13.10.18

Chacha para todo


Un afamado escritor e polémico columnista remataba hai días o seu artigo semanal en certo dominical deste xeito: O primeiro que desactiva un bo xornalista, un bo novelista, a calquera, é vivir con medo ás súas propias verbas. Cómpre dicir que na columna, titulada Mariconadas, o autor, por afastarse da incorrección política, recoñecía ter substituído esta fea palabra por gilipolleces.
A contención expresiva móvese nas linguas, nunha dinámica xeralmente localizada entre os polos extremos do disfemismo e o eufemismo, a impulsos da evolución social (razón pola cal estes fenómenos que atinxen o léxico caen no eido dunha interesantísima, e moi reveladora, disciplina denominada sociolingüística). Os meus fillos chamaban cuidadora ao que os da miña quinta chamabamos muchacha (co truncamento popular chacha) e os da quinta de meu pai criada. De paralítico a discapacitado, de cego a invidente e de anano a persoa de talle pequeno hai toda unha evolución da sensibilidade tras a que pula a benéfica tendencia á integración na categoría do normal do que, en termos dunha inercia viejuna e apoltronada, resulta diferente ou mesmo marxinal. 
Se existe unha área na que o léxico houbo de acomodarse a novas realidades sociais é das opcións sexuais de cada quen. LGTB e unha sigla que aglutina actitudes que hai catrocentos anos eran pase seguro para a Inquisición e a fogueira, a tal punto era un tabú calquera desvío da heterosexualidade. Non tan lonxe no tempo, eu (e vostede ao mellor tamén) lembro especimes léxicos como tortillera, marimacho, mariquita ou invertido que eran directo destilado dunha España gris e miserable, que fedía a sotana e mexo seco. 
Dito todo o cal, e recoñecida a enorme valentía dunha sociedade dinámica que, como amosa a súa lingua, evolúe e muda sen complexos, lícito é tamén recoñecer que a linguaxe avanza, retrocede, salta e colle atallos con absoluta independencia da vontade dos seus usuarios. Por que en galego dicimos normlamente baloncesto e fútbol (e non basket e balompé) semlla non responder a ningún criterio selectivo estable, pero así é. Chacha para todo é unha expresión lexicalizada referida a algúen (machou ou femia é indiferente) que o mesmo vale para un rompido que para un descosido. Buscar tras o seu uso (tal vez, en efecto, non demasiado recomendable nas declaracións públicas dun político) unha intención de vexación sexista é buscarlle os cinco pés ao can. Ou é que cada vez que usa vostede o enxebrísimo venablo coño está pensando no sexo feminino?

4 comentarios:

Voz en off dijo...

Chacha é despectivo pero “ para todo” xa é o culmen, a qué se refire? Que o diga en voz alta ou que o retire. Xa non entramos no de ancián Caballero, se Caballero é ancián qué sería Fraga un Australopithecus Rex. Eu non vexo necesario que dimita pero que retire o que dixo.

Ana Bande dijo...

A min as vulgaridades é que me dan moita grima, e vindo de xente maior e con capacidade de obrar e responsabilidade pýblica xa o considero unha falta de respeto maiúsculo, pero aló cadaquén coa súa ética, que dimita ou non é irrelevante, está dito. Un saúdo colega! canto tempo sen vérmonos!

juan l. blanco valdés dijo...

Outro saúdo agarimoso, Ana , e encantado de verte polo furancho!! Agora ando máis por FB (onde comparto os artigos do blog, que, xeralmente, van despois quincenalmente á miña columna 'Bágoas de crocodilo' n'El Correo Gallego). Obrigado polo comentario, no que, claro está, concordo: a vulgaridade rampante vive comodamente instalada na vida pública española dende hai lustros... Saúdos cordiais!!

Ana Bande dijo...

Ahh...pois buscarei na marea de FB o teu lar! hai que seguir aos clásicos...bico!!!