25.8.14

Unha foto do xornal



Na foto de portada do xornal hai unha muller maior que chora sentada na beirarrúa, as pernas formando un difícil ángulo recto co torso, consolada por un rapaz novo que, anicado ao seu carón, a arrodea co seu brazo dereito, mentres ela pousa a cabeza no oco que forma o amplo peito do mozo. Ao lonxe hai fume, volutas torvas, de mal agoiro. A vella e o rapaz miran con angustia un corpo morto moi próximo a eles, estomballado de calquera xeito, con esa falta de estilo propia dos cadáveres que aínda no asumiron, por efecto da sorpresa, a súa condición de fisioloxías inertes. O corpo semella o dunha muller aínda nova; non é doado aseguralo pois está deitado de costas, pero o envurullo revolto dun pelo loiro mesturado con sangue intúe unha melena vizosa e as pernas, axustadas nuns leggins vermellos, rematan en turxentes nádegas. Os pés, calzados cunhas bailarinas tamén vermellas, forman un ángulo imposible cos nocelos, cubertos dunhas breves medias calcetín de malla negra. Un brazo, que exhibe unha dobrez grotesca, aínda está anudado ao bolso, parte de cuxo contido aparece desparramado polo firme: unha axenda de man; o móbil; un pano estampado…  
Ao mellor, se o xornal se abrise cun titular globalizado de infortunios non se me cortaba o café con cruasán: «40 mortos nun atentado en Bagdad», «Nova masacre na franxa de Gaza». É como ter unha leira inmensa ou un xardín pequeno. Naquela, as malas herbas e as desfeitas das toupas esvaénse nunha lonxanía terapéutica; neste, a intimidade do defecto faino máis perceptible e, polo mesmo, insoportable. Individuar a morte nunha morte ten resultas devastadoras: eis a provocación intolerable desta foto. Esixe imaxinar as rutinas desta muller que, tal vez media hora despois de lavar o pelo, falar co seu fillo polo móbil, poñer rimel nos ollos e calzar as bailarinas, ingresou, sen comelo nin bebelo, na confraría abisal dos espectros, onde nada é nin nada bule. Unha molesta característica dos efectos colaterais é que case sempre teñen nome e apelidos, un enderezo, un e-mail, un número de móbil, pelo, pernas, parentes, un bolso con catro tonterías, xenreiras, amores, en fin, unha vida. Co meu café con cruasán, paso a páxina do xornal. Pero xa é tarde. Imposible conciliar o aire balsámico do meu retiro litoral coa muller tiroteada nas rúas de Donetsk, perante dous impresionados peóns. É o que di o pé da foto.

No hay comentarios: