7.7.18

A nube e a terceira lei de Clarke


A terceira das leis de Clarke… Qué non sabe vostede quen é Clarke? Home, así non hai que escriba nun blog… Para que demos está san Google? Ande, ande, vaia vostede á fiestra que todo o sabe e pregunte por Arthur Clarke. Xa? Ben, pois a terceira lei de Clarke, enunciada hai unha vintena de anos, mire que era listiño o tipo, di que unha tecnoloxía suficientemente avanzada é indistinguible da maxia. Quero eu crer que o señor Clarke, cando a emitiu, pensaba que tan admirable sentenza podía aplicarse a todo grao de civilización. Cando un tal Gensfleisch maguntino inventou contra os mediados do século XV un aparello que permitía replicar nunha tarde cen exemplares dun libro que ata aquel momento levaba meses compoñer a man, a curia católica, que axiña albiscou o perigosísimo potencial do chintófano, non tardou en facer boa a lei de Clarke, imputando o invento á maxia, si, pero neste caso negra e demoníaca. Imprentar e difundir, en efecto, centos de libros no prazo de días era, para a época, algo só atribuíble a un poder que excedía o humano, algo do que, por certo, don Martín Lutero alemán estaba moi satisfeito, pois só Deus sabe canto axudou a espallar a causa da Reforma o diabólico cacharro de facer libros do seu paisano. Mesmo para un colono dixital como quen isto escribe (paréntese: un colono dixital é un inmigrante con certo éxito á hora de colonizar terreos dixitais, especialmente profesionais), a tecnoloxía contemporánea da comunicación é algo máxico, supoño que relativamente explicable en termos de bits e propiedades asombrosas da nube pero arcana e enigmática cando se trata de comprender a súa case divina sabedoría. 
É o caso que hai xa algún tempo, véndome obrigado a liberar espazo do meu móbil, decidín eliminar unha aplicación de música na nube. Mala decisión pois, quen pode vivir sen música? Recuperei a aplicación hai uns días, instalando desde a tenda máis famosa da internet unha versión moi actualizada. Poño os cascos, boto a andar e selecciono ao chou unha lista de cancións. Tras dous ou tres temas, comezo a escoitar unha melodía, que tiña case esquecida. Logo outra, na mesma orde na que eu as dispuxera na miña lista, que eu crin desaparecida cando borrei a aplicación. Pensei: internet, a nube quérenme, lémbranme, son albaceas de malas decisións que, tal vez, non debín tomar, e, por se acaso, gardan nalgún recanto as cancións que me gustaron algún día. Xa non poden quedar tecnófobos. Nada humano é alleo a nube.

No hay comentarios: