
As declaracións dos mandatarios de San Caetano e adaíles da nosa vida cultural sobre a dimensión internacional que lle prevén a ese monumento á megalomanía intitulado Cidade da Cultura, que en opinión, por exemplo, do presidente da Xunta, señor Pérez Touriño, estaría na liña do Guggenheim bilbaíno, ou, aínda, da Tate Modern londinense, o Centre Pompidou luteciano ou a Biblioteca de Alexandría, fanme lembrar a tendencia tan hispana a ennobrecer o noso non polos seus valores senón polo parangón con valores alleos xa universalmente recoñecidos. Lembran, por exemplo, aquilo de que o pazo de Oca é o Versalles gallego? (Ocorrencia dalguén que, obviamente, nunca estivo en Versalles). Na miña opinión, iso de situar a Santiago, como factor de cultura e arte internacional, ao nivel de Bilbao, ou aínda de Londres ou París é unha pretensión tan innecesaria como descabelada e recórdame, na súa desproporción, aquela banda dos anos sesenta que respondía ao nome de Los Beatles de Cádiz, pero cunha diferenza: a que vai do humor ao patetismo.
2 comentarios:
Hoxe o amigo Zapatero fai da cidade da cultura cuestión de estado: sostenella e non enmendalla. O tempo ha dir que vai haber nesa empanada cultural.
En efecto, en efecto. "Todo por la foto", parafraseando o benemérito lema. Nada coma o tempo para poñer as cousas no seu sitio. O malo é o monstruoso dispendio (que abonamos todos).
Publicar un comentario