10.2.15

Coser a cidade



Unha amiga miña, de criterio sempre sensato e ponderado, usa unha metáfora para referirse ao tecido socio-urbano da capital de Galicia. Cre a miña amiga que Santiago está sen coser, reflectindo tan brillante símil a ausencia de uniformidade dunha estrutura poboacional desenvolvida a salto de mata, moitas veces como resposta a esixencias espurias e intereses particulares, e sen un plan reitor inspirado nos principios de coherencia, sostibilidade e acordo social, que (e non hai que ser un especialista para percibilo) están detrás dun desenvolvemento urbanístico moderno, estético e eficiente.
Hoxe, as cidades son entes complexos e altamente dinámicos que responden en ocasións, mesmo, a situacións paradoxais: os centros urbanos tradicionais envellecen e se despoboan mentres as periferias medran exponencialmente. Disto é proba palmaria Compostela, ata o punto de ser Ames o concello que máis medra en menor tempo de toda a comunidade de Galicia.
Respondeu Santiago a este feito, como núcleo director dunha área metropolitana que trascende con moitísimo as lindes da cidade? Comunicacións de autobús deficitarias, impuntuais, lentas; autovías que comunican un aeroporto internacional e os principais núcleos da periferia coa cidade sen iluminación, nin sequera os accesos e rotondas de enlace… son apenas mostras dunha paisaxe desoladora. Para que se faga vostede unha idea, a vía que comunica a saída 3 da AG-56 coa cidade, que eu, e milleiros de usuarios, tomamos todos os días é unha pista, estreita e perigosa, orlada de lama e campos de coleiros, chea de mendos e baches, que, por incrible que pareza no século XXI, dá acceso a unha cidade de 100000 habitantes. Chega ben así.
Entre o peso da tradición, a invocación triunfalista de glorias pretéritas, a tiranía do ladrillo e a crenza de que o Camiño e o turismo son a panacea, Santiago de Compostela leva demasiados anos languidecendo, en terra de ningures, a medio camiño entre Coruña e Vigo, sen que teña callado un proxecto de cidade que integre barrios, que conecte periferias, que estimule a industria, que reavive a cultura, que aguilloe unha sociedade aletargada, en definitiva, que proporcione aos picheleiros o orgullo da súa cidade, un sentimento desaparecido en combate.
O xornal El Correo Gallego convoca hai uns días a un gran pacto social polo desenvolvemento da cidade, forzas vivas (comercio, empresa, educación, turismo, cultura, deporte, sanidad…) precisadas dun liderado político que as cohesione e, sobre todo, as ilusione nun gran proxecto de casa común. Co permiso de Vde., vou mudar un chisco o proverbio: crer é poder.

No hay comentarios: