17.3.10

Os paxaros, os prados, os eidos calados...

Hai no traballo do editor algo que ultrapasa o esmero, a profesionalidade, o rigor, os automatismos, sistematicidades e rutinas aprendidas despois de moitos anos de oficio, de centos de libros, de milleiros de páxinas editadas. Trátase dunha conexión íntima e, por que non dicir, fondamente poética que o editor establece co seu orixinal, case como se fose seu, un produto no que, mesmo a través do tempo, a intención, pulsións, vivencias, dores e ledicias do autor fúndense coa intención, pulsións, vivencias, dores e ledicias do editor. E así, a obra editorial reanima un texto que, noutras mans, puido ser outra obra; e así, o editor faina súa, aloumiñándoa, mimando cada detalle; imaxinándoa rematada; desexando o natalicio.
Non sei ata que punto a alma do poeta que foi Novoneyra fundiuse coa miña propia no proceso de edición do manuscrito orixinal d’Os Eidos (xoia extraordinaria ata o momento inédita), que mañán darei ao prelo, con esa saudade indefinible de quen remata unha viaxe (ou a comeza). Si sei que ninguén sae indiferente do Courel e que, para sempre, a miña existencia precisa dos retornos á máxica e dourada Broceliande: Paderne, Seceda, Paramedela, Froxán, Moreda, A Rogueira, Piapaxaro, Vilarbacú… nomes que atesoura a memoria e os tinxe de verde, noite, riso de nenos, ouvear de lobos e a luz esplendente do mato en primavera.
Agardo que o libro (dende a cuberta, cun retrato impresionante da alma do poeta, debido ao obxectivo de Carlos Valcárcel ás fotos que incluín como mostra do meu amor ao Courel; as solucións tipográficas; as reiteracións na compaxinación; o colofón...) estea á altura dunha comuñón tan sublime.

1 comentario:

anxo dijo...

Caro Juan: indentifícome absolutamente coa túa sensibilidade de editor e coa poesía esencial de Novoneyra, coa que tamén (tan ben) vibras abertamente. Non saben os lectores o que hai detrás da aparencia externa dun libro e das mensaxes que poden emitir iso que chamamos PARATEXTOS, e nunca pensan nos desvelos que se poden pasar por poñer ou suprimir unha coma. Parabéns polo teu labor como editor e pola túa textura de poeta.