29.9.18

Dereito ao esquecemento


Un crítico (con bastante mala leite, condición polo visto anexada á propia profesión) referiuse a certo poeta con retranca. Nunha crónica dicía: Fulano (o nome do poeta), hoxe felizmente esquecido… A retranca, tan do país, ten sempre un compoñente paradoxal, divinamente expresado nesta opinión do noso malévolo crítico, porque, como é posible que o esquecemento sexa feliz? 
Lembro o crítico inimigo do indefenso vate por unha expresión, de seu terrible, que, como tantas cousas, puxo de moda a Internet. Digo terrible, pois todo dereito se exerce para a consecución de algo bo, nobre, mellor, e así dicimos o dereito á vida, o dereito a unha vivenda digna, o dereito á liberdade ou á saúde. Non obstante, para protexer a nosa intimidade a lei ofrécenos un novo dereito, o dereito ao esquecemento, ou, de traducírmolo ad pedem litterae da secuencia orixinal (right to be forgotten), o dereito a ser esquecido. Tremendo. Como pode ser un dereito algo de consecuencias tan tristes? Nada hai máis seguro que a morte, certo é, pero precisamente por iso facemos en vida o posible por ser amados, por ser respectados, mesmo por ser coñecidos, é dicir, por sermos lembrados unha vez a parca inexorable pase coa gadaña fatal. 
Os heroes clásicos (Xasón, Eneas, Hércules, Aragorn fillo de Arathorn e por aí) e os reis e príncipes da antigüidade (dos de agora mellor non falar) orientaban toda a súa existencia, a través de aventuras e machadas nas que, por regra xeral, amosaban un valor extraordinario fronte a poderosos inimigos, mares embravecidos e horrendos monstros, a perpetuarse e ser lembrados por toda a eternidade, como símbolos áureos das máis nobres xestas.  
Hoxe, desventurados tempos de mediocridade, o que queremos é que as cousas máis prosaicas dunha existencia pobretona (fotos feas, o número do noso DNI, unha multa de tráfico, o expediente da egebé ou o malfadado vídeo dun baile no que facemos o ridi), pegadas, que vaia usté a saber por que, un bo día apareceron na nube, desaparezan, sexan borradas da faz da Internet, nunca existiran. Pero internet é como un labirinto enganoso no que, unha vez se entra, resulta imposible ou moi difícil saír. 
O dereito ao esquecemento soa como o dereito á soidade ou o dereito ao desespero. Día a día, a humanidade reinvéntase e escribe liñas novas sobre un vello papel. Ao mellor, os heroes dos nosos días son os anónimos pringaos que, como vostede e coma min, pululamos, sen térmolo solicitado, pola rede. Vai ser complicado que se nos esqueza. O signo dos heroes.

No hay comentarios: