20.12.18

Stupid woman


Desequilibrado, carroñeiro, gilipollas, ignorante, mentireiro, inmoral, facha… o insulto rampante, ordinario e vulgar é unha práctica cada vez máis asentada no clima político, e especialmente parlamentario, patrio, o cal non me estraña nada contemplando a ensaladilla que é hoxe a nosa vida nacional e o niveliño dalgúns patres (e matres, vale) patriae. Certo é que adoptar a descualificación como argumento é algo, en política, tan vello como o mundo. Ora, ata a descualificación e o insulto poden revestirse coas galas da intelixencia, a finura e a elegancia. Na quenda de réplica a un deputado laborista no parlamento británico (estes días, por certo, ben de moda), Churchill dixo del que era un home modesto con moitas razóns para ser modesto. Pódese ser máis exquisitamente irónico para chamar mediocre, ou francamente parvo, a alguén? Coñecida é tamén a liorta que, esta no Congreso dos Deputados en tempos da República, enredou, creo lembrar, un socialista cun monárquico. Cando un deles preguntou retoricamente ao pleno qué cabía agardar dun home que gasta calzóns estampados, este advertiulle na réplica que pasaría por alto a indiscreción da súa dona. É difícil ser máis enxeñoso para tildar alguén tan finamente e con tanta chispa cun dos apreciativos probablemente máis escarnecedores da lingua: cornudo
O insulto en política non coñece fronteiras e, cando se usa descarnadamente, pode mover moito balbordo. Tampouco é que ler nos beizos sexa a miña especialidade nin o meu inglés un C2, pero eu creo que, na zaragallada que se armou o outro día no parlamento británico a conta do brexit e a delicada situación da premier May, o lider whig Jeremy Corbyn dixo stupid woman e non stupid people, como agora quere coarnos de matute. Chámame a atención, con todo, que cando os tories cargaron contra o seu rival, tildárano de misóxino e machista. Chamar a unha muller estúpida e tan sexista como que unha muller chame estúpido a un home. Entendo que cando Corbyn di da inquilina do 10 de Downing Street que é estúpida refírese á súa intelixencia e non á súa condición de muller. Ao cabo, e volto ao rollo macabeo da linguaxe politicamente correcta ao que aludía hai unhas semanas, non estaremos convertendo a condición feminina, tan exactamente digna e nobre como a masculina, nunha sorte de delicadísimo vaso de cristal que non se debe tocar, non vaia ser que rompa?

No hay comentarios: