11.4.20

Menú para unha illa deserta



Con ocasión dunha interviú para certa revista (unha publicación especializada, sesuda, aburrida e sen santos, non vaia vostede a pensar en papel cuxé…), sentín unha gran ledicia cando vin que o cuestionario incluía a pregunta do millón de dólares, esa interrogante absurda e manida, unha parvada de pregunta que, acusando claramente as escasas luces do preguntante, deixa en grave risco a intelixencia do preguntado. Con todo, a miña satisfacción proviña de que, precisamente polo seu valor de topicazo recorrente en entrevistas a personaxes de maior vitola, non quería eu pasar a mellor vida sen tela respostado. Algo así como engadir a resposta a esa pregunta ás tres accións inexcusables na vida (ter un fillo; escribir un libro e plantar unha árbore) que, polo demais, boa parte da humanidade excusa.
A pregunta de marras (e xa imaxino que, nesta altura, estará vostede mosqueado sobre que raio de pregunta será) entraña unha desproporción tal que non ten resposta posible e, de aí, a súa absurdidade. Lembra vostede aquel chiste de cando aínda había conferencias e operadoras telefónicas? Era un que chama á Telefónica. O tipo pregunta: Ola, é aí a Telefónica? Unha voz feminina: Si, que número quere? ao que o gicho retruca: Cales ten?
En fin, que, na mesma liña, a pregunta famosa é: Que libro levarías a unha illa abandonada? Madia a leva! Como elixir un entre unha cantidade tan abafante de candidatos? Como elevar á categoría de único campión a tal número de excelentes concursantes? Como humillar centenares de grandes amigos, que nos deron o mellor de si cando cultivamos a súa amizade, co desprezo da nosa indiferenza?
Se a dicir a verdade vai, xa nin lembro o que respostei na interviu referida, e ben pouco importa. Tempo despois atopei a resposta perfecta nun pensamento de Ramón Gómez de la Serna: Existen moitos modos de mirar os andeis dunha libraría pero o peor de todos é o daquel que chega co desexo de comprar todos os libros e marcha sen ningún. 
Nestes días estraños, cada un de nos arribou a unha illa deserta e talvez a estúpida pregunta cobra unha dimensión especial pois, unha vez experimentadas todas as formas e versións do aburrimento, faise imperioso alimentar o intelecto con algunha délicatesse. Nun delicioso e breve artigo titulado precisamente Alimentar o intelecto, Lewis Carroll, con chispeante retranca británica, imaxina un médico que, máis preocupado da nutrición mental que da puramente corporal, recomenda a un paciente, indixestado de mala literatura: Nos días vindeiros non tomes máis que lecturas sinxelas. Nada de novelas, que non te vexa eu! Unha recomendación moi oportuna en tempos de confinavirus ou coronamento, nos que alimentar incorrectamente a cabeciña pode resultar máis nocivo que poñerse malo de fabada.

28.3.20

Silenciosa primavera


Hai obras inspiradoras, fundamentais, proféticas, luminosas como Venus no solpor dun día solleiro. Obras que, as máis das veces sen o preveren os seus autores, puxeron os alicerces de construcións grandiosas, asegurando con forza extrema esa ausencia de solución de continuidade que é característica do pensamento, da arte, da ciencia. En 1962 unha bióloga norteamericana de 55 anos, á que, por eses absurdos e crueis zarpazos do destino lle restaban apenas dous de vida, publicou un libro que, malia o título facer promesa dunha fermosa colección de poemas, era calquera cousa menos lírico, eu diría, case tráxico. A bióloga, tamén experta zoóloga, chamábase Rachel Carson; o libro titulábase Silent Spring  (‘Primavera silenciosa) e, consagrado á avaliación científica dos incalculables danos do uso indiscriminado dos pesticidas, especialmente o DDT sobre o medio natural, a grandiosa construción que a obra estaba alicerzando era, ni máis nin menos, a ecoloxía, entendida no seu máis contemporáneo sentido. Coa alerta explícita desta obra valente e pioneira, ademais de exasperar e poñer en pé de guerra a omnipotente industria química norteamericana, Carson advertiu, por vez primeira con inapelables criterios científicos, que a rapacidade do capitalismo pon en serio perigo o medio ambiente e a vida do planeta, algo que, para entendérmonos, case sesenta anos despois describimos como cambio climático.
De Primavera silenciosa, por certo, fixemos nas prensas universitarias, dentro da nosa colección de «Clásicos do PensamentoUniversal», unha edición en 2015 con excelentes limiar e tradución, respectivamente, dos profesores e meus bos amigos Pablo Ramil e Juan Casares.
Rachel Carson era unha científica, claro, unha científica de primeira orde, pero ¿que alma de científico non agocha o seu recanto de poeta? Titulou o seu libro dun xeito sublime, xogando cunha imaxe aterradora e elocuentísima, pero, de seu, profundamente lírica: a dunha primavera sen paxaros, como devastador efecto do abuso dos biocidas.
Nestes días de obrigada catacumba, acudín de novo ao meu exemplar da nosa edición de Primavera silenciosa (raro exemplar, pois esgotamos a edición en breve prazo), curiosamente movido por un sentimento de paradoxo. Nos breves paseos co meu can (vai para catro anos que o teño, non pense vostede que son un oportunista…), comprobo que quen silenciou é, cousa insólita, a humanidade e o único que se escoita nesta kafkiana primavera é o rechouchío dos paxaros, puro, doce, cristalino como a limpa auga dun regato, sen o fondo insoportable do balbordo das cidades. Porque a xente facemos moito ruído e, como adoita ocorrer, de cando en vez hai que calar un pouco.