. Non digo eu tanto, pero si podo dar fe de que o coidado dun pequeno xardín -rebelde e imprevisible, fronte á tecnoloxía a que estamos tan afeitos, dócil e segura- é un humilde, pero efectivo, exercicio de comuñón con Nai Natura, a quen llo debemos todo.

8.6.10

A moro muerto, gran lanzada

Remato neste punto a miña xornada laboral. Porque hei dicir que hoxe, día de greve, fun un maldito esquirol. Di o proverbio que a moro muerto, gran lanzada. Por fin se acordan os grandes sindicatos deste país que os brotes verdes son un espellismo máis deste goberno sen norte nin sur nin este nin oeste, e que vivimos unha crise histórica e sen precedentes! E que fixo falta para que se acordaran? Que o paro estea no 19'7%? Pois non. Fixo falta que á elite (??) do país lle (nos) baixaran o soldo.
A min non me dan as contas. En terra erma, abundan os predicadores que van contando que 2+ 2 non son catro, senón 22. E, como catarse -ou consolo, ou lavado de cara, vaia usté a saber-, lle piden á xente que saia á rúa a proclamalo. En fin, que vendo a calidade media dos nosos políticos, non vexo razón ningunha para ilusionármonos coa dos nosos sindicalistas.