5.10.06

Poesía apátrida


Intertextualidade, escolas, influencias, xeracións, fontes, tipos, temas... A monomanía clasificatoria levou a un crítico (citado ironicamente por José Ángel Valente) a clasificar ós poetas coetáneos a el en poetas casados e viúvos (¡!). A min, que editei o meu primeiro poemario con 40 anos, un crítico benevolente consideroume difícilmente localizable xa en xeración algunha. É o de menos. A poesía verdadeira (Wilde afirmou que todo poema malo é sincero) é intemporal, aidiomática e, por suposto, inclasificable. Un libro de poesía debera lerse sen información ningunha do seu autor, nin do tempo no que escribiu, nin da lingua na que foi orixinalmente escrito. A súa lectura proporcionaría, así, unha vivencia honesta, veraz, por completo acomodada ao lector. A poesía exprésase nun tempo e nunha lingua determinados como resultado a penas dunha coincidencia biolóxica, e, neste marco concreto, elixe a muller ou o home para a súa expresión (a quen de antigo se lle dicía tocado polas musas). Eu non sinto, por tanto, a poesía como un acto voluntario senón como unha sorte de imposición natural, que me leva a teimar na procura de min mesmo, para non me esvaer nesta calamidade absoluta que é ser adulto. Félix de Azúa deixou escritas non hai moito estas fermosas palabras (a tradución é miña): é imposible vivir a vida cotiá sen segregar poesía como a araña o fío que a sostén no aire. E como ela tecemos o noso poema, mediocre ou grandioso, ó longo das horas, cando ó guisar botamos un chisco de loureiro ou poñemos o espertador ás oito persuadidos de que seguiremos vivos para o outro día. Escribímonos dependurados no baleiro.
Habitarmos poeticamente a terra. A isto referíame onte.

No hay comentarios: