Os clásicos, ai, os
clásicos! Para todo atopamos nos clásicos razón, oportunidade, ditame, xuízo e
sentenzas admirables. Este menda lerenda, que hai uns días puxo sesenta veliñas
na tarta (que, para tanta vela, máis ca unha tarta fixo falta unha empanada de
Bandeira), pondera canta razón e sabedoría agocha o primeiro cuarteto do
inesquecible soneto de Garcilaso: Cuando
me paro a contemplar mi estado / y a ver los pasos por do me ha traído / hallo
según por do anduve perdido / que a mayor mal pudiera haber llegado. O
poeta, en versos tan emocionantes, quixo dicir algo que en galego dicimos de
xeito, tal vez máis charramangueiro, pero con idéntica sensatez: Aínda bo é. En efecto, tras seis
décadas dando a chapa por estes pagos, un fai balance e pensa que aínda bo é e
que ben podía ter sido peor.
Cumprín sesenta porque
nacín no sesenta, boa anada, abofé, a medio camiño entre a fin da nosa Guerra
(a nosa Guerra é un concepto que, por
boa fortuna, morrerá coa xente da miña quinta, herdeiros dela) e a fin do
franquismo. Eu, claro, fun un neno franquista, se por tal se entende que vivín
ata os quince aniños baixo a férula do Réxime (e aquilo si que eran réximes): o
meu periplo escolar iniciouse, tras os parvulitos con doña Agripina, unha
mestra doce e bondadosa de quen gardo
gratísima lembranza, no grupo escolar José Antonio da Estrada. Presidía a
fachada do edificio un gran caranguexo
(denominación popular do xugo e as frechas) e, no inverno, o frío das aulas era
algo sobrenatural, un chisco mitigado para o escolante pola benéfica
proximidade dunha catalítica de butano. Sobre a mesa do mestre, o crucifixo
flanqueado polos retratos do Caudillo e José Antonio, con expresión marcial e
en mangas de camisa (azul, claro). De cando en vez, viña o fotógrafo e os alumnos
inmortalizabamos a nosa infantil discencia sentados nunha mesa, diante do mapa
de España, e, nos extremos da mesa, un globo terráqueo e un teléfono de
baquelita. Logo, no bacharelato, viñeron
as aulas de Formación del Espíritu Nacional (F.E.N.), unha sorte de cursos
concentrados dun fascismo pobretón, que trascendía a verbena con churros e misa
de doce, impartidos polo xefe local da Fronte de Xuventudes, un tipo seco,
alcólico e de permanente mal humor. No verán, continuaba o entrenamento
nacional católico no campamento Paco Leis, da O.J.E., na praia das Sinas, onde,
entre consignas (fascistas), promesas (católicas) e excursións banderas al viento, servían de almorzo
un café inverosímil, de xantar unha sopa indescritible e de merenda un doce de
marmelo de cor sospeitosamente verduzca.
Dixo alguén que o pasado é un país estranxeiro onde as cousas se fan doutro xeito. Lembro, do instituto, unha profesora de historia que dividía a pintura de Giotto en tres etapas: a primera, a segunda e a terceira. Agora, con sesenta tacos, penso que, en efecto, non é pouco ter sobrevivido a tanto.
Dixo alguén que o pasado é un país estranxeiro onde as cousas se fan doutro xeito. Lembro, do instituto, unha profesora de historia que dividía a pintura de Giotto en tres etapas: a primera, a segunda e a terceira. Agora, con sesenta tacos, penso que, en efecto, non é pouco ter sobrevivido a tanto.
2 comentarios:
Felicidades e a seguir cumprindo anos.
Aínda bo será !.
Moitos parabéns, meu amigo! E benvido á “década marabillosa”.
Publicar un comentario