A miña condición de filólogo, editor e
lector compulsivo provén directamente da liña familiar paterna pois meu avó
comezou a atesourar libros contra os anos vinte do pasado século. Hai herdos envelenados,
un deles, sen dúbida, recibir nestes tempos tres mil libros, de gran mérito, si,
cultural, literario, social, ou simplemente erudito, pero malferidos polo tempo
e editados cando, como di Andrés Trapiello, os libros en España semellaban
impresos por militares e encadernados coas sotanas dos curas.
Atoparme cos números orixinais da Revista de Occidente, coas primeiras
edicións de Freud en español, con xemas excepcionais como algunhas edicións
venerables de Valle-Inclán segue premendo en min a tecla sensible dos recordos
de papá tentando transmitirme o seu entusiasmo de bibliófilo. Outros achados
curiosos levan a vitola do, simplemente, emocionante. Nun vetusto exemplar en
tapa dura, Los vaqueiros de alzada en
Asturias. Por Bernardo Acevedo y Huelves, abogado del Estado. Oviedo, Escuela
Tipográfica del Hospicio Provincial, 1915, atopo unha dedicatoria
manuscrita con letra itálica de pendolista: A
Mario Blanco Fuentes para que conozca a
Asturias desde un prisma diferente del de la guerra. En la braña de Malleza, 21
de octubre de 1937, Juan Estrada.
Se penso que este mesmo libro do que termo
foi agasallo dun compañeiro de armas ao soldado Mario Blanco na fronte do Norte,
e que esas letras foron escritas hai máis de oitenta anos en circunstancias que
non son quen de imaxinar, o libro dixital vólveseme un obxecto insolentemente
frío, prescindible, baldeiro de alma. Concedo que, neste punto, son un
romántico e que a lectura está asociada para min a liturxias moi antigas, que
funden as súas raíces nas máis entrañables lembranzas da nenez, cando a
biblioteca do avó se me facía un mundo de ensoño, cheo de mudos volumes que
agochaban universos insondables.
Pero hai outras paisaxes, claro. Voltar á
lectura, tras desertar dela, pode incorporar procedementos sorprendentes na
sociedade dixital. Tras anos sen facelo (despois de ser de neno un lector case
compulsivo), vin o outro día a meu fillo Roberto lendo, abismado no libro e
illado do mundo ¡sen o móbil na man! Lía un dos trinta volumes dunha serie
novelada de Star Wars, incitado,
claro, polo visionado da última entrega cinematográfica da saga. E pensei: vale
o fin, o de menos é o medio. Por certo, fun canda el ao cine pois son devoto de
Star Wars. Tamén ao romanticismo hai
que darlle un desafogo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario