1.3.15

Humanos



A práctica desaparición do latín dos estudos de secundaria e bacharelato, ademais de consecuencias máis graves e profundas que, nalgunha outra ocasión, foron denunciadas dende esta columna, privará á posteridade dos deliciosos dislates tradutorios que eran veta riquísima das antoloxías do disparate. Unha pérola da que son devoto é a interpretación que o alumno, polo visto dun instituto da cidade das murallas, deu dun fragmento da cesariana e arquifamosa Guerra das Galias. Onde o xeneral (que, sabido é, inaugurou a pedantería de falar de si propio en terceira persoa) escribiu: Caesar primo locum in conspectu habebat (o cal, sobre pouco máis ou menos, vale ‘César considerou primeiro o lugar visualmente’), aquel humanista vocacional trasladou ‘César tenía un primo loco en Cospeito’.
Deixando á parte os problemas mentais da ponla familiar lugueña de don Xulio romano, si é certo que o desuso da nobre lingua do Lacio impón unha dura limitación retórica para os que, coma quen subscribe, atopa pracer estremoso en epatar o lector co consabido latinajo:  prendido moitas veces con alfinetes, vai o comido polo servido, pois toda sentenza lapidaria, veña ou non a conto, semella sancionar coa venerable sabedoría de hai dous mil anos aserto ou opinión de calquera badulaque.
Ollando eu para este teatro barrigaverde que é o noso país, alcánzaseme que o comediógrafo latino Terencio nolo puxo branco e en botella cando ao personaxe dunha das súas pezas se lle ocorreu dicir, para xustificar que era un entremetido: Humani nihil a me alienum puto, o que vale ‘nada humano me resulta alleo’.    
Nin a señora Pontón, que se sabe unha canción de Enrique Iglesias, nin o señor Conselleiro de Cultura que sabe que a señora Pontón a sabe; nin o caloret da señora Barberá, que fala un valenciano de calidade semellante á do meu chino cantonés; nin a señora Villalobos, que é cinturón negro de Candy Crush e que cando lle fala o xefe por un oído lle entra e por outro lle sae; nin a complementaria de Monedero; nin as marés que, malia en terra de secaño, tanto se prodigan, con facianas novas e azos redivivos… nada de todo iso me resulta alleo, pois todo é tan humano! Tendemos a crer que os políticos viven para alén dos humanais defectos, nunha sorte de turris eburnea onde non senten nin padecen. Isto non é así e me doe a dureza con que moitas veces criticamos os políticos. Eles tamén sofren, ás veces mesmo pensan, son… humanos.

10.2.15

Coser a cidade



Unha amiga miña, de criterio sempre sensato e ponderado, usa unha metáfora para referirse ao tecido socio-urbano da capital de Galicia. Cre a miña amiga que Santiago está sen coser, reflectindo tan brillante símil a ausencia de uniformidade dunha estrutura poboacional desenvolvida a salto de mata, moitas veces como resposta a esixencias espurias e intereses particulares, e sen un plan reitor inspirado nos principios de coherencia, sostibilidade e acordo social, que (e non hai que ser un especialista para percibilo) están detrás dun desenvolvemento urbanístico moderno, estético e eficiente.
Hoxe, as cidades son entes complexos e altamente dinámicos que responden en ocasións, mesmo, a situacións paradoxais: os centros urbanos tradicionais envellecen e se despoboan mentres as periferias medran exponencialmente. Disto é proba palmaria Compostela, ata o punto de ser Ames o concello que máis medra en menor tempo de toda a comunidade de Galicia.
Respondeu Santiago a este feito, como núcleo director dunha área metropolitana que trascende con moitísimo as lindes da cidade? Comunicacións de autobús deficitarias, impuntuais, lentas; autovías que comunican un aeroporto internacional e os principais núcleos da periferia coa cidade sen iluminación, nin sequera os accesos e rotondas de enlace… son apenas mostras dunha paisaxe desoladora. Para que se faga vostede unha idea, a vía que comunica a saída 3 da AG-56 coa cidade, que eu, e milleiros de usuarios, tomamos todos os días é unha pista, estreita e perigosa, orlada de lama e campos de coleiros, chea de mendos e baches, que, por incrible que pareza no século XXI, dá acceso a unha cidade de 100000 habitantes. Chega ben así.
Entre o peso da tradición, a invocación triunfalista de glorias pretéritas, a tiranía do ladrillo e a crenza de que o Camiño e o turismo son a panacea, Santiago de Compostela leva demasiados anos languidecendo, en terra de ningures, a medio camiño entre Coruña e Vigo, sen que teña callado un proxecto de cidade que integre barrios, que conecte periferias, que estimule a industria, que reavive a cultura, que aguilloe unha sociedade aletargada, en definitiva, que proporcione aos picheleiros o orgullo da súa cidade, un sentimento desaparecido en combate.
O xornal El Correo Gallego convoca hai uns días a un gran pacto social polo desenvolvemento da cidade, forzas vivas (comercio, empresa, educación, turismo, cultura, deporte, sanidad…) precisadas dun liderado político que as cohesione e, sobre todo, as ilusione nun gran proxecto de casa común. Co permiso de Vde., vou mudar un chisco o proverbio: crer é poder.

4.2.15

Poderán?



De cando en vez, nunha sociedade mediática como a nosa, é dable detectar situacións de auténtica obsesión social. E, por moito que actualmente o peso dos mass media disparen tales obsesións a unha escala patolóxica, non semella un fenómeno novo. Xa en 1830, o escritor alemán Ludwig Börne escribía: «Uns botánme en cara ser xudeu; outros perdónanmo; un terceiro mesmo me eloxia; pero non hai ninguén que non pense no asunto. Todo o mundo está enfeitizado polo círculo máxico dos xudeus e non hai xeito de saír del».
Dun tempo a esta parte en cafés matutinos, xantares de empresa, charlas de tanatorio, tés de domingo e timbas de tute subastado resulta imposible tratar a nosa maltreita actualidade política sen evocar a primeira persoa plural do presente indicativo do verbo poder, vocábulo que automaticamente excita as emocións máis encontradas: nuns, a desconfianza; noutros, a esperanza; neste, o desprezo; nese, a máis xurdia adhesión, naqueloutro, a indignación… Pero, como no caso do literato xudeu-alemán, todo o mundo, por unha ou outra razón, vive subxugado ao feitizo dun tipo con coleta, que,  provisto dunha artillaría oratoria sen precedente, se colou nas nosas vidas de xeito tan inesperado como contundente.  
Ata a irrupción deste señor, había en España unha pax augusta, que, malia con inevitables sustos e turbulencias, insuflaba na vida política unha certa nonchalance, derivada dunha tranquilizadora alternancia: esquerda-dereita, socialdemocracia-liberalismo… Por riba de etiquetas e matices que, se imos ao caso, veñen pouco a conto, Pepé e Pesoe vivían nunha arcadia de agora eu-agora ti, sen contaren con máis inimigo que puidera alterar a cabeza da liga nin atoldar o horizonte. Pero, como lebre saltarina, nun repente, a pole da política patria e as portadas de informativos, debates e outras catacumbas aparecen ocupadas por apelidos montaraces (Herrejón, Monedero) e outros de sabucho familiarmente compostelán (Bescansa), achegando os amores do líder coa lideresa doutra formación de progres unha bonita nota romántica, na que se intúen designios políticos trazados entre sabas e intercambio de fluídos.
A figura do salvador que, ao conxuro da pureza, destila o arcano místico para transmutar a mentira en rectitude, a postración en ventura e a náusea en sorriso é tan vella como o mundo. De todo canto mesías ten producido a historia (e o catálogo, dende  o fillo dun carpinteiro arameo ata certo cabo austríaco, dá para aburrir), atérranme as consecuencias dun don que lles é característico: o seu convencemento.

25.1.15

A lei de Todovale



A demasía informativa de Occidente roza xa as lindes do colapso. Sabe Vde. o que é un exabyte? Por se non, déixeme dicirlle que un exabyte é un millón de terabytes. Ou, se o prefire, 1018 bytes, vale? Pois ben, o tamaño calculado da Internet (en almacenamento global de datos dixitais) é de 500 exabytes. Pero o mellor é que, segundo Cisco, a Internet engordará ata 2017 a razón de 134 exabytes anuais (ou, o que é o mesmo, 3’7 exabytes anuais). Para que se faga Vde. unha idea de que estamos falando, neses 134 exabytes compréndese 30 billóns de imaxes, equivalentes a dez imaxes diarias xeradas por cada habitante do planeta durante un ano enteiro. A pera limonera. 
Un tráfico comunicativo de tales dimensións implica, claro está, a máis rampante e inevitable indiscriminación: non existe tempo para procesar tal volume de datos nin o estado mental preciso para a súa análise serena, e, como consecuencia, un acaba crendo todo pildorazo e concedendo creto ao poder canonizador da rede e os mass media. Durante un tempo, crin certa a defunción de certo adestrador canino moi popular da TV, pois un gilipollas calquera introduciu o boato da sá morte na rede.
En España, a bulimia informativa ten tintes propios. Non é a primeira vez, nin será probablemente a última, que me refiro ao dano social que produce o ruído (mellor sería dicir balbordo) mediático que trufa a cotidianidade dos españois do século XXI, razón pola cal eu encarezo ao lector benevolente afastarse de periódicos, telexornais e debates televisivos de toda laia. Este é un país de ruxe-ruxe, de díxome-díxome, un inmenso patio de Monipodio gobernado a golpe de titulares, diariamente interpretados á hora do café por expertos arranxadores do mundo, un país rexido pola densa urdime cotiá de declaracións e contradeclaracións, que, como unha hamaca, non fan máis que mover os cidadáns dun punto a outro sen chegaren a ningún sitio. 
O exceso expresivo, o debate crónico e a mobilización permanente son, ao meu xuízo, os ingredientes dunha fervenza na que todo vale e todos valemos para todo. Como, por exemplo, cando certa asociación insta á Real Academia Española a modificar o seu dicionario (e hai que dicir que un dicionario non é unha obra normativa, senón o inventario no que se espella a realidade léxica dunha colectividade) porque non lles gusta unha das acepcións de gitano. A repanocha.

19.1.15

Razóns para o orgullo




Estimo que en poucas latitudes da actual Europa debe verificarse coa intensidade que o fai en Galicia a colisión entre mundo urbano e rural. O peso da tradición rural e a sobredimensión do sector primario reducen a poboación urbana galega a un 67%, determinando tamén que nin un notable pulo industrial nin o éxodo rural ás cidades fose abondo para o desenvolvemento de grandes urbes: no temos en Galicia a gran cidade que teñen outras comunidades, como Bilbao, Sevilla, Valencia, Murcia ou Zaragoza. A nosa cidade máis grande, Vigo, concello incluído, apenas chega aos 300.000 habitantes, e os medios de comunicación refírense ás sete grandes cidades de Galicia, incluíndo nesta vitola Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol ou Lugo, que non chegan aos 100.000.
A  migración do rural ao urbano e a difícil convivencia entre as fortísimas inercias da tradición e as suxestivas luces da modernidade amósanse en Galicia cheas de traumáticas mestizaxes e producen contrastes contundentes entre dúas velocidades de desenvolvemento socio-cultural. Íncola dunha urbanización de acaroados na volta de Compostela, teño para min que, en moitos respectos, vivo, razono e funciono a anos-luz de cidadáns que habitan a escasos douscentos metros do meu domicilio. Non fago valoracións éticas sobre estas condicións nin vou recorrer (estou certo de que o prezado lector non ofendería a miña escasa intelixencia supoñéndoo) á deprecación do rural, por subdesenvolvido, fronte ao urbano, por moderno e guai. Ben en troques, a miña fuxida da cidade ao campo (como a de tantos cidadáns occidentais) respondeu a unha revaloración vital da natureza, da súa beleza, da súa sabedoría, fronte aos agobios e falsías da cidade. Pero, precisamente, no contexto dun medio natural soberbio, as mestizaxes rururbanas ás que antes me refería impuxeron no país o cobro dunha peaxe insoportable: o feísmo.
Para min, o feísmo representa un verdadeiro problema vital, que levo, debo dicir, moi mal, pois, enamorado como son da nosa paisaxe atlántica, do engado céltico dos nosos bosques, da luz incomparable desta esquina nórdica e verde, o impacto visual do horror urbanísitico e maltrato do medio é brutal e irremediable. Agora que semos europeos e os nosos fogares e ambientes réxense por altos criterios de estética, calidade e deseño (con obvios beneficios para Ikea), vivir arrodeado de palafitos, salpicón urbanístico, aberracións de ladrillo e cemento, uralita, lixo e aluminio é simplemente un pesadelo: un dos grandes patrimonios de Galicia debidos, por certo, exclusivamente aos galegos