27.3.12

Inercias de papel


No prazo dun mes e para tres obxectivos profesionais diferentes daba eu comezo a unha argumentación escrita do mesmo xeito: «Moitas son as mudanzas que está a experimentar o mundo da comunicación cultural ao fío da revolución tecnolóxica dos nosos días. As novas formas de difusión dixital e o acceso aberto ao coñecemento — ao que hai que sumar conxunturalmente unha extraordinaria carestía de recursos financeiros— están a esixir a todos os axentes implicados unha permanente adaptación de formas e comportamentos que, en ocasións, baten con inercias propias doutros tempos». É a cultura impresa unha destas inercias? É o libro, tal e como o vimos coñecendo nos últimos cinco séculos, o produto dunha inercia que ten cada vez menos sentido? Na resposta a estas preguntas hai moito da posición de partida de cada quen, incluída unha gran parte da cidadanía, allea ao mundo profesional da edición pero cunha opinión formada acerca dun asunto socialmente tan próximo, desde os tecnófilos máis militantes, que agoiran un final inminente á cultura impresa, aos máis recalcitrantes partidarios da permanencia do papel. Os frikis da tecnoloxía aseguran que todo aquel que defende sen concesións o libro impreso é porque non tivo nunca nas súas mans un e-reader ou unha tableta dixital. Os adaíles do papel rexeitan as acusacións dun pretendido «fetichismo» argumentando que ningún obxecto tan perfecto como un libro tradicional vai deixar paso a un cachivache electrónico que ao cabo serve para o mesmo, coa diferenza de que, ademais, anula a personalidade propia de cada libro: o seu tacto, o seu cheiro, as anotacións que sobre el fixemos de estudantes e hoxe lembramos con morriña; as manchas de café que unha tarde caeron sobre as súas páxinas, ou os recantos do libro dun amigo comidas por un gato ao que, aquel día, case matamos; todo aquilo que alguén con acerto titulou a «camisa mnemónica» do libro impreso. Pero, ao igual que o poeta di cousas cunha clarividencia inatinguible para o científico, hai realidades máis demoledoras ca dez mil razóns: a Encyclopaedia Britannica ― símbolo incólume do patrimonio cultural impreso da humanidade― emigra ao formato dixital. O último mohicano. O futuro é incerto, e unha crise de recursos que nada respecta adopta un papel dirixente en moitas decisións radicais. Pero é indubidable, ademais, que xermolou unha xeración para quen, en efecto, o papel é xa unha inercia. O meu pequeno proporcionoume hai un tempo a máis brillante explicación sobre o concepto «nativo dixital». Contemplando á máquina de escribir do seu avó, unha venerable Olympia que repousaba sobre o seu tapetiño de felpa verde, preguntoume estrañado: «Onde ten o monitor?».

22.3.12

Os manguitos do turbo e a política

Iso de que as comparacións son odiosas non vale para a retórica, nobre arte do discurso, onde as comparacións se denominan símiles ou metáforas, co cal, ben en troques de resultaren odiosas, as comparacións poden ser belísimas e aínda sublimes. Logo desta captatio benevolentiae, voume permitir un símil: o actual sistema de partidos é como o coche. Cando este funciona mal, levámolo ao taller convencidos dunha única cousa: que funciona mal. Logo, o tipo do taller, enfundado nun buzo cheo de lamparóns, colócanos unha milonga sobre os manguitos do turbo ou a bomba do aceite e nos casca 600 euros máis contento ca un rato enriba dun queixo. Pagamos relixiosamente confiados na veracidade do seu informe e «a outra cousa volvoreta», como me dixeron un día. Pero, igual que me anoxaría que o gicho do taller me reportara unha detallada diagnose sobre os manguitos do turbo, eu me salto sistematicamente os profundos artigos sobre as crises dos partidos da lexión de analistas políticos que menudean nois xornais pola sinxela razón de que me aburren infinitamente. Ora ben, que eu, e moitos máis cidadáns coma min, pasemos olimpicamente dos pareceres de tanto sabio non quere dicir que nos chupemos o dedo e non identifiquemos, por baixo de tanta cantinela, o «extracto seco primitivo» do asunto. Sen a marxe de confianza que eu outorgo ao mecánico do taller, a cousa simplemente non funcionaría, ao igual que o sistema non se sostería sen o pacto tácito que os cidadáns establecemos cos representantes dos partidos, un pacto en boa medida baseado en mirar para outro lado cando cheira mal. Para alén, polo tanto, de argumentos, correntes ideolóxicas, tendencias, interpretacións, conxunturas e correlacións de forzas, eu, que son máis curto ca o rabo da pucha, comprobo que cando a fame entra pola porta, o amor escapa pola fiestra. O espectáculo que veñen ofrecendo nos últimos meses o pesoe e o benegá é a irrefutable demostración de que, en política, cando toca subirse ao machito, todo é harmonía, comprensión e amor fraterno (malia sexa só de cara á galería). Pero cando a vontade popular ai, tan veleta e caprichosa ditamina que toca recoller os bártulos, comezan os gorrrazos. Saen candidatas á poltrona como coellos de chisteira, amigos inveterados traizoan a súa fidelidade con absoltua impudicia, e unha organización frontista, que no fondo era como unha festa moteira onde o único elemento de unión era teren todos os asistentes unha moto, esmiúzase no prazo de semanas, mentres o seu teórico lider anima aos descontentos a marcharen canto antes. É o que hai. Persoalmente, cústame moito menos confiar en que saio do taller cos manguitos do turbo arranxados. Será porque non entendo nada de mecánica.

15.3.12

A couza


Hai pouco alguén afeoume a corrección á que sometín un escrito alleo, tildando de petulancia e pedantería o que era para min unha meditada mellora da redacción en termos de galantería consciente, altura léxica e fluidez sintáctica. A isto chegamos. Hoxe, cando campan ao seu antollo a zafiedade e o bulldózer de que todo vale, a pretensión estética é afectación, a xentileza clasismo, a educacion aburguesamento. Hoxe nin os sinvergonzas teñen estilo. Porque, é certo, galopíns e tipos que non se avermellaron na vida hóuboos sempre, pero, cando menos, facían gala de certas ínfulas que os afastaban do común dos mortais. Eu lembro un banqueiro da jet-set, galego de Tui se non erro, unha preciosidade el, que daba xenio miralo, almidonado, moreno de lamparilla, o pelo adherido ao cráneo como se o lambera unha vaca, de traxe armani impecable e manicura de esteticién, que, tras levar un honoris causa por non sei qué universdidade que tamén vaia papelón deu cos seus ósos no talego por unha porción de trapacerías e manganchas que non puido negar. Aquel gordán de tetelas trémulas e bandullo hipertrofiado, presidente dun clube de primeira división, mergullando as lorzas nunha piscina na envexable compaña de tres garotas de impresión e ríndose de todo bicho vivente, compoñía unha imaxe que exercía un inexplicable morbo en juanito español, quen, para o seu chaleque, sempre admirou o espabilao capaz de facer diñeiro fácil, aínda a custa dunha promoción inmobiliaria que veu abaixo causando unha serie de mortes. Ficará para sempre nos anais da máis depurada sinvergonzonería patria a estampa daquel director do benemérito corpo bailando en cirolas e colocado ata as trancas de cocaína. Todas elas mostras dunha ousadía, unha desfachatez e un estilo propios que candidataba a estes pájaros a ingresaren na historia universal da infamia de don Jorge arxentino. Hoxe, en troques, os sinvergonzas son uns tipos vulgares, anónimos, cobardes, de caracolillos no pelo, que actúan con testaferro e pululan de Camerún a Andorra, como os ácaros na tela dun sofá caro ou as toupas nun coidado xardín, minando o subsolo dun sistema que, na epiderme, semella o mundo feliz de Huxley. Non gastan fama nin falta que lles fai, pero cando toca caer sacuden ben a manta para que todas as pulgas se desprendan. E as pulgas son, ou foron, ministros, conselleiros, alcaldes, directores xerais, xefes de gabinete, empresarios, concelleiros, ata futbolistas retirados. E os cidadáns, que afrontan todas as mañáns a torva perspectiva dunha durísima crise, asisten atónitos a un mercadillo onde un falabarato lles quere endosar un moble de madeira nobre, en apariencia puído e brillante, pero, no fondo, roído pola couza e a piques de facerse pó.

8.3.12

O virilismo


En certa ocasión, un lingüísta amigo meu recoñecía, con moita sensatez, que o tipo de traballos académicos que adoitan titularse El problema de la sintaxis en… ou Problemas derivados de la morfología de… lembrábanlle un pensamento do meu admirado, e sempre incisivo, Perich: A Igrexa serve para solucionar un conxunto de problemas que non existirían se non existise a Igrexa. En efecto, hai xente que, non facendo dano a ninguén ―vaia por diante―, gaña a vida xerando primeiro o problema e buscando logo a solución. Claro, para que o problema sexa sentido como tal precísase tamén da axitación e refrendo dunha comunidade de teóricos afectados, que non só recoñecen o problema en si senón que ademais aplauden a súa solución. Na liña destes graves «problemas» do noso tempo, andan, creo, as recomendacións para derrogar das nosas rutinas usos lingüísticos tan insultantes cara ás mulleres como os que gastamos todos os días. Unha insidiosa felonía, en efecto, que perpetro cada vez que, por exemplo, en aulas, obradoiros, cursos e foros diversos me dirixo aos alumnos (e alumnas) pronunciando fórmulas nefandas como agardo de todos provocando a airada e lóxica reacción do audiotorio feminil. Que a maior parte das prendas máis nobres do ser humano (a liberdade, a nobreza, a fidelidade, a ética, a honra, a bondade, a xustiza, a amizade, a confianza, a independencia, a honestidade…), mesmo algunhas de especial aprecio para o home (aquí home vai stricto sensu) como a virilidade, sexan substantivos femininos, é tan ofensivo para o sexo masculino como outros valores non menos importantes que corresponden a nomes masculinos (o amor, o respecto, o afecto, o sentimento,o esforzo, o espírito, o corazón, o compañeirismo ) o son para o feminino. E isto é así porque as linguas funcionan como os seres vivos que son, asumindo de xeito imperceptible unhas solucións e desbotando outras, e é absurdo nadar contra a corrente do que a colectividade lingüística, polos motivos que sexa, sancionou inveteradamente. Por que dicimos fútbol e baloncesto e non balompé e básquebol é un enigma que está para alén das nosas capacidades analíticas. Imaxinen o puntilloso autor dunha destas utilísimas guías de linguaxe non sexista. Ten unha filla e un fillo pequenos e ademais un can e unha cadela. O tipo ten que combinar telefonicamente coa súa muller a recollida da nena e o neno do cole e unha consulta no veterinario para a cadela e o can. Mentres oe o zumbido da conexión telefonica, monta mentalmente a pregunta con todo escrúpulo, pero é a súa muller quen se lle adianta ao descolgar: Oe, xa recollo eu os nenos e levo os cans ao veterinario. O home pensa: joder, espero que isto quede entre nós.

24.2.12

Tendendo pontes

Que as editoriais universitarias non perseguen ánimo de lucro é un tópico todoterreo cuxo xermolo de perversidade entenderon moi ben os editores universitarios nos últimos tempos, porque, en efecto, non perseguir ánimo de lucro non concede unha patente en corso para dispendiar alegremente diñeiros públicos en produtos feos e carentes de todo interese. Así é que todo editor universitario de hoxe, como calquera editor, é o home ou muller máis feliz do mundo cando esgota unha tirada, pois iso significa que o libro funcionou e, ademais, que os diñeiros que investiu na súa produción retornaron multiplicados á artesa dos cartos da súa universidade. Combinando un factor tan incontestable cos últimos desenvolvementos tecnolóxicos da edición e avaliando os camiños por onde, en concreto, transita actualmente boa parte da produción científica escrita das universidades, na de Santiago vimos claro que o noso proxecto dixital podía -debía- executarse harmonicamente en dúas direccións: unha institucional, orientada a dar resposta ás esixencias do acceso aberto ao coñecemento, e outra comercial, tendente a poñer en valor os soportes dixitais dos nosos libros, buscando rendibilizar o traballo que custa facelos e compensando esa tendencia tan perigosa á gratuidade derivada de que o produto dixital é unha especie de irmán parvo do produto impreso. Desa formulación aprendemos dúas cousas importantes: a) hai que dedicar aos libros dixitais o mesmo mimo, esmero e paciencia que aos impresos, porque a misión dun editor de raza é editar ben, sexa no soporte que for; b) o autor é soberano para decidir baixo qué forma dixital (institucional ou comercial) desexa difundir as súas obras, coñecendo, porque o editor debe facerllos coñecer, as luces e as sombras de cada unha delas. Sobre estes supostos e conclusións provisionais, puxémonos ao choio. O repositorio institucional da Universidade de Santiago comezou a acoller en 2008 a versión dixital de teses doutorais e materiais libres de dereitos editados orixinalmente polo Servizo de Publicacións, pero pronto intuímos a potencialidade que o noso repositorio ofrecía para incorporar materiais dixitais nativos: aforro en custos e loxística, rapidez e universalidade inmediata convencen a calquera. Tendo isto claro, o demais era «cociña». A certa profesora, angustiada pola inminencia do comezo de curso e a imposibilidade de financiar a impresión duns magníficos materiais didácticos, solucionámoslle en horas a papeleta subindo os pedeefes ao repositorio. Para citar o libro na bibliografía, dixémoslle, sobraba con que indicase a súa identificador handle. Non o podía crer. Esta profesora quedou tan encantada que aos poucos días obsequioume unha botella de rioja (que non fun capaz de rexeitar para lle non afear a xentileza). Hoxe, o noso repositoiro aloxa preto de 3000 arquivos correspondentes a edicións nosas, teses doutorais e case unha vintena de libros dixitais nativos, cunha ilimitada perspectiva de crecemento. O proxecto dixital comercial se ha ir fraguando aos poucos, pero igualmente sen medos nin superfluos escrúpulos: na primavera de 2010 quen subscribe e o seu reitor inauguraron a libraría dixital da Universidade de Santiago. Foi unha tarefa complexa, si, pero cando se aplica a filosofía de que a un problema unha solución achándanse os terreos máis rudos. Hoxe o noso espazo eBook aloxa un centenar de libros e novidades á venda. Ademais asinamos acordos de distribución comercial de contidos con Publidisa (Unebook), Meubook, Google Books, Torrossa-Casalini Libri e e-libro.net e con todos eles estamos xa traballando arreo e a pleno rendemento. Onde conducirá en última instancia o desenvolvemento acelerado da edición dixital é unha incógnita que ninguén pode responder, pero en algo cambiamos: esa incerteza era ata hai non moito un factor paralizante; hoxe ceibámonos, creo, de tecnofobias e tecnofilias extremas e respondemos ás nosas inseguridades facendo camiño ao andarmos e aceptando, con creatividade e estímulo, os retos, pois só está libre de errar quen non fai nada. DRM social ou restritivo? ISBN para produtos dixitais gratuítos? Protección real dos dereitos en acceso aberto? Edición ou comunicación pública? Pdf ou epub? Formatos propietarios ou libres? Monitores, tabletas, lectores de ebook? Acceso ou consumo? Descarga ou nube? Dubidar é aprender e tomar decisións aceptar riscos calculados. A edición dixital está aí e, que dúbida cabe, supón unha descontinuidade cos soportes tradicionais da edición. Pero non hai nada novo baixo o sol: a mesma descontinuidade supuxo no seu momento o ars artificialiter scribendi de maese Gutenberg, que crebaba unha tradición milenaria de elaboración textual manuscrita. Encontro que este é un pensamento alentador. Como editores sensatos podemos tender pontes entre as dúas beiras da fenda dixital e facer que os lectores transiten por eles sen medo a mirar abaixo.
[Versión galega do artigo que sairá en español no boletín UNELIBROS de primavera].

14.2.12

Escrbr x escrbr

Preparo estes días unha (non sei como chamala: conferencia paréceme moi pretensioso), digamos, charla, que vou impartir o vindeiro día 20 no Centro Penitenciario de Monterroso. Cambiando impresións co persoal do Centro responsable do asunto, e de cara a titular a cousa para a pertinente solicitude á Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias, acordamos chamala actividade literaria. Non é, por certo, a primeira vez que predico nun cárcere, e agardo que, se desta volta a miña impresión é a metade do agradable que foi a primeira, será igualmente moi gratificante. Falar e defender un argumento perante xente privada de todo (porque todo é a liberdade), e protagonista de persoais descensos ao averno, converte o exercicio oratorio, docente e aínda forense, de costume baldeiro e van pola inercia de auditorios frívolos e indixestados de información, nunha práctica chea de vida e de pronto renovada, unha sensación como a que ten quen degusta por primeira vez pizza en Nápoles despois de papar durante anos pizzas en blíster do súper. A miña, polo tanto, actividade literaria, de aproximadamente dúas hora contando co debate, alicerza na lectura e análise de dous relatos, un da miña autoría, moi curtiño, case un apuntamento ao natural, e outro alleo, máis longo, do que sempre gustei moito. Por suposto, os internos asistentes xa contan con copia dos relatos, enviados por min hai tempo, de xeito que os supoño cun criterio formado a respecto de diferentes temas que intúo se suscitarán. É incrible, en efecto, como a indefinida dispoñibilidade de tempo (ese ben tan escaso polo que clamamos todo o día todos os días e que, sen embargo, foxe como a area nas mans) aguza o entendemento e estimula a atención en aspectos que normalmente consideramos nimios. Da miña primeira visita a un penal, deducín con toda claridade que hai espíritos chamados á lectura e aínda a creación literaria que só se descobren e mesmo perfilan cando os corpos que os portan acaban nun reduto de 2 x 3 e sometidos ao aburrimento e a rutina. Un interno da Lama, alxerino de nación e que, polo que me informaron, coñecía os cárceres de medio Mediterráneo, envioume, cunha emocionante carta, un feixiño de breves poemas, de corte existencialista e moito mérito, que gardo como ouro en pano. Volvendo ao caso, por que un relato meu e outro dun autor descoñecido? Pois, precisamente, porque co exemplo de persoas que, coma min e o meu autor, levamos toda a vida escribindo sen colleitar o éxito (convencionalmente entendido) -é máis, sen pretendelo sequera- busco convencer aos amigos que me oian de que escriban polo simple feito de escribir, polo pracer de crear -un exercicio, de seu, fermoso-, porque cun papel e un bolígrafo calquera pode ser Shakespeare, porque, como dicía Wilde, todo poema malo é sincero. Porque se un escribe pensando en vender, ao final se traizoa.
Un daqueles poetastros que recalaban no bar de doña Rosa en La Colmena, indignado porque a flor natural dun certame lírico fora para un tal Cantalejo, funcionario do catastro, fulminaba:
-Estos funcionarios son insaciables: quieren comer caliente todos los días y encima escribir poesías.
Malia Zapateros e Marianos, recortes e reformas, non me podo queixar da miña vida de empregado público: como todos os días quente e por riba escribo do que me peta e cando me peta. Pretender, por riba, os loureiros da gloria sería unha soberbia imperdoable.

12.2.12

Palingenesia


Ao meu devanceiro, o cidadán Roberto Blanco Torres, xornalista de raza, metéronlle catro tiros na cabeza no outono de 1936 por crer inexorable e verticalmente na ética pública. Afirmou nunha ocasión que o mellor negocio é sempre a honestidade e empregaba nos seus artigos un «palabro» de nación helena, palingenesia, que vale 'reconstrución', para referirse á necesidade intemporal de permanente remozamento moral na práctica política. Roberto era, obviamente, un inxenuo, pois propios de inxenuos son conceptos como servizo público, integridade ou coherencia. E, como tantos milleiros de inxenuos, era pobre. Contan que unha vez houbo de pedir cinco pesos a Ramón Otero Pedrayo para saír do mal momento no que andaba (e sempre andaba nalgún). Hoxe, case oitenta anos despois, a ética pública segue sendo unha utopía e os pobres seguen sendo inxenuos. Só a inxenuidade, de certo, é quen de tender un velo de paciencia na vida cotiá de case cinco millóns de desempregados que, cando ligan o televisor para ver o «parte», asisten atónitos a unha media de dez minutos por telediario monograficamente consagrados a algunha «operación» (ergo, escandalazo) na que, como as frebas na vitela, sempre hai un político ou, mesmo, algún coñecido «aristó» mesturado en turbios asuntos de diñeiro, de moito diñeiro. Observou vostede que en España raramente os escándalos son por amor, sexo ou algunha outra paixón? Sempre é a pasta, país de galopíns. Supoño (e dou grazas por só supoñelo) que, non tendo pan que levar á casa, ver o sorriso farto de Francisco Camps entrando nun haiga, mentres nubes de xornalistas perseguen a mellor instantánea como se tratase dunha estrela da alfombra vermella, debe ser unha experiencia difícil, algo así como acender o cigarrillo polo filtro, tragar vidros ou pisar a caca dun can. Non quixera que estas palabras se interpretasen como unha convocatoria á degollina pero sinceramente éncheme de pasmo o grao de resignación colectiva que o país vén manifestando nos últimos anos. Malíciome, porén, que se esta crise —punta dun iceberg brutal de desequilibrios internacionais— segue dando presión, máis tarde, máis cedo chegaremos a un punto de inflexión. Está no noso adn esquecermos permanentemente as leccións maxistrais da historia, pero á historia, como ao inverno, non a comeu o lobo. Na mesma efusión de sangue que o Terror impuxo nas guillotinas de 1789 estaba modelándose a democracia moderna e o Estado de Dereito. Pero cada vez que se obriga a un cidadán honesto e cumpridor, pero desempregado, a comungar coas rodas de muíño dun novo escándalo, a democracia e o Estado de Dereito manifestan toda a súa febleza, a mesma febleza dos bens funxibles, que se desgastan na mesma medida en que se usan. Torres máis altas caeron.