13.2.19

Bu


Un tipo moito máis novo ca min, ao que quero con ese amor rabioso que prende en nós como unha segunda pel ou a hipoteca da casa, usa unha interxección de factura propia para expresar toda unha gama de reaccións negativas acerca dos acontecementos da vida: decepción, estrañeza, incomprensión, hostilidade, preocupación, crítica, negación… A interxección é máis ben minimalista e caracteristicamente desprovista de entoación: bu. É un bu neutro, nin alto nin baixo, pasivo, como apagado. Este tipo tan querido di bu se a comida non lle atrae; di bu se esquecín botar gasolina (ao seu coche, por suposto); di bu cando na neveira non hai zume de brick e bu perante a perspectiva de madrugar o día seguinte. Cando, por algunha razón, a percepción é especialmente negativa ou xera unha reacción de desgusto máis intensa, a interxección reitérase: bu bu, podendo chegar, en casos de decepción extrema, a un enfático bu bu bu. Nunca, ata o momento, lle rexistrei mais de tres bus. O tipo este leva a interxección tamén ao territorio da escrita e, ante un guasap no que lle comunico algo que non lle gusta (o cal non é inhabitual), a resposta no bocado de texto do meu celular é Bu / Bu, bu ou Bu, bu, bu, segundo o grao de contrariedade que a misiva lle provoque. 
O curioso do caso,  será polo contacto, e que se me contaxiou a interxección e tamén eu me descubro de cando en vez exclamando bu. É máis, ultimamente digo bu con sorprendente frecuencia. Déitome coa matraca insoportable do procès e esperto coa matraca insoportable do procès, e digo bu. Escoito a un gurú de idade provecta pontificar na caixa tonta afirmando que o país está máis cerca de 1939 que de 1978, e digo bu. Antes a xente vía o parte da tele á hora de xantar e esquecíase do conto ata a hora de cear. Agora, o balbordo dos medios, xornais impresos e dixitais, canles de tv, redes sociais, streamings, fake news e demais chatarra non pecha nunca e sobarda todo límite. Ruxe-ruxe, díxome-díxome. E digo bu. Oio (que non escoito) a Sánchez, logo a Rivera, despois a Iglesias, Casado e o de Vox, de cuxo nome nunca me lembro, e digo bu.  Xa quixera eu non dicilo e que as cousas marcharan mellor!
O bo (ou talvez non tan bo) do asunto é que, coincidindo co tío este que tanto quero, os meus bus son tamén inexpresivos, exánimes, non levan en si a semente da saudable indignación, nin da xusta carraxe, nin da enerxía do dinamiteiro que soña con cambiar o mundo. Levan só fastío, un aburrimento abismal, e a escura convicción de que ao mellor é certo que, como país, non temos remedio.


1 comentario:

Voz en off dijo...

Qué bo! Bu!