5.4.16

Os zetas



Eu sen enterarme e, o que son as cousas, teño dous zetas na casa. Non, non se trata dun novo modelo de coche coreano, nin de electrodomésticos de última xeración, dispositivos dixitais ou dalgunha extravagante raza canina. O zeta é, segundo o criterio dunha consultora moi preocupada por definir os hábitos de consumo da poboación, un ser humano occidental (home ou muller resulta indiferente) nacido entre 1994 e 2010, e que, mire vostede que os hai orixinais, forman a xeración que segue á xeración X e a Y. Chegados a este punto, penso eu, por certo, que, para bautizar a próxima, vaise ter que tirar do comezo do abecedario ou, como nas matrículas de antes,  mesturar as letras, de xeito que, ao mellor, os nacidos entre 2075 e 2100 resulta que son é a xeración CF, vaia usté a saber. 
Os zetas son nativos dixitais pois para eles a Internet está tan indisolublemente unida ao seu ecosistema como para min o estaban o colacao, as pipas La Pilarica ou as pelis de Maciste. Mesmo a min, na miña condición de miserable inmigrante dixital, cústame xa lembrar que un día non moi afastado o mundo carecía de  e-mail, google e guasap (e iso que o meu periplo pedagóxico iniciouse en tenra idade cunha pizarra e un pizarrillo nos parvulitos de certo establecemento denominado Grupo Escolar José Antonio).   
Aos zetas, que veñen a ser case o 26% da poboación mundial actual, colleunos a crise, tras anos de sobreabundancia  e derroche, e a crúa constatación de que tamén papá e mamá tiñan que apretar o cinto; colleunos o cambio climático, un terrorismo de escala internacional alentado por un fanatismo medieval, un paro recalcitrante que non semella escampar e, no caso español, a inquietante sospeita de que fóra do seu país as cousas andan mellor para atoparen algunha posibilidade de futuro. Os zetas son autosuficientes, creativos e cuestionan permanentemente unha escala de valores que eles non estableceron. 
Atribúen a G. K. Chesterton, ese inesgotable pozo de frases célebres, o intelixente pensamento de que cando un non ten nada mellor que facer escribe as súas memorias.  Tal vez cando chegue a ese punto, siga eu o consello do escritor británico, e me dedique a encher de paparruchas dous centos de folios contando o que foi a miña vida, non digo que non. Cando menos, de tal xeito, os dous zetas que teño na casa poderán comprobar como nunca hai nada baixo o sol e , ao cabo, a súa vida non se distingue tanto da vida do seu pai, porque a rolda da existencia é cíclica e o propio de cada época é crer que os tempos son chegados e a fin do mundo está á volta da esquina.

18.3.16

Un conto pequeno



Hai moito, moito tempo había un reino afastado, que tocaba o grande océano por tres lados dos catro que tiña. Aquel reino era verde e vizoso arriba e ocre e seco por abaixo, porque no norte chovía moito e no sur ía de costume abafante fogaxe.  Era un reino antigo no que os habitantes, malia partillaren unha lingua común e seren de seu ben semellantes, estaban condenados a non se entenderen xamais: uns dicían de construír unha casa e outros unha ponte; feita a casa, o lío era polo teito, se de palla ou tellado; estes querían tirar abaixo unha tapia grande que había e aqueles facela aínda máis alta; os loiros dicían que era mellor ser loiro e os morenos que morenos, e loiros e morenos pelexaban; os do leste, créndose máis ricos, tiñan noxo dos do oeste, menos afortunados. E o peor era que os habitantes, impasibles perante a decadencia e ruína do reino, lonxe de procurar entenderse en algo, teimaban con saña nos insultos duns cos outros, nas violentas liortas, pois calquera diferenza servía para cargar a súa carraxe e espallala, como se espalla a auga das olas pola arena. Non satisfeitos con andar todo o día a estacazos, deron os dun lado en roubar aos do outro e todo, ao cabo, era acusárense uns aos outros a ver quen roubara máis, pois, de feito, roubar, roubaban todos. 
Había no reino un druída, sabio e venerable, que,  vendo esvaírse as enerxías dos habitantes no cultivo cotián da xenreira e seriamente comprometida a boa gobernanza do reino, pensou en ceibalos da maldición. Mesturando herbas, follas e flores con óleos secretos e antiquísimas apócemas, destilou un perfume tan extraordinario, un arrecendo tan sublime, un aroma tan sobrenatural que só con salpicar unha gota no aire era manifesto o seu efecto euforizante e unha corrente irresistible de balsámica bondade apoderábase dos corazóns, perdoando a vítima ao ladrón e facendo este xurdia promesa de non voltar a roubar, anegándose as falas de harmonía e acordo sobre o mellor futuro do reino. Creu o compasivo mago que de alí en diante o siso voltaría ao malfadado reino pero quíxoo o destino doutro xeito, pois, uns e outros habitantes nunca cousa si se puxeron de acordo: foron á selva onde vivía o mago e destruíron todas as redomas de perfume que o mago tiña e aínda, poñendo mans violentas sobre o bo feiticeiro, asasinárono, non fora que se lle ocorrera facer máis colonia máxica, e, así, seguiron vivindo como ata entón, pois comprenderon que a carraxe, o desprezo e o enfrontamento eran a súa savia, un fluído agre sen o cal non sabían vivir.

2.3.16

O español



Raros, curiosos e imprevisibles son os camiños que conducen ao éxito unha obra calquera do humano entendemento. É ben sabido que Franz Kafka deixou encomendado ao seu albacea testamentario Max Brod destruír sen excepción todos os seus manuscritos. Ou que o sublime Van Gogh, pobre, roxo de pelo e tolo, vendeu só un cadro en vida, O viñedo vermello, por 400 francos. Morreron, ao cabo, don Franz vienés e don Vincent neerlandés ben ignorantes de que co andar dos anos serían, aquel un dos máis fascinantes narradores e este un dos máis extraordinarios pintores da vixésima centuria, considerados con todo merecemento cánones da novela e da pintura contemporáneas. 
Se don Miguel de apelidos tan galegos Cervantes e Saavedra intuía cando estirou a pata a inmensa repercusión do seu fidalgo de los de lanza en astillero é algo que non di a historia. Ao mellor, envexoso do éxito do seu colega, o fénix dos enxeños, rico, ligón, famoso e un pouco fantasma, e que por riba non era impedido dunha man, pensou que os loureiros do parnaso non lle estaban reservados e foise para o outro barrio na crenza de que as andanzas do seu Quijano pasarían sen mágoa nin gloria. Pero dispúxoo o destino doutro xeito e elevou o seu Quijote ao pedestal da obra máis universal, coñecida, lida e traducida da literatura de todos os tempos. Sería outro o seu futuro de non estar escrita en español? De novo, temos que dicir que non se sabe. Xa daquela, cando don Miguel puxo o punto final ao manuscrito, era o español o primeiro idioma do mundo, falado nunha extensión na que nunca se deitaba o sol.  Non sei a vostede pero a min prodúceme un pasmo reverente ver un misquito de Honduras, un guaraní do Paraguai ou un quechua andino falar un idioma absolutamente tansparente e intelixible.  Non constitúe esa comunidad de lingua un patrimonio impagable? Iso no étnico ou antropolóxico, porque, no puramente crematístico, a existencia dunha colectividade de máis de 600 millóns de usuarios dunha mesma lingua agocha un potencial económico que, cando ben explotado, pode reportar incalculables beneficios de toda índole.  
Cando as guerras carlistas, aquel meu admirado don Jorgito el Inglés, que vendía biblias luteranas por España adiante, deu fe que era característico dos españois o desprezo ou indeferenza do seu, en beneficio da devoción servil por todo o foráneo. Eu quérolle moito o meu país, pero vendo que imos mandar a Eurovisión unha gicha cantando en inglés dáme gana de marchar del. Odio a estupidez.

17.1.16

Andacio de tempos modernos



Sociólogos, psicólogos e pisquiatras observan nas culturas urbanas contemporáneas dous feitos sorprendentes: oito de cada dez persoas que deciden poñer voluntariamente fin á súa existencia son homes e, contra o que puidera semellar a primeira vista, non son a melancolía compulsiva nin a baixa autoestima nin a ausencia de habelencias sociais as causas preeminentes do suicidio, senón a exacerbación do perfeccionismo. Unha sociedade que ten canonizado o poder adquisitivo como marchamo inequívoco do éxito profesional e persoal xera o caldo de cultivo perfecto para a frustración crónica, que é loxicamente tanto máis adoita canto máis intensa a competencia, basal e xenética, entre machos alfa. Isto define, máis intensamente entre varóns, unha perigosísima dinámica, onde a nosa propia configuración non se basea tanto no que nós pensamos nin agardamos de nós mesmos canto na obsesión sobre a imaxe que cremos que os demais teñen de nós. Eu creo que a disimetría sistemática entre estes dous polos (cómo nos vemos a nos propios e cómo cremos que nos ven os demais) alimenta unha figura moi habitual que de certo vostede recoñecerá de contado: o xenio incomprendido, que ofrece a quen o queira unha excelente oportunidade de negocio: mercalo polo que realmente vale e vendelo polo que el cre que vale. 
A, tremenda, intelixente, definitiva, apreciación sartreana de que o inferno son os outros acada na nosa hipertecnolóxica sociedade unha dimensión de robótica apocalipse: igual que mal levamos que a medicina non o cure todo, resúltanos intolerable que a caixeira do híper, tras cinco horas pasando produtos por un lector de código de barras, se trabuque cobrándonos ou que non lle funcione o chintófano da tarxeta de crédito e nos teña esperando cinco miserables minutos, que se nos volven unha eternidade. Vivimos afeitos a ter que soportarnos: cónxuxes, fillos, pais, irmáns, amigos, colegas de traballo… conforman unha lexión de inimigos contra os que a guerra diaria é, como toda guerra, dura e por veces insufrible. Pero a feroz esixencia de demostrar o que valemos, o extremadamente intelixentes e  importantes que somos e o ben que vivimos (unha novidade filla do estado do benestar) crearon un novo monstro, que, como o Horla de Maupassant, se nutre de nós. Un monstro que medra en canto medra a carraxe non tanto por ver incumpridas expectativas tal vez demasiado ambiciosas senón polo feito de que un rostro vencido testemuñe a frustración e os demais o saiban. E este é un punto crítico ao que algúns non sobreviven.

7.1.16

Corazón da Amaía



É ben coñecido o pensamento sentencioso de que un é de onde ten os libros. Os meus libros (os meus e os que, por herdo acumulativo dende meu avó, fixen meus cando tocou) residen dende hai xa ben anos nun cómaro do fermoso país da Amaía («a Amaía, pasala de día», pide o proverbio para así regalar os sentidos con tanto esplendor). Dende esa altura, na que convivo cos meus libros, enxérgase o val, deitado entre bosques, leiras e aldeas. Contra as tardiñas da primavera, tan amantiña paisaxe transmite momentos de intensa maxia: mentres o día se desangra, vai anegándose o val de penumbra e, pouco e pouco, entre delicadas febras de brétema e o doce rechouchío do melro, acendéndose as luces das casas do home. Cando a noite remata por tender o seu manto, semella poñerse en orde de combate un exército de vagalumes. 
Se os meus libros son, pois, de Brión, non vexo motivo eu para negar tal nación. De feito, tras as voltas e viravoltas da vida, asinei unha sorte de contrato interior para vivir en permanente comuñón coa paisaxe e a natureza desta terra pródiga. Nas súas valgadas, no canto harmonioso dos seus mil regatos e mananciais, no silenzo mesto das súas fragas, no engado das súas vellas corredoiras atopo o contrapunto necesario para atemperar as tensións desta existencia de tolos rexida polo obsesivo bucle de traballar, producir e consumir. 
Eu confeso que debo moito á paisaxe que, cada vez que sento diante do meu portátil para escribir, se abre diante de min: todo acto de creación chega a establecer unha relación umbilical coa liturxia e o contexto que o propician. Ollando o val, ebrio de lonxanía, e co estímulo sonoro das miñas músicas favoritas, escribín versos de sutil poesía, sesudas reflexións profesionais, centos de posts para o meu blog e artigos para prensa, páxinas técnicas e relatos truculentos, e en todos hai algo do misterio, da luz (e da escuridade), dos contrastes, do sortilexio, da coherencia, da orde (e da desorde), mesmo (e permítaseme a leve vaidade) da elegancia da paisaxe que, dende a residencia dos meus libros, contemplo por riba dos bordes do monitor. 
De todo ten que haber no mundo, e, en punto a caprichos raros, ninguén dixo a última palabra. Hai quen precisa, para pintar, litros de café e quen non escribe unha liña se non papa antes unha cunca de caldo de verzas. En non pido tanto: aló onde nace o horizonte, as torres de Compostela e o curuto grisazul do Pico Sacro gárdanme o pensamento.