Gardo
entrañable lembranza da que fora catedrática de Ética na nosa Universidade,
Esperanza Guisán, membro (membra?) tamén da Comisión Editorial da Universidade
durante os anos da consolidación da universidade democrática en España. Anos
nos que un imberbe licenciado en Filoloxía Hispánica facía os seus pinitos
como precario na editorial unversitaria, sita, entón e agora, na clásica
Casa Gradín, no corazón do actual Campus Vida, daquela, por certo, e para os
picheleiros de toda a vida la residencia. Esperanza, que sempre me
distinguiu co seu afecto e cercanía, era autora dun libro publicado nas prensas
universitarias en 1985 (ano precisamente en que crucei por vez primeira a porta
da Casa Gradín) de curioso título: Cómo ser un buen empirista en ética.
Eu, que sempre fun un chisco chufón, pensaba que ao título só lle faltaba
engadir en quince días para semellarse en todo ao típico manual de
autoaxuda (Cómo deixar de fumar doadamente nun lustro; Cómo construír
unha paxareira para un pavo real nunha semana; Como perderlle o medo á
sogra coa axuda do ioga, e por aí). O curioso contraste estaba, claro, en
que os manuais de autoaxuda se orientan a cousas, como fica claro nos exemplos
precedentes, estritamente prácticas e prosaicas e a monografía de Esperanza
apelaba a un exercicio de introspección metafísica exclusivamente reservado a
iniciados nos arcanos da máis depurada filosofía académica.
Lembro a miña
prezada amiga doutora Guisán e o seu libro porque, creo, o valor da filosofía,
en canto reflexión trascendente sobre a esencia das cousas, está saíndo da
academia e ocupando nos últimos tempos un espazo cada vez maior e cada vez máis
necesario. Hai pouco, no suplemento de universidade dun rotativo nacional, lin
que algunhas grandes multinacionais alemás están contratando para os seus
departamentos de recursos humanos egresados en Filosofía, unha nova non direi
sorprendente pero si significativa. Talvez, en efecto, teñamos chegado en
Occidente ao momento da filosofia e da ética, o
momento en que as preguntas do millón de dólares semellan non ter
resposta doada. Sabemos que, grazas a unha tecnoloxía todopoderosa e
ominisciente, podemos facer un montón de cousas: clonar animais; crear máquinas
cada vez máis autónomas e intelixentes; minar a nosa intimidade a base de compartir
dixitalmente non só as cousas banais da vida senón ata as abominacións máis
intolerables; levar unha biblioteca nun pendrive no peto do pantalón; facer que
un coche ande só e tome as súas propias decisións… É marabilloso podérmolo facer.
Pero cada vez resulta máis imperioso preguntar sobre as consecuencias éticas de
tanto hiperdesenvolvemento pois, que se saiba, na historia da humanidade nunca
se regalaron pesos a tres pesetas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario