En 1946, Albert Speer, inspirado arquitecto e ministro de
Armamento do terceiro Reich, foi sentenciado en Núremberg a vinte anos de cadea.
Cumpriu a condena con xermánica exactitude pois saíu do cárcere berlinés de
Spandau, en efecto, en 1966. Imaxino que, perante a enormidade dos seus crimes,
non cabía redución nin edulcoramento algún da súa pena, bo foi conservar a
vida. Menos de nove anos despois de ingresar no talego, a Speer ocorréuselle
que podía (ou debía) redactar as súas memorias. Que o impulsaría a tal cousa?
Escrúpulos de conciencia? Sentimentos de culpa? A necesidade de dar a súa
versión de feitos tan terribles? Pode que algo de todo isto houbera tras unha
decisión que levou a herr Speer a botar máis dun ano tecleando na máquina de
escribir as case mil páxinas das súas cumpridas memorias. O que si semella
evidente é que, fose cal fose a causa dese impulso, houbo unha aínda máis
poderosa: o aburrimento.
Disque foi G. K. Chesterton, ese inesgotable (con Oscar
Wilde) filón de retranqueiras sentenzas, quen afirmou que cando un non ten nada
mellor que facer decide escribir as súas memorias. Un exercicio, este de legar
á posteridade o testemuño das nosas experiencias e a luz das nosas lembranzas,
baseado nunha constatación cando menos sospeitosa: a de crer que o testemuño
das nosas experiencias e a luz das nosas lembranzas lle poden interesar a
alguén. Como o replicante Roy Batty en Blade
Runner, tamén eu creo que, connosco, todas as nosas vivencias se perderán
como bágoas na chuvia. Daí o irrefrenable pulo, chegado un certo punto da nosa
existencia, a poñermos por escrito o que, doutro xeito, se esvaería na nada
insondable do esquecemento. Sobreestimación do pasado? Aburrimento? Non direi
que non. Agora, cando lembro viaxes a Alemaña (36 horas en bus) nas ás de
Cupido; cando recordo conversas interminables á luz do flexo, o fume dos petas
e, de fondo, a música de Focus, EL&P ou Klaus Schulze; cando me asaltan as
lúcidas alucinacións do lisérxico e frenéticas noites de clorhidrato, cando penso, naquela
España que renacía e ignoraba tanto, no moito que apretei o flexible acelerador da mocidade, conclúo que talvez o engano resida en individualizar en exceso o
valor das nosas experiencias e, en consecuencia, crer que poden interesar como
exemplo dalguén que amou rabiosamente a vida e se decidiu a exprimir todo o que
a vida podía darlle, na esperanza de acadar a plenitude. Algo así como o que
lle ocorreu ao señor Speer. A vida, ben se sabe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario