6.7.14

Un rei decente con coñecementos de teoloxía e xeometría



As salas de espera dos centros de saúde e as seccións de libraría das grandes áreas comerciales son enclaves privilexiados para pulsar o momento social e cultural do país. Hai uns días, nunha xornada especialmente adversa no climatolóxico, con vento e auga a Dios dar, estaba eu no meu centro agardando  ser chamado polo médico, cando entrou na sala unha velliña, de pano negro na cabeza. Cun sorriso cheo de engaiolante modestia, ollou a todos os circunstantes e, sentándose, dixo: «Aquí non chove». Admitida por todos os presentes a sagaz apreciación da señoriña, conviñen en que tal vez ese era o máis intelixente xuízo que se podía formular sobre as luces e sombras do noso sistema público de saúde, cando a un lle deron vez para as 9:30 e, ás 12:45, segue esperando a ser chamado: cando menos, no interior do centro de saúde, en efecto, non chove.
Polo que fai á babilonia da cultura feita consumo, as librarías dos centros comerciais espellan, por regra xeral, apetitos intelectuais primarios, de costume cocinados colectivamente polos medios de comunicación: Grey e as súas sombras, Belén Esteban, Boris Izaguirre, Dan Brown ou Naty Abascal convértense, así, nas estrelas rutilantes dun efémero submundo chamado Os máis vendidos. Facendo comparsa a tan selecto xénero, sobrancean estes días nos andeis outros enxendros, fillos do apurón e a evanescencia da oportunidade: historias ilustradas da familia Borbón, biografías de Juan Carlos, da relación da ex raíña Sofía coa nora e ata tres títulos distintos consagrados a Felipe rei, seis do seu nome, e a raíña, Letizia dos españois, nova do paquete. Este éxito editorial non deixa de ser sorprendente nun país onde, durante quince días (agora xa remitiu a febre), a inmediata aniquilación da monarquía semellaba a prenda segura para a fin de todos os males do século. Persoalmente, eu, que coñecendo o pano, fío sempre da peor hipótese, admito que o meu eventual republicanismo se ve nomeadamente atenuado cando imaxino a Esperanza Aguirre ou Bono de presidentes da república: engadirlle o adxectivo bananera sería só cuestión de tempo (non moito). Co meu idolatrado Ignatius Reilly, anacrónico devoto de Rosvita e apóstolo dun mundo imposible, o que eu quero é unha boa monarquía, firme, cun rei decente, de bo gusto, un rei con coñecementos de teoloxía e de xeometría, e que cultive unha rica vida interior.

No hay comentarios: