28.3.10

Ser auga


Non gusto de teorizar sobre a poesía. Nin sequera son un gran lector de poesía. Á parte de min, a maior parte dos poetas abúrrenme. E eu non me aburro a min mesmo por pura autoconsideración. A poesía, se é sincera, probablemente é mala, pois a maior parte do que é artificio literario para engalanar a palabra é puro ocultamento da pulsión animal, indefinible, que conduce a berrar, chorar ou rir, xermolo da auténtica, da verdadeira poesía. O demais é arabesco e ganas de amolar.
Ora, por veces dá un con certas continuidades na voz poética que non deixan de resultar estimulantes e paga a pena analizalas un chisco. Hai n'Os Eidos de Novoneyra un sentimento máis de fusión ca de mera comuñón coa natureza que eu recoñezo como meu. Gusto moito deste pequeño tratado de amor ao Courel, amor compartido, o que fai tal vez que o penetre mellor. Un pequeño dístico de Novoneyra
Ista auga que pasa
son eu ou é ela?...
("Vendo a auga que pasa", Os eidos)
lembroume un poema meu que comeza
Non choro as inclemencias
da herba nin non saber ser vento.
Sei chover, sei ser sarabia.
("Ser", Os signos, as mudanzas).
Outras veces é a impresión, a levedade dos cambios do ambiente, a paisaxe, as estacións. En Novoneyra:
Vén a noite polos eidos.
Vaise a tarde que nin xeme
dicindo adeus con un xeito
que non sei nin se me esquece.
("Tarde de marmañeira", Os eidos).
Eu:
A penumbra fecha portas,
trae avisos da neve,
prepara a casa para o sono.
Hai no fume monocorde dos carozos
segredos que só o fogar coñece
.
("Postal de inverno", Os signos, as mudanzas).
Comungar coa natureza, sentila afondar no miolo, como afonda o amor da nai ou o aloumiño da man sarmentosa da avoa, é algo máis común. Pero fundirse con ela e chegar a ser un fento, a pola dunha abraira ou o arume nos cavorcos pode que estea reservado aos tolos, aos adictos á dietilamida do ácido liserxico e aos poetas.

26.3.10

O presturo (presente+futuro)

Un, que sempre foi amigo da truculencia, atopa gusto extremoso nas lecturas máis bizarras. Levo varios días enfrascado nunha vida cotiá dos gladiadores romanos, dun tal, creo lembrar, D. Mannix (que, por certo, ten nome de galo, cousas da vida). Entre aurigae, naumachiae, e o brutos que eran estes romanos imaxinando bestialidades pero capaces logo de chegar aos colmos da delicadeza estética, literaria e mesmo filosófica, ando tolo. O curioso é que o tal enfrascamento lector deriva dun soporte un tanto novidoso (?¿), un Invesbook, adquirido non hai moito nunha área comercial directamente relacionada coa produción e venta do chirimbolo (gadget en inglés). Quero dicir que, unha vez que, en lectura lúdica, o asunto atrapa, de cinco minutos sobran catro para esquecer que o soporte non é papel, non ten esa textura á que estamos afeitos, non cheira, non se dobra, non… Tal vez o símil sexa un pouco contundente (ou acaso mesmo inxenuo), pero, ¿lembran a impresión que nos producía ver as primeiras veces a JR en "Dallas" falando galego e dicindo na caixa tonta vas levar unhas ostias, ou vai para o carallo? Hoxe, se a peli está ben, o soporte idiomático pasa absolutamente desapercibido.
Nun foro, especialmente interesante e suxestivo, ao que hoxe fomos convocados varios editores en Compostela, eu declareime, en conclusión, tecnófilo-tecnófobo nunha sorte, creo, de sensato fifty/fifty, vamos, entre Gutenberg e Kindle, como adoito dicir. A sensibilidade do editor de raza e o seu amor polo labor ben feito deben manifestarse en calquera libro que edita. E-books incluídos.
[P.S. Por certo, a foto é miña, ad hoc para este post. O que se di, unha ilustración conceptual].

17.3.10

Os paxaros, os prados, os eidos calados...

Hai no traballo do editor algo que ultrapasa o esmero, a profesionalidade, o rigor, os automatismos, sistematicidades e rutinas aprendidas despois de moitos anos de oficio, de centos de libros, de milleiros de páxinas editadas. Trátase dunha conexión íntima e, por que non dicir, fondamente poética que o editor establece co seu orixinal, case como se fose seu, un produto no que, mesmo a través do tempo, a intención, pulsións, vivencias, dores e ledicias do autor fúndense coa intención, pulsións, vivencias, dores e ledicias do editor. E así, a obra editorial reanima un texto que, noutras mans, puido ser outra obra; e así, o editor faina súa, aloumiñándoa, mimando cada detalle; imaxinándoa rematada; desexando o natalicio.
Non sei ata que punto a alma do poeta que foi Novoneyra fundiuse coa miña propia no proceso de edición do manuscrito orixinal d’Os Eidos (xoia extraordinaria ata o momento inédita), que mañán darei ao prelo, con esa saudade indefinible de quen remata unha viaxe (ou a comeza). Si sei que ninguén sae indiferente do Courel e que, para sempre, a miña existencia precisa dos retornos á máxica e dourada Broceliande: Paderne, Seceda, Paramedela, Froxán, Moreda, A Rogueira, Piapaxaro, Vilarbacú… nomes que atesoura a memoria e os tinxe de verde, noite, riso de nenos, ouvear de lobos e a luz esplendente do mato en primavera.
Agardo que o libro (dende a cuberta, cun retrato impresionante da alma do poeta, debido ao obxectivo de Carlos Valcárcel ás fotos que incluín como mostra do meu amor ao Courel; as solucións tipográficas; as reiteracións na compaxinación; o colofón...) estea á altura dunha comuñón tan sublime.

15.3.10

10.3.10

Ao desván por ir "sobrado"

As présas e os automatismos das rutinas, por veces derivadas de axendas de tolos, xogan malas pasadas como a que deu por resultado dous novos topónimos na xeografía galega: Desván de los Monjes e Toro. Verbo da segunda vila, eu sempre crín que estaba en Zamora e era terra de espiritosos caldos. Canto á primeira, prefiro non imaxinar o que eses demos e picaróns dos frades poden gardar no desván... En fin, que, por andar todo o día a correr, fiar de que unha máquina faga en segundos o que un ser humano debeu facer máis reflexivamente, regala pérolas coma esta do noso conselleiro de cultura. Ora, quen estea libre de pecado que bote a primeira pedra. Eu mesmo teño referido neste caderno algúns desgustos orixinados na aséptica estulticia das máquinas, que non discernen, por poñer un caso, bacon con minúscula de Bacon con maiúscula, de xeito que, nas probas dun libro que estaba próximo a editar, líanse cousas como esta: A doutrina de Touciño; no sistema filosófico de Touciño; ...opinión que era, para Touciño, claramente rexeitable... Volvendo atrás no proceso correctivo, descubrín que o tradutor, non atopando Bacon, cambiouno, sen empacho algún, por Touciño (respectando, iso si, a maiúscula, que listiño). Ao fío da anécdota do conselleiro Varela, nunha conversa con amigos alguén apuntaba outra alhaja, aparecida, polo visto, nun medio de prensa en galego: o tradutor cambiou camilla por padiola, de xeito que a pertinaz amante do delfín británico trocouse no pé da imaxe por Padiola Parker-Bowles.
As grallas, erros, malas lecturas e interpretacións viciadas son, na edición textual, e calquera que sexa a súa forma, intención e público, o pan de cada día, orixinando por veces descubrimentos e constatacións verdadeiramente curiosos. Relendo, hai uns días, unha antiga edición en oitavo (moi probablemente a primeira edición española, en tradución de Manuel Azaña, colección Granada, Jiménez Fraud Editor, Madrid, s/a) de La Biblia en España, do meu adorado Borrow, de quen falaba no post de hai uns días, pillei ao bo e venerable caixista (que abofé estarán dando malvas hai ben anos) nun renuncio doadamente explicable e, por demais, xustificado por unha mala, aínda que totalmente comprensible, interpretación. O texto di : En toda Asturias -dijo el botero- no hay otro río como éste para las truchas. Mire usted esas piedras grandes del fondo; pues cuando llega su época, si el tiempo es bueno, no se vende tantísima pesca como hay. Eu, que son can vello, lembraba a edición de Alianza (teño a 2ª reimpr., de 1987), onde, con seguridade contrastando co orixinal inglés, o treito repúxose á súa correcta lección: En toda Asturias -dijo el botero- no hay otro río como éste para las truchas. Mire usted esas piedras grandes del fondo; pues cuando llega su época, si el tiempo es bueno, no se ven de tantísima pesca como hay.
Non é certo que existe un chisco de determinismo en todo e que hai cousas que saen, así como cantadas? Sería o destino quen pediu a metedura de gamba conselleril? Que arcano misterioso agocha ese desván, ese toro? Chi lo sà!
[-Efectos colaterais].

9.3.10

Madrugando

Acábaseme de ocorrer un chascarrillo: en que se parece editar un libro á Comunidade de Madrid? En que as dúas cousas son a Suma de todos. Vale, non é moi bo. Pero, valendo o comido polo servido, o chascarrillo sérveme para introducir que, en efecto, un libro é a suma de todos, reunindo nun resultado final un algo no que non se distingue cada unha das cifras que integraron tal suma. Con este libro, ademais, madrugamos, erguéndonos antes ca os demais. Disque a quien madruga... Grazas Charo, grazas Jaime, grazas Isaac, grazas Marcial, grazas Mercedes...

5.3.10

De nubes, ceos, imaxinarios e configuracións

Non sei que visitante anglosaxón (inglés ou norteamericano) dos anos vinte, definiu a Xeración Nós como un grupo de entusiastas locais. O certo é que unha das consecuencias negativas de que adoecen todas as colectividades, xentes, países e culturas que non fan outra cousa que mirarse o embigo, é que lles resulta inconcibible que alguén os vexa dun xeito diferente a como esas colectividades, xentes, países e culturas se ven a si propias, maiormente cando a diferenza estriba en matizar a transcendencia, dimensión ou impacto que se autoatribúen. Xa saben, iso tan traído e tan levado de que as nubes non deixen ver o ceo. Así, o feito de alimentar unha configuración cos perfís propios se complementa coa negativa a asumir ou entender as visións alleas. Lembro que unha persoa noutrora moi xunguida a min, de nación xermana, investigou sobre o xeito en que influíu na obra gráfica de Castelao a pintora social alemana Käthe Kollwitz (Gabriela Jaskulla: "Käthe Kollwitz y Castelao : la incorporación a la historia y el precio de la historia" Cuadernos de Estudios Gallegos, 36 (101), 1986, 225-246), chegando á curiosa conclusión de que o autor galego non entendeu en absoluto a obra de Kollwitz, limitándose a xulgala ―e tamén a incorporala á súa propia obra― dende os esquemas en que el interpretaba a Galicia da época, sen manifestar o máis mínimo interese en permearse da realidade social, moi diferente, que inspiraba a obra da pintora alemana.
Ata a saciedade se ten reiterado a imaxe de Fisterra, ou Finisterre, como a quintaesencia de Galicia: cabo occidental do mundo; límite dos camiños xacobeos; imaxe verdegrís na que, como en ningures, se efectúa a conxunción da mar e a terra galegas; paradigma da bretemosa e céltica cultura atlántica, parello a outras paraxes irmás como o Finistère armoricano ou o Land’s End cornuallés. Pois ben, a acendida evocación que os peñascos e esfragadoiros do cabo suscitaron ao meu prezado don Jorgito el inglés, na súa visita en mil oitocentos trinta e pico, facía desfilar elementos ben distintos:
La grandeza severa y agreste de aquellos paisajes, subyuga la imaginación. Esa costa salvaje, lo primero que percibe de España el viajero procedente del Norte o el que surca el ancho océano, responde muy bien, por su apariencia, a la idea que de antemano se tiene de tan singular país. «Sí ―exclama el viajero―, esta es España, sin duda alguna, la inexorable, la rígida España; este paisaje es un emblema de los que en ella han visto la luz. ¡Alba y Felipe, Cortés y Pizarro, severos y colosales espectros que surgen entre las sombras de la edad pasada! ¡Sí, esta es España, sin duda, la inexorable, la indomable España, tierra emblemática de sus hijos!»
Quen pillara hoxe a don Jorgito dicindo estas cousas! Dirían que era do pepé, seguro!

1.3.10

As cancelas do falar

Teño serias dúbidas sobre un particular: ou vivo nun país de parvos ou debo ser ben listiño. Que alguén crea seriamente que, na intención de dona Rosa Díez estivo ofendernos como galegos, dun xeito tan burdo e gratuíto, é insultar a intelixencia da boa da señora, a quen, polas mostras, non vendería eu como tonta precisamente. Estou firmemente convencido, polo contexto no que a apreciación foi feita, que Díez se refería á indefinición de Zapatero, que nin sobe nin baixa. Outra cousa é a sintaxe e outra ben diferente a semántica, e aínda se me apuran outra a teimosía da señora, que semella non coñecer aquilo tan socorrido de pido desculpas a quen se puidera sentir ofendido, pero quero que saiban que nunca na miña intención estivo... et sic de singulis. Quero dicir que, en canto alguén se me alporiza falando do malísima que é Rosa Díez cos galegos e de canta xenreira implícita leva a xente dentro en contra nosa, acubillo automaticamente serias dúbidas acerca da súa intelixencia, especialmente desa intelixencia tan difícil de definir que apelidamos co adxectivo emotiva. Que se armen estas ridículas zarracinas en canto se abre a inesgotable artesa dos agravios históricos entre os íncolas desta sufrida pel de toro fala moito da nosa virulencia social e pouco da lexendaria tolerancia que, precisamente como galegos, nos define. Deixa que latriquen! Disque un ía casar en Cangas. Polo visto era a futura esposa coñecida polos seus continuos flirts, devaneos e arranxos con este e aquel. Un amigo do noivo, persuadido de cumprir co seu deber, non se puido resistir e días antes do casorio espetoulle:
-Ti daste conta de con quen vas casar, hom? Ti non ves que a Fulana (o nome da inconstante moza) vai farto todo Canjas de fodela?
Ao que o aspirante a marido replicou:
-Bueno coño, nin que Canjas fora Nueva York!

21.2.10

Unha nova locución

Mjölner é unha palabra sueca que designa o martelo de Thor. Thor e o seu martelo constitúen unha desas imaxes que expresivamente conxugan contundencia e coacción coa idea dunha autoridade perante a que non cabe réplica algunha. A tal punto entre o xúpiter nórdico e o seu mazo se establece unha relación de correspondencia, que non cabe imaxinar o deus sen o martelo nin a este sen o deus, pois, na súa función mitolóxica, deus e martelo son un, como Neptuno e o seu tridente.
Eu creo que o dedo corazón alzado na man do noso expresidente Sr. Aznar é, como o martelo de Thor ou a galleta submarina de Neptuno, un símbolo de si mesmo, indisoluble dunha bagaxe ideolóxica e dunha imago mundi que teñen aí, nese dedo alzado, a xeito de estandarte erecto, orgullosamente dirixido ao empíreo, a súa máis prístina expresión gráfica. Eu, como explorador incansable da linguaxe, debo estarlle agradecido ao noso entrañable político por ter enriquecido o léxico patria cunha locución, de ricos contenidos e vizosas derivacións semánticas, á que eu vaticino un longo porvir: el dedo de Aznar.

18.2.10

A vida dos obxectos

Hoxe, unha parente miña, moza e boa moza, orixinaria dunha cidade moi grande en tierra caliente de alén o charco, tendo que tomar un tren solicitoume se a podía acercar a la estasión sentral. Brinquei coa idea de que tanto tiña se a achegaba á sentral como á lateral pois só hai unha. No meu pueblo, había un cine, que aínda se chama o Teatro Principal, o que non deixaba de ser sorprendente pois, claro, só había ese (non así, a calle Calvo Sotelo, que foi sempre -e penso que non había nisto rexeitamento algún ao bo fascista don José- a calle principal, porque era en efecto, a máis grande e central). Eu -que xa sei onde vai rematar este post e, de momento, podo garantir que non ten nada ver o remate con este rollo de agora- quería falar dun libro meu de poesías galegas. Se digo eu, no meu primeiro libro de poesía... dá a sensación de que debo ter cando menos media ducia de libros de poesía e non... Realmente teño dous: o primeiro e o segundo. Pois ben, aclarado que cando diga o meu primeiro libro de poesía ninguén debe agardar grandes cousas nin unha carreira literaria orlada de loureiros nin premios municipais, falando do meu primeiro libro de poesía, un crítico benevolente, sen dúbida dotado de máis xenerosidade ca recto sentido, dixo que eu era quen de volver metal nobre a máis vulgar experiencia cotiá. Gustoume moito aquilo, pois, ao meu modo de ver, era un xuízo que destilaba algo que me resulta característico: un animismo militante que, de sempre, me levou a considerar seres conscientes os máis ruíns elementos do mundo material. Unha vez consagrei unha poesía a unha familia de cabichas nun cinceiro que tiñan próximo o afastamento dos seus membros e a desaparición final nos abismos do cubo do lixo. Non percibiu nunca Vde. a felicidade dos obxectos? A bicicleta que leva esquecida no garaxe meses e unha mañán de primavera, reclamada para un agradable paseo matinal, semella que vai leda, lixeira, retozona, pero coa seriedade de ter encomendado un labor tan trascendente como transportar o seu amo. O tinteiro de tapón cromado que, herdado de varias xeracións, leva anos exhibíndose nun recanto do escritorio, orgulloso de ocupar praza tan senlleira e manter unha certa xerarquía sobre outros obxectos que comparten, en lugar menos preeminente, o mesmo espazo.
Hai días, así como por acaso, descubrín, na miña colección de venerables vinilos, un elepé do músico británico Michael Chapman (Life on the Ceiling; Criminal Records, 1978). Creo que o debín escoitar unha ou dúas veces, e sen moito interese, cando o merquei (debeu ser por volta de comezos dos 80). Co meu redescubrimento devolvín a vida a tan nobre e paciente obxecto: levaba trinta anos de humilde stand-by, de silenciosa e catacumbática existencia, e agora, por iso das casualidades, a maxia do seus microsucos e a extraordinaria calidade das suas melodías leva enchendo as últimas semanas, regalándome harmonía, relax, paz e bo feeling. Casualidades? El non levaría agardando trinta anos este momento? Do que non me cabe dúbida de que é un obxecto, un disco moi, moi feliz. E eu tamén de ter tan bo amigo.

16.2.10

Bases conceptuais para unha proposta editorial escura e por demais eventualmente rendible

No comezo dunha das, para min, predilectas lendas becquerianas pode lerse: ¡La cruz del diablo! ¡Nunca ha herido mi imaginación una amalgama más disparatada de dos ideas tan absolutamente enemigas! Por que será que, en efecto, resulta tan estraña, tan escuramente atractiva a conxunción dos opostos? Será talvez que, como suxeriu don Pedro, los extremeños se tocan? As flores son paradigma da ledicia, a beleza e a harmonía. Todo o que é divino está revestido dos máis elevados sentimentos. Por iso, As flores do mal ou O divino fracaso, como a becqueriana cruz diabólica, son títulos que arrepían, anómalos, asimétricos, como un can sen unha pata ou o sangue no asento dun coche accidentado.
O meu post anterior foi oportunamente comentado por un/ha lector/a anónimo/a cunha interesante suxestión explícita e un máis interesante convite implícito. Dicía: Vivir a muerte. Otro libro para sufrir. Aproveitarase (de entrada, agradécese) a suxestión. Verbo do convite implícito, non é para botar en saco rompido. Libros para sufrir: antóllaseme unha colección especialmente oportuna para unha civilización analxésica, onde o sufrimento, a enfermidade e a malaventura son lepras relegadas ao inmundo lazareto da marxinalidade. Ler non para sentirse mellor, senón para botar a sonda na maldade, melancolía, malditismo, horror, depravación e miseria da condición humana, a risco de non tocar fondo. A Historia universal de la infamia do xenio cego foi abrindo boca. As herexías, as contendas relixiosas europeas, a peste negra, o Terror, Auschwitz, Siberia, a Guerra Civil española. De Simplicissimus a Lovecraft. De Sade a Maupassant. De Poe a Burroughs. De Mirbeau a Burgess. Os libros candidatos para tan negra colección son lexión. Ao mellor, aínda era negocio e todo (se alguén me copia a idea e, sobre todo, se funciona, porfa que a comparta).

13.2.10

Un libro para sufrir

Polo que ten de esnobismo implícito a tendencia a épater le bourgeois a través da arte, teño eu criticado, e non sen certa crueza, unha liña poética das letras patrias que a súa facedora cualifica de poesía fea. Que un sexa incapaz de penetrar a estética literaria dunha obra intitulada Os teus dedos na miña braga con regra pode, con facilidade, ser atribuído aos anos que se van cumprindo. Pero esa non deixaría de ser unha análise simplista. De feito, se me ten replicado, e non sen certa razón, que non todo na vida é dozura, harmonía, bondade e cor de rosa. ¿Non debe ser, xa que logo, tamén misión da arte, e moi nomeadamente da literatura, remover conciencias, provocar a náusea, lembrar e mesmo facer patente a dor, o sufrimento, a soidade, o desespero dos miserables, a carraxe incontenida dos desposuídos?
Mesturar, como con mestría fai a Editorial Impedimenta, un exquisito continente editorial cun contido estarrecedor non é cousa de pouco merito. Tal é o que a editorial madrileña conseguiu coa soberbia tradución de Lluís Todó de Le jardin des suplices (El jardín de los suplicios, 2008) do polifacético Octave Mirbeau, quen, en 1899 -tempos convulsos de decadentismo e art noveau-, adicou "estas páxinas de asasinato e sangue aos sacerdotes, aos soldados, aos xuíces, aos homes que educan e gobernan" causando, claro está, en enorme escándalo social en Francia e noutros países. O particular descenso aos infernos de Mirbeau, en forma de visita a un espantoso penal chino, baséase na extrema veciñanza dos contrarios, sendo así que a máis horrorosa dor física extraída no requintamento chinés da arte da tortura é para a extravagante protagonista do relato fonte da máis sublime éxtase erótica.
Un libro non recomendado para todos os públicos, desde logo. Un libro para sufrir, non para gozar. Heterodoxo, maldito, feo, repugnante na descarnada descrición de tanto horror. Pero na vida, en efecto, non todo é mel. Un libro necesario.

4.2.10

Caballeros de la fortuna


Cando un grupo de adolescentes (situémonos: A Coruña, 2010) deciden facer algo como representar Bodas de sangre do pobre Federico, alguén, deputado para tal mester na Consellaría do ramo, debía tomar boa nota e incentivar aos chavales con algunha sorte de galardón, mención de honra, bonificación académica ou estímulo dinerario. Non deixa de ter pouco mérito, ao meu modo de ver, que, lonxe de consolas, twentis, chats e descargas en liña, uns rapaces recuperen a inmortalidade dun texto escrito cando o mundo aínda era en branco e negro. Pero, ca!, neste paisiño noso, onde somos máis papistas ca o papa, un país no que hai dez anos os dereitos de propiedade intelectual eran tan respectados como as moscas no verán, a bendita SGAE pretende cobrar 95 euros a este grupo de animosos e cultos muchachos. De veras que este tan enxebre maximalismo hispánico non ten nin límite nin cura. Aquí, meus amigos e amigas, de non termos nada a termos o máis progresista, avanzado, moderno e chiripitifláutico do planeta non hai máis ca un paso. O mesmo paso que existe entre facer respectar lexitimamente dereitos inalienables e poñer atrancos, do xeito máis burdo, á comunicación e extensión da cultura.
De por parte, e como mera suxestión, creo que unha calivera con duas tibias cruzadas en x por embaixo faría un logo ideal para a nosa benemérita Sociedad General.

29.1.10

Coincidencias

"Gabo" García Marquez deu inesquecible forma literaria, entre Arcadios e Aurelianos, a esa tan humana tendencia a perpetuar as calidades da nosa propia estirpe trasladando, de xeración en xeración, os mesmos nomes de pía a diferentes individuos, por se, como trasunto da homonimia, tamén as características persoais fosen hereditarias. No caso da miña tribo Blanco menudean os Germán, Mario, Segismundo, Juan, Carmen, Pedro... E tamén os Robertos. Tres, polo de agora. Entre 1891, data de nacemento do primeiro, e 1994, data de nacemento do terceiro, media un. Naceu en 1957. O primeiro Roberto era irmán de meu avó paterno. O terceiro é meu fillo. O que vai no medio, meu irmán. Curiosamente, coa homonimia, semellla que o primeiro Roberto e máis o segundo herdaron o gusto pola pluma como arma da liberdade e a integridade das persoas. Non sei que caste de inspiración tivo o meu pai o día que bautizou o meu irmán pero, polas trazas, acertou de cheo. Ao primeiro Roberto, que viviu adoecido dunha patoloxía letal que el denominou hipertensión cívica, matouno no outono de 1936 a mesma toxina de fanatismo, necedade e intolerancia que guiaron a pólvora, a mecha e o cámping gas que a outra noite estouraron cas de meu irmán. Ben o dixo Cilia: as moscas mudam, só a merda nao varia.

27.1.10

Amor librorum

En Viaje a la Alcarria -impagable texto ao que retorno cada tanto-, un neno pregunta ao viaxeiro se o pode acompañar uns hectómetros e o viaxeiro respóstalle que si, claro que o pode acompañar uns hectómetros, porque o viaxeiro sente unha enorme, infinita tenreza polos nenos que din cousas como hectómetros. O que lle pasa a CJC cos nenos que din cousas como hectómteros, pásame a min cos libros que edito. Sinto unha enorme tenreza, un enorme afecto por cada un deles.
O meu último argumento trataba do déficit da individuación do produto nunha época de superprodución. Hoxe, o meu distribuidor, un tipo moi sabio que sabe moito de libros, púxome na pista -dende o outro lado da barreira- da tendencia innata do editor á excesiva individuación do produto nunha época de superprodución. O editor esmerado mima os seus libros; tal un ourive, preciso e minucioso, lima cada unha das súas arestas; ve tan perfecto e ben engalanado o vástago do seu labor que, coma Gepetto, querería dotalo de alma viva pois non lle abonda con observar un ente inerte. Ben se ten dito que non hai nada que ofenda, nada que agreda máis ao editor de raza ca a a errata que pasou inadvertida. Porque, nun exceso case patolóxico de individuación, o pai da criatura, vendo aquela inmunda e indesexada mácula, convéncese de que, por moi agochada que estea, será o primeiro no que repare quen abra o libro. Pero, que é o que ocorre cando o obxecto de tantos desvelos e angueiras, chega a mans do distribuidor e, das deste, ás do libreiro? Pois que é un libro máis entre milleiros de libros. Aló queda, desdebuxados os seus primores e excelencias, nos andeis inmensos, nos ciclópeos expositores do establecemento, coma un náufrago en mar escura que chora os seus amigos perdidos para sempre, coma o neno aquel de Castelao, todo mel e perindengues, que cando morreu por bala traizoeira só acertou a dicir: Ay, mamaíta!

22.1.10

El libro amigo

O malo da sobreabundancia é que dificulta a individualización. Un ve tantos coches, tanta xente que ten tantos coches, que mira para a súa propia voiture e parécelle o colmo da ramplonería. É, todo o máis, un cacharro móbil, onde pasamos moitas horas, que nos traslada de acó para aló, pero con fronteiras difusas, que se esvaen entre os límites dos milleiros de coches que nos arrodean, un obxecto sen poesía nin personalidades propia, do que -oh, ingratitude!- nos desfaremos cando toque mercar outro sen importarnos maldito o pemento.
O outro día fun vítima dun roubo do que, paradoxos da vida, me alegrei. Roubáronme uha bolsa de papel que contiña catro ou cinco... LIBROS!! Un ladrón ilustrado. Coqueteo coa idea de que o gatuno estea gozando tanto de Lo que queda del día de Kazuo Ishiguro (un dos obxectos do ladrocinio) como gocei eu. Digo que me alegrei da culta substraccion pois, creo, se a algo damos pouco valor, cada vez menos, como consecuencia da sobreabundancia, da indixestión editorial na que vivimos, é aos libros. Eu saio mareado cada vez que vou ao PIC de El Corte Inglés, preguntándome se paga a pena adicarse a un mester profesional como editar libros para que, ao cabo, sexan fagocitados polo máis craso anonimato derivado dunha sobreoferta tan descomunal e agresiva. Así é que individualizar un libro, facelo intimamente noso, establecer con el unha sorte de comuñón privada e exclusiva, é unha práctica ignota nos tempos que andamos. Non quere dicirse, con todo, que esa comuñón tan especial derive estritamente de aspectos claramente positivos. Leo estes días unha roñosa, pero extraordinariamente poética, edición de A sangre fría de Capote, unha daquelas edicións populares que Bruguera ("El libro amigo", que marabilloso título para unha colección) puxo de moda nos setenta e oitenta. O libro é un prodixio de o que en edición chamamos baixa lexibilidade: papel de horrible calidade, amarelo do paso do tempo, unha tipografía vulgar e diminuta, marxes pequenísimas, encadernación á americana... é dicir, unha clásica edición de batalla. O libro pórtase mal comigo: en cada nova sesión de lectura, se lle desprenden máis páxinas, o que, obviamente, dificulta en extremo manter nas mans a cohesión global do volume; o corpo tipográfico e o esvaído da tinta comprometen seriamente a miña miopía; mesmo o cheiro, o intenso perfume da humidade resulta embriagador en exceso. É igual. Estou encantado co libro. Por fin teño un amigo de verdade, un compañeiro ao que, cada día, aprendo a querer a pesar dos seus defectos, porque, por riba destes, estame contando unha magnífica historia.

17.1.10

Sen titulo. Sen imaxe.

Unha afectuosa comentarista bótame en cara que teño "castigados" aos seareiros deste remoto recanto de reflexión a un so post semanal. Alén da xentileza, que estimo no que ten de sempre necesario alento, debo recoñecer que, en efecto, ando un chisco preguiceiro ultimamente. E é que hai acontecementos que pesan coma lousas. Sei que a vida segue, que el muerto al hoyo y el vivo al bollo, que amence todos os días... pero por veces síntome extraordinariamente incómodo na miña pel humana. Non debera estar en Haití, botando unha man no que puidera, no canto de andar escribindo parvadas para vinte monas? (e perdón no que lle toque, prezado/a lector/a, pero vostede saberá disimular a miña carraxe). Quero dicir que hai cousas dunha natureza tan absoluta que desbotan a transcendencia de todo o demais. Unha cousa de natureza absoluta, que socava a nosa identidade racional, é que en trinta segundos morran cen mil persoas. Outra cousa absoluta é que nai natura bata con agresividade tan desmedida nun dos países máis pobres do mundo. Estarán Deus e o seu responsable do departamento celestial de actividades sísmicas satisfeitos? En que me diferencio eu de Benedito XVI ou do bispo de San Sebastián?
Preguntas. Preguntas que firen. Preguntas para as que non teño resposta. Non entanto, non sei de que escribir. Non atopo nada que sublime a idea de tanta dor allea, tanta que estraño se me fai non sexa miña..

10.1.10

O espírito do alpinista


Nun momento da extraordinaria peli de Lawrence Kasdan, O turista accidental - da que xa falei nalgunha ocasión-, o irman do prota -un tío raro, como toda a familia- preguntado sobre o seu traballo, resposta:
-Poño chapas ás botellas nunha fábrica de gasosas. Pero, non crea, non é un traballo tan apaixonante como pode parecer a primeira vista.
Cando me preguntan sobre o meu traballo e digo que son editor, que, no esencial, me dedico a facer libros, as reaccións son diversas:
-Ah, xa. Un ah, xa pronunciado coa expresión de alguén que teme contaxiarse de algo perigoso se me toca.
-Qué bonito... e que difícil, non? Aquí difícil debe traducirse por 'absolutamente inútil'.
-E véndese algún? Esta e típica reacción impertinente, dalguén que, na propia pregunta, anticipa a máis obvia resposta, e que, no fondo, cre que dedicarse aos libros é unha perda de tempo, propia de quen non vale para nada de máis proveito.
-Fascinante. A min paréceme un dos traballos máis interesantes que existe. Vale. Alguén sincero. Hai temita. Se iso mo dixera unha guapa moza hai vinte anos na barra dunha disco ás catro da mañán, non respondía de min.
Un tipo que coñezo, bastante primitivo, transportista fixo dunha editorial, recoñeceume unha vez:
-Cajondiós, eu que xurei non volver coller un libro cando deixei a escola, e non fago máis ca carrexar libros dun lado pa outro.
Un espello invertido do que me ocorre a min. Canto máis penetro os arcanos da bibliofilia, máis bibliófilo me volvo. Un amigo convidoume hai pouco a compartir con el os seus tesouros, entre eles, dous magníficos facsímiles leonardinos de Giunti e unha rara Holy Bible, de fins do XIX, unha auténtica ganga adquirida en Londres. Entre copa e copa dun excelente rioja co que o meu anfitrión quixo complementar o erudito encontro, confesoume que a miña visita e interese o reconciliaba co pastón que leva gastado nestas xoias bibliográficas. Ante os meus comentarios, nos que se mesturaban entusiasmo e cuestións técnicas, o meu colega, con expresión melancólica aseguroume:
-O teu traballo é tan incomprendido! Recibo montóns de amigos e nin sequera se me ocorre amosarlle estes libros porque, por baixo das súas palabras forzadamente corteses, non atopo máis ca indeferenza.
En efecto, independemente de vivirmos tempos de crise, creo que, dende a súa orixe, o oficio do editor ten moito do espírito do alpinista: frío, soidade, dor, anonimato... pero a visión dunha paisaxe impresionante, reservada a ben poucos.
Nota: "El espíritu del alpinista" é o título dun artigo xornalístico publicado por Roberto Blanco Torres na década dos trinta.



3.1.10

Mirar

Por moito que unha peculiar tendencia dialectal do léxico de Vigo e o Morrazo teime en contradicilo, mirar non é ver. Un efecto paradoxal da desmesurada carga audiovisual que os nosos sentidos soportan de costume é que vemos pero non miramos. A sobreoferta, efemeridade e evanescencia que caracterizan a cultura informativa contemporánea conduciron de xeito inevitable á merma, cando non á perda, das capacidades de mirar, de interpretar o que vemos, da arte de gozar co simple exercicio da contemplación, prácticas consubistanciais, creo eu, á humanidade ao longo de toda a historia.
De certo catedrático compostelán da antiga usanza contan que reunía contra a tardiña aos seus colaboradores e doutorandos de par dunha gran cristaleira que tiña no despacho para entraren todos en estado extático perante o espectáculo do solpor, a magnificencia do cal, xa por sincera sensibilidade, xa por respecto ás xerarquías, remataba por concitar, en efecto, unha gran unanimidade entre os circunstantes. Estes esaxerados transportes á parte, é certo que a hipertecnoloxía audiovisual mal se concilia co gusto da contemplación por si misma. A cousa é que o labrador que no século XIV ollaba arroubado, impresionado ou aterrorizado a inmensa enciclopedia que para el era o Pórtico da Gloria, tiña todo o tempo do mundo e, ademais, aquel monte de pedra labrada era, con seguridade, o único obxecto nobre que ían contemplar os seus ollos durante toda a súa esforzada e miserable vida. Hoxe, un turista xaponés sinte ferir a súa retina perante o sorriso de Daniel non máis do que lla feriron as gárgolas de Nôtre Dame en París dous días antes, e as explicacións do cicerone sérvenlle para explicar momentaneamente elementos que serán esquecidos en cuestións de horas.
Por estas razóns, os libros –normalmente de gran formato, encadernación en tapa dura e, naturalmente, a toda cor- que responden á tipoloxía de «guías visuais», ben da natureza, ou ben da pintura, escultura, arquitectura, etc. parécenme especialmente atractivos. Eu, polo menos, o paso como un indio, recuperando o gusto perdido da contemplación, a través da detallada explicación de estratexias creativas e simbolismos que hoxe descoñecemos ou non sabemos interpretar.
Hai un cadro que podo mirar durante horas, deleitándome co seu genius loci et temporis, se se me permite a expresión. Trátase da obra mestra de Van Eyck O matrimonio Arnolfini. Poucas veces, ao meu ver, se ten capturado con tal mestría e engado a suave atmosfera de intimidade que destilan a xove parella e o cromatismo e luz da alcoba, onde cada detalle, cada cor, cada moble teñen o seu sentido. A esquerda, no alféizar da fiestra vese una laranxa. Unha simple laranxa. Pois ben, a súa interpretación é complexa: reflicte, primariamente, tanto a orixe mediterránea dos mozos como a súa posición social, pois no século XV era unha froita cara ao alcance do moi poucos. Pero, ademais, simboliza a froita prohibida do Edén, en relación directa coa luxuria e os instintos pecaminosos, santificados, precisamente, en virtude do matrimonio.
Non é certo que somos ananos sobre as costas de xigantes?