13.7.16

Nomes e vontades



En 1999 adicóuselle o Día das Letras Galegas ao cidadán Roberto Blanco Torres, xornalista, pensador, político e escritor. Nese mesmo ano a miña universidade e o Concello de Cuntis, grazas a unha iniciativa do meu colega editor e amigo Víctor Freixanes, profesor da nosa Facultade de Ciencias da Comunicación, axiña acollida con entusiasmo polo daquela reitor Darío Villanueva, estatuíron o Premio anual 'Roberto Blanco Torres' de Xornalismo de Opinión, que durante anos publicamos nas prensas universitarias. O primeiro galardón foi para outro benquerido amigo, Xesús Alonso Montero, pola súa columna de fermoso título Beatus qui legit. Fora determinante o empeño de Xesús para que, non sen resistencias iniciais, a Academia decidise nomear a Roberto, en realidade autor só de dous libros editados, o autor das Letras no 99. Lembro a voz, luminosa, ridente, de Xesús no outro lado da liña telefónica, dándome a boa nova, pois el sabía de tempo atrás da querencia de meu pai e da miña propia na restitución da memoria civil de «tío Roberto».

En 2003 o premio Blanco Torres concedeuse postumamente ao cidadán Carlos Casares Mouriño, xornalista, pensador, político e escritor, pola súa columna Á marxe, a última das cales na nosa edición, ao igual que no xornal onde se publicaba, deixamos baleira polo seu prematuro pasamento, tan absurdamente inxusto. 
Casares naceu en Ourense en 1941, a mesma cidade de cuxo cárcere cinco anos antes fora sacado Roberto para un «paseo», que rematou en terras arraianas do Entrimo, cun certificado de defunción, gris , implacable e frío como os anos que se aveciñaban, no que a causa da morte era «traumática hemorragia interna». Casares, que contaba 34 anos cando palmou Su Excelencia, debeu sufrir a terrible vixilia de toda a súa xeración durante tan longa noite, tan de pedra. Non lles envexo aqueles tempos.
A Academia, presidida hoxe por Xesús, quen,  por certo, se xa peitea canas, anda tan rufo como un rillote, decidiu, con xeral aplauso,  adicar  o Día das Letras Galegas de 2017 a Carlos Casares Mouriño, a quen eu, en memoria do meu parente e do propio autor, editei con todo o mimo do que fun capaz en 2003.
Eu creo que, galgando por riba do tempo, unindo nomes e vontades, volvendo ideas en accións, hai bucles que semellan pecharse dun xeito extraordinariamente elegante, case como se nalgures estivese escrito con zume de limón que eses nomes e vontades, esas ideas e accións, tarde ou cedo habían de cruzarse. Pero, ao mellor, doulle de máis á cabesiña, non digo que non.

26.6.16

O mozo Gnädinger



Hai biografías arrepiantes como as de Charles Manson ou a princesa Bathory. Hai biografías sublimes como as de Leonardo da Vinci ou Charles Darwin. Hai biografías laureadas como as de Napoleón ou Nelson. Hai biografías exemplares como as de Tomás Moro ou Luther King. Hai biografías sanguentas e ridículas, pois todo home violento é ridiculo, como a de Adolf Hitler. Hai, mesmo, biografías sanguentas, ridículas e aburridas, como a de Francisco Franco Bahamonde. Hai biografías (as máis) anónimas, como a súa ou a miña, pero, non por iso, exentas de dignidade, honra e gloria en pequenas doses. E hai, tamén, biografías inclasificables, raras, cheas de dúbidas e preguntas. 
Duras, durísimas son as borrraxeiras da nosa costa máis noroccidental. O zócolo litoral que se estende de Fisterra ao cabo de San Adrián é un maelstrom de espuma, rocha triturada e ventos atroces que nunca dorme. Nos seus baixos e cons, contra as incontrastables olas da mar tenebrosa que imaxinaron os antigos, naves de todas as nacións atoparon a súa fin, engulidas por un océano intratable. Touriñán, Roncudo, Vilán, Cabo da Nave, Punta do Boi… evocan episodios cheos de noite e invernía, lances do valor e a heroicidade propios das xentes da mar. Eu (que me declaro rendido devoto da indomable beleza da Costa da Morte) non son quen de pasear unha tarde de decembro polo areal de Soesto, oíndo o incesante balbordo da resaca, sen sentir unha pisca do medo atávico que de seu inspira a inmensidade do océano. 
Nun dos puntos onde a forza deste mar bravo é máis virulenta, veu hai máis de cincuenta anos a dar cos seus ósos un mozo de nación xermana, buscando non se sabe que, fuxindo non se sabe de que, tal vez del mesmo. Chamábase este mozo Manfred Gnädinger, nacera en 1936 e faleceu en 2002, disque de tristura de ver o mar invadido dun mucílago escuro, pegañento e apestoso. Instalouse en 1962 na pequena vila de Camelle, hoxe unha anárquica sucesión de despropósitos construtivos (marca permanente de todas as vilas da Costa da Morte), limitada ao oeste polo Atlántico, e entón imaxino que un enclave ancestral e aillado, ideal para o cultivo da misantropía máis radical. O xove Gnädinger axiña pasou a chamarse Man, por acurtamento do seu nome de pía e por acaerlle ben chamarse simplemente ‘home’ a quen vivía desposuído de todo, mesmo vestindo o imprescindible que esixía o decoro.
Non sei se a biografía de Man é sublime, exemplar, ridícula ou simplemente inclasificable, pero imaxinalo en taparrabos, no cabo do mundo, unha tarde de violenta borraxeira, enfrontado ao frío metálico das súas lembranzas, éncheme de pasmo, de preguntas, de dúbidas e incertezas, non tanto sobre quen foi el senón, máis ben, sobre quen son eu.

11.6.16

Unha tarxeta de visita



Cando rematei  a carreira, e conforme fixera cos meus irmáns meirandes e faría despois coa miña irmá máis nova, o finado de meu pai, Dioloteñanagloria, foi á de Tarolo, alcume  dun señor apelidado Couceiro que rexentaba unha imprenta na estradense rúa de Serafín Pazo, a encargarlle unhas tarxetas de visita. Por certo que este Tarolo tiña un can, branquinegro, cimarrón e mala leite, que un día, sendo eu ben meniño, saltoume enriba e traboume nunha illarga, causándome máis humillación que dano, pois lembro chegar cas da miña avoa choroso e con gran sentimento. Ben, ao que ía, que, como o lector adoito destas páxinas sabe ben, eu prendo nunha silva. Aló foi meu pai onda Tarolo a encargar as tarxetas de visita e aos poucos días entregoume, todo orgulloso, a caixiña de plástico transparente coas duascentas tarxetas, nas que, en abigarrada tipografía inglesa, rica de curvas e reviriganchos, se declaraba: Juan Luis Blanco Valdés, e, debaixo, Licenciado en Filología Hispánica. 
Aquel acto de meu pai era, así o entendín, un rito de paso, á solemnidade do cal contribuín coa miña actitude seria e ao tempo agradecida ao recibir a caixiña. Aínda, tras tantas viravoltas e tumbos desta congostra revirada que é a vida, conservo varias daquelas tarxetas en lugar reservado, coma quen agocha o fósil dun trilobites. 
Foi aquel un rito de paso ao que eu debín renunciar cos meus fillos: aínda que todo é posible pois son ben novos, ningún quixo ir á universidade, o cal, confeso a Vde., causoume non pouco disgusto. Eu agradezo á Universidade (en maiúscula, a miña amantísima Universidade compostelá) terme proporcionado unha visión ampla e dinámica das cousas, que, aventuro, foi a mesma que lle proporcionou a meu pai e da que este fixo gala durante toda a súa vida. Os meus estudos de lingüística, de latín, de teoría e crítica literaria, de historia da lingua, de metodoloxía comparada… aprendéronme a facer da filoloxía a miña vocación, do humanismo o meu pulso vital e da edición a miña profesión. 
A proposta intelectual honesta, a busca infatigable da verdade, a percepción crítica dos acontecementos, un mapa do mundo alicerzado na extrema valoración do coñecemento, velaí os elementos  que aquela tarxetiña de visita subsumía en catro palabras: Licenciado en Filología Hispánica, pois eses son, de certo, os elementos constitutivos da universidade, en todo tempo e latitude. Hoxe, teño para min que ninguén encarga xa tarxetas de visita para poñer algo tan banal como licenciado no que se sexa, pois a universidade, non digo que perdera, pero si diluíu as súas esencias en beberaxes espúreas. Ora, tamén pode ser que cos anos eu dea demasiadas cousas por sentadas, pois que todo  mude é a lei do mundo.

31.5.16

España va bien



Un amigo meu moi espelido cre que España vai de mal en peor dende que certo expresidente do Goberno, pequeneiro, bigotes e repunante, tivo a feliz ocorrencia de afirmar que España va bien. Aquela simpleza, dita polo máximo mandatario do país e cacarexada polos medios de comunicación ata aburrir, callou no imaxinario popular como un mantra na mente dun yogui e foi orixe de males sen conto, entre eles nomeadamente abrir a espita ao derroche máis impúdico, e daqueles ventos estes lodos. Un derroche que, se acadou sublimes cotas nos diñeiros públicos, afectou tamén ás economías individuais e familiares, pois como España ía ben, o españolito medio acabou por crerse o rei do mambo. O banco emprestaba, o cliente asinaba e, entusiasmado, mercaba o bemeúve e a presumir, pero un bo día, cando a burbulla estoupou e cedeu o enganoso espellismo, se decataba de que ou comía ou pagaba as letras do ‘haiga’, ao que, faltando os cartos, miraba como quen mira a porta do quirófano dende a camilla. Eu lembro unha inmobiliaria ben coñecida que, coa sinatura da hipoteca, agasallaba ao asinante cun Seat Ibiza. O último que souben da tal inmobiliaria é que o seu fundador-propietario está no talego.
Como España ía ben, a economía era unha barra libre onde cada quen se servía ata poñerse malo sen caer na conta de que alguén tería que pagar, ou si ou si, as consumicións. Unha noite de hai ben anos, cunha moza que tiven de nación xermana, saímos na cidade baixosaxona onde viviamos a tomar unha copa acompañados dunha amiga dela. Eu, facéndome de galán, paguei a copa de todos tres. Ao día seguinte, a amiga da miña moza, devolveulle a súa parte, discretamente e sen estar eu diante. Aquel día entendín, mellor que con cen lecións de estrutura económica, as razóns da preponderancia produtiva e financeria da RFA, pois non hai noticia de que a sobriedade e a contención fixeran nunca dano aos pobos e si moito beneficio.
Acaso a máis negra consecuencia daquel estado de optimista conciencia colectiva, rotulado coa famosa frase por don Josemaría, foi a corrupción. Aí empezou todo. Con que España vai ben? Vale, pensou a un tempo unha lexión de galopíns próximos á xestión do diñeiro de todos, pois haberá que aproveitar, que seguro que isto non dura. E non durou, claro, ou durou o tempo de que, un por un, aquela lexión de corsarios, fillos da España que tan ben ía, fartos de roubar, foran caendo para xeral indignación e universal vergoña.
Vou semellar un cenutrio pero xúrolle que hai un sentimento colectivo ao que en España teño moito medo: o optimismo.

16.4.16

Internet rex


Damos por absolutamente indiscutible a omnipotencia de Internet. Confiamos as nosas comunicacións máis persoais e os lances da nosa vida íntima a unha empresa, da que ignoramos todo, chamada WhatsApp Inc. con sede en Silicon Valley, alegre e inconscientemente confiados de que alguén vela pola nosa privacidade. Arquivamos milleiros de fotografias, vídeos e documentos de texto persoais e mesmo profesionais nun directorio dos nosos dispositivos chamado Dropbox, a nube, un milagro tecnolóxico que, a cambio de nada, sen asinar nada, sen custo algún, nos soluciona a vida, e preguntámonos como é posible que un servizo tan extraordinario sexa gratuíto. Dropbox é un país de 101 millóns de habitantes, de todas as razas, de todas as linguas, de todas as crenzas. Hai quen chega á conclusión de que tanta facilidade non é máis ca un xeito de domesticación e control global das nosas existencias, porque retrógrados  e desconfiados hainos en todas partes e a sombra do Big Brother orweliano é moi alongada. Persoalmente, cando, por un acaso, se me ocorre a terrible idea de que un día o meu dropbox desapareza, pregúntome a quen demo lle podería reclamar nada, pois na nube non hai contratos nin garantías. Nin seguridade. En xuño de 2011, e durante catro horas, comprobouse que calquera conta de Dropbox era accesible. Un consello:  mire ben o que garda na nube, non sexa que o que vostede cre un inofensivo cúmulo sexa un nimbo treboento que lle chova enriba.
Todos, inmigrantes e nativos dixitais, temos sucumbido ao poder de Internet, o Leitmotiv, o símbolo da modernidade. Hai quen alerta do efecto demoníaco das redes sociales e hai quen afirma que Internet é unha adicción. Podo testemuñar que hai unhas semanas a SIM do meu celular avariouse  e, durante dous días feriados nos que non puiden reparalo, descubrín unha liberdade e un aire novo que xa tiña esquecidos. 
Brent Underwood, consultor de márketing editorial da firma Brass Check, decidiu hai unhas semanas xogarlla a Amazon,  o deus todopoderoso da edición moderna. Subiu un libro titulado Putting my Foot down (‘Pisando forte’), cunha foto do pé do autor na cuberta e… dúas páxinas máis. El mesmo mercou tres exemplares e en cinco minutos a plataforma xa o tiña elevado á categoría exclusiva de best-seller (aquí explica como o fixo). Todo fume. Fume e degradación.
Acaso o labor intelectual honesto e paciente estea reñido con tanto bluf tecnolóxico e, paradoxalmente, deamos máis importancia a este ca a aquel.  Acaso esteamos dando por sentadas demasiadas cousas

5.4.16

Os zetas



Eu sen enterarme e, o que son as cousas, teño dous zetas na casa. Non, non se trata dun novo modelo de coche coreano, nin de electrodomésticos de última xeración, dispositivos dixitais ou dalgunha extravagante raza canina. O zeta é, segundo o criterio dunha consultora moi preocupada por definir os hábitos de consumo da poboación, un ser humano occidental (home ou muller resulta indiferente) nacido entre 1994 e 2010, e que, mire vostede que os hai orixinais, forman a xeración que segue á xeración X e a Y. Chegados a este punto, penso eu, por certo, que, para bautizar a próxima, vaise ter que tirar do comezo do abecedario ou, como nas matrículas de antes,  mesturar as letras, de xeito que, ao mellor, os nacidos entre 2075 e 2100 resulta que son é a xeración CF, vaia usté a saber. 
Os zetas son nativos dixitais pois para eles a Internet está tan indisolublemente unida ao seu ecosistema como para min o estaban o colacao, as pipas La Pilarica ou as pelis de Maciste. Mesmo a min, na miña condición de miserable inmigrante dixital, cústame xa lembrar que un día non moi afastado o mundo carecía de  e-mail, google e guasap (e iso que o meu periplo pedagóxico iniciouse en tenra idade cunha pizarra e un pizarrillo nos parvulitos de certo establecemento denominado Grupo Escolar José Antonio).   
Aos zetas, que veñen a ser case o 26% da poboación mundial actual, colleunos a crise, tras anos de sobreabundancia  e derroche, e a crúa constatación de que tamén papá e mamá tiñan que apretar o cinto; colleunos o cambio climático, un terrorismo de escala internacional alentado por un fanatismo medieval, un paro recalcitrante que non semella escampar e, no caso español, a inquietante sospeita de que fóra do seu país as cousas andan mellor para atoparen algunha posibilidade de futuro. Os zetas son autosuficientes, creativos e cuestionan permanentemente unha escala de valores que eles non estableceron. 
Atribúen a G. K. Chesterton, ese inesgotable pozo de frases célebres, o intelixente pensamento de que cando un non ten nada mellor que facer escribe as súas memorias.  Tal vez cando chegue a ese punto, siga eu o consello do escritor británico, e me dedique a encher de paparruchas dous centos de folios contando o que foi a miña vida, non digo que non. Cando menos, de tal xeito, os dous zetas que teño na casa poderán comprobar como nunca hai nada baixo o sol e , ao cabo, a súa vida non se distingue tanto da vida do seu pai, porque a rolda da existencia é cíclica e o propio de cada época é crer que os tempos son chegados e a fin do mundo está á volta da esquina.