Saíndo ou
entrando a Galicia por estrada, pregúntome moitas veces se, a ollos dun
estranxeiro, ou mesmo un español non galego, se apreciarían diferenzas (de
paisaxe, orografía, na habitación humana…) entre, Lugo, Ourense ou Pontevedra e
León, Asturias, Zamora ou o norte de Portugal. En todas as zonas de fronteira
perméanse as linguas e os costumes, de xeito que as lindes políticas ou
administrativas son por veces mouteiras máis teóricas que reais. Polo demais, ben
se sabe que nisto das identidades, e máis nun país no que, por tal motivo,
levamos séculos a gorrazos, hai para todos os gustos e que se a un fulano de
Castropol ou a outro de Vilafranca do Bierzo se lles encaixa nos miolos
sentírense galegos pois con esta nación se identifican máis, alá eles e as súas
razóns, que maiores dislates se perpetran todos os días e ninguén chía.
Neste
particular matinaba eu nunha recente e moi agradable excursión polos impresionantes
Picos de Europa, que precisamente en 2018 cumpriron cen anos como Parque
Nacional (o primeiro fundado en España e, asómbrese vostede, o segundo do
mundo, tras Yellowstone, en 1872). Dende Po de Cabrales, como centro de
operacións, despregamos diversos desprazamentos a base de bota, suor e mochila,
gozando dunha natureza brava e das vistas dunha unha montaña sobrecolledora, pétrea
e vertical que (síntoo ben polos chauvinistas) deixa achaparrado o cumio máis
alto de Galicia. Na senda que discorre pola garganta do río Cares (senda, por
certo, pegada ao esfragadoiro e non recomendable para todos os públicos), tiven
a sensación de recorrer un mundo de ensoño tallado por titáns a golpe de
ciclópeo cicel. Pero, ao que ía, que eu axiña prendo nunha silva. Lembraba eu,
nesta bendita terra, iso de que gallegos
y asturianos, primos hermanos. Non negarei unha certa identidade en moitas
cousas, tanto máis intensa canto máis ao oeste de Asturias. Pero existen
dorosas diferenzas. O modelo urbanístico que ofrecen as zonas máis turísticas
de Asturias é, en liñas xerais, exemplar e pon, ao meu modo de ver, branco
sobre negro na cuestión do feísmo construtivo de Galicia. Paseando por Asiegu,
Arenas de Cabrales, Tresviso, Bulnes, Sotres…, e gozando do respecto que nestas
aldeas e vilas se manifesta á tradición, dóeme no corazón que o caótico destrozo
urbanístico das vilas e aldeas do meu país sexa, xa, un camiño sen retorno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario