Un tipo
moito máis novo ca min, ao que quero con ese amor rabioso que prende
en nós como unha segunda pel ou a hipoteca da casa, usa unha interxección de
factura propia para expresar toda unha gama de reaccións negativas acerca dos
acontecementos da vida: decepción, estrañeza, incomprensión, hostilidade, preocupación,
crítica, negación… A interxección é máis ben minimalista e caracteristicamente
desprovista de entoación: bu. É un bu neutro, nin alto nin baixo, pasivo,
como apagado. Este tipo tan querido di bu
se a comida non lle atrae; di bu se
esquecín botar gasolina (ao seu coche, por suposto); di bu cando na neveira non hai zume de brick e bu perante a perspectiva de madrugar o día seguinte. Cando, por
algunha razón, a percepción é especialmente negativa ou xera unha reacción de desgusto
máis intensa, a interxección reitérase: bu
bu, podendo chegar, en casos de
decepción extrema, a un enfático bu bu bu.
Nunca, ata o momento, lle rexistrei mais de tres bus. O tipo este leva a interxección tamén ao territorio da escrita
e, ante un guasap no que lle comunico algo que non lle gusta (o cal non é
inhabitual), a resposta no bocado de texto do meu celular é Bu / Bu, bu ou Bu, bu, bu, segundo o grao de
contrariedade que a misiva lle provoque.
O
curioso do caso, será polo contacto, e
que se me contaxiou a interxección e tamén eu me descubro de cando en vez
exclamando bu. É máis, ultimamente
digo bu con sorprendente frecuencia.
Déitome coa matraca insoportable do procès
e esperto coa matraca insoportable do procès,
e digo bu. Escoito a un gurú de idade
provecta pontificar na caixa tonta afirmando que o país está máis cerca de 1939
que de 1978, e digo bu. Antes a xente
vía o parte da tele á hora de xantar e esquecíase do conto ata a hora de cear.
Agora, o balbordo dos medios, xornais impresos e dixitais, canles de tv, redes sociais,
streamings, fake news e demais chatarra non pecha nunca e sobarda todo límite.
Ruxe-ruxe, díxome-díxome. E digo bu.
Oio (que non escoito) a Sánchez, logo a Rivera, despois a Iglesias, Casado e o
de Vox, de cuxo nome nunca me lembro, e digo bu. Xa quixera eu non dicilo e que as cousas
marcharan mellor!
O bo (ou
talvez non tan bo) do asunto é que, coincidindo co tío este que tanto quero, os
meus bus son tamén inexpresivos, exánimes, non levan en si a semente da saudable indignación,
nin da xusta carraxe, nin da enerxía do dinamiteiro que soña con cambiar o
mundo. Levan só fastío, un aburrimento abismal, e a escura convicción de que ao mellor é certo que, como país, non
temos remedio.
1 comentario:
Qué bo! Bu!
Publicar un comentario